A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe nesta actividade

Alumnado do instituto IES Monterroso de Lugo coñece experiencias de éxito a cargo de xente moza cos ‘Obradoiros Talento Mozo’ da Xunta de Galicia

O obxectivo do programa é dar visibilidade á capacidade, innovación e creatividade que ten a xuventude galega e que os estudantes teñan referencias que lles sirvan de inspiración

No coloquio participaron Francisco Cañotas, presentador da TVG, e Manuel Fernández, empresario do ámbito da gandería

Monterroso (Lugo), 1 de marzo de 2024

A Xunta está a trasladar experiencias de éxito protagonizadas por mozas e mozos a estudantes de secundaria de toda Galicia a través do programa Obradoiros Talento Mozo, que hoxe desenvolveuse no Instituto IES de Monterroso. Unha trintena de estudantes de 4º de ESO deste centro participaron esta mañá nesta actividade, á que tamén asistiu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. O alumnado tivo a ocasión de escoitar as experiencias de Francisco Cañotas, de 31 anos, presentador de varios programas na TVG, e de Manuel Fernández, empresario do ámbito da gandería de 24 anos de idade.

Cristina Pichel destacou que con Obradoiros Talento Mozo quérese dar visibilidade á creatividade, empuxe, potencial e capacidade de innovación que ten a xuventude galega. A través deste programa, estanse a facer coloquios nos centros de secundaria galegos para presentarlle ao alumnado casos de éxito da mocidade e promover que sirvan de referencia, co fin tamén de solucionar as dúbidas que o alumnado poida ter á hora de escoller estudos superiores e a súa posterior inserción no mercado de traballo.

En canto aos relatores, Francisco Cañotas ten o Grao de Xornalismo e un Máster en Industria Musical pola Universidade de Compostela. Na actualidade, presenta na canle autonómica o concurso de cociña ‘A voltas co prato’. Pola súa parte, Manuel Fernández fixo un Ciclo de Produción Agropecuaria e ao rematar completou a súa formación en Francia. Hoxe en día é o responsable dunha empresa que ofrece servizos de substitución para as granxas de vacún de leite que o necesiten.

Data de actualización: 01/03/2024