O presidente da Xunta acudiu ao acto conmemorativo do 531 aniversario da chegada da carabela ‘Pinta’ ao porto baionés

Rueda destaca a Arribada de Baiona como evento que contribúe ao aumento da desestacionalización do turismo na comunidade

O pasado ano pechou con máis de 7 millóns de viaxeiros aloxados en establecementos turísticos e con importantes incrementos tanto na temporada media como baixa, cun 6% e 12% máis con respecto ao 2022, respectivamente

Salienta a posición punteira de Baiona como referente turístico e avoga por aproveitar a oportunidade que supón que cada ano sexan máis os que visitan, desfrutan, descobren e redescubren a comunidade
 

Baiona (Pontevedra), 1 de marzo de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de eventos como a Festa da Arribada de Baiona no aumento da desestacionalización do turismo na comunidade. “Festas como esta, de Interese Turístico Internacional, colócanos tamén no mapa en moitísimos sentidos para que a xente veña e coñeza estas marabillas todo o ano”, asegurou, facendo referencia a que o pasado 2023 pechou con importantes incrementos tanto na temporada media como baixa, cun 6% e 12% máis con respecto ao 2022, respectivamente.

O titular do Executivo galego en funcións asistiu á celebración do 531 aniversario da chegada de Martín Alonso Pinzón ao mando da carabela Pinta ao porto baionés con noticias do Novo Mundo. Unha cita a cal aproveitou para felicitar a Baiona pola súa “posición punteira como referente turístico en Galicia”.

Neste sentido, cabe destacar que a comunidade situouse como o primeiro destino do norte peninsular, con máis de 7 millóns de viaxeiros aloxados en establecementos turísticos e cunha presenza internacional que marcou niveis máximos. “Toda esa xente de moitas partes que nos visita, que nos desfruta, que nos está descubrindo ou redescubrindo en moitos casos, tamén é unha oportunidade que hai que aproveitar”, asegurou.

Así mesmo, o presidente da Xunta destacou que a Festa da Arribada, que este ano cumpre a súa 28 edición, é unha ocasión perfecta para rememorar o importante papel de España e Galicia en América, un continente moi vencellado cos galegos e galegas. Así, quixo reivindicar a transcendencia da Estratexia Retorna posta en marcha pola Xunta para “dicirlles a todos eses descendentes de galegos que teñen aquí na súa terra, a que nunca esqueceron, un lugar de novas oportunidades”, manifestou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2024