Plan de renovación do equipamento mobiliario da Administración de Xustiza en Galicia

O Plan de renovación do equipamento mobiliario da Administración de Xustiza en Galicia, que vai executar no período 2019-2021 a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, vai permitir actualizar o mobiliario dos despachos e oficinas e dotar de novos sistemas de armarios rodantes aos arquivos xudiciais.

A Xunta de Galicia fixo un grande esforzo nos últimos anos para a realización de investimentos nas infraestruturas xudiciais pero a contención do gasto público non permitiu facer uns investimentos análogos en materia de equipamento mobiliario, dedicando a gran maioría do orzamento nesta materia á adquisición de equipamento mobiliario con destino aos órganos e servizos que se estaban a crear.

Dende o ano 2002, a Dirección Xeral de Xustiza estandarizou uns modelos de equipamento mobiliario tipo, que se subministran a todos os órganos e servizos. Esta subministración, que se realiza a través dos correspondentes procedementos abertos de contratación baixo a modalidade de subministración sucesiva por prezos unitarios, establece máis de 100 artigos, se ben o núcleo fundamental está constituído polo mobiliario básico dos despachos (maxistrados, xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza), das salas de vistas, das oficinas e dos arquivos xudiciais.

O plan aprobado polo Consello da Xunta é un complemento do Plan de Infraestruturas, e pretende mellorar e modernizar o equipamento mobiliario dos órganos e servizos xudiciais en Galicia, especialmente en dous ámbitos: mobiliario de despachos e oficinas e mobiliario para os arquivos xudiciais, mediante a extensión das instalacións de armarios rodantes, pola súa eficiencia en materia de aproveitamento dos espazos dispoñibles. Mediante este plan tamén se atenderán as melloras requiridas pola normativa en materia de protección de datos de carácter persoal, no que atinxe á custodia e arquivo da documentación xudicial.