Os conselleiros de Educación e de Medio Ambiente inauguran o segundo dos encontros sectoriais para deseñar a oferta de Formación Profesional dos vindeiros cursos

A Xunta impulsa o sector dos recursos naturais e enerxías sostibles co vínculo dos sistemas educativo e empresarial a través do Plan Conecta FP

Preto de 1.500 estudantes cursan as ensinanzas desta familia profesional nos 47 ciclos e 17 centros que a imparten, preto dun 38% máis que hai unha década


Roman Rodríguez salienta a aposta por “asegurar unha oferta educativa de alta cualificación” que sexa capaz de dar resposta ás demandas socio-económicas


Ánxeles Vázquez reivindica o apoio da Xunta ao emprego verde combinando o desenvolvemento dunha economía sostible coa protección dos recursos naturais
 

Lugo, 17 de marzo de 2023

O Goberno galego, a través do Plan Conecta FP Galicia, afonda na colaboración co empresariado galego do sector dos recursos renovables e as enerxías sostibles co fin de asegurar unha formación de calidade neste ámbito en liña coas demandas socio-económicas de futuro e a aposta pola sostibilidade.

 

A este reto responde o encontro de hoxe no Centro Integrado de FP As Mercedes, de Lugo, que abriron os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, e que contou coa presenza de representantes do Cluster de Enerxías Renovables de Galicia e de empresas como Navantia, Frio Industrial Clima Miño, Madeiras Besteiro S.L, Herbón S.L. ou Vestas Eólica, entre outros, ademais de directores, dinamizadores e profesorado dos centros que ofertan ensinanzas de Formación Profesional na nosa Comunidade.

 

Trátase do segundo encontro sectorial (o primeiro foi do sector forestal e da madeira) dos cinco previstos dentro do Plan Conecta FP, unha iniciativa da Xunta de Galicia, dotada con 30,7M€, para crear nos dous próximos cursos 9.500 prazas para estudar Formación Profesional, así como para impulsar a avaliación e acreditación das competencias adquiridas pola experiencia laboral. No que atinxe aos encontros territoriais, celebráronse xa catro dos 14 programados.

 

No caso concreto do sector de Recursos Naturais e Enerxías Sostibles, actualmente conta con 1.449 alumnos matriculados nos 47 ciclos e 17 centros que imparten esta familia profesional. Isto supón un incremento de matriculados do 38% con respecto a hai unha década. Do total de matriculados, 110 alumnos cursan a modalidade de FP Dual, o que supón un 450% máis que no curso 2017-18.

 

Alta cualificación e empregabilidade

O conselleiro de Educación salientou que este crecemento exponencial de matrícula “é a proba de que son unhas ensinanzas moi demandadas, que aseguran unha alta cualificación e empregabilidade”, cuestión que “non sería posible sen o apoio das 355 empresas do sector que actualmente colaboran connosco”, abondou.

 

Segundo explicou Román Rodríguez, para afondar nesa colaboración entre o eido educativo e o tecido socio-económico e garantir “os niveis de confianza, de prestixio, de calidade e de utilidade” que caracterizan as ensinanzas de Formación Profesional, a Xunta vén de poñer en marcha o Plan Conecta FP Galicia cun total de 19 encontros territoriais e sectoriais coma o de hoxe. A súa finalidade é escoitar ao sector e recabar as necesidades para, a partir de aí, establecer sinerxías e vías de colaboración entre o tecido produtivo e o educativo que redundará “en máis innovación e competitividade”, detallou.

 

Impulso do emprego verde

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor a importancia que ten o emprego verde para o desenvolvemento efectivo dunha economía sostible. De feito, hai unhas 25.000 persoas que traballan en materias relacionadas co medio ambiente, sendo as actividades de xestión de residuos e as enerxías renovables os principais xeradores de emprego.

 

A maiores, Ángeles Vázquez incidiu no compromiso da Xunta por combinar o desenvolvemento dunha economía sostible e de futuro coa protección dos recursos naturais da Comunidade. Así, o Goberno galego mantén a súa aposta polo impulso ás enerxías renovables desde o equilibrio, a planificación e o consenso, salvagardando sempre a biodiversidade e o patrimonio natural de Galicia.

 

Competitividade

O obxectivo do Plan Conecta FP é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova, nunhas ensinanzas cunha inserción do 85% e de case o 100% na modalidade dual.

 

A partir de cada un dos encontros territoriais e sectoriais coma o de hoxe, crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

 

En total prevese que participen nestas reunións máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Aos encontros son convidados máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023