Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2013 Páx. 17382

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de maio de 2013 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, axudas aos concellos de Galicia para o apoio á extinción de incendios forestais, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio desas funcións.

A Consellería do Medio Rural e do Mar é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, número 10, que dispón que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de montes, aproveitamentos forestais e naturais, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, modificada pola disposición derradeira primeira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes establece as medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume e que sirvan, así mesmo, para a posta en valor da potencialidade produtiva, ecolóxica e social do monte galego como base do desenvolvemento sustentable do medio rural.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007 terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

O Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014 en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de setembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural. No seu capítulo 4 establece as zonas rurais de aplicación do programa; en concreto, no punto 4.1.3 establece as da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o caso de Galicia as zonas clasifícanse en zonas rurais para revitalizar e zonas rurais intermedias e, dentro destas zonas, algunhas priorízanse como de primeiro, segundo e terceiro nivel de prioridade.

Pola Resolución do 22 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, publícase o convenio específico coa Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zonas das súas zonas rurais.

Os concellos teñen atribuídas, segundo o teor dos artigos 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, competencias en materia de protección do ambiente, protección civil e a prevención e extinción de incendios.

Os incendios forestais son unha ameaza que afecta hoxe en día, de xeito xeral, non só o patrimonio forestal público e privado (montes de particulares, montes de varas e montes veciñais en man común), senón tamén os recursos naturais e o mantemento e desenvolvemento da actividade humana no medio rural.

Cómpre, pois, un enfoque global na actuación preventiva ante os incendios forestais, de xeito que as medidas que se implementen abrangan todo o territorio aínda que, para unha maior eficacia do uso dos recursos, hai que priorizar as zonas clasificadas polo Goberno galego como de alto risco de acordo cos seus plans de prevención e defensa contra incendios forestais.

Moitos dos concellos de Galicia teñen participado coa consellería con competencia en materia forestal durante un longo período de tempo na prevención e defensa contra incendios forestais mediante a actuación dos seus vehículos mototobomba, coa sinatura de convenios ou con outras modalidades de colaboración, polo que nalgúns casos os vehículos acumulan un gran desgaste e teñen unha moi grande necesidade de renovación.

Neste ano estase a redefinir o mapa de emerxencias de Galicia mediante a implantación dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES), coa finalidade de establecer unha malla de seguranza que cubra todo o territorio galego e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia. Os GES dispoñen de vehículos motobomba que nalgún caso tamén presentan unha necesidade de renovación.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Renovar o parque móbil de vehículos motobomba dos concellos incluídos nas zonas rurais designadas pola Comunidade Autónoma de Galicia para a súa inclusión no Programa de desenvolvemento rural sustentable 2010-2014 (en diante PDRS) e que, ademais, teñan participado coa consellería con competencia en materia forestal, a través de convenios ou outras modalidades de colaboración, na prevención e defensa contra incendios forestais mediante a actuación de vehículos mototobomba, dado que nalgúns casos teñen unha moi grande necesidade de renovación polo gran desgaste acumulado nos sucesivos anos de traballo. Esta renovación contribuirá moi positivamente á mellora da eficacia do dispositivo no seu conxunto.

Para tal fin convócanse para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, medidas de apoio a estes concellos consistentes na cesión en propiedade de vehículos motobomba.

2. Os vehículos obxecto de cesión son vehículos motobomba adquiridos en virtude do PDRS a través dos correspondentes procedementos administrativos. Hai dous tipos de vehículos: uns equipados con cisterna de 3.000 litros e cabina sinxela e outros equipados con cisterna de 2.400 litros e cabina dobre.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán solicitar os beneficios desta orde aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Estar integrados nas zonas rurais recollidas no capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014 (BOE número 142, do 11 de xullo de 2010) en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural.

b) Ter colaborado nos últimos dez anos (2003-2012) coa consellería con competencias en materia forestal na prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a actuación de vehículos motobomba, ben mediante a sinatura de convenios ben a través doutras modalidades de colaboración.

c) Cumprir cos requisitos establecidos para obter a condición de beneficiario, segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 3. Crédito

Os bens obxecto desta convocatoria licitaranse de acordo coa normativa de contratos do sector público. Para a consecución do obxecto a que se refire esta orde, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinará un millón novecentos corenta e catro mil catrocentos corenta euros con noventa e seis céntimos (1.944.440,96 €) con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.551B.623.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, que se dedicarán á adquisición de vehículos motobomba para a súa cesión, en propiedade, aos concellos.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Escollerán un dos dous modelos de vehículo motobomba descritos no artigo 1. Por si se esgotan as unidades do vehículo elixido, deberán optar por aceptar ou renunciar ao outro tipo de vehículo.

3. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario, mentres non exista resolución favorable.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

5. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo/a secretario/a da corporación, relativa ao acordo adoptado polo órgano competente, da solicitude de cesión en propiedade dos vehículos previstos nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela e de que se faculta o/a alcalde/sa do concello para aceptar a devandita cesión, no caso de resolución favorable da consellería.

b) Certificado asinado polo/a secretario/a da corporación co visto e prace do/a alcalde/sa en que se recollan de xeito detallado os seguintes aspectos:

1º Titularidade do vehículo e data da primeira matriculación segundo o permiso de circulación, ITV e pólizas de aseguramento en regra.

2º Colaboración coa consellería con competencias en materia forestal na prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a actuación de vehículos motobomba nos últimos dez anos (2003-2012), ben mediante a sinatura de convenios (número de convenios asinados) ou ben mediante outras modalidades de colaboración (número de anos).

3º Nivel de prioridade do concello segundo o capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño.

4º Deixarase constancia de se é un concello sede dalgún GES.

5º Elección do modelo de vehículo entre os dous existentes (artigo 1). No caso de que se esgoten as existencias do vehículo solicitado deberase deixar constancia de se aceptan o outro tipo de vehículo ou de se renuncian a el.

c) Declaración do/a alcalde/sa do concello de que se cumpren cos requisitos establecidos para obter a condición de beneficiario, segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

6º Se algunha documentación da solicitada neste artigo xa estiver en poder desta consellería e non se producir desde o momento en que foi presentada variación que afecte o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario presentala novamente, sen prexuízo de que se lle reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

Artigo 5. Criterios de avaliación

1. Co obxectivo de que estes medios complementen de forma óptima os dos servizos de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, é requisito básico establecer unha asignación mínima territorial no ámbito provincial destes medios, de xeito que se consiga unha adecuada e equilibrada acción de conxunto no territorio de toda a comunidade.

Por tanto, con base no anterior, establécese a seguinte distribución provincial mínima:

A Coruña: 2.

Lugo: 2.

Ourense: 2.

Pontevedra: 2.

2. Tendo en conta a distribución provincial mínima anterior, atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación segundo o baremo seguinte:

a) Solicitudes presentadas conxuntamente consecuencia de fusión municipal: 50 puntos.

b) Nivel de prioridade do concello segundo o PDRS 2010-2014:

Primeiro nivel: 30 puntos.

Segundo nivel: 20 puntos.

Terceiro nivel: 10 puntos.

c) Concellos incluídos en zonas de alto risco (ZAR) segundo a Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal: 10 puntos.

d) Antigüidade do vehículo motobomba do concello, tomando como base o ano da primeira matriculación na Dirección Xeral de Tráfico.

Maior ou igual a 25 anos: 30 puntos.

24 anos: 28 puntos.

23 anos: 26 puntos.

22 anos: 24 puntos.

21 anos: 22 puntos.

20 anos: 20 puntos.

19 anos: 18 puntos

18 anos: 16 puntos.

17 anos: 14 puntos.

16 anos: 12 puntos.

15 anos: 10 puntos.

14 anos: 8 puntos.

13 anos: 6 puntos.

12 anos: 4 puntos.

11 anos: 2 puntos.

10 anos: 1 punto.

e) Colaboración coa consellería con competencias en materia forestal na prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a actuación de vehículos mototobomba nos últimos dez anos (2003-2012), ben mediante a sinatura de convenios (número de convenios asinados) ben mediante outras modalidades de colaboración (número de anos).

10 convenios/anos: 30 puntos.

9 convenios/anos: 28 puntos.

8 convenios/anos: 26 puntos.

7 convenios/anos: 24 puntos.

6 convenios/anos: 22 puntos.

5 convenios/anos: 20 puntos.

4 convenios/anos: 18 puntos.

3 convenios/anos: 16 puntos.

2 convenios/anos: 14 puntos.

1 convenio/anos: 12 puntos.

Non serán tidos en conta para esta puntuación:

– Os convenios subscritos para esta finalidade ou outras modalidades de colaboración mediante a actuación de vehículos mototobomba con informe final desfavorable do distrito forestal.

– Convenios diferentes aos anteriores subscritos coa consellería con competencias en materia forestal, entre outros, os convenios para a actuación de grupos locais de pronto auxilio.

f) Ser concello sede dun grupo de emerxencia supramunicipal (GES): 15 puntos.

A igualdade de puntuación, atenderase pola seguinte orde de baremo, ata que se produza o desempate, en orde de preferencia:

1º Estean fusionados os concellos.

2º Nivel de prioridade do concello segundo o PDRS 2010-2014.

O primeiro nivel ten preferencia sobre o segundo nivel e este sobre o terceiro nivel.

3º Ser concello sede dun GES.

4º Pertenza a zona ZAR.

5º Maior puntuación na alínea d).

6º Maior puntuación na alínea e).

7º Maior superficie do concello.

3. Segundo o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, no cal se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, establécese que se deberán primar as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar) fronte ás presentadas individualmente.

Os criterios de valoración fixados nas correspondentes bases establecerán, para as solicitudes presentadas conxuntamente, unha puntuación mínima do 30 % respecto da puntuación total.

4. No caso de que cada provincia cubra a distribución territorial básica ou non haxa solicitudes abondas para cubrila, a concesión da axuda para o resto de solicitudes pendentes farase no ámbito autonómico, atendendo á maior puntuación obtida polos solicitantes, segundo os baremos anteriores.

Artigo 6. Instrución, resolución e notificación. Recursos administrativos

1. Unha vez presentada a solicitude e o resto de documentación, os SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar revisarán a documentación e, no caso de que conteña defectos ou omisións, o requirimento de emenda de erros da solicitude, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6 b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrucción do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Os SPDCIF das xefaturas territoriais correspondentes proporanlle ao órgano colexiado composto polo xefe do Servizo de Organización e Control de Medios, polo xefe do Servizo de Programación e polo xefe da Sección de Coordinación e Organización, que actuará como secretario, a relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde.

O órgano colexiado valorará as solicitudes de subvención segundo os criterios de prioridade establecidos nesta orde e emitirá un informe para o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que, pola súa vez, elevará a proposta de concesión ao secretario xeral do Medio Rural e Montes.

4. O secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, resolverá sobre a aprobación das subvencións solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de non ditarse resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, o modelo de vehículo cedido, a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación, e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e prazo para interpoñelos.

O órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

7. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

8. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o concello:

a) Comprometerse a facer fronte aos gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

b) Comprometerse a destinar o vehículo ás funcións de defensa contra incendios forestais a través de convenios de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, polo tempo que dure a cesión, non inferior a 10 anos.

Artigo 7. Aceptación

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co artigo 21.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas subvencións son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Artigo 8. Formalización da cesión

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007 terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, os vehículos adquiridos por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar ao abeiro desta orde teñen como finalidade a súa cesión ás entidades locais de Galicia para o cumprimento dunha finalidade de carácter público, como é a defensa contra os incendios forestais, polo que se consideran subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes desta consellería ou funcionario/a en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario das condicións previstas na presente orde.

Artigo 9. Reversión e control

Se os vehículos cedidos non se aplicaren ao fin sinalado ou deixaren de estalo con posterioridade, ou se se descoidaren ou utilizaren con grave quebrantamento das condicións previstas nesta orde, ou se incumprire calquera das condicións da cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería do Medio Rural e do Mar estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva unidas a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións, contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file