Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 27 de agosto de 2015 Páx. 34898

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 18 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos ao autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Así mesmo, e de acordo co disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Traballo e Benestar a xestión das subvencións que desenvolven as políticas activas de emprego, no marco do fomento do cooperativismo e a economía social, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a ocupabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, do Programa Nacional de Reformas, da Estratexia Española de Activación para o Emprego 2014-2016, do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego van encamiñadas a que os estados membros deben, para unha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia de que toda a mocidade que nin traballa nin estuda nin recibe formación reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregados ou rematar a educación formal, todo isto partindo dunha orientación personalizada e da elaboración de plans de actuación individuais.

Estas recomendacións concretáronse en España, a través do Plan nacional de implantación da garantía xuvenil e a Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, que consideran un catálogo de medidas axustadas aos distintos perfís de posibles beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que se vertebra en catro eixes principais, entre os que se atopa o de fomento do emprendemento.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe unha das súas principais preocupacións e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego. A mocidade é un dos grupos de poboación que máis se viron afectados polo proceso de destrución de emprego froito da grave crise económica que estamos a sufrir desde hai varios anos.

O alto nivel de desemprego xuvenil pon de manifesto a grave situación laboral na que se atopan os mozos e mozas que pode ter como consecuencia unha forte desconexión do mercado de traballo e de exclusión social a longo prazo.

No marco antes exposto, regúlanse nesta orde os incentivos para o autoemprego colectivo das persoas mozas desempregadas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, mediante a súa incorporación a cooperativas e sociedades laborais.

Así mesmo, de cara a facilitar que as operacións subvencionadas contribúan a acadar os obxectivos da garantía xuvenil, considérase necesario que os proxectos de nova constitución conten co acompañamento e titorización precisos para que poidan acadar satisfactoriamente o dito fin.

Neste sentido, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social promove e facilita este servizo a través da Rede Eusumo, así como a través de incentivos para o impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, poñendo á disposición das persoas desempregadas e demais emprendedores os recursos necesarios para a posta en marcha dos proxectos, incluso na fase previa á súa constitución formal, por considerarse este proceso de asesoramento e titorización unha función especialmente importante nas cooperativas de nova creación.

As bases que rexen os programas regulados nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de xeito que non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario. Este réxime de concesión vén xustificado na finalidade e obxecto do programa, por considerar que pode contribuír mellor á consecución dos resultados desexados, tendo en conta, entre outros factores, o colectivo específico a que se dirixe, a previsión de que o crédito dispoñible será suficiente para atender todas as solicitudes, a maior axilidade na tramitación que comporta, a maior seguridade que supón para as persoas solicitantes e, por riba de todas estas consideracións, os sistemas alternativos que se prevén como garantía de calidade dos proxectos subvencionados, como son a previa análise de viabilidade e a necesaria incorporación dos grupos promotores a programas de asesoramento, acompañamento e titorización.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, e en particular:

• Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo da mocidade que non se atopa empregada, nin participa en actividades de educación e formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

• Prioridade de investimento 8.2. Integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

• Obxectivo específico 8.2.3. Aumentar o emprendemento da mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación como vía de acceso ao mercado laboral a través da creación de empresas.

• Acción/medida 8.2.3.4. Medidas para favorecer o autoemprego e o emprendemento colectivo no marco da economía social.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Por outro lado, as axudas convocadas, sometidas á normativa de axudas de Estado, están excepcionadas da obrigatoriedade de aplicar custos simplificados, consonte co disposto no artigo 14.4 do R (UE) número 1304/2013.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 das subvencións para o fomento do autoemprego en cooperativas e sociedades laborais da mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

2. Establécense os seguintes programas de subvencións:

a) I: programa de incorporación a cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR807G).

b) II: programa de fomento do emprendemento (procedemento TR807H).

Artigo 2. Normativa aplicable

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

2. Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo serán de aplicación: o Regulamento (CE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo e o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, así como a normativa estatal de subvencionabilidade dos gastos para o período 2014-2020.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión destes programas de subvencións realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.471.1 da Consellería de Traballo e Benestar. Se é o caso e, de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de subvencións.

2. De producirse remanentes de crédito nalgún dos devanditos programas procederase á reasignación das contías sobrantes ao restante.

3. Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. As actuacións previstas nesta orde enmárcanse dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89 %, con cargo á medida 8.2.3.4 do Programa operativo de emprego xuvenil.

Artigo 5. Beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións previstas nesta orde:

a) As sociedades cooperativas galegas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.

b) Os mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, para as actuacións previstas no programa II.

2. Para os efectos previstos nesta orde entenderase por persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil aquelas mozas ou mozos que cumprindo os requisitos establecidos na Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, estean inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, regulado na citada lei, así como aqueles que, superando as idades límite de inscrición fixadas na lei, non fosen atendidos previamente.

Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, deberán manter o cumprimento do requisito de estar desempregadas e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da incorporación como socios obxecto de subvención, no caso do programa I, ou á data de inicio de actividade, no caso do programa II. Para estes efectos, enténdese por persoa desempregada aquela que careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

3. Con carácter xeral, as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

c) Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.

d) As cooperativas deberán estar inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia dependente da Xunta de Galicia e as sociedades laborais deberán estar inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e no Rexistro Mercantil.

e) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes.

Artigo 6. Empresas e actividades excluídas

Esta orde non será de aplicación ás solicitudes formuladas polas empresas e para as actividades que se indican a seguir:

a) Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) número 104 do Consello (DO L 17, do 21 de xaneiro) agás para as que se poidan acoller ao Regulamento (UE) número 717/2014 da Comisión (DOUE L 190, do 28 de xuño) e dentro dos límites previstos no artigo 19 desta orde.

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado, agás para as que poidan acollerse ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión (DOUE L 352, do 24 de decembro) e dentro dos límites previstos no artigo 19 desta orde.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros, é dicir, as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e á explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

CAPÍTULO II
Solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 7. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse no modelo de solicitude que figura como anexo desta orde en función do programa que se trate, acompañadas da documentación citada nesta orde e dirixiranse á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e do 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes, será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os formularios de solicitude tamén poderán ser obtidos, cubertos e validados pola persoa solicitante a través da aplicación informática á que se poderá acceder igualmente a través da páxina web do Programa de Garantía Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es) e da da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es). As solicitudes obtidas a través desta aplicación informática deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que son auténticas.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

8. O prazo xeral de presentación de solicitudes será o previsto no artigo 38 desta orde.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial así como na do Programa de Garantía Xuvenil a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, nos correspondentes rexistros públicos as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. Dado que a subvención está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e pola Iniciativa de Emprego Xuvenil, na resolución de concesión informaráselle á persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Artigo 9. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxa finalidade e usos é a xestión das relacións administrativas cos cidadáns, entre elas, axudas e subvencións. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano; 15781, Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a: lopd.traballo.benestar@xunta.es.

Artigo 10. Procedemento de concesión e instrución

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirán a interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido ou desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

4. Cando as bases reguladoras desta orde exixan a presentación dunha memoria técnica económica do proxecto empresarial ou plan de empresa, deberá analizarse a súa viabilidade e no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor propoñerá a desestimación da solicitude por esta causa.

5. Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, así como as certificacións indicadas no artigo 8.3 desta orde.

6. O órgano instrutor formulará proposta de resolución e elevaralla ao órgano competente para resolver.

7. A concesión destas subvencións estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada nos artigos 27 e 34 desta orde, segundo o caso.

Artigo 11. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo e á Iniciativa de Emprego Xuvenil con concreción do obxectivo temático, prioridade de investimento e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade ao que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

CAPÍTULO III
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 13. Réxime de compatibilidades e concorrencia

1. As subvencións previstas nesta orde serán compatibles entre si.

Porén, non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nesta orde.

O importe máximo das subvencións para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras, e en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións previstas nesta orde serán compatibles coas establecidas nos programas de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás cando se prevexa expresamente a incompatibilidade ou se trate de subvencións para a mesma persoa incorporada ou os mesmos gastos, suposto no que deberán optar polo financiamento a través dunha única orde de subvencións. En concreto, resultarán compatibles coas subvencións para o fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora e para o impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar, no marco do Programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais.

3. Igualmente serán compatibles coas subvencións ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social, así como con outras subvencións para o fomento do cooperativismo e a economía social, agás as expresamente indicadas como incompatibles.

4. As subvencións para microcréditos, previstas nos artigos 26 e 33 desta orde, serán compatibles co acceso a calquera tipo de subvención para a incorporación como socio ou contratación como asalariado, con carácter indefinido.

5. As subvencións para incorporación e para o acceso das persoas emprendedoras á condición de socias, establecidas nos artigos 25.1.a) e 32 desta orde, serán incompatibles coas subvencións establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas afectadas por diversidade funcional, convocadas pola Xunta de Galicia.

Artigo 14. Obrigas das beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do FSE, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. As beneficiarias destas subvencións deberán cumprir, ademais, as obrigas específicas previstas en cada programa, nos artigos 29 e 36 desta orde.

Artigo 15. Obrigas derivadas do cofinanciamento polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil

1. Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil do período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade promotora deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

• Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) número 1303/2013, do 17 de decembro de 2013. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

Así mesmo, as entidades beneficiarias do programa I informarán por escrito ás persoas destinatarias de que as actuacións nas que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar), pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo FSE, así como dos obxectivos dos fondos, debendo figurar os emblemas na documentación xerada con esta finalidade.

b) Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na presente orde:

• Levar un sistema de contabilidade separada ou código contable adecuado en relación coa subvención percibida así como cos gastos de estudo e formalización de microcréditos subvencionados, se é o caso.

• Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013 relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 16. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se aminorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da subvención concedida.

b) No caso de que a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 29.2 desta orde, por cada incorporación subvencionada e non substituída conforme o establecido no dito artigo, procederá o reintegro nos seguintes termos:

1) Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo estivo menos de 12 meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro total da axuda concedida por cada mozo ou moza.

2) Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo estivo 12 ou máis meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro parcial da axuda concedida polo mozo ou moza. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses o importe da subvención concedida pola persoa socia traballadora ou de traballo de que se trate.

b. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

As regras establecidas na letra b) serán de aplicación igualmente ao suposto de que a persoa beneficiaria das subvencións previstas nos artigos 32 e 33 incumpra a obriga a que se refire o artigo 36.1.

3) Se se efectuou a substitución dunha persoa socia traballadora ou de traballo a tempo completo por outra a tempo parcial, procederá o reintegro parcial da axuda concedida polo mozo ou moza, pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses o importe da subvención concedida pola persoa socia traballadora ou de traballo de que se trate.

b. Calcúlase o 50 % deste importe.

c. Multiplícase o resultado obtido na operación segunda (b) polo número de meses que resten desde a nova incorporación ata cumprir os vinte e catro.

c) No caso de que a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 29.3 desta orde, por cada incorporación subvencionada e non substituída conforme ao establecido no dito artigo, procederá o reintegro nos seguintes termos:

1) Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo a proba estivo menos de 6 meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro total da axuda concedida.

2) Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo a proba estivo 6 ou máis meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese o importe da subvención concedida pola incorporación da persoa socia traballadora ou de traballo a proba de que se trate entre o número de meses subvencionados.

b. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

3) Se se efectuou a substitución dunha persoa socia traballadora ou de traballo a proba a tempo completo por outra a tempo parcial, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese o importe da subvención concedida pola incorporación da persoa socia traballadora ou de traballo a proba de que se trate entre o número de meses subvencionados.

b. Calcúlase o 50 % deste importe.

c. Multiplícase o resultado obtido na operación segunda (b) polo número de meses que resten desde a nova incorporación ata cumprir o período subvencionado.

d) No caso de que a beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 29.1 ou 36.1 desta orde segundo o caso, procederá o reintegro nos seguintes termos:

1) Se a obriga se mantivo por un período de menos de 12 meses procederá o reintegro total da axuda concedida.

2) Se a obriga se mantivo por un período de 12 ou máis meses procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre trinta e seis meses a subvención concedida.

b. Calcúlase o número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida (b).

e) O incumprimento da obriga establecida no artigo 15.1.a) dará lugar a un reintegro dun 2 % da axuda concedida.

f) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado. En particular, o incumprimento parcial das obrigas previstas no artigo 14 desta orde dará lugar ao reintegro da contía proporcional ao grao de incumprimento.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto-lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, que será o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se computarán desde a data de cobramento ata o momento en que se producise a devolución efectiva por parte da persoa beneficiaria.

3. O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, indicando expresamente a beneficiaria da subvención e o número de expediente.

4. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das persoas ou entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. A memoria deberase acompañar da copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

Artigo 18. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das subvencións.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 19. Subvencións baixo condicións de minimis

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:

a) Regulamento (UE) número 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de mínimis concedida a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Cando se trate dunha única empresa que realice por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada o importe total das axudas de minimis concedidas non excederá de 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, sen que estas axudas podan utilizarse para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

b) Regulamento (UE) número 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

c) Regulamento (UE) número 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. Unha vez notificada a resolución definitiva as persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A beneficiaria deberá presentar ante a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, a xustificación da subvención no prazo fixado na resolución de concesión e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado perante ante o órgano administrativo competente, este requirirá á beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. A Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, órgano competente para ordenar o pagamento.

5. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

6. En todo caso a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, o gasto de estudo e formalización de microcréditos considerarase efectivamente pagado cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola beneficiaria.

7. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo VI ou VIII segundo o programa de que se trate, acompañada da documentación xeral e da específica que corresponda relacionada nos artigos 28 e 35 desta orde en función do subvención de que se trate.

8. A documentación exixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

9. Cando concorran varias subvencións ao abeiro desta orde só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, facendo constar os procedementos a que se refire.

10. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias (estatais e autonómicas) e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 21. Pagamento anticipado

Poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe das subvencións que por todos os conceptos correspondan a cada beneficiario, logo da solicitude e sen que en ningún caso o pagamento anticipado poida superar en total os 14.000 euros, segundo o previsto nos artigos 63.3 e 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en referencia cos pagamentos anticipados e a exoneración da constitución de garantía por tratarse de beneficiarios de subvencións concedidas das que os pagamentos non superan os 18.000 euros.

Artigo 22. Gastos subvencionables

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En todo caso, para os gastos financiables con Fondo Social Europeo respectaranse as condicións das normas de subvencionabilidade ditadas para o período 2014-2020.

CAPÍTULO IV
I: Programa de incorporación a cooperativas e sociedades laborais

Artigo 23. Finalidade

Este programa de subvencións está dirixido a impulsar o autoemprego colectivo no marco dos programas de garantía xuvenil, fomentando a incorporación de mozas e mozos, como socios e socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, así como a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación de cooperativas e sociedades laborais nos cales participen, mediante a concesión de incentivos e subvencións para o financiamento de determinados custos derivados do lanzamento da actividade.

Artigo 24. Beneficiarias

Poderán acollerse ás subvencións previstas neste programa as sociedades cooperativas galegas inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia e as sociedades laborais inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e no Rexistro Mercantil que incorporen mozos ou mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil como persoas socias traballadoras ou de traballo.

Artigo 25. Subvencións para incorporación

1. As cooperativas e sociedades laborais que incorporen mozas e mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia, poderán acollerse ás seguintes subvencións:

a) Pola incorporación como socios e socias traballadoras ou de traballo, con carácter indefinido: 12.000 € por mozo ou moza incorporada, ata un máximo de 48.000 euros por entidade beneficiaria. Se a cooperativa ou sociedade laboral é de nova creación, a contía da subvención por persoa incorporada será de 15.000 €, ata un máximo de 60.000 € por entidade beneficiaria. O límite máximo por entidade beneficiaria poderá superarse no caso de producirse remanentes de crédito no mesmo programa, sen que poida exceder a contía destes.

Para os efectos desta subvención, consideraranse como cooperativas ou sociedades laborais de nova creación as que non superen os dous anos de actividade, contados ininterrompidamente desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, da alta no censo de persoas obrigadas tributarias do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

b) Pola incorporación como socios e socias traballadores ou de traballo a proba: 600 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses, por mozo ou moza incorporada e ata un máximo de 14.400 euros por entidade beneficiaria.

2. A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal, e a contía dos incentivos previstos no punto 1 reducirase ao 50 %.

3. A persoa moza pola que se solicita a subvención debe cumprir as seguintes condicións na data da súa incorporación:

a) Estar inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Esta circunstancia será comprobada de oficio polo órgano instrutor e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

b) Estar desempregada na data da súa incorporación e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da incorporación.

4. Como consecuencia da incorporación como socias e socios traballadores ou de traballo, con carácter indefinido, pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto ao mes anterior ao de realización da incorporación pola que se solicita subvención.

5. Como consecuencia da incorporación que se fomenta, tanto con carácter indefinido como a proba, ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto do mes anterior ao de realización da incorporación pola que se solicita subvención.

6. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto, non se computarán a persoas traballadoras fixas cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

No caso de que o mes anterior á incorporación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

7. En todo caso, a cooperativa ou sociedade laboral deberá acreditar a viabilidade do proxecto empresarial a que se incorpora o mozo ou moza mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, previstos nesta orde.

Artigo 26. Subvención para microcréditos

1. As cooperativas e sociedades laborais de nova creación que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo, con carácter indefinido, a mozas e mozos integrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia poderán acceder a unha subvención para custos de estudo e formalización de microcréditos bancarios ata o 100 % do seu custo, cun máximo de 2.000 € por mozo ou moza incorporada e de 6.000 euros por entidade beneficiaria.

2. Para os efectos desta subvención, consideraranse como cooperativas ou sociedades laborais de nova creación as que non superen os dous anos de actividade, contados ininterrompidamente desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, da alta no censo de persoas obrigadas tributarias do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Para acceder a esta subvención, as persoas incorporadas como persoas socias traballadoras ou de traballo deben cumprir as condicións establecidas no parágrafo 3 do artigo 25 desta orde.

4. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 27. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que deben presentar as cooperativas e sociedades laborais para solicitar a subvención, de acordo co previsto no artigo 7, é a seguinte:

1. Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

3. Alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no Censo de Obrigados Tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

4. Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, a identificación, data de nacemento e un breve currículo das persoas que se van incorporar, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderán obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións así como a través da páxina web do Programa de Garantía Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es).

5. No caso das subvencións a que se refire o artigo 25 desta orde, deberase achegar, así mesmo:

a) Certificación da relación nominal das mozas e mozos polos que se solicita subvención especificando o tipo de incorporación, duración da relación e xornada de traballo, segundo o modelo do anexo II.

b) Copia do documento nacional de identidade das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, ou ben autorización expresa destas persoas para a comprobación directa polo órgano xestor, de acordo co modelo do anexo IV (artigo 8.1 desta orde).

c) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, referido á data de presentación da solicitude, ou ben autorización expresa destas persoas para a comprobación directa polo órgano xestor, de acordo co modelo do anexo IV (artigo 8.1 desta orde).

d) Calendario laboral da entidade e certificación relativa á xornada de traballo asignada ás incorporacións polas que se solicita subvención. Poderá obter un modelo na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións así como na páxina web do Programa de Garantía Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es).

e) Indicadores de execución sobre os participantes a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) número 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa de Garantía Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es). Deberá presentarse un exemplar do anexo por cada persoa incorporada pola que se solicita a subvención.

f) Certificación de relación nominal das persoas socias traballadoras ou de traballo e do persoal asalariado fixo no ano inmediatamente anterior á data da nova incorporación, con indicación das altas e baixas no dito período, segundo o modelo do anexo III.

6. Para as subvencións para microcréditos, deberase achegar, así mesmo, precontrato ou orzamento no que figure o importe correspondente aos gastos obxecto de subvención.

7. Para o acceso a calquera das subvencións deste programa, se se trata de cooperativas ou sociedades laborais de nova creación, deberase achegar, así mesmo, documentación acreditativa de ter recibido, ou ben o compromiso de recibir, asesoramento e titorización individualizado para o desenvolvemento do proxecto.

Este asesoramento poderá ser realizado a través dos programas dos que dispoña a Consellería de Traballo e Benestar (a través da Rede Eusumo ou programa específico destinado para este fin) ou ben a través de persoas físicas ou entidades que conten con persoal, propio ou concertado, con coñecementos e formación específica nas áreas que se indican:

a) Cooperativismo e economía social: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas, nas que a carga lectiva específica sobre cooperativismo e economía social teña unha duración mínima de 180 horas.

b) Xestión empresarial: considerarase acreditado este requisito polo feito de estar en posesión da licenciatura ou grao en Administración e Dirección de Empresas, ou en Relacións Laborais e Recursos Humanos, ou ben da diplomatura ou grao en Ciencias Empresariais ou en Relacións Laborais, ou equivalentes.

c) Asesoría xurídica: considerarase acreditado este requisito polo feito de estar en posesión da licenciatura ou grao en Dereito, ou equivalente.

d) Xestión societaria: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas en materia de psicoloxía organizacional, habilidades sociais, traballo en equipo e solución de conflitos, xunto cunha experiencia mínima de 3 anos de asesoramento nesta área.

Unicamente se terán en conta os títulos oficiais expedidos pola universidade. No caso de diplomas e certificados, só se terán en conta os outorgados pola universidade ou calquera entidade do sector público, así como aqueles diplomas ou certificados outorgados por entidades privadas sempre que se refiran a formación impartida no marco de instrumentos de colaboración coa Administración pública (cursos organizados, subvencionados ou impartidos en colaboración con calquera entidade das administracións públicas).

O asesoramento e titorización deberá ter unha duración non inferior a un ano despois do inicio da actividade da entidade, e desenvolverase nun mínimo de 100 horas, das cales deberán reservarse o número suficiente que permita o mantemento dunha reunión de seguimento quincenal, así como 50 horas para a realización de sesións específicas coas persoas promotoras para o tratamento e análise das seguintes áreas:

a) Formación en materia de cooperativismo, economía social e habilidades sociais (10 horas)

b) Formación en materia económico-financeira (10 horas).

c) Formación en materia comercial-mercado (10 horas).

d) Formación en materia organizativa (20 horas).

A formación que se imparta deberá incorporar a perspectiva de xénero, e o asesoramento deberá atender as necesidades específicas das persoas que o reciban, con especial dedicación a quen se atope nunha situación de desvantaxe e/ou risco de exclusión.

Artigo 28. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 20 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención deste programa, a beneficiaria deberá presentar no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

2. Para a subvención para microcréditos deberá achegar orixinal ou copia compulsada ou cotexada do contrato de crédito así como xustificante bancario do pagamento do importe correspondente aos gastos de estudo e formalización.

Así mesmo e, para os efectos de acreditar a obriga de manter de forma separada na contabilidade os gastos financiados, a entidade deberá comunicar unha breve explicación do procedemento e da denominación desagregada empregados (contas e subcontas, códigos...).

3. Para a subvención para incorporación deberase achegar, así mesmo:

a) Para a incorporación como socio ou socia con carácter indefinido: certificado de alta e permanencia como persoa socia traballadora ou de traballo emitido pola cooperativa ou sociedade laboral.

b) Para a incorporación como socio ou socia a proba: certificado de alta como persoa socia traballadora ou de traballo a proba, emitido pola cooperativa ou sociedade laboral, así como do período de permanencia nesta situación. No caso de que a persoa incorporada finalizase o período de proba sen adquirir a condición de socio traballador ou de traballo con carácter indefinido, deberá achegarse memoria explicativa do traballo desenvolvido durante o período de proba e das razóns da súa finalización.

c) Alta na Seguridade Social das persoas incorporadas, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde), de acordo co modelo do anexo IV.

d) Cando se trate da incorporación dun socio ou socia que vaia realizar unha xornada a tempo parcial, unha copia do contrato de traballo no caso de sociedades laborais. De tratarse de cooperativas, certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

e) Copia do documento no que se lle comunique á persoa incorporada pola que se obtivo a subvención que esta actuación foi cofinanciada pola Xunta de Galicia, o Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, segundo se establece no parágrafo 1.a) do artigo 15 desta orde.

4. Para as entidades de nova creación deberase achegar, así mesmo, contrato ou convenio coa entidade ou persoa física que vaia prestar o servizo de acompañamento e titorización do proxecto ou ben solicitude aceptada de prestación do dito servizo pola Rede Eusumo ou programa da Consellería de Traballo e Benestar específico para este fin.

5. En todos os casos, documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas ás que se refire o artigo 15.1.a) desta orde.

Artigo 29. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias deberán manter, polo menos, durante un período de tres anos unha forma xurídica de entre as elixibles para resultar beneficiarias da subvención concedida.

2. As beneficiarias das subvencións previstas nos artigos 25.1.a) e 26 desta orde están obrigadas a manter as persoas polas que se concede a subvención por incorporación como persoa socia traballadora ou de traballo, con carácter indefinido, polo menos durante dous anos. No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituíla por outra moza ou mozo inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, polo período que reste ata completar os dous anos, estando obrigadas a comunicarlle a baixa ao órgano concedente no prazo dun mes contado desde aquel en que esta se producise. Esta substitución deberá realizarse no prazo máximo de nove meses desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a subvención, no mes seguinte á substitución. Esta nova incorporación en ningún caso dará lugar a unha nova subvención. A incorporación poderá realizarse en situación de persoa socia a proba polo máximo tempo permitido legalmente, transcorrido o cal a relación poderá converterse en ordinaria e indefinida ou, de non ser así, incorporar con este carácter a outro mozo ou moza coas características anteriormente sinaladas. Respecto das persoas substitutas, a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación prevista no artigo 27.5 desta orde. O órgano instrutor comprobará o cumprimento dos requisitos aos cales se refire o artigo 25.3 e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

3. As beneficiarias da subvención por incorporación de mozas e mozos prevista no artigo 25.1.b) deberán manter a persoa incorporada, como mínimo, polo tempo subvencionado, e se se produce o cesamento do mozo ou moza, a empresa beneficiaria está obrigada a comunicar a baixa e a substituíla no prazo dun mes por outra inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a subvención dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. Respecto das persoas substitutas, a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación prevista no artigo 27.5 desta orde. O órgano instrutor comprobará o cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo 25.3 e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

4. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de socio a que se refiren os parágrafos 2 e 3 anteriores, a beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención, os indicadores de resultado inmediato a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) número 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice o citado período de mantemento da condición de socio, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. A información obtida será posta en coñecemento da rede de técnicos de orientación laboral específicos do Servizo Público de Emprego de Galicia, polo mecanismo de coordinación que se determine, para os efectos dun mellor cumprimento dos obxectivos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

5. Transcorrido un ano desde a concesión da subvención, as beneficiarias que sexan de nova creación están obrigadas a presentar un informe elaborado pola entidade que presta o asesoramento e titorización acerca das actividades realizadas, a súa duración e os resultados obtidos.

6. No caso incumprimento do previsto nos puntos anteriores procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 16 desta orde.

CAPÍTULO V
II: Programa de Fomento do Emprendemento

Artigo 30. Finalidade

1. Este programa de subvencións está dirixido a fomentar o emprendemento colectivo xuvenil, mediante a concesión de subvencións aos mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

2. Mediante estas subvencións facilítase o acceso da xuventude á condición de persoas socias de cooperativas impulsando a posta en marcha da actividade emprendedora por conta propia.

Artigo 31. Beneficiarias

1. Poderán acollerse ás subvencións previstas neste programa as mozas e mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen a unha cooperativa en condición de socios, con compromiso de exclusividade para comercializar os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen.

A inscrición no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil na data de inicio da actividade será comprobada de oficio polo órgano instrutor e a súa acreditación será incorporada ao expediente.

A persoa moza que solicita a subvención debe estar desempregada e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data na que emprenda a actividade por conta propia.

Para estes efectos enténdese que a data de inicio de actividade laboral por conta propia é a data solicitada para a alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

2. Para acceder ás subvencións previstas neste programa, será necesario acreditar a viabilidade da actividade económica que o mozo ou moza realizará por conta propia mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, previstos nesta orde.

Artigo 32. Subvención para acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas

As persoas ás que se refire o artigo anterior poderán acceder ás subvencións para o inicio de actividade, cunha contía de 3.000 € por persoa beneficiaria.

Artigo 33. Subvención para microcréditos

1. As persoas ás que se refire o artigo 31 desta orde poderán acceder a unha subvención para custos de estudo e formalización de microcréditos bancarios ata o 100 % do seu custo, cun máximo de 2.000 € por solicitude.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 34. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que debe presentarse para solicitar a subvención, de acordo co previsto no artigo 7, é a seguinte:

1. Copia do documento nacional de identidade da persoa física solicitante, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante legal, se é o caso, cando non autorice expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

3. Alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no Censo de Obrigados Tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

4. Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa do mozo ou moza emprendedora, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións así como a través da páxina web do Programa de Garantía Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es).

5. Precontrato ou orzamento no que figure o importe correspondente aos gastos obxecto de subvención.

6. Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de ser o caso, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

7. Indicadores de execución sobre os participantes aos que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) número 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa de Garantía Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es).

Artigo 35. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 20 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención deste programa, a beneficiaria deberá presentar no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

2. Orixinal ou copia compulsada ou cotexada do contrato de crédito así como xustificante bancario do pagamento do importe correspondente aos gastos de estudo e formalización.

Así mesmo e, para os efectos de acreditar a obriga de manter de forma separada na contabilidade os gastos financiados, a entidade deberá comunicar unha breve explicación do procedemento e da denominación desagregada empregados (contas e subcontas, códigos...).

3. Alta na Seguridade Social da beneficiaria, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde), ou ben alta na mutualidade de colexio profesional que corresponda.

4. Certificado de alta e permanencia como persoa socia emitido pola cooperativa.

5. Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 15.1.a) desta orde.

Artigo 36. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias das subvencións para o acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, previstas nos artigos 32 e 33 desta orde quedan obrigadas a manter a condición de socia na cooperativa a que se incorporan por un período mínimo de 3 anos.

2. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento do prazo ao que se refire o parágrafo anterior, a beneficiaria deberá presentar os indicadores de resultado inmediato a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) número 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice o citado período de mantemento da condición de socio, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. A información obtida será posta en coñecemento da rede de técnicos de orientación laboral específicos do Servizo Público de Emprego de Galicia, polo mecanismo de coordinación que se determine, para os efectos dun mellor cumprimento dos obxectivos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

3. No caso de incumprimento do previsto no punto anterior procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 16 desta orde.

CAPÍTULO VI
Convocatoria de subvencións para o ano 2015

Artigo 37. Convocatoria

Convócanse para o ano 2015 as subvencións para o autoemprego colectivo no marco dos programas de garantía xuvenil, reguladas por esta orde.

Artigo 38. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2015.

Artigo 39. Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 14 de novembro de 2015.

Artigo 40. Xustificación das accións subvencionadas

As beneficiarias das subvencións deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme o modelo do anexo VI ou VIII segundo o programa de que se trate.

A data máxima de presentación da documentación xustificativa das accións subvencionadas será o 16 de novembro de 2015.

Artigo 41. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

2. O financiamento das subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación 11.02.324A.471.1 cunha contía inicial de 774.821,21 €, de acordo coa Lei 11/2014, do 19 de decembro.

3. A distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I: 474.821,21 €.

Programa II: 300.000,00 €.

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de subvención previstas nesta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, xa se atope en poder da Administración actuante.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira

Se unha vez adxudicadas as subvencións resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes, tendo en conta o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file