Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 7 de xaneiro de 2016 Páx. 326

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016 (ED114A).

De acordo co previsto no artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG número 146, do 30 de xullo, logo da proposta formulada pola Comisión Central de Avaliación, convócanse as probas para a obtención dos certificados de coñecemento de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4.

Esta convocatoria abre unha nova concepción no procedemento que se debe seguir que, sen perder toda a experiencia acumulada dos procesos anteriores, pretende afondar na maior seguridade e control da execución do proceso, na garantía dunha avaliación obxectiva coas diferentes instancias de recurso e tamén, e non menos importante, na racionalización dos recursos públicos a partir da nova dotación de persoal docente.

Deste xeito, a realización das probas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia centralízase en Santiago de Compostela e, no exterior, en Ponferrada, polo especial vínculo que temos coa zona do Bierzo.

1. Obxecto.

Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016.

2. Persoas destinatarias.

As persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan antes de finais do ano 2016, nacionais ou estranxeiras.

3. Datas de realización das probas.

Celga 4: 2 de abril de 2016.

Celga 2: 3 de abril de 2016.

Celga 3: 9 de abril de 2016.

Celga 1: 10 de abril de 2016.

Se o número de aspirantes non permitise rematar as probas orais no día sinalado nesta resolución, a avaliación continuará realizándose o día ou días que determine a Comisión Central de Avaliación, que serán debidamente publicitados.

4. Lugares onde se van realizar as probas e niveis.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

Probas Celga

Nivel

Santiago de Compostela

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Ponferrada

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Os lugares concretos e o horario indicaranse cando se fagan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada proba de nivel Celga.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta resolución e aboar a taxa que se indica na convocatoria.

Deberán indicar a proba ou probas ás cales solicitan presentarse e a localidade.

No caso de que unha persoa que se vaia presentar ás probas teña algunha discapacidade, indicará na súa solicitude o tipo e o grao de discapacidade, a acreditación correspondente, así como o apoio que precisará para poder realizar as probas.

As persoas cunha discapacidade física ou psíquica igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, compresión escrita, expresión escrita) poderán solicitar a exención de realizar a proba ou probas referidas a esas destrezas.

Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED114A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web http://www.lingua.gal, que permite cubrir e editar a solicitude.

5.1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para presentar as solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o cal se utilizará o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5.2. Dirixiranse todas as solicitudes á sede central da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tanto se as persoas interesadas se presentan ás probas en Santiago de Compostela como en Ponferrada.

5.3. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. Documentación que se xuntará á solicitude

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

6.1. Copia cotexada do DNI ou NIE da persoa solicitante. Non será necesario presentar o documento sempre que a persoa interesada autorice a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que verifique os seus datos de identidade, de acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

6.2. Xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame.

6.3. De ser o caso, copia cotexada da certificación que acredite o tipo e o grao de discapacidade expedido por unha Administración distinta da Comunidade Autónoma de Galicia. Non será necesario presentar este documento cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia e sempre que a persoa interesada autorice a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que verifique a consulta da certificación, de acordo co que establece o artigo 4 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou do seu representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia ca os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou do seu representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, os protocolos e o tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou o seu representante deberán indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Contía das taxas de exame.

Segundo o previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa para inscribirse nas probas Celga será de 15,61 euros.

8. Sistema de liquidación das taxas de exame.

8.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na vixente Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase aboar previamente, en concepto de dereitos de exame, o importe vixente no momento da publicación desta convocatoria e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, para o cal se utilizará o impreso de autoliquidación.

Este impreso facilitaráselles ás persoas interesadas en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia. Os datos para cubrir o impreso son os seguintes:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código: 07.

Delegación de Servizos Centrais. Código: 13.

Servizo de Secretaría Xeral de Política Lingüística. Código: 05.

Denominación: inscrición nas probas Celga, homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais certificación do nivel correspondente, de ser o caso, cando se superan as probas. Código: 30 44 01.

Así mesmo, poderase facer efectivo o pagamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberase acceder á Oficina Tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Axencia Tributaria Galega (www.atriga.es), premer a opción «Tributos» e logo a ligazón «Taxas e prezos». Neste caso, unha vez efectuado o pagamento telemático, imprimirase o xustificante de aboar a taxa, que será o que se achegue xunto coa solicitude.

8.2. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo da solicitude correspondente, ás persoas aspirantes que figuren na listaxe definitiva de excluídas. Para solicitar a devolución das taxas, as persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 2 meses, que se contarán a partir do día seguinte á publicación da listaxe definitiva de aspirantes admitidos e excluídos na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.lingua.gal).

9. Procedemento para a admisión de aspirantes.

9.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, o secretario xeral de Política Lingüística aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidos e excluídos para cada un dos niveis e localidades, a través dunha resolución que se publicará na páxina web www.lingua.gal.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da antedita resolución na páxina web www.lingua.gal, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Este prazo permítelles ás persoas interesadas emendaren os erros no caso de estaren incompletas as solicitudes ou de non achegaren a documentación acreditativa do pagamento das taxas dentro do prazo de presentación de solicitudes.

En todo caso, as persoas que presenten alegacións enviarán un correo electrónico á Secretaría Xeral de Política Lingüística ao seguinte enderezo: sxpl.probascelga@xunta.es, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Non se admitirá o aboamento das taxas fóra do prazo de presentación de solicitudes exixido nesta convocatoria.

9.2. Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o secretario xeral de Política Lingüística ditará unha nova resolución pola que se aprobará a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para cada un dos niveis e localidades, que se publicará na páxina web www.lingua.gal.

10. Publicación dos resultados das probas.

Os resultados provisionais das probas publicaranse na páxina web www.lingua.gal, no prazo máximo de dous meses desde a realización dos exames.

Os resultados definitivos das probas publicaranse na web www.lingua.gal, no prazo máximo de catro meses desde a realización das probas.

11. Procedementos de reclamación ou de revisión das probas.

11.1. No momento da realización das probas, as persoas aspirantes poderán solicitar a aclaración das dúbidas que lles poidan xurdir en relación co exame e, de ser o caso, presentar ante o presidente ou presidenta da comisión sectorial a reclamación que consideren oportuna. No prazo de tres días, a comisión sectorial que recibiu a reclamación enviaralla á Comisión Central de Avaliación (CCA), xunto cun informe sobre o seu contido. A CCA resolverá o que considere oportuno e comunicarallo á persoa interesada ao enderezo e polo medio que designase para os efectos de notificacións e, pola súa parte, á comisión sectorial correspondente.

11.2. Logo da publicación dos resultados provisionais, as persoas interesadas, mediante un escrito dirixido á Secretaría Xeral de Política Lingüística ou ao enderezo de correo sxpl.probascelga@xunta.es, poderán, no prazo de 10 días naturais, solicitar a revisión das probas por parte da Comisión Central de Avaliación, que adoptará a resolución que corresponda e comunicaralles ás persoas interesadas os criterios que determinaron a cualificación obtida.

11.3. Logo da publicación dos resultados definitivos, as persoas interesadas poderán interpor, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación, un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 28 de novembro de 1992), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro e BOE núm. 30, do 4 de febreiro de 1999).

12. Desenvolvemento das probas.

As persoas interesadas presentaranse 30 minutos antes da hora de entrada, no lugar e data de realización das probas, provistos do documento que acredite a súa personalidade (DNI, pasaporte ou NIE) e dun bolígrafo. Non se admitirá ningún tipo de material de apoio.

12.1. Probas para o Celga 1: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos.

12.2. Probas para o Celga 2: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos.

12.3. Probas para o Celga 3: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e media e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.

12.4. Probas para o Celga 4: a proba escrita terá unha duración de tres horas e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.

As probas orais serán gravadas como garantía do proceso.

A proba oral correspondente a cada nivel Celga realizarase a continuación de que remate a proba escrita, sempre que o número de persoas presentadas así o faga posible. Neste caso, unha vez rematada a proba escrita, publicaranse os chamamentos para a proba oral e indicarase a hora aproximada para a súa realización.

No caso de que non sexa posible facer a proba oral no mesmo día que a proba escrita, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, por proposta da Comisión Central de Avaliación, publicará na páxina web http://www.lingua.gal o día e a hora aproximada para a súa realización.

No ano 2016, os chamamentos para as probas orais realizaranse por orde alfabética de apelidos (do A ao Z).

13. Probas de exames especiais.

Tal e como se establece na disposición adicional cuarta da Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2014), considéranse probas de exames especiais as destinadas a todas aquelas persoas candidatas ás cales non lles é posible realizar as probas para a obtención do diploma acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) nas condicións xerais estipuladas pola Administración. Todas as probas realizadas baixo condicións especiais serán cualificadas cos mesmos criterios de avaliación que as demais persoas candidatas.

Se a persoa candidata supera o resto das probas de que conste o exame, no dorso do diploma acreditativo que se lle expida farase constar que quedou exenta de satisfacer algún dos obxectivos de avaliación do exame, segundo corresponda.

En todo caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística valorará se o tipo de discapacidade alegado dá lugar ás posibles exencións.

14. Expedición e rexistro dos certificados.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística expediralles os certificados ás persoas que superen as probas.

Os certificados constarán nun rexistro oficial no cal figurarán os seguintes datos: nome e apelidos, número de DNI, NIE ou pasaporte, lugar, data e resultados das probas e identificación alfanumérica dos certificados. A solicitude para participar nas probas comporta a autorización para o tratamento telemático dos citados datos para este fin.

15. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico dirixido a: sx@edu.xunta.es.

16. Consentimentos e autorizacións.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

17. Recurso contra a resolución de convocatoria das probas.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

missing image file
missing image file