Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 6 de abril de 2016 Páx. 12180

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2016 pola que se convoca un curso de prevención de riscos laborais de seguridade nos laboratorios para o persoal que presta servizos no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 5 de xaneiro de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e Mugatra Sociedade de Prevención, S.L.U. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de prevención de riscos laborais: seguridade nos laboratorios (CV16008).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de prevención de riscos laborais: seguridade nos laboratorios (CV16008) que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

O obxectivo deste curso é fomentar unha cultura preventiva do persoal que traballa nos laboratorios, proporcionando a información necesaria para desenvolver o seu traballo en condicións seguras consonte a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais e abordando os principais perigos e riscos, normas de conduta e de traballo correctas e protocolos de actuación en caso de accidente.

Segunda. Contido

1. Normas xerais de seguridade.

2. Equipos de seguridade.

3. Seguridade dos aparellos de laboratorio.

4. Consideracións relativas á estrutura, deseño e distribución dos laboratorios.

5. Condición de seguridade relativas a instalacións.

6. Consideracións de seguridade relacionadas con algunhas operacións comúns nos laboratorios.

7. Procedementos de primeiros auxilios e emerxencia.

8. Xestión de residuos.

9. Información de riscos dos produtos químicos.

10. Información específica para traballadoras en período fértil en relación cos riscos específicos durante o embarazo e a lactación.

Terceira. Destinatarios

Persoal que desenvolve o seu traballo nos seguintes centros:

– Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

– Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

– Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Cuarta. Desenvolvemento

Modalidade: teleformación.

Nº de edicións: dúas.

Duración: 25 horas por edición.

Prazas: 60 por edición.

Datas:

1ª edición: 25 de abril ao 20 de maio. Proba final telemática o día 20 de maio ás 12.00 horas.

2ª edición: 23 de maio ao 17 de xuño. Proba final telemática o día 17 de xuño ás 12.00 horas.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, tratarse dunha actividade impartida na modalidade ao de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es .

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os alumnos deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Oitava. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Mugatra, S.L.U. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Mugatra, S.L.U. resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Mugatra, S.L.U. garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.