Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 10 de xuño de 2016 Páx. 23559

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de xuño de 2016 pola que se regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 maio, de educación, establece, no seu artigo 20, que a avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado de educación primaria será continua e global e que terá en conta o seu progreso no conxunto das áreas. A súa modificación pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, afectou, entre outros aspectos, a estrutura curricular de educación primaria e a propia avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado.

O Real decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico da educación primaria, dispón, no seu artigo 12, determinados aspectos relacionados coa avaliación, dos cales destaca que serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables os referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias e o logro dos obxectivos da etapa nas avaliacións continua e final.

O Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, no capítulo II do título II, regula aspectos relacionados coa avaliación, coa promoción e cos documentos oficiais de avaliación.

A Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato, dispón que na avaliación deberá terse en conta o grao de dominio das competencias.

A avaliación considérase integrada no proceso de ensino e aprendizaxe e na actividade ordinaria da aula e do centro docente, converténdose nun referente tanto para valorar o progreso do alumnado como a mellora continua do proceso educativo e punto de referencia para a adopción das medidas de atención á diversidade.

En consecuencia, como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e da habilitación contida na disposición derradeira segunda do Decreto 105/2014, do 4 setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto regular a avaliación e a promoción do alumnado de educación primaria, segundo os principios establecidos no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta orde será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Carácter da avaliación

1. A avaliación ten como finalidades a valoración dos procesos e dos resultados de aprendizaxe do alumnado e o exercicio da práctica docente.

2. A avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado será continua e global, e terá en conta o seu progreso no conxunto das áreas e na adquisición das competencias clave.

3. Os mestres e as mestras avaliarán tanto as aprendizaxes do alumnado como os procesos de ensinanza e a súa propia práctica docente, para o cal establecerán indicadores de logro nas programacións docentes.

Artigo 3. Referentes da avaliación

1. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias e o logro dos obxectivos da etapa nas avaliacións das áreas troncais, específicas e de libre configuración autonómica serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe que figuran nos anexos I, II e III do Decreto 105/2014, do 4 de setembro.

2. A avaliación das competencias clave está integrada na avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado, na medida en que ser competente supón mobilizar os coñecementos, as destrezas, as actitudes e os valores para dar resposta ás situacións expostas, dotar de funcionalidade as aprendizaxes e aplicar o que se aprende desde unha formulación integradora.

3. Na valoración do desenvolvemento das competencias do alumnado teranse en consideración os estándares de aprendizaxe das diferentes áreas que se relacionan cunha mesma competencia, os cales conforman o perfil desa competencia.

Artigo 4. Sesións de avaliación

1. As sesións de avaliación son as reunións do equipo docente de cada grupo de alumnas e de alumnos, coordinado polo seu profesorado titor, para valorar o desenvolvemento xeral do alumnado, a súa aprendizaxe, a práctica docente do profesorado e aquelas circunstancias cuxa incidencia no proceso de ensinanza e aprendizaxe se consideren relevantes.

2. As sesións de avaliación poderán contar co asesoramento do departamento de orientación.

3. Durante o primeiro mes de cada curso escolar a persoa titora realizará unha avaliación inicial, coa finalidade de adecuar as ensinanzas ao alumnado e facilitar a progresión adecuada no seu proceso de aprendizaxe, incidindo na obtención de información sobre o grao de desenvolvemento das competencias clave. Esta avaliación, que incluirá a análise dos informes persoais da etapa ou curso anterior e se completará coa información obtida das familias, será o punto de referencia para a toma de decisións nas programacións de aula, así como para a adopción das medidas ordinarias ou extraordinarias que se consideren oportunas para cada alumna ou alumno.

4. Ao longo de cada un dos cursos realizaranse, polo menos, tres sesións de avaliación para cada grupo de alumnos e alumnas, que serán presididas pola persoa titora, quen levantará unha acta en que consten as valoracións e conclusións sobre o nivel de rendemento do grupo e do alumnado e os acordos adoptados en relación co grupo ou en relación cos alumnos e coas alumnas.

Artigo 5. Cualificacións e mención honorífica

1. Os resultados da avaliación expresaranse nos termos de «Insuficiente (IN)», para as cualificacións negativas, e «Suficiente (SU)», «Ben (BE)», «Notable (NT)» ou «Sobresaliente (SB)», para as cualificacións positivas. A estes termos daráselles unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de un a dez, coas seguintes correspondencias:

– Insuficiente: 1, 2, 3 ou 4.

– Suficiente: 5.

– Ben: 6.

– Notable: 7 ou 8.

– Sobresaliente: 9 ou 10.

2. A nota media das cualificacións numéricas obtidas en cada unha das áreas será a media aritmética das cualificacións de todas elas, redondeada á centésima máis próxima, e en caso de equidistancia, á superior.

3. Os resultados da avaliación das competencias clave reflectiranse na acta de avaliación final de cada curso, expresándose nos termos de «Insuficiente (IN)», para as cualificacións negativas, e «Suficiente (SU)», «Ben (BE)», «Notable (NT)» ou «Sobresaliente (SB)», para as cualificacións positivas.

4. Os equipos docentes poderán propoñer o outorgamento dunha mención honorífica aos alumnos e ás alumnas que superasen todas as áreas da etapa e obtivesen sobresaliente ao rematar educación primaria nunha área ou en varias e que demostren un rendemento académico excelente.

5. A proposta de «Mención honorífica» farase constar na acta de avaliación.

Artigo 6. Promoción de curso e de etapa

1. Ao finalizar cada un dos cursos, e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente do grupo, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a promoción do alumnado. A decisión será adoptada de forma colexiada, tendo en conta os criterios de promoción e tomando especialmente en consideración a información e o criterio do profesorado titor.

2. O alumno ou a alumna accederá ao curso ou á etapa seguinte sempre que se considere que logrou a progresión adecuada nos obxectivos da etapa e que alcanzou o adecuado grao de adquisición das competencias correspondentes. Os informes das avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria e de final de educación primaria teranse en conta, se é o caso, segundo o seu carácter informativo e orientador, de acordo co establecido no artigo 12.8 do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Cando un alumno ou unha alumna non promocione deberá permanecer un ano máis no mesmo curso. Esta medida poderá adoptarse unha soa vez durante a etapa, oídos os pais, as nais ou as persoas que exerzan a titoría legal, e deberá ir acompañada dun plan específico de reforzo ou recuperación e apoio

4. A repetición considerarase unha medida de carácter excepcional e tomarase tras esgotar o resto das medidas ordinarias de reforzo e apoio para resolver as dificultades de aprendizaxe do alumnado.

5. O alumnado que promocione de curso con algunha área con cualificación negativa deberá seguir un plan específico de recuperación.

Artigo 7. Avaliación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. A avaliación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo tomará como referente os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe fixados con carácter xeral, establecendo, para o alumnado que o requira, a adaptación das condicións de realización da avaliación, de forma que se garanta a obtención da información referente á aprendizaxe.

2. Cando o alumnado teña autorizada unha adaptación curricular, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe serán os establecidos na dita adaptación.

Artigo 8. Avaliación dos procesos de ensinanza e da práctica docente

1. En cada sesión de avaliación o profesorado avaliará os procesos de ensinanza e a súa práctica docente en relación coa adecuación ao alumnado, co logro dos obxectivos da etapa e co desenvolvemento das competencias clave. Esta avaliación incluirá, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Aprendizaxes alcanzadas polo alumnado e procedementos de avaliación.

b) Grao de desenvolvemento das programacións docentes, adecuación ao alumnado de cada unha das súas partes e eficiencia das medidas curriculares e organizativas.

c) Medidas de atención á diversidade aplicadas.

d) Clima de traballo na aula.

e) Coordinación do equipo docente e relación co resto da comunidade educativa: profesorado, alumnado e familias.

2. As conclusións da avaliación dos procesos de ensinanza e da práctica docente poderán incluír propostas de mellora. Unha síntese desas conclusións formará parte da memoria final de cada un dos cursos.

Artigo 9. Obxectividade da avaliación

Co fin de garantir o dereito dos alumnos e das alumnas a que o seu rendemento sexa valorado conforme criterios de plena obxectividade, os centros, ao inicio do curso, adoptarán as medidas precisas para informar o alumnado e as familias acerca dos contidos e dos criterios de avaliación, dos estándares de aprendizaxe, das estratexias e dos instrumentos de avaliación, así como dos criterios de cualificación e promoción.

Artigo 10. Información e participación das familias

1. Finalizada cada unha das sesións de avaliación, o profesorado titor informará por escrito as nais, os pais ou, de ser o caso, as persoas que exerzan a titoría legal do alumnado dos resultados deste, da súa evolución académica e das medidas propostas para o reforzo e/ou recuperación, se fose o caso. Entre esa información constará, cando proceda, a decisión sobre a promoción ao curso ou á etapa seguinte.

2. O profesorado titor manterá unha comunicación fluída e regular co alumnado e coas súas familias, informándoos de todo o relativo ao proceso continuo da súa aprendizaxe, da forma de recuperar as aprendizaxes non acadadas e da valoración do propio esforzo.

3. Os pais, as nais ou as persoas que exerzan a titoría legal do alumnado deberán participar e apoiar a evolución do proceso educativo dos seus fillos, das súas fillas ou das persoas que tutelen, así como coñecer as decisións relativas á avaliación e á promoción, e colaborar nas medidas de apoio ou reforzo que adopten os centros docentes para facilitar o seu progreso educativo, e terán acceso á consulta dos documentos oficiais de avaliación e aos instrumentos e documentos das avaliacións que se lles realicen aos seus fillos, fillas ou persoas tuteladas.

4. Cada centro docente determinará o modelo de documento para trasladar a información referida nas epígrafes anteriores.

Artigo 11. Documentos de avaliación

1. Os documentos oficiais de avaliación son o expediente académico, as actas de avaliación, os documentos de avaliación final de etapa e de terceiro curso de educación primaria, o informe indicativo do nivel obtido na avaliación final de etapa, o historial académico e, de ser o caso, o informe persoal por traslado.

2. O historial académico e, de ser o caso, o informe persoal por traslado, considéranse documentos básicos para garantir a mobilidade do alumnado por todo o territorio nacional.

3. Os documentos oficiais de avaliación serán visados pola dirección do centro e levarán as sinaturas autógrafas das persoas que correspondan en cada caso. Ao carón constará o nome e os apelidos de quen asina, así como a referencia ao cargo ou á atribución docente.

4. Os documentos oficiais de avaliación e os seus procedementos de validación descritos nos puntos anteriores poderán ser substituídos polos seus equivalentes realizados por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, de acordo co que estableza a consellería con competencias en materia de educación, sempre que quede garantida a súa autenticidade, integridade e conservación, e sempre que se cumpran as garantías e os requisitos establecidos pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e pola normativa que as desenvolve.

5. O expediente electrónico do alumnado estará constituído, polo menos, polos datos contidos nos documentos oficiais de avaliación.

Artigo 12. Expediente académico

1. O expediente académico é o documento que inclúe a información relativa ao proceso de avaliación e á escolarización de cada alumna ou alumno. Abrirase no momento da incorporación do alumnado ao centro docente e incluirá os datos de identificación do centro e os da alumna ou do alumno.

2. No expediente académico quedará constancia dos resultados da avaliación das áreas de cada un dos cursos da educación primaria e do grao de adquisición das competencias clave, das decisións sobre a promoción ao curso ou á etapa seguinte e, se é o caso, das medidas de atención á diversidade adoptadas.

3. O expediente académico irá acompañado, de ser o caso, dos informes psicopedagóxicos, dos ditames de escolarización, da flexibilización da escolarización e das adaptacións curriculares da alumna ou do alumno, especificando a data da resolución pola que se autoriza a medida.

4. No expediente académico quedará constancia da entrega do historial académico ás nais, aos pais ou ás persoas que exerzan a titoría legal do alumno ou da alumna ao remate da etapa de educación primaria, así como do envío da correspondente copia ao centro de educación secundaria onde o alumnado continúe os seus estudos. No caso de traslado a outro centro de educación primaria, quedará constancia no expediente académico do envío do historial académico ao centro docente ao cal se traslade.

5. O expediente académico axustarase ao modelo que figura no anexo I, e a súa custodia e arquivo correspóndelles aos centros docentes.

Artigo 13. Actas de avaliación

1. As actas de avaliación estenderanse para cada un dos cursos e pecharanse ao remate do período lectivo. Comprenderán a relación nominal do alumnado que compón o grupo, xunto cos resultados da avaliación e as decisións sobre promoción ou permanencia.

2. As actas reflectirán os resultados da avaliación nos termos establecidos no artigo 5 desta orde e expresarán, de ser o caso, as medidas de reforzo educativo (RE) ou adaptación curricular (ACS) que correspondan.

3. As actas de avaliación serán asinadas polo profesorado titor do grupo e levarán o visto e prace da dirección do centro docente.

4. As actas de avaliación axustaranse aos modelos que figuran no anexo II.

Artigo 14. Historial académico

1. O historial académico é o documento oficial que reflicte os resultados das avaliacións e as decisións relativas ao progreso académico da alumna ou do alumno ao longo da etapa.

2. O historial académico será estendido en impreso oficial, levará o visto e prace da dirección do centro docente e terá valor acreditativo dos estudos realizados. Como mínimo, recollerá os datos de identificación da alumna ou do alumno, as áreas cursadas en cada un dos anos de escolarización, os resultados da avaliación, as decisións sobre promoción ou permanencia, a media das cualificacións obtidas en cada unha das áreas, o nivel obtido na avaliación final de educación primaria, a información relativa aos cambios de centro, as medidas curriculares e organizativas aplicadas e as datas en que se produciron os diferentes feitos.

3. Tras rematar a etapa, o historial académico de educación primaria entregaráselles aos pais, ás nais ou ás persoas que exerzan a titoría legal do alumno ou da alumna. Enviarase unha copia deste ao centro de educación secundaria en que prosiga os seus estudos o alumno ou a alumna, por pedimento do centro de educación secundaria.

4. O historial académico axustarase ao modelo que figura no anexo III.

Artigo 15. Informe persoal por traslado

1. O informe persoal por traslado é o documento oficial que ten como finalidade garantir a continuidade do proceso de aprendizaxe do alumnado que se traslade a outro centro docente sen ter rematado o curso.

2. O informe persoal por traslado conterá os resultados das avaliacións que se realizasen, a aplicación, de ser o caso, de medidas curriculares e organizativas e todas aquelas observacións que se consideren oportunas acerca do progreso xeral do alumno ou da alumna.

3. O informe persoal por traslado será elaborado e asinado pola persoa titora a partir da información de todo o profesorado que imparta docencia no grupo, e levará o visto e prace do director ou da directora do centro docente.

4. O informe persoal por traslado axustarase ao modelo que figura no anexo IV.

Artigo 16. Traslado do alumnado dentro da etapa

1. Cando o alumno ou a alumna se traslade a outro centro docente para proseguir os seus estudos de educación primaria, o centro de orixe remitirá ao de destino, por pedimento deste, o historial académico de educación primaria e, de ser o caso, o informe persoal por traslado. O centro receptor abrirá o correspondente expediente académico. A matrícula adquirirá carácter definitivo logo de recibido o historial académico.

2. De ser o caso, o envío do historial académico irá acompañado do documento de avaliación final de terceiro curso.

Artigo 17. Formalización e custodia dos documentos

1. A apertura e actualización do expediente académico e do historial académico corresponde á secretaría do centro, así como a custodia e arquivamento dos documentos de avaliación.

2. O profesorado titor será responsable de cubrir os documentos de avaliación no soporte facilitado pola consellería con competencias en materia de educación.

Disposición adicional primeira. Avaliación individualizada de terceiro curso, avaliación final individualizada de sexto curso e informe indicativo do nivel obtido na avaliación final de etapa

A avaliación individualizada de terceiro curso, a avaliación final individualizada de sexto curso e o informe indicativo do nivel obtido na avaliación final de etapa regularanse pola súa normativa específica.

Disposición adicional segunda. Datos persoais do alumnado

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na aplicación desta disposición serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt@edu.xunta.es

Disposición adicional terceira. Supervisión do proceso de avaliación

Corresponde ao Servizo de Inspección Educativa asesorar e supervisar os procesos de avaliación que desenvolvan os centros docentes.

Disposición adicional cuarta. Soporte electrónico dos documentos de avaliación

Os centros docentes sostidos con fondos públicos rexistrarán nas aplicacións informáticas facilitadas pola consellería con competencias en materia de educación os datos necesarios para xerar os documentos oficiais de avaliación, que serán obtidos a partir das devanditas aplicacións. Xerarán en papel todos aqueles que se deban asinar, entregar e/ou arquivar.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Orde do 23 de novembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o artigo 10.1 da Orde do 6 de outubro de 1995 pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral.

2. Igualmente, quedan derrogadas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file