Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 17 de xuño de 2016 Páx. 24806

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 6 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as pequenas e medianas explotacións de cría de coellos da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 309037.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá ser beneficiaria das axudas reguladas na presente orde calquera persoa física ou xurídica, incluídas as sociedades cooperativas e as sociedades agrarias de transformación (SAT), que sexa titular dunha explotación cunícola situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todas as explotacións que soliciten a axuda deberán:

a) Cumprir as condicións mínimas establecidas no artigo 4.1 do Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas.

b) Atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

c) Posuír máis de 200 femias reprodutoras na última declaración censual obrigatoria correspondente ao ano 2015.

d) Ter a condición de pequenas e medianas empresas.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2016 as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, ás pequenas e medianas explotacións dedicadas á cunicultura (procedemento MR580A) na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto nesta Orde do 6 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as pequenas e medianas explotacións de cría de coellos da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Destinarase un crédito total de 250.000 euros a estas subvencións. A dita cantidade poderase incrementar con fondos adicionais segundo o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A contía individual da axuda calcularase con base no censo de animais do ano 2015, tendo en conta os seguintes criterios:

– A un primeiro tramo, de entre 0 e 300 unidades declaradas no censo de femias reprodutoras, asignaráselle proporcionalmente o 70 % da contía total da subvención cun máximo de 3 euros por femia.

– A un segundo tramo, de entre 301 e 500 unidades declaradas no censo de femias reprodutoras, asignaráselle proporcionalmente o 90 % da contía total da subvención, unha vez descontada a parte atribuída ao tramo anterior. O máximo por unidade neste tramo establecese en 2 euros por femia.

– A un último tramo, de máis de 501 unidades declaradas no censo de femias reprodutoras, repartiráselle proporcionalmente a contía restante ata acadar o 100 % da subvención.

En todo caso, o límite por explotación será de 15.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias