Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 28 de xullo de 2016 Páx. 33190

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 1 de xullo do 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal nas pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

A responsabilidade social empresarial (RSE) integra no plan de negocio das empresas a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese cos que interactúa, sendo un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade empresarial. Trátase dunha forma de actuar eficaz para a mellora do modelo produtivo porque combina criterios de eficiencia, sustentabilidade e igualdade de oportunidades.

É por isto que a través desta orde búscase fomentar a RSE, e como unhas das modalidades da mesma, a igualdade de xénero no ámbito laboral e a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, para garantir a efectiva conciliación da vida persoal e laboral das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, mediante medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, dando cumprimento ao establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e ao Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

O establecemento deste Programa de axudas vén, ademais, dar cumprimento ao recollido na Axenda para o Emprego da Xunta de Galicia, que ten, entre os seus retos, potenciar unha cultura empresarial de responsabilidade social, na que a corresponsabilidade, a conciliación e a igualdade de oportunidades xoguen un papel determinante na mellora das condicións de calidade do emprego.

Determinados programas desta orde están cofinanciados con fondos FSE 14-20, en concreto, baixo o seu eixo temático 8, destinado a promover a sustentabilidade e a calidade no emprego, na súa prioridade de Inversión 8.4, dedicada a promover a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, á progresión da carreira profesional, á corresponsabilidade, á conciliación da vida laboral e á vida privada e á promoción de igual remuneración por igual traballo.

Con base no anterior, esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

Liña I: Implantación da RSE.

Liña II: Elaboración e implantación de plans de igualdade.

Liña III: Conciliación da vida laboral, familiar e persoal que, á súa vez, comprende dous programas: Programa 1. Incentivos económicos para fomento do teletraballo e da flexibilidade horaria; e Programa 2: Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que fomenten o teletraballo.

Á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, con base no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de RSE e o impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de fomento da adopción de medidas de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Secretaría Xeral de Igualdade, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, para o ano 2016, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes e micropemes, incluídos autónomos, para implantar a RSE, para a procura da igualdade laboral e a corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar, persoal e laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Período

Esta orde cubre as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2016 e ata a data do remate do prazo de xustificación das actividades para as que se concede a axuda ou incentivo.

Artigo 3. Liñas e programas

1. As actuacións obxecto de axudas desagréganse nas liñas I, II e III e, este último, nos programas que se especifican a continuación:

a) Liña I. Implantación da RSE.

Mediante esta liña subvencionarase a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.

Estas normas ou estándares poderán ser de carácter xeral, tales como: Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (Pacto Mundial); Global Accountability 1000 (AA 1000); entre outras; ou específicas ou sectoriais, tales como: EMAS, ISO 14000 (ambiente), OSHAS 18000 (seguridade e saúde laboral), SGE 21, Empresa Familiarmente Responsable-EFR (conciliación); SA 8000, entre outras.

b) Liña II. Elaboración e implantación de plans de igualdade.

Axudas para a elaboración e implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos no artigo 68 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, este programa non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.

c) Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

1º. Programa 1. Incentivos económicos para o fomento de teletraballo e da flexibilidade horaria.

2º. Programa 2. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que fomenten o teletraballo.

Artigo 4. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das axudas previstas na liña I, realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A 474.1, código de proxecto 2016 00300 da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 75.000 €.

2. No caso da liña II, a concesión das axudas previstas realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.0, código do proxecto 2016 00299 da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 100.000 €.

3. No caso da liña III, programa 1. A concesión dos incentivos realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.0, con código de proxecto 2016 00299, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 400.000 €.

4. E, na liña III, programa 2 a concesión das axudas realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.771.0, con código de proxecto 2016 298, por un importe total de 24.259 €.

5. Se unha vez atendidas as solicitudes presentadas na liña II e no programa 1 da liña III, quedase remanente nalgún deles, a consellería resérvase para si a facultade de incrementar o crédito dun destes programas co crédito sobrante do outro.

6. A liña II e o programa 1 da liña III están cofinanciados nunha porcentaxe do 80 % , a través do programa operativo do FSE de Galicia 2014-2020, número CCI 2014ES05SFOP009, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 8 de decembro de 2015 e, en particular, no obxectivo temático 8 «promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral»; prioridade de investimento 8.4 «a igualdade entre homes e mulleres en todas as áreas, incluído o acceso ao emprego e á carreira profesional e a conciliación da vida laboral e a privada, así como a promoción do salario igualitario pola realización do mesmo traballo»; obxectivo específico 8.4.2 «(Re) integrar e manter no mercado laboral as persoas con dependentes ao seu cargo, a través de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, e fomentar a igualdade de xénero no ámbito formativo, educativo e laboral».

Este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión.

7. Nos programas cofinanciados polo FSE serán de aplicación o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro), o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Social Europeo (FSE).

8. En todo caso, respectaranse as condicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, así como a normativa estatal de subvencionalidade dos gastos do período 2014-2020.

9. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 5. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), nesta consideración inclúense microempresas e persoas traballadoras autónomas con traballadores e traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axuda.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que teñan contratado un mínimo dun 10 % do seu persoal en Galicia e, cando menos, catro persoas.

3. As empresas solicitantes deberán cumprir, así mesmo, os requisitos xerais exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ademais, as solicitantes deben reunir as seguintes condicións:

a) Que conten con persoas traballadoras por conta allea, cun máximo de 250 persoas. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea no momento da presentación da solicitude.

b) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

c) Non poden ser entidades sen ánimo de lucro nin entidades públicas.

d) Atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

5. As empresas que resulten beneficiarias da liña II e o programa I da liña III deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 125.4.b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

CAPÍTULO II

Liña I. Implantación da RSE

Artigo 6. Requisitos específicos para as empresas beneficiarias

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos establecidos no artigo 5, conten, como mínimo, cunha persoa traballadora por conta allea, e implanten a RSE na súa xestión.

Artigo 7. Actividade subvencionable e contía da axuda

Terá a consideración de actividade subvencionable a obtención das certificacións das normas ou estándares mediante o pagamento do 100 % dos custos que leve consigo o dito proceso, cun máximo de 2.500 €, por empresa. Os orzamentos presentados coa solicitude, en ningún caso, deberán superar os prezos de mercado existentes no ano 2016.

Artigo 8. Documentación (procedemento TR357B)

As solicitantes desta liña deberán presentar:

1. Anexo I desta orde, debidamente cuberto.

2. Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante legal, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

3. Copia da escritura de constitución ou estatutos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

4. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2015.

5. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

6. Certificados de débedas expedidos, para a obtención de subvencións, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no caso de denegar expresamente a súa consulta a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

7. Memoria explicativa das actuacións da empresa en materia de RSE, ou das que se van implementar.

8. Orzamento previsto ou executado por conceptos.

CAPÍTULO III

Liña II. Elaboración e implantación de plans de igualdade

Artigo 9. Requisitos das empresas beneficiarias

1. Serán beneficiarias desta liña as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 5, conten cun mínimo de 5 persoas traballadoras por conta allea e que elaboren e implanten dun xeito voluntario ou, en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade, nos termos exixidos nos artigos 65 e 66 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade para os plans legalmente obrigatorios.

2. Os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados entre a empresa e a representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento.

Artigo 10. Actividades que se subvencionan. Plan de igualdade

A actividade que se subvenciona é a elaboración e implantación dun plan de igualdade. O Plan de igualdade, que deberá ter unha vixencia determinada, constará como mínimo dos seguintes contidos:

a) Unha diagnose previa da situación da empresa, desde a perspectiva de xénero que incluirá necesariamente, respecto ao último ano e diferenciando por sexo, os seguintes aspectos:

1º. Avaliación dos postos de traballo.

2º. A análise da composición do persoal por grupos profesionais e centros de traballo, de ser o caso, desagregando os datos por sexo e tipos de contrato.

3º. Xornada laboral: tipo da xornada e duración en número de horas.

4º. Estrutura salarial e extra salarial.

5º. Outras cuestións: medidas de corresponsabilidade e de conciliación, formas de prevención do acoso sexual e por razón de sexo e comunicación e publicidade.

b) Obxectivos de mellora coherentes co resultado da diagnose.

c) Medidas e accións concretas adecuadas para a consecución dos obxectivos establecidos.

d) Indicadores e delimitación temporal das actuacións para poder efectuar o seu seguimento e control periódico.

Artigo 11. Contía da subvención

1. A contía da axuda será o pagamento do 100 % dos custos que leve consigo o dito proceso, cun máximo de 2.000 € por empresa. Os orzamentos presentados, en ningún caso, deberán superar os prezos de mercado existentes no ano 2016.

2. Cada empresa só poderá ser beneficiaria destas axudas por unha soa vez.

Artigo 12. Documentación da liña II (procedemento TR357C)

1. Anexo II desta orde, cuberto en todos os seus puntos.

2. Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante legal, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

3. Copia da escritura de constitución ou estatutos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

4. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2015.

5. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida os 30 días inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude.

6. Certificados de débedas expedidos, para a obtención de subvencións, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no caso de denegar expresamente a súa consulta a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

7. Proxecto do plan de igualdade no que consten os contidos recollidos no artigo 10 e un cronograma das actividades previstas para a súa posta en funcionamento.

8. Informe do custo de implantación do plan de igualdade, detallado segundo os contidos recollidos no artigo 10.

9. Informe da persoa representante da entidade que elabore o plan de igualdade que acredite a cualificación e a experiencia das persoas que elaboren o dito plan.

10. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 28.2 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica nese artigo.

CAPÍTULO IV

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal

Programa 1. Incentivos económicos para o fomento de teletraballo
e da flexibilidade horaria

Artigo 13. Empresas beneficiarias

1. No caso de incentivos para fomentar a flexibilidade espacial ou teletraballo, poderán ser beneficiarias as empresas que, ademais de reunir os requisitos exixidos no artigo 5:

a) Formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a un ano, cunha traballadora ou cun traballador vinculado á empresa por contrato laboral, ou ben un acordo colectivo cos seus traballadores e traballadoras.

b) Contraten persoal na modalidade de teletraballo e establezan co traballador/a un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a un ano.

2. No caso de incentivos para fomentar a adopción de medidas de flexibilidade horaria, poderán ser beneficiarias as empresas que, ademais de reunir os requisitos exixidos no artigo 5, establezan en convenio colectivo de empresa ou mediante acordo entre a empresa e os/as representantes do persoal ou, no seu defecto, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria, tales como sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, traballo a tempo parcial, empregos compartidos, permisos especiais no caso de emerxencias familiares, etc. e por un período non inferior a un ano.

Artigo 14. Actividades que se incentivan

1. No caso de teletraballo, incentivaranse a adopción de acordos que se formalicen e que deberán ter por obxecto o establecido no artigo 13.1.

2. No caso de flexibilidade horaria, incentivaranse a adopción dos acordos que se formalicen e que deberán ter por obxecto o establecido no artigo 13.2.

Artigo 15. Contía dos incentivos

1. No caso de teletraballo, as axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por traballadora ou traballador cun acordo, individual ou colectivo, de teletraballo, formalizado nun contrato de teletraballo, ben por adaptación do contrato que tiña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina é, polo menos, igual á masculina.

2. No caso de flexibilidade horaria, as axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina é, polo menos, igual á masculina.

Artigo 16. Requisitos dos acordos de teletraballo e de flexibilidade horaria

1. O acordo de teletraballo reflectirá que a súa finalidade é a conciliación e, como mínimo, as condicións laborais do posto ou postos, que deberán ser comparables as condicións das persoas traballadoras nas instalacións da empresa. Establecerá o lugar de traballo; a accesibilidade do traballador ou traballadora a requirimento da empresa, vacacións e retribucións; os métodos de traballo polos que fixará o sistema formalizado de traballo, quen recibe ou supervisa o traballo, de que forma e os tipos de comunicación; sistema de prevención de riscos laborais; establecerá os custos variables, tales como electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipo, ou seguros derivados da realización do traballo e o sistema de reembolso ou compensación. A propiedade do equipo de traballo obxecto de axuda e o seu mantemento corresponden á empresa. No citado acordo recolleranse tamén aqueles aspectos relativos ás cláusulas de confidencialidade e aqueloutros aspectos necesarios para o óptimo desenvolvemento do posto de traballo.

O teletraballo pode formar parte da descrición inicial do posto de traballo ou se pode iniciar posteriormente, deben en ambos os dous casos documentarse mediante o «acordo individual de teletraballo». O paso ao teletraballo en si non modifica o estatuto laboral da persoa traballadora.

A empresa facilitará ás persoas teletraballadoras e aos representantes dos traballadores información acerca das condicións de seguridade e saúde laboral en que se deba prestar o teletraballo. O desenvolvemento do teletraballo no domicilio do traballador unicamente será posible cando o dito espazo resulte axeitado ás exixencias de seguridade e saúde laboral.

2. O acordo de flexibilidade horaria reflectirá, como mínimo, as condicións laborais do persoal da empresa, polo que establecerá o lugar de traballo, o horario establecido, os permisos existentes, vacacións, retribucións, etc.; así como o detalle das medidas de flexibilidade horaria implantadas.

CAPÍTULO V

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal

Programa 2. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos
que fomenten o teletraballo

Artigo 17. Empresas beneficiarias

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais de reunir os requisitos exixidos no artigo 5:

a) Conten cun mínimo dunha persoa traballadora por conta allea.

b) Pertenzan a sectores non tecnolóxicos da economía.

Artigo 18. Actividades subvencionables

1. Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos físicos tales como: ordenador persoal, para o acceso a internet e todos aqueles periféricos necesarios para as tarefas a desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware necesarios para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral e familiar.

2. Non será subvencionable o software nin outro tipo de gasto distinto do sinalado, así mesmo, non serán subvencionables os tributos e impostos indirectos susceptibles de repercusión, de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 19. Contía das axudas

3. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, e por unha soa vez, co tope de 1.500 euros por traballadora ou traballador e co límite máximo de 5.000 euros por empresa.

2. A intensidade da axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

Artigo 20. Documentación liña III (Procedemento TR357D)

1. Documentación xenérica

a) Anexo III desta orde, debidamente cuberto.

b) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante legal, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

c) Copia da escritura de constitución ou estatutos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

d) Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2015.

e) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

f) Certificados de débedas expedidos, para a obtención de subvencións, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia no caso de denegar expresamente a súa consulta a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

g) Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 28 e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

2. Documentación específica. Liña III. Programa 1.

Para poder optar aos incentivos do artigo 15 deberán presentar, orixinal do acordo, individual ou colectivo, asinado polo empresario/a e polos/as representantes legais do persoal afectado pola medida conciliatoria, de teletraballo ou flexibilidade horaria e, no caso de non existir representación legal, asinado polo propio traballador ou traballadora afectada.

3. Documentación específica. Liña III. Programa 2

a) Memoria explicativa e descritiva das actuacións materiais que se vaian realizar, así como o número de persoas traballadoras da empresa ás que vaia beneficiar a dita actuación.

b) Orzamento detallado dos gastos para os que solicita a axuda, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, especificando o IVE.

CAPÍTULO VI

Competencia e procedemento

Artigo 21. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 22. Solicitudes

1. As solicitudes das distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas e, de ser o caso, por cada un dos programas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes rematará nun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

2. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 24. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial e no DOG a relación das persoas beneficiarias e o importe dos incentivos e das axudas concedidos. Incluirá, igualmente, os referidos incentivos e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.es

Artigo 26. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

3. A Secretaría Xeral de Emprego, unha vez recibida a documentación de solicitude, poderá recadar informe ao Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria para os efectos de determinar se as actividades que se van realizar poden ser subvencionadas, de acordo cos requisitos exixidos nesta orde de convocatoria e na normativa específica de igualdade.

4. O procedemento de concesión dos incentivos e subvencións recollidos nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Avaliación das solicitudes

1. Unha vez instruídos os expedientes pasarán, para o seu exame, á Comisión de Avaliación que informará ao órgano instrutor. Este órgano elevará a proposta á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, quen por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, será quen resolva poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a Comisión de Avaliación, estará formada polos seguintes integrantes: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, quen presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral e un/unha xefe/a de sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión, que actuará como secretario/a. Poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa funcionaria da Unidade Administrativa de Igualdade que actuará con voz e sen voto.

3. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a persoa que exerza a presidencia, ou persoa na que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

4. A Comisión de Avaliación, de xeito motivado, poderá requirir das entidades solicitantes dos incentivos e das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 28. Criterios de avaliación

1. A valoración das solicitudes presentadas, dentro de cada liña e de cada programa, efectuarase de acordo cos criterios e a ponderación que de seguido se relacionan:

a) Criterios de avaliación para a liña I, RSE: a comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas conforme o seguinte baremo (máximo 60 puntos):

1º. Ter elaborado o informe de responsabilidade social da empresa a través da plataforma Xunta-Pro RSE. 20 puntos.

2º. A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa beneficiaria, é dicir, a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total de cadro de persoal da empresa, sempre que ésta sexa superior ao 20 %. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima obterase cunha taxa de estabilidade superior ao 80 %.

3º. Pola proporción entre homes e mulleres que traballan na empresa, incluíndo o persoal de alta dirección. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos sexos, é dicir, cun 50 % a un 60 % de homes ou mulleres na empresa.

b) Criterios de avaliación para a liña II, igualdade: a comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas conforme o seguinte baremo (máximo 80 puntos):

1º. Polo número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria destas axudas. Máximo 30 puntos. A puntuación máxima obterase con máis de 100 persoas traballadoras.

2º. Pola proporción entre homes e mulleres, incluíndo o persoal de alta dirección. Máximo 20 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos sexos, é dicir, cun 50 % a un 60 % de homes ou mulleres na empresa.

3º. Pola aplicación destas medidas en materia de igualdade en empresas de menos de 10 persoas traballadoras. 10 puntos.

4º. Pola incorporación nos plans de igualdade de medidas de apoio á inserción, permanencia e promoción laboral das mulleres en xeral e das que sofren violencia de xénero en particular, ou pola contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, en cumprimento do establecido no artigo 36.2 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Máximo 10 puntos. A puntuación máxima obterase coa contratación efectiva. Deberán acreditar a referida incorporación no plan cunha declaración responsable das medidas adoptadas ou do compromiso de adopción desas medidas e, no caso de contratación efectiva, copia cotexada do contrato.

5º. Pola contratación de persoas expertas para todas as fases da implantación do plan de igualdade. Máximo 10 puntos. A puntuación máxima obterase con máis dunha contratación. Deberá acreditarse con copia cotexada do contrato.

c) Criterios de avaliación para a liña III, programas l e II. Conciliación

A comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas conforme o seguinte baremo (máximo 70 puntos). Os criterios establecidos son comúns para os dous programas.

1º. Segundo o tipo de empresas:

• Microempresas: 10 puntos.

• Pequenas empresas: 8 puntos.

• Medianas empresas: 6 puntos.

2º. Segundo os postos de teletraballo:

• Contratación de persoal neste tipo de modalidade: 5 puntos por persoa.

• Desempeñados por persoas con contrato laboral indefinido: 5 puntos por posto.

• Desempeñados por persoas con responsabilidades familiares en solitario: 15 puntos por posto.

• Desempeñados por persoas con responsabilidades familiares compartidas: 9 puntos por posto.

• Período de tempo polo que se establece o acordo de teletraballo, en cómputo anual e superior ao mínimo dun ano: 2 puntos por ano co máximo de 8 puntos.

3º. Segundo a medida de flexibilidade horaria implantada: sempre que sexa superior ao establecido na lexislación vixente ou no convenio de aplicación que sexa superior a empresa:

• Dispoñer dunha franxa horaria de entrada e de saída para organizar a xornada laboral en función das necesidades ou preferencias particulares, 6 puntos.

• Implantación de xornada intensiva algún día da semana, 1 punto.

• Implantación de xornada intensiva toda a semana: 6 puntos.

• Implantación de sistemas de compensación de días e/ou horas, 6 puntos.

• Implantación de xornadas semanais comprimidas, 6 puntos.

• Implantación de xornada intensiva en períodos coincidentes coas vacacións escolares, 9 puntos.

• Implantación de permisos especiais en casos de emerxencias familiares, 6 puntos.

• Implantación de empregos compartidos, 6 puntos.

• Implantación de permisos retribuídos para atender enfermidades graves de familiares ata o 2º grao, 9 puntos.

• Implantación de días de libre disposición, 6 puntos.

2. No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterios de desempate, en primeiro lugar, a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados e, en segundo lugar, o emprego da lingua galega na realización das liñas e programas subvencionados. No caso de persistir, terase en conta a data de presentación da solicitude.

Artigo 29. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás entidades interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contado desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As empresas comunicarán a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas ás persoas representantes das persoas traballadoras, ou a estas directamente, se non houbese esa representación, indicando a actividade subvencionada e a contía concedida.

5. As resolucións que se diten neste procedemento deberán comunicar ás empresas beneficiarias dos incentivos o importe destes e informar sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

6. Nas resolucións de concesión das subvencións cofinanciadas con fondos europeos, comunicarase a obrigatoriedade da contabilidade separada ou dun código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional, en cumprimento do artigo 125 do regulamento (UE) nº 1303/2013, que regula as funcións da autoridade de xestión, e que no seu punto 4.b), establece que a dita autoridade deberá garantizar que as beneficiarias das operacións manteñen o dito sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado a todas as transaccións relacionadas cunha operación.

7. Por estar as axudas da liña II e o programa 1 da liña III cofinanciados polo FSE, na resolución de concesión destas, informaráselle á empresa beneficiaria de que a axuda está cofinanciada polo P.O. FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciación de que se trate. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique ás empresas beneficiarias estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidas as beneficiarias, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financiero e o calendario de execución.

Artigo 30. Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento efectuarase a favor das empresas beneficiarias, de xeito nominativo e único, pola súa totalidade e logo de que acrediten os gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como incentivo ou subvención.

3. En todo caso, a forma de xustificación deberá axustarse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo esta normativa, e entre outros aspectos, considérase que, en ningún caso, serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. No caso das axudas correspondentes á liña II, o método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto no artigo 67.1 c) e 67.5 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Artigo 31. Documentación acreditativa

De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións e dos incentivos quedará condicionado á presentación, na data límite do 31 de outubro de 2016 (agás que na resolución de concesión se estableza, motivadamente, unha data posterior), da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

1. Documentación xenérica:

a) Documento acreditativo de que a empresa comunicou ás persoas representantes legais dos traballadores e traballadoras a resolución administrativa de concesión dos incentivos e axudas solicitadas. No suposto de que non haxa representantes legais dos traballadores e traballadoras, a comunicación debe realizarse ás persoas traballadoras da empresa. Para deixar constancia de que a dita comunicación foi recibida ás persoas destinatarias deberán identificarse nela co seu DNI, nome, apelidos e sinatura.

b) Xustificantes de cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta) correspondente ao mes anterior á finalización do prazo de xustificación.

c) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data da xustificación.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo IV desta orde.

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobados ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

2. Documentación específica:

a) Para a liña I, RSE:

1º. Certificación da norma ou estándar implantado. O documento deberá ser orixinal ou fotocopia cotexada.

2º. Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias cotexadas.

b) Para a liña II, plans de Igualdade

1º. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data da xustificación.

2º. Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas e incentivos cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas nas que se contabilizaron os gastos imputados, con indicación de que son cofinanciados polo FSE, as datas, importes e os números dos asentos contables. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

3º. O plan de igualdade elaborado, segundo os requisitos exixidos nesta orde. Deberán figurar os logos da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Fondo Social Europeo.

4º. Folla de recollida de datos co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, e dos indicadores específicos establecidos de conformidade co artigo 27.4 e 96.2.b) incisos ii) e iv), do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os datos relativos aos indicadores de execución e de resultados achegaranse, de forma obrigatoria, no modelo que figura na páxina web cuxo acceso se lles comunicará coa resolución de concesión.

c) Para a liña III: conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Programa 1: incentivos económicos para medidas de teletraballo e flexibilidade horaria.

1º. Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren incentivos cofinanciados polo FSE. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada do ingreso dos incentivos con indicación de que o dito ingreso procede do Fondo Social Europeo.

2º. Folla de recollida de datos co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, e dos indicadores específicos establecidos de conformidade co artigo 27.4 e 96.2.b) incisos ii e iv do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os datos relativos aos indicadores de execución e de resultados achegaranse, de forma obrigatoria, no modelo que figura na páxina web cuxo acceso se lles comunicará coa resolución de concesión.

No caso de teletraballo:

Se se trata dunha nova contratación: copia cotexada dos documentos de alta na Seguridade Social e contrato correspondente onde figure as cláusulas específicas da súa inclusión de teletraballador ou teletraballadora, segundo o artigo 13 do Estatuto dos traballadores.

Se se trata dunha modificación da modalidade do contrato de traballo dunha traballadora ou un traballador vinculado á empresa por contrato laboral: copia cotexada dos documentos de alta na Seguridade Social, contrato correspondente e acordo de teletraballo.

Sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo, tales como, de existir, os partes diarios elaborados por parte do teletraballador/a onde quede constancia das actividades desenvolvidas, así como informes que o teletraballador/a envía ao seu departamento coas tarefas desempeñadas ou os obxectivos acadados cada día que desempeña a súa actividade desde o seu domicilio.

No caso de flexibilidade horaria:

Acordo adoptado entre a empresa e os representantes do persoal, ou no seu defecto, a totalidade dos traballadores e traballadoras, que conteña as medidas implantadas detallando por cada unha delas, días, horas ou supostos nos que se aplicará, segundo o número de persoas asinantes. Os acordos colectivos de empresa deberán estar rexistrados no Rexistro de convenios e acordos colectivos (REGCON).

Memoria onde se reflicta o grao de cumprimento das medidas incentivadas, así como o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante, cando menos, un ano.

Os documentos xustificativos deberán estar comprendidos entre o 1 de xaneiro 2016 e a data de finalización do prazo de xustificación.

d) Para a liña III: conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Programa 2: subvención para a adquisición de elementos tecnolóxicos para teletraballo:

1º. Facturas dos gastos para os que se concede a axuda, acompañados dos xustificantes bancarios acreditativos do pagamento.

2º. Copia cotexada dos documentos de alta na Seguridade Social da persoa ou persoas traballadoras, así como do contrato correspondente e do acordo de teletraballo.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a empresa beneficiaria da subvención teña presentado a documentación exixida, requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

4. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

CAPÍTULO VII

Obrigas, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 32. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. As subvencións para a liña I e para o programa 2 da liña III recollidos nesta orde son compatibles coas axudas concedidas por outros entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de incentivos previstos nesta.

3. A subvención da liña II e os incentivos do programa 1 da liña III recollidos nesta orde son incompatibles con outras axudas concedidas por outros entes públicos ou privados para a mesma finalidade.

4. Os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios poderán acollerse a axudas procedentes doutro instrumento financeiro comunitario sempre que non exista solapamento a nivel de gasto.

Artigo 33. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas e incentivos as que se detallan para as beneficiarias das axudas e subvencións no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como, dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos. En especial, e dado que os incentivos e as subvencións concedidas ao abeiro da liña II e do programa 1 da liña III desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, funcións para as que poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, a persoal técnico ou funcionario de dita consellería; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, incluídas as visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. No caso das axudas concedidas ao abeiro da liña II e do programa 1 da liña III, cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio do fondo a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

7. No caso das axudas concedidas ao abeiro da liña II e do programa 1 da liña III, realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE e dos indicadores específicos establecidos no artigo 27.4 e 96.2.b) incisos ii e iv do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Neste sentido, na súa cobertura deberase respectar o principio de integridade dos datos.

a) Os indicadores de execución relativos unicamente ás persoas participantes, por cada entidade solicitante, deberanse referir á data inmediatamente anterior ao inicio do período da acción subvencionada, plan de igualdade, flexibilidade ou teletraballo.

b) Os indicadores de resultado inmediato, relativos ás ditas persoas participantes, deberanse cubrir de xeito previo á xustificación e, en todo caso, nas catro semanas seguintes á finalización da acción que corresponda, consonte os modelos de follas de seguimento relacionadas para cada liña no artigo 31 desta convocatoria.

c) Os indicadores de resultado a longo prazo, tamén relativos ás persoas participantes, deberanse cubrir transcorridos seis meses desde que finalice a actividade.

Artigo 34. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destes incentivos e axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 35. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total da actividade para a que se concedeu o incentivo ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impediran dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

c) O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 33 puntos 3 e 4 desta orde dará lugar ao reintegro da totalidade do incentivo ou da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

h) O incumprimento da obriga sinalada no artigo 33.4 desta orde dará lugar ao reintegro do 2 % do incentivo ou da subvención concedida.

i) O incumprimento da obriga sinalada no artigo 33.6 desta orde dará lugar ao reintegro do 2 % do incentivo ou da subvención concedida.

j) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 36. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 37. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións e dos incentivos concedidos para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para a liña II:

a) Para levar a cabo un correcto control anual do desenvolvemento do plan de igualdade, as empresas achegarán á Secretaría Xeral de Emprego, durante o primeiro trimestre do ano 2017, a solicitude de certificación da implantación do plan, expedida polo Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

b) Se a solicitude de certificación da implantación do plan non se presenta no prazo sinalado por causas debidamente xustificadas, poderáselle conceder unha prórroga non superior a un mes e previa solicitude da empresa interesada. A falta de presentación da solicitude de certificación dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro total da subvención de acordo coa lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Unha vez certificada a implantación do plan de igualdade, as empresas beneficiarias desta subvención, deberán achegar a dita certificación á Secretaría Xeral de Emprego no mes de decembro do ano 2017. Se a certificación da implantación do plan non se presenta no prazo sinalado por causas debidamente xustificadas, poderáselle conceder unha prórroga previa solicitude da empresa interesada.

4. Para a Liña III. Programa 1:

As empresas beneficiarias do incentivo para a adopción de medidas de flexibilidade horaria achegarán, durante o ano 2017, unha memoria onde se reflicta o grao de cumprimento das medidas incentivadas.

Artigo 38. Axudas baixo condicións de minimis.

1. As axudas establecidas nesta orde están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo tanto non poderán exceder dos límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non se poderá conceder a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Disposición adicional. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas empresas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file