Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 28 de xullo de 2016 Páx. 33235

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal nas pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Idenf.): 313248.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Pequenas e medianas empresas (pemes), nesta consideración inclúense microempresas e persoas traballadoras autónomas con traballadores e traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axuda.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que teñan contratado un mínimo dun 10 % do seu persoal en Galicia e, cando menos, catro persoas.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras, para o ano 2016, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes e micropemes, incluídos autónomos, para implantar a RSE, para a procura da igualdade laboral e a corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar, persoal e laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal nas pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede ao da súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse cinco centos noventa e nove mil douscentos cincuenta e nove euros (599.259 €), de acordo coa seguinte distribución:

Liña I. Implantación da RSE: setenta e cinco mil euros (75.000 €).

Liña II. Elaboración e implantación de plans de igualdade: cen mil euros (100.000 €).

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

Programa 1. Incentivos económicos para o fomento de teletraballo e da flexibilidade horaria: catro centros mil euros (400.000 €).

Programa 2. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que fomenten o teletraballo: vinte e catro mil douscentos cincuenta e nove euros (24.259 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria