Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 31 de agosto de 2016 Páx. 38564

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2016.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao cal deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e a innovación; desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva; e desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial. A EE2020 fixa cinco obxectivos para seren cumpridos a nivel europeo, con fitos específicos para cada país.

Trátase duns obxectivos que se asocian directamente aos obxectivos temáticos (OT) que aparecen recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (en diante Regulamento (UE) nº 1303/2013).

A presente convocatoria está cofinanciada con fondos Feder do programa operativo de Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80 %:

Obxectivo temático 1. Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación.

Prioridade de investimento 2. Fomento do investimento por parte das empresas en innovación e investigación, desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento, e o sector do ensino superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes.

Obxectivo específico 3. Fomento e xeración de coñecemento de fronteira e de coñecemento orientado aos retos da sociedade, desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes.

Liña de actuación 25. Medidas de mellora e apoio aos centros de investigación singulares do Sistema universitario de Galicia (SUG).

Actividade 29. Apoio aos centros de investigación singulares do SUG.

Esta actuación permite financiar a investigación de excelencia nas estruturas de investigación supragrupais do SUG (centros singulares de investigación e agrupacións estratéxicas) reforzando a súa capacidade de investigación e posicionamento internacional. Na Estratexia de especialización intelixente (RIS 3) deseñada para Galicia proponse a concentración dos recursos de coñecemento dispoñibles no contexto rexional para poder competir nun contexto global.

Con respecto a isto, os diferentes plans de investigación da Xunta de Galicia, así como os seus instrumentos financeiros, veñen recoñecendo a importancia dunha investigación interdisciplinar de excelencia e de alto impacto, que xorde como consecuencia da agregación das capacidades de diferentes grupos de investigación e do fomento da investigación cooperativa entre eles, en ámbitos e estruturas organizativas ben definidas co obxecto de asumir novos retos e aumentar a capacidade competitiva.

Para tal fin, en diferentes anualidades, convocáronse axudas para unha liña de actuación específica que pretendía fomentar as estratexias de cooperación «supragrupo» de investigación, que permitise incrementar tanto a calidade das súas actuacións en I+D como a capacidade para asumir estes novos retos, mediante a creación de agrupacións estratéxicas que debían constituír a cerna en que se cimentasen futuras políticas de apoio.

Chegados a este punto resulta obrigado realizar unha nova convocatoria que permita estabilizar o programa de axudas, que valorice o traballo desenvolvido polas agrupacións cunha traxectoria máis dilatada e que posibilite a realización de proxectos estratéxicos de investigación e a acreditación e recoñecemento de novas estruturas de investigación coa denominación de centros de investigación singulares de Galicia e agrupacións estratéxicas consolidadas, segundo o procedemento que para tal efecto se establece nesta orde.

Para os efectos desta convocatoria enténdense os proxectos estratéxicos de investigación como a carteira de actividades de investigación da unidade no período 2016-2019, incluíndo as accións de soporte para dotar a unidade da capacidade técnica, relacional e xerencial necesarias para acadar os obxectivos estratéxicos de excelencia científica e impacto internacional na investigación fixados para este período.

O recoñecemento e apoio a estas estruturas de investigación integradas nas universidades galegas permite o fortalecemento institucional e a potenciación destas organizacións, que destacan polas súas capacidades científicas e a súa contribución á xeración e difusión de coñecemento. A actuación ten a finalidade de impulsar a calidade e o impacto da investigación realizada en Galicia e potenciar o efecto tractor que estas unidades exercen sobre o conxunto do sistema.

Así, a finalidade desta convocatoria é dobre: por unha banda realiza unha avaliación que permite recoñecer a capacidade tractora das unidades de investigación e, por outra, outorga axudas para o desenvolvemento dun programa de investigación co obxectivo de fortalecer as súas capacidades e liderado. As axudas concédense en función dunha serie de criterios que, de forma obxectiva, valoran a calidade científico-técnica, capacidade e características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación en consonancia cos retos estratéxicos contidos na RIS3 Galicia, e tamén co esquema de Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación horizonte 2020, co fin de procurar, nun prazo medio e longo, a obtención de retornos sociais.

O obxectivo é reforzar a súa capacidade para implementar programas de investigación e de recursos humanos no ámbito da súa propia estrutura que reforcen a súa posición de liderado internacional nas correspondentes áreas científicas de especialización.

Complementariamente, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración a perspectiva e igualdade de xénero nas propostas presentadas.

Nesta liña tómase en consideración o principio establecido no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 promovendo activamente a integración da perspectiva de xénero nas operacións obxecto de cofinanciamento.

Esta convocatoria é coherente coa normativa comunitaria e coas directrices elaboradas pola Comisión Europea sobre as opcións de custos simplificados, que teñen por obxecto a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas ás entidades beneficiarias, e a redución da posibilidade de erro e a carga administrativa aos promotores do proxecto. Esta convocatoria acolle na súa regulación a posibilidade recollida no artigo 68 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 distinguindo entre custos directos, suxeitos ao réxime ordinario de xustificación por medio de documentos xustificativos do gasto e pagamento, e custos indirectos, suxeitos ao réxime de custos simplificados a través dun tanto por cento global.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do SUG e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2016.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ao procedemento de acreditación, así como ás axudas para a estruturación e mellora de unidades de investigación supragrupais baixo as denominacións de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do SUG, entendidas como novas estruturas organizativas de investigación máis eficientes, mediante a integración estable dos recursos, capacidades e obxectivos de antigas agrupacións estratéxicas.

Estas axudas pretenden dous obxectivos:

a) A acreditación de unidades de investigación como «centros de investigación singulares de Galicia» ou ben como «agrupacións estratéxicas consolidadas» segundo as súas capacidades e o resultado do proceso de avaliación en concorrencia competitiva que se desenvolva ao abeiro desta convocatoria.

b) O financiamento dos seus proxectos estratéxicos de investigación, durante o período 2016-2019, para fortalecer as súas capacidades científicas; potenciar o liderado internacional da investigación galega; impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas, incluíndo a colaboración con outros centros, unidades e co tecido empresarial; mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico; contribuír á formación, atracción e incorporación de talento; incrementar a masa crítica de persoal investigador; e a actuar como axentes tractores no Sistema galego de I+D+i.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta convocatoria terán a consideración de:

Unidade de investigación: unidade estable de investigación, de carácter supragrupal, que participa nesta convocatoria para a súa acreditación e financiamento como centro singular de investigación ou agrupación estratéxica consolidada.

Centros singulares de investigación de Galicia: cada unha das unidades de investigación que, no ámbito desta convocatoria, obteñan a acreditación e financiamento nesa modalidade ou categoría.

Agrupacións estratéxicas consolidadas: cada unha das unidades de investigación que, no ámbito desta convocatoria, obteñan a acreditación e financiamento nesa modalidade ou categoría.

Director/a científico/a: persoa que ten ao seu cargo a dirección científica da unidade de investigación cunha dedicación total.

Proxectos estratéxicos de investigación: carteira de actividades de investigación da unidade de investigación no período 2016-2019, incluíndo as accións de soporte para dotar a unidade da capacidade técnica, relacional e de xestión necesarias para acadar os obxectivos estratéxicos de excelencia científica e impacto internacional na investigación fixados para este período.

Consello asesor do programa: órgano colexiado que se crea ao abeiro desta orde con funcións de asesoramento, orientación e proxección exterior das accións do programa.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades do SUG e destinaranas aos centros singulares de investigación e ás agrupacións estratéxicas consolidadas, de acordo coa categoría que acaden as propostas presentadas nesta convocatoria.

Artigo 4. Requisitos

As solicitudes que presenten as universidades deberán cumprir na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:

1. Que a proposta presentada estea conformada por unha unidade supragrupal que obtivese financiamento como agrupación estratéxica nunha convocatoria de concorrencia competitiva da Xunta de Galicia anterior ao 1 de xaneiro de 2014.

2. Que as dependencias da unidade de investigación estean perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas no seo das propias universidades e localizadas en Galicia.

3. Que presenten os seus proxectos estratéxicos de investigación con base en hipóteses que poderán ser reformuladas durante a vixencia da axuda, sempre co acordo favorable da Secretaría Xeral de Universidades, e que incluirán os contidos que se detallan no artigo 8 desta orde.

Artigo 5. Contía e duración

As axudas serán de aplicación por un período de 4 anualidades segundo a seguinte distribución por modalidades e anos:

Modalidade A: centros singulares de investigación: unha contía máxima de 400.000 € na primeira anualidade e de 800.000 € na segunda, terceira e cuarta, para cada un dos centros singulares de investigación que se constitúan con cargo a estas axudas.

Modalidade B: agrupacións estratéxicas consolidadas: unha contía máxima de 200.000 € na primeira anualidade e de 400.000 € na segunda, terceira e cuarta, para cada unha das agrupacións que se concedan con cargo a estas axudas.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento das actuacións para que foron concedidas. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas:

a) Custos directos: os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo coa actividade pode demostrarse. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custo de contratación de persoal propio e de nova contratación (investigadores, técnicos ou auxiliares de investigación). Non se subvencionarán os custos de persoal que xa estean cubertos polas dotacións previstas na Lei de orzamentos xerais do Estado ou nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. Custos de equipamento inventariable e material funxible de nova adquisición, na medida e durante o período en que se utilicen para as actividades obxecto desta convocatoria.

Se a vida útil do equipamento se esgota ao termo do período de duración da axuda, considerarase como gasto o custo de adquisición. Se a vida útil do equipamento excede a duración da axuda, só serán imputables os custos de amortización que correspondan, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Deberá xustificarse na solicitude a vida útil deste equipamento.

Para que este custo sexa considerado como gasto, deberá detallarse na solicitude o procedemento de cálculo seguido para determinar os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades.

O material funxible, de oficina ou informático, non poderá exceder o 5 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

Dentro deste punto considerarase:

– A instalación do equipamento, sempre que sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

– As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades específicas e non de uso xeral.

Neste punto non se considerarán os seguintes gastos:

– Instalacións de edificios (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións...) e as que non sexan estritamente necesarias para o funcionamento de equipamento científico e técnico.

– Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades subvencionadas, como zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina...

– Licenzas de software xeral.

3. Os custos de viaxe, axudas de custo e aloxamento de membros do centro ou da agrupación, ou do persoal adscrito ao proxecto para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Este punto abranguerá unicamente gastos de viaxe (por exemplo billetes, quilometraxe do vehículo, peaxes e gastos de aparcadoiro), custos de comida e de aloxamento nas contías máximas sinaladas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (actualizado por Resolución do 29 de decembro de 2005, DOG núm. 250, do 30 de decembro) para un grupo I. Non se considerarán neste punto os/as colaboradores/as externos/as do centro ou da agrupación.

4. Consultoría e asesoramento externo para a presentación de proxectos no marco do Programa horizonte 2020, así como contratación de servizos externos entendidos como actividades prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes para a execución das actividades investigadoras propias dos proxectos estratéxicos de investigación. Se a actividade que se vai realizar forma parte da propia investigación, deberá ser considerada como subcontratación. Estes servizos deberán ser necesarios para o desenvolvemento das actividades e estar debidamente xustificados na solicitude ou na memoria xustificativa do gasto.

5. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría da xustificación económica por cada centro ou agrupación que obteña financiamento en cada unha das anualidades en que a axuda estea activa. O custo por este concepto non poderá exceder 2.000 € por anualidade.

b) Custos indirectos ou gastos xerais: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por teren carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

En aplicación da opción prevista no artigo 68.1.b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe de ata o 15 % aos custos de persoal imputados ás actividades e dependencias das unidades de investigación destinatarias da axuda.

A Secretaría Xeral de Universidades poderá ditar instrucións específicas co fin de aclarar os conceptos subvencionables, así como a súa xustificación económica.

Para a xustificación da primeira anualidade da axuda admitiranse gastos e pagamentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2016.

Artigo 7. Formalización e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

O formulario da solicitude (anexo II) estará dispoñible na dita sede electrónica da Xunta de Galicia e os formatos da documentación sinalada nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 8, que deben achegarse coa solicitude, atópanse na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Documentación

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

1. Presentación da unidade de investigación.

A presentación da unidade incluirá información relativa á súa situación actual no que se refire á súa formulación estratéxica, operativa e xerencial, así como ás capacidades con que conta. O documento desenvolverá os seguintes aspectos e incorporará a seguinte documentación:

a) Descrición da unidade de investigación:

– Presentación xeral, incluíndo os datos identificativos da unidade, nome e acrónimo, a súa definición e liñas de actividade, así como as principais dimensións (investigadores e investigadoras, publicacións, captación de recursos). Indicaranse, ademais, cales son as características ou aspectos singulares que distinguen a unidade.

– Marco estratéxico, resumo do enfoque estratéxico da unidade e explicación xeral dos mecanismos adoptados para formular, facer o seguimento e difundir, interna e externamente, a estratexia.

– Gobernanza, xestión e organización. Explicación do modelo de goberno, incluíndo os datos relativos á vinculación coa universidade. Descrición da estrutura organizativa, do modelo de xestión (centralizado, por grupos, por programas, etc.) e das políticas de xénero no relativo ao persoal. Nun anexo achegarase o organigrama da unidade.

– Seguimento e avaliación. Descrición dos mecanismos utilizados para o seguimento e avaliación da estratexia e da actividade da unidade, dos resultados obtidos e as medidas adoptadas en consecuencia.

b) Capacidades:

– Persoas: atendendo á estrutura organizativa descrita, relacionaranse as persoas que forman parte do equipo directivo, científico e de xestión. Proporcionarase información que permita valorar a calidade e adecuación do equipo (titulación, categoría profesional, financiamento do seu contrato, distincións científicas, etc.). Nun anexo incluirase un currículo abreviado dos directores e directoras e dos máximos responsables das unidades científicas e de xestión, de acordo co modelo organizativo.

– Recursos tecnolóxicos: relación e breve descrición das instalacións, equipamentos e medios máis relevantes, destacando os de carácter singular no contexto do SUG ou no ámbito nacional.

– Colaboracións: indicarase o tipo de alianzas estratéxicas (estables e orientadas a fortalecer o potencial científico da unidade) que mantén a unidade.

2. Resultados 2013-2015.

Este documento conterá unha memoria das actividades desenvolvidas e dos resultados acadados no período 2013-2015. Desenvolveranse os seguintes aspectos:

a) Actividade científica: incluirase unha táboa resumo con información cuantitativa relativa á carteira de proxectos de investigación activos e unha breve descrición dos dez proxectos considerados máis relevantes. A información completarase cun anexo coa relación completa dos proxectos que integran a carteira.

b) Produción científica e tecnolóxica: describiranse as contribucións científicas máis relevantes no período e incluirase unha táboa resumo co número total de publicacións, o número das publicadas en revistas das de maior impacto na súa área temática incluídas no 25 % (primeiro cuartil) e no 10 % (primeiro decil). Con respecto aos datos incluídos na táboa, explicarase o procedemento de cálculo e a fonte de información. Esta información completarase cun anexo coa relación completa de publicacións. No que se refire á produción tecnolóxica, incluirase unha táboa resumo coa composición da carteira de patentes e outros títulos de propiedade industrial e intelectual solicitados e concedidos no período; nun anexo incluirase a relación completa destes títulos.

c) Valorización e transferencia: describiranse o modelo de traballo adoptado pola unidade para o desenvolvemento desta función e os principais logros acadados no período; incluirase unha táboa resumo con información cuantitativa sobre a composición da carteira de proxectos e operacións de valorización e transferencia e a información sobre os recursos captados. Esta información completarase cun anexo coa relación de actividades e proxectos de transferencia e valorización xa finalizados desenvolvidos no período.

d) Carreira científica: nesta sección explicarase a oferta formativa da unidade e proporcionarase información cuantitativa sobre ela e os resultados acadados; ademais, explicaranse as accións que está a desenvolver a unidade para atraer talento e para impulsar o desenvolvemento profesional do persoal, destacando os principais resultados obtidos.

e) Divulgación e promoción da cultura científica: descrición das principais accións de difusión en medios de comunicación, web e redes sociais, destacando os resultados obtidos e posibles impactos ou repercusións nas actividades da unidade; incluirase nesta sección unha explicación doutras accións de divulgación e implicación da sociedade.

f) Financiamento: incluirase unha táboa resumo do orzamento anual e recursos captados en cada un dos anos do período, proporcionarase información por tipo de fonte de financiamento (contribución da universidade, financiamento público competitivo internacional, nacional e autonómico, financiamento público non competitivo a través de convenios, financiamento privado competitivo e non competitivo a través de contratos).

3. Proxecto estratéxico de investigación 2016-2019.

O proxecto estratéxico de investigación entendido, tal e como se define no artigo 2 desta convocatoria, como a carteira de actividades de investigación da unidade de investigación no período 2016-2019 incluíndo as accións de soporte para dotar a unidade da capacidade técnica, relacional e de xestión necesarias para acadar os obxectivos estratéxicos de excelencia científica e impacto internacional na investigación fixados para o período. O documento desenvolverá os seguintes aspectos:

a) Oportunidade: sección introdutoria na cal se enmarca o proxecto proposto con respecto ao seu contexto científico-técnico, contorna de I+D+i e aliñamento co RIS3. Ademais, tomando en consideración o descrito nas seccións de presentación e resultados, incluirase unha análise diagnóstica que teña en conta debilidades e fortalezas da unidade e ameazas e oportunidades provenientes da contorna. Finalmente, incluiranse os obxectivos estratéxicos para o período 2016-2019.

b) Proxectos estratéxicos de investigación:

– Indicaranse as prioridades científicas ou ámbitos de actuación cos seus obxectivos científicos. Para cada unha destas prioridades explicarase o seu desenvolvemento cara ao logro dos obxectivos indicados, incluíndo actividade científica, equipo de traballo involucrado, recursos tecnolóxicos, colaboracións, modelo de xestión e resultados esperados en termos cualitativos. Farase fincapé naqueles aspectos que representen a introdución de cambios ou novidades con respecto ao descrito nos puntos de presentación e capacidades (novos investigadores e investigadoras, novos medios, novas alianzas,…).

– Valorización e transferencia: indicaranse os obxectivos en materia de transferencia para o período, as accións previstas, as capacidades necesarias e a carteira de proxectos e operacións vivas (proxectos e operacións e valorización iniciados con anterioridade a 2016 que permanezan activos e que serán abordados ata o ano 2019).

– Carreira científica: describiranse os obxectivos, medidas e accións previstas en materia de recursos humanos no que se refire á formación, incorporación e desenvolvemento de talento e xénero.

– Investigación e innovación responsable: describiranse os obxectivos, medidas e accións relativas á difusión, divulgación e implicación e achegamento á sociedade.

– Internacionalización: exporanse os obxectivos en materia de posicionamento internacional e explicaranse as medidas e accións previstas para fomentar e fortalecer a dimensión internacional.

c) Seguimento e avaliación: describiranse o modelo de seguimento e avaliación no ámbito estratéxico e operativo e as actividades de seguimento e avaliación previstas para o período. Incluirase unha táboa de indicadores segundo o modelo facilitado, indicando para cada un dos anos do período os resultados esperados en relación á actividade, produción científica, captación de persoal, formación, transferencia, investigación responsable e captación de recursos.

d) Viabilidade: xustificación de como contribúe o proxecto ao logro dos retos estratéxicos e identificación de riscos de carácter técnico que poidan comprometer o desenvolvemento do proxecto.

Con respecto á viabilidade económica, incluirase un orzamento detallado por partidas de gasto para o desenvolvemento do proxecto estratéxico de investigación no período, acompañado dunha táboa resumo da estimación do orzamento anual e recursos captados no período por tipo de fonte de financiamento (contribución da universidade, convocatorias competitivas, convenios e contratos, etc.).

4. Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou dos seus organismos ou sociedades (que se inclúe no anexo II).

5. Copia do DNI ou NIE da persoa representante da universidade, só no suposto de que non autorice a súa verificación no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

6. Certificación da universidade solicitante de todo o persoal adscrito á unidade supragrupal (desagregado nominalmente e indicando a súa categoría profesional).

7. Certificación da universidade solicitante da persoa que ocupará a dirección científica da unidade durante a vixencia da axuda.

Toda a documentación indicada irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. A memoria descritiva que inclúa a descrición actual da suma de capacidades e o proxecto estratéxico de investigación, sinalados nos puntos 2 e 3, irán asinados pola persoa encargada da dirección científica da unidade de investigación que executará a axuda. Toda esta documentación que acompaña a solicitude deberá cubrirse segundo os modelos dispoñibles na internet no enderezo electróonico http://www.edu.xunta.es

Artigo 9. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no anexo II, poderase obter información adicional na Secretaría Xeral de Universidades, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es), na súa epígrafe de Secretaria Xeral de Universidades.

b) Nos teléfonos da Secretaría Xeral de Universidades.

c) No enderezo electrónico promocioncientifica.educacion@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.es

2. Así mesmo, para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico promocioncientifica.educacion@xunta.gal

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá achegar coa solicitude os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social substituirase por unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, que se inclúe no anexo II.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral ou do sector público autonómico de Galicia; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á entidade solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, a Consellería publicará na súa web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade, así como a publicidade dos datos recollidos no artigo 17 da citada Lei 1/2016 a través do Portal de transparencia e Goberno aberto. Así mesmo, informaranse os beneficiarios de que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións, que será obxecto de publicación, onde figurarán os nomes dos beneficiarios, as operacións, a cantidade de fondos públicos asignada, así como outra información prevista no anexo XII e en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro.

5. Consonte o disposto no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos que debe efectuarse á Intervención Xeral do Estado para a súa inclusión na Base nacional de subvencións non requirirá o consentimento da persoa afectada. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a promocioncientifica.educacion@xunta.gal

2. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista nos artigos 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

3. Así mesmo, os citados datos serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.es

Artigo 12. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo electrónico www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listas estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as universidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 13. Avaliación e selección

1. A selección das agrupacións estratéxicas destinatarias das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores e avaliadoras e pola comisión de selección. O panel poderá asignar ata un máximo de 200 puntos a cada solicitude.

2. Para a composición do panel de avaliadores e avaliadoras, que estará formado por expertos/as de fóra do SUG, poderase contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e cubrirán, non só as principais áreas científicas de coñecemento e actividade das unidades de investigación que se avalíen senón tamén aspectos estratéxicos, organizativos e funcionais.

3. Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas aparecen recollidos no anexo I desta orde. Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total igual ou superior a 140 puntos nesta fase.

4. A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará para o órgano instrutor un informe que inclúa o informe de avaliación do panel e unha prelación das solicitudes ordenadas por puntuación decrecente e unha proposta de asignación á categoría de centros singulares de investigación ou ben de agrupacións estratéxicas consolidadas segundo corresponda de acordo coa previsión orzamentaria da convocatoria.

En función deste informe, o órgano instrutor elaborará, sen prexuízo do disposto no artigo 25, a proposta de resolución, que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación e adscrición de categoría de cada unidade de investigación seleccionada co importe da axuda concedida.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, que actuará como presidente ou presidenta da comisión.

b) Serán vogais da comisión:

1. A persoa titular da subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

2. Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

3. Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais ramas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, e/ou en ámbitos de estruturas de xestión da investigación, nomeadas pola presidencia da comisión de selección.

4. Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

Artigo 14. Resolución e notificación

A competencia para resolver estas axudas corresponde á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución, que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación de unidades de investigación seleccionadas co importe da axuda concedida. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario nun documento que estableza as condicións da axuda para a operación, no cal deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada co Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión da operación, dos seus datos e dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, así como na Base de datos nacional de subvencións.

e) Que a aceptación da axuda supón a declaración de que a entidade beneficiaria ten capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir as condicións que se establecen na convocatoria.

f) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e que se especifican no artigo 16 destas bases.

g) Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, ou dous anos no caso de operacións con gastos subvencionables igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo deste prazo.

i) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se deduce que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada pola universidade beneficiaria no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se for o caso, se inclúan na resolución, e debe incluír xunto coa aceptación da axuda unha estimación orzamentaria en que se detallen e axusten as diferentes partidas de gasto para unha adecuada execución da axuda concedida, de acordo cos dereitos e obrigas fixados na orde reguladora e na resolución de concesión, de ser o caso. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 5 meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A falta de resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Acreditación das unidades

As unidades de investigación seleccionadas recibirán a acreditación de centros singulares de investigación de Galicia ou agrupación estratéxica consolidada, segundo corresponda. Esta acreditación estará vixente como máximo durante o tempo de duración da axuda.

A acreditación será nominativa para cada unha das unidades, sen que alcance o conxunto da entidade a que pertence.

Poderá producirse a perda da acreditación nos seguintes casos:

1. A finalización anticipada do período de execución da axuda como consecuencia da concorrencia dalgunha das causas de reintegro total previstas nesta orde ou na lexislación vixente, ou por renuncia voluntaria do beneficiario.

2. No caso de que se detecte un incumprimento total dos obxectivos ou da actividade para a cal se concedeu a axuda a través dos procedementos de seguimento e comprobación da xustificación.

3. A vacante do director ou directora científico/a durante un período superior a un ano.

4. Unha perda de masa crítica que, de acordo cos procedementos de avaliación e mecanismos de control e seguimento establecidos nesta orde, imposibilitase a correcta execución do proxecto estratéxico de investigación.

5. A escisión do centro ou a agrupación acreditados.

6. Cambios na determinación do centro ou da agrupación que non fosen autorizados mediante resolución da Secretaría Xeral de Universidades.

As unidades poderán dar publicidade á acreditación durante o seu período de vixencia.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

1. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento en que se establecen as condicións de axuda.

2. Xustificar ante a Consellería, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e goce da subvención.

3. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

4. Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Comunicar á Consellería a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Solicitar á Consellería autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas á autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a inadmisión das cantidades desviadas.

8. Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web do centro, da unidade e/ou da universidade, e mantela actualizada. Na web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e actuacións da actividade subvencionada. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Consellería e a frase «Subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria», así como cofinanciado con cargo aos fondos Feder.

9. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

a) Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao fondo que dá apoio á operación. Deberá incorporarse o lema asociado ao fondo (Unha maneira de facer Europa).

b) Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización da operación, facendo unha breve descrición na web, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

c) Colocar, nun lugar ben visible para o público, por exemplo á entrada das dependencias do centro ou agrupación, un cartel ou placa permanente de tamaño mínimo A3. O cartel ou a placa incorporarán o emblema da Unión e indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) No caso de persoal de nova contratación, a mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.3), ao nome da unidade de investigación e á presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades da unidade de investigación, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao traballador ou traballadora que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.3), e incluirá unha mención expresa ao nome da unidade de investigación, á presente convocatoria e á porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades subvencionadas pola presente convocatoria.

10. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta convocatoria, e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire esta obriga. A documentación xustificativa relativa aos gastos financiados que deberá conservar é a seguinte:

a) Un resumo de execución económica en que conste o concepto de gasto, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por tipoloxía de gastos.

b) Documentación xustificativa do gasto: orixinais ou fotocopias compulsadas dos documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas dos provedores ou documentos de valor probatorio equivalente, con validez no tráfico xurídico mercantil ou eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

c) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, achegarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas á actividade subvencionada, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

d) No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

e) Para a xustificación do custo de persoal deberá conservarse a seguinte documentación:

– Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable da entidade, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), segundo a dedicación de cada traballador ou traballadora ás actividades financiadas.

– Xustificación da comunicación por escrito ao traballador ou traballadora de que parte do seu salario está cofinanciado con fondos Feder, seguindo as instrucións de información e publicidade da Secretaría Xeral de Universidades.

– Declaración asinada polo/a responsable da entidade cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores e traballadoras dedicados ás actividades, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios.

– Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades e orixinal ou copia compulsada dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a lista da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores e traballadoras incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

– Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento (orixinal ou copia compulsada).

– Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores e traballadoras (orixinal ou copia cotexada).

– No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse orixinal ou copia cotexada do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento das actividades subvencionadas.

f) De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación de servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Dado que as entidades beneficiarias reúnen os requisitos previstos no artigo 3.3.b) do texto refundido da Lei de contratos do sector público, teñen a consideración de poder adxudicador e, por tanto, deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no devandito texto legal.

g) Declaración asinada polo/a representante legal da entidade en que se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento, calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Consellería poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo en calquera momento aos documentos contables da entidade.

h) No caso de subcontratacións, deberá disporse da seguinte documentación:

– Orixinal ou copia compulsada da factura emitida pola entidade subcontratada en que se especifique claramente o título das actividades financiadas.

– Xustificantes de pagamento da/das factura/s da subcontratación.

– Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades na unidade de investigación.

i) Certificación dos custos de viaxe emitida polo responsable da entidade en que conste o nome da persoa que realiza a viaxe, o lugar de destino, as datas e o motivo da viaxe en relación coas actividades desenvolvidas polo centro ou a agrupación. Os custos da viaxe estarán desagregados por conceptos de gasto: transporte (avión, taxi, autobús, coche particular…), aloxamento (nº de noites) e manutención (por días). Esta certificación deberá estar acompañada das correspondentes facturas e xustificantes de pagamento, así como da copia dos billetes/tarxetas de embarque do medio utilizado.

j) Documentación xustificativa da achega monetaria da entidade para o desenvolvemento das actividades, acompañada de orixinal ou copia compulsada das transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco.

k) Calquera outra documentación xustificativa relativa aos gastos financiados.

11. O/A beneficiario/a deberá introducir os datos e documentos de que sexa responsable, así como todas as posibles actualizacións, no sistema de intercambio electrónico de datos, de acordo coas especificacións determinadas nesta convocatoria en cumprimento do artigo 122.3 do Regulamento 1303/2013 e no artigo 10.1 do Regulamento 1011/2014.

12. O/A beneficiario/a deberá informar sobre o nivel de logro dos indicadores de produtividade ao mesmo tempo que xustifica os gastos.

13. Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 17. Seguimento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo un seguimento continuo do programa de axudas e avaliará o rendemento das unidades de investigación acreditadas e financiadas.

1. Para tal fin constitúese unha comisión asesora do programa que estará constituída polas seguintes persoas:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

b) Serán vogais da comisión un máximo de 15 persoas de recoñecido prestixio e independencia nas principais ramas de coñecemento sobre as cales actúen os centros e agrupacións e/ou en ámbitos de estruturas de xestión da investigación, nomeadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades:

c) Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

2. Serán funcións desta comisión asesora do programa:

a) Analizar e avaliar as actuacións levadas a cabo dentro do Programa de centros singulares de investigación de Galicia tomando como base a análise dos principais indicadores fixados, basicamente centrados nos seguintes retos:

Captación, formación e retención de talento.

Investigación de referencia competitiva.

Captación de fondos competitivos nacionais e internacionais.

b) Elaborar, á vista das avaliacións realizadas, recomendacións para mellorar os indicadores, baseándose nas fortalezas e oportunidades identificadas, exercendo de órgano responsable da metaevaluación do sistema.

c) Propoñer iniciativas encamiñadas á mellora do modelo.

d) Propoñer, eventualmente, novos indicadores que permitan avaliar e mellorar o impacto dos centros.

e) Propoñer as actuacións ou estratexias que considere adecuadas en función da evolución do impacto dos centros singulares de investigación de Galicia.

f) Fixar criterios para a realización de avaliacións que serán realizadas por equipos ad hoc relacionados coas disciplinas científicas dos distintos centros.

g) Levar a cabo, directamente ou co apoio de analistas externos, os traballos adecuados para fundamentar as súas propostas.

Artigo 18. Modificacións dos proxectos estratéxicos

A execución dos proxectos estratéxicos de investigación debe realizarse de acordo cos termos establecidos na resolución da subvención e consonte os documentos presentados.

En ocasións pode ocorrer que sexa necesario introducir algunhas modificacións durante a execución para garantir o correcto desenvolvemento do proxecto. A este respecto cómpre distinguir entre modificacións non substanciais e substanciais:

1. Modificacións non substanciais.

As modificacións non substanciais poden ser consideradas como «desviacións» sempre que sexan comunicadas. Esta comunicación debe incluír unha xustificación de tales cambios menores, unha explicación sobre as súas consecuencias para a execución do proxecto e a solución proposta para facer fronte a eles e para evitar desviacións similares no futuro. Considéranse modificacións non substanciais:

a) Cambio nos datos de contacto.

b) Cambios no calendario de execución das actividades.

c) Modificación orzamentaria de ata un 10 % por partida. É dicir, poderanse incrementar e reducir partidas orzamentarias, sempre que ningunha delas se vexa alterada en máis dun 10 %, e sempre que se respecte o orzamento máximo do proxecto.

2. Modificacións substanciais.

Considéranse cambios substanciais aqueles que afectan:

a) As actividades principais do proxecto (p.e.: cancelación de actividades ou inclusión de actividades non previstas inicialmente).

b) Os obxectivos e indicadores do proxecto.

c) O orzamento, por riba do límite do 10 % por partida orzamentaria. Durante a vida do proxecto, a entidade beneficiaria poderá solicitar unha única vez unha redistribución de orzamento por riba do límite do 10 % por partida orzamentaria.

d) A duración do proxecto.

3. Se a entidade beneficiaria necesitar efectuar unha modificación substancial, deberá informar a Secretaría Xeral de Universidades con polo menos 20 días naturais de antelación á data de inicio de todas as accións para as cales se solicita modificación, mediante unha solicitude formal asinada e selada polo responsable da entidade ou persoa designada para ese efecto. Este documento debe recoller, polo menos, a seguinte información:

a) Código de proxecto.

b) Entidade.

c) Motivo e necesidade da modificación solicitada.

d) Partes do proxecto afectadas, debidamente actualizadas.

A Secretaría Xeral de Universidades estudará esta solicitude e comunicará a súa resolución nun prazo de 30 días. Poderá solicitarse información adicional.

En ningún caso as modificacións suporán un incremento do orzamento total do proxecto aprobado.

Artigo 19. Avaliación do rendemento

Antes do final do ano 2018, realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos da unidade de investigación, así como da calidade e viabilidade do plan estratéxico. Para este fin, a Secretaría Xeral de Universidades poderá emitir unha instrución para unha mellor definición deste procedemento se o acha oportuno. Será preciso obter unha avaliación positiva nesta fase para acceder á última anualidade da axuda. Ademais, realizarase unha avaliación final cando finalice a axuda. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores que figuran na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 24 (incumprimentos, renuncias, reintegros e sancións) desta orde.

Artigo 20. Libramento da subvención

1. A subvención será librada á universidade solicitante a que pertenza a unidade de investigación, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

2. Para proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a seguinte documentación:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

b) Memoria explicativa do logro dos obxectivos do proxecto estratéxico de investigación. Esta memoria explicativa irá asinada polo/a director/a científico/a correspondente.

c) Certificación das variacións na composición do centro ou da agrupación durante a anualidade que se xustifica.

d) Informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro oficial de auditores de contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade.

3. De conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social será substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

4. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, por tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas e seguridade social dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a universidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Universidades.

Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación desa anualidade e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante da entidade beneficiaria e deberá motivar os cambios que se propoñen e debe xustificar a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

En ningún caso se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización de modificación deberá realizarse de forma expresa e notificarase ao interesado.

Artigo 22. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, excepto cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria ou a agrupación reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Universidades.

As axudas reguladas nesta orde non serán compatibles con calquera outra axuda para o mesmo gasto elixible procedente da Unión Europea, segundo o indicado no artigo 65.11 do Regulamento Feder.

Artigo 23. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

Complementariamente, e con independencia do sinalado no artigo 19, poderá solicitar de todas as universidades beneficiarias das axudas desta convocatoria documentación de seguimento sobre a evolución e actividade das unidades de investigación destinatarias das axudas, ata o remate do ano 2021, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

A Consellería, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas aos beneficiarios, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

Así mesmo, a Consellería poderá convocar anualmente os beneficiarios a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

Con carácter previo ao pagamento final da subvención será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Consellería. Ademais desta actividade final de inspección, a Consellería, no marco do seu plan anual de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 24. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o tempo de duración das actividades. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultamento daqueles datos que a impedirían.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para o cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultamento nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión e publicidade.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

3. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación serán causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

4. O incumprimento parcial dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención.

5. Tratándose de condicións referentes á contía do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente e minórase a subvención proporcionalmente, sempre e cando se respecten os requisitos mínimos establecidos na convocatoria.

6. Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, se se incumpriren as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico.

A aplicación do factor de corrección realizarase na última anualidade e o importe minorado detraerase desta. No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resulte insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

7. Se o incumprimento derivar da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

8. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 10.40.561B.744.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, coa seguinte desagregación:

Modalidade

Código de proxecto

Crédito (en euros)

2016

2017

2018

2019

Total

A. Centros singulares de investigación

2015 00409

2.000.000,00

4.000.000,00

4.000.000,00

4.000.000,00

14.000.000,00

B. Agrupacións estratéxicas consolidadas

2015 00409

600.000,00

1.200.000,00

1.200.000,00

1.200.000,00

4.200.000,00

Total convocatoria

2.600.000,00

5.200.000,00

5.200.000,00

5.200.000,00

18.200.000,00

Estes créditos poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades e anualidades cando o volume das solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

As axudas reguladas nesta convocatoria estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 1 (Potenciar a investigación o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación), prioridade de investimento 1b (O fomento do investimento empresarial en I+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes), Obxectivo específico 1.2.3 (Fomento e xeración de coñecemento de fronteira, desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes, tecnoloxías facilitadoras esenciais e coñecemento orientado aos retos da sociedade).

Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 50 % da subvención concedida para cada anualidade.

De acordo co artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as universidades do SUG quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 63.2 da mesma norma.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Estas axudas, dado que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

Supletoriamente seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Criterios de avaliación

Criterios

Puntuación máxima

1. Presentación

a) Descrición da unidade de investigación.

10

– Panorama xeral da unidade.

– Marco estratéxico.

– Modelo de gobernanza, xestión e organización.

– Mecanismos de seguimento e avaliación.

1

3

3

3

b) Capacidades.

20

– Persoas: dirección, equipo científico e de xestión.

– Recursos tecnolóxicos: instalacións e equipamentos singulares.

– Colaboracións: alianzas e acordos estratéxicos.

10

5

5

Subtotal

30

2. Resultados: traxectoria científica 2013-2015

a) Actividade científica.

10

– Carteira de proxectos de investigación desenvolvidos e activos.

– Proxectos destacados.

6

4

b) Produción científica e tecnolóxica.

20

– Principais contribucións científicas do período.

– Publicacións.

– Produción tecnolóxica.

5

10

5

c) Valorización e transferencia.

10

– Modelo de traballo adoptado pola unidade.

– Principais resultados.

– Carteira de proxectos e operacións de valorización e transferencia.

2

5

3

d) Carreira científica.

15

– Formación: oferta formativa e resultados acadados.

– Incorporación e desenvolvemento de talento: accións e resultados.

10

5

e) Divulgación e promoción da cultura científica.

5

– Difusión: medios de comunicación, web, redes sociais.

– Outras accións de promoción da cultura científica.

3

2

f) Financiamento (orzamento e recursos captados).

10

Subtotal

70

3. Proxecto estratéxico de investigación 2016-2019

a) Oportunidade.

5

– Contexto (tecnolóxico, aliñamento RIS3, sistema I+D+i).

– DAFO.

– Obxectivos.

1

2

2

b) Proxectos estratéxicos de investigación.

80

– Prioridades científicas.

Cada unha das prioridades conterá a descrición seguinte:

• Liñas de actividade.

• Persoas.

• Recursos tecnolóxicos.

• Colaboracións.

• Organización.

• Resultados.

30

– Valorización e transferencia.

• Obxectivos.

• Liñas de actividade.

• Capacidades.

• Carteira de operacións.

15

– Carreira científica (obxectivos e accións).

• Formación.

• Incorporación e desenvolvemento de talento.

• Xénero.

20

– Investigación e innovación responsable.

• Obxectivos.

• Liñas de actividade.

5

– Internacionalización.

• Obxectivos.

• Liñas de actividade.

10

c) Seguimento e avaliación.

5

– Modelo de seguimento e avaliación.

2

– Indicadores de resultado.

3

d) Viabilidade.

10

– Técnica.

3

– Económica.

7

Subtotal

100

Puntuación total máxima

200

missing image file
missing image file