Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 31 de agosto de 2016 Páx. 38609

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2016.

BDNS (Identif.): 315498.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades do Sistema universitario galego e destinaranas aos centros singulares de investigación e ás agrupacións estratéxicas consolidadas, de acordo coa categoría que acaden as propostas presentadas nesta convocatoria.

Segundo. Obxecto

Estas axudas pretenden dous obxectivos:

a) A acreditación de unidades de investigación como «centros de investigación singulares de Galicia» ou ben como «agrupacións estratéxicas consolidadas» segundo as súas capacidades e o resultado do proceso de avaliación en concorrencia competitiva que se desenvolva ao abeiro desta convocatoria.

b) O financiamento dos seus proxectos estratéxicos de investigación, durante o período 2016-2019, para fortalecer as súas capacidades científicas; potenciar o liderado internacional da investigación galega; impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas, incluíndo a colaboración con outros centros, unidades e co tecido empresarial; mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico; contribuír á formación, atracción e incorporación de talento; incrementar a masa crítica de persoal investigador; e a actuar como axentes tractores no Sistema galego de I+D+i.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 18.200.000 €.

Modalidade A. Centros singulares de investigación: unha contía máxima de 400.000 € na primeira anualidade e de 800.000 € na segunda, terceira e cuarta, para cada un dos centros singulares de investigación que se constitúan con cargo a estas axudas.

Modalidade B. Agrupacións estratéxicas consolidadas: unha contía máxima de 200.000 € na primeira anualidade e de 400.000 € na segunda, terceira e cuarta, para cada unha das agrupacións que se concedan con cargo a estas axudas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria