Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42118

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 6 de setembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 4 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2016.

O 15 de xullo de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 134, a Orde do 4 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2016.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladores dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos e proceder á súa convocatoria para o ano 2016. O seu ámbito de aplicación cínguese aos cultivos agrícolas danados polo xabaril pertencentes a explotacións agrarias situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta orde de axudas procedeu a limitar no seu artigo 3 o carácter dos beneficiarios ás «persoas, físicas o xurídicas, que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), creado mediante o Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, como titular dunha explotación onde se constatasen os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril».

En consecuencia, quedaron excluídas desta liña de axudas os danos ocasionados polo xabaril en explotacións agrícolas destinadas ao autoconsumo, non inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Debido a que os incidentes provocados polos danos do xabaril sobre os cultivos ocasionan unha alta conflitividade social e dado o incremento destes episodios en explotacións agrarias de autoconsumo, faise necesario incluír dentro dos posibles beneficiarios aqueles agricultores que exerzan a súa actividade en explotacións que destinen a súa produción ao consumo familiar.

Polo tanto, procede modificar esta orde de axudas, en concreto o seu artigo 3, no sentido de ampliar o carácter de beneficiarios ás explotación agrícolas destinadas ao autoconsumo; o artigo 4, referido aos requisitos dos solicitantes, e o artigo 9 referido á documentación que deben presentar os interesados xunto coas solicitudes de axuda correspondentes.

En consecuencia, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2016

Primeiro. Dáselle nova redacción ao artigo 3, parágrafo 1 da Orde do 4 de xullo de 2016, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Beneficiarios/as

1. Poderanse acoller a estas axudas:

• As persoas, físicas o xurídicas, que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), creado mediante o Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, como titular dunha explotación onde se constatasen os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.

• As explotación agrícolas destinadas ao autoconsumo».

Segundo. Dáselle nova redacción ao artigo 4 da Orde do 4 de xullo de 2016, que queda redactado como segue:

«Artigo 4. Requisitos

1. Os cultivos agrícolas afectados, polos que se solicita a axuda, deberán pertencer a unha persoa, física ou xurídica, inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Reaga e que veñen recollidas no artigo 5.2 do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final:

a) Explotacións agrarias prioritarias.

b) Explotacións agrarias de titularidade compartida.

c) Explotacións acollidas ao réxime de venda directa (Sevedi).

d) Outras explotacións agrarias.

2. No suposto de cultivos agrícolas destinados ao autoconsumo, a persoa física ou xurídica solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito».

Terceiro. Dáselle nova redacción ao artigo 9, parágrafo 1, letra a) da Orde do 4 de xullo de 2016, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Documentación

1. Xunto coa solicitude de axuda, presentarase a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da explotación agraria afectada:

No caso de estar inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia:

O certificado de estar inscrita e actualizada no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, en calquera das súas seccións, só se presentará no caso de non autorizar a súa consulta no anexo II».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio