Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2016 Páx. 43676

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 19 se setembro de 2016 pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa.

O artigo 4 da Lei 3/1988, do 27 de abril, pola que se crea o Instituto Galego da Vivenda e Solo, atribúe a este organismo as funcións de planificación e elaboración de disposicións en materia de vivenda.

Por outra banda, o artigo 91 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. O artigo 94 da citada lei establece que os programas de rehabilitación poderán dispoñer para a súa execución de medidas específicas de fomento, de axudas ao financiamento, de préstamos subsidiados, de anticipos, de incentivos fiscais e de calquera outro instrumento nos termos que se establezan nas correspondentes normas de desenvolvemento.

Neste marco, o artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para as actuacións de rehabilitación. No artigo 11 deste decreto indícase que mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de vivenda poderán aprobarse programas de financiamento consistentes na subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 2 á rehabilitación de vivendas e a renovación urbana, establecendo diferentes programas e accións orientadas á recuperación do patrimonio construído, entre as cales se inclúen os convenios de financiamento con entidades financeiras.

Esta orde axústase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

En consecuencia, e segundo o disposto nos artigos 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e establecer as bases reguladoras das axudas deste programa.

Artigo 2. Programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas

1. O programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas consiste no establecemento dunha liña de préstamos para financiar a execución destas obras, sempre que estes inmobles estean situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa concesión poderá ir acompañada dunha axuda económica directa consistente na subsidiación dos xuros destes préstamos para as persoas que cumpran os requisitos previstos nesta orde.

2. Poderán participar no desenvolvemento deste programa as entidades financeiras que asinen o convenio que se incorpora como anexo I desta orde. Para estes efectos, realizaranse as oportunas comunicacións a todas as entidades financeiras con implantación na Comunidade Autónoma e a oportuna publicidade realizarase a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

3. En todo caso, os préstamos cualificados e a axuda de subsidiación dos xuros axustaranse ás condicións que se recollen no modelo de convenio.

Artigo 3. Axudas

As axudas financeiras para as actuacións de rehabilitación poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co IGVS.

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado.

Artigo 4. Préstamos cualificados

1. Os préstamos cualificados para a rehabilitación terán as seguintes características:

a) Os préstamos serán garantidos con hipoteca ou coas garantías persoais exixidas ás persoas prestameiras polas entidades financeiras.

b) A contía do crédito non poderá exceder o menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible ou trinta mil euros (30.000 €), no caso de préstamo persoal, ou sesenta mil euros (60.000 €), no caso de préstamo con garantía hipotecaria.

c) O prazo de amortización poderá establecerse entre seis meses e quince anos, cun período de carencia inicial de ata dous anos como máximo.

d) Coa formalización do préstamo, poderase dispoñer do crédito ata un máximo do 50 % da súa contía. O resto disporase ao ritmo de execución das obras, mediante a presentación ante a entidade financeira das correspondentes certificacións de obras.

e) A formalización dos préstamos non comportará comisións.

f) No suposto de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, os préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras, sen prexuízo do establecido no punto terceiro deste artigo.

2. A concesión dos préstamos estará suxeita á avaliación dos riscos por parte das entidades financeiras, as cales poderán denegar a súa formalización en función do resultado da dita avaliación. Esta denegación non dará dereito a ningún tipo de indemnización a favor da persoa solicitante.

3. Para poder acceder aos préstamos cualificados, as persoas promotoras das actuacións de rehabilitación deberán obter previamente unha resolución de acceso ao financiamento, que emitirá o IGVS. No caso de expedientes de acceso ao préstamo cualificado solicitados por unha comunidade de propietarios/as, unha vez emitidas as correspondentes resolucións polo IGVS, só poderán incorporarse outras persoas propietarias do inmoble, non incluídas nas resolucións emitidas, para os efectos exclusivos de que se lles recoñeza a súa condición de promotoras da actuación protexida, pero non terán dereito a acollerse ás axudas reguladas nesta orde.

Artigo 5. Axudas económicas directas

1. As axudas económicas directas consistirán na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

2. A porcentaxe da subsidiación dos xuros do préstamo e a súa duración dependerá do nivel de ingresos da unidade de convivencia da persoa prestameira, de acordo co establecido no seguinte cadro:

IPREM

Subsidiación máxima

Duración máxima

Menor ou igual a 4

100 % dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5

80 % dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5

Sen subsidiación

Duración do préstamo

3. O importe máximo do préstamo que poderá ser obxecto subsidiación será de trinta mil euros (30.000 €) para os préstamos con garantía persoal e de sesenta mil euros (60.000 €) para os de garantía hipotecaria.

4. No suposto de actuacións promovidas polas comunidades de propietarios/as, as subsidiacións dos préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras e dos ingresos da unidade de convivencia, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos nesta orde. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subsidiación total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as porcentaxes máximas establecidas no punto 2.

5. A contía anual da subsidiación será descontada previamente pola entidade financeira das cotas que corresponderían en concepto de amortización de capital e, de ser o caso, de xuros, na parte rateada que corresponda a cada vencemento.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 6. Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II desta orde.

No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen rematadas, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación.

b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten elementos decorativos, ornamentais ou instalacións ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria subscrita polo/a técnico/a competente e deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

4. No caso de realizarse actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva, será requisito necesario contar co correspondente informe de avaliación de edificios, cuxo contido debe axustarse ao modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, así como co acordo validamente adoptado da comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as.

5. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude das axudas.

Artigo 7. Orzamento protexible

O orzamento protexible comprenderá o custo total das obras de rehabilitación, os honorarios dos profesionais que interveñan no proxecto da obra e/ou na súa execución e na elaboración dos informes técnicos necesarios, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, os gastos de taxación, os notariais e os rexistrais.

Artigo 8. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. Non obstante, no caso de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as só poderán ser beneficiarias as persoas que sexan membros da dita comunidade e en función da súa porcentaxe de participación nas obras, todo isto sen prexuízo do sinalado no artigo 4.3.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

3. Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (en diante, IPREM), definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía, que se considera unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos das unidades de convivencia, no seu cómputo anual, incluídas as dúas pagas extras.

Para estes efectos, entenderase por unidade de convivencia o conxunto das persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares.

3. Para poder acollerse ás axudas económicas directas os ingresos non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Cómputo de ingresos da unidade de convivencia

Os ingresos referiranse á unidade familiar, tal e como resulta definida na regulación do imposto sobre a renda das persoas físicas, e determinaranse do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración presentada por cada persoa da unidade familiar relativa ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da formalización da solicitude de acollerse ao programa de rehabilitación. De non estar obrigado/a a presentar a declaración, deberá acreditar os seus ingresos por outros medios, como certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, nóminas ou seguros sociais; a modo complementario, poderase engadir unha declaración responsable da persoa solicitante. En calquera caso, a solicitude da axuda habilitará o IGVS para requirir a información necesaria que for pertinente e, en particular, de carácter tributario ou económico, á Axencia Estatal de Administración Tributaria ou a outras administracións públicas.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor do período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,90.

Familias de tres membros: 0,80.

Familias de catro membros: 0,75.

Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

Non obstante, de ser o caso, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Se a vivenda estivese situada nun concello dos declarados como ámbitos territoriais de prezo máximo superior, aplicarase o tramo seguinte a aquel que lle correspondese.

2. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese, conforme o previsto nos puntos anteriores.

3. No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos/as e non nacidos/as contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no número 1 deste artigo, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

En todo caso, para os efectos do regulado nesta orde, a muller embarazada terá a condición de colectivo de atención preferente.

O embarazo acreditarase de acordo co disposto na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

4. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto nos puntos anteriores, sumaranse e o resultado deberá ser inferior ao límite máximo previsto nas bases reguladoras de cada programa, que en ningún caso poderán superar 6,5 veces o IPREM.

Artigo 10. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se queiran realizar as obras de rehabilitación.

2. Correspóndelle a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre o recoñecemento de concesión do préstamo cualificado e, de ser o caso, o outorgamento da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

Artigo 11. Procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas de subsidiación de xuros

1. O procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas de subsidiación de xuros será en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Coa solicitude de acceso ao préstamo cualificado poderase solicitar a concesión das axudas de subsidiación dos xuros.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria prevista.

4. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Examinada a documentación, a persoa titular da correspondente Área Provincial do IGVS emitirá unha proposta de recoñecemento do acceso ao financiamento e, de ser o caso, de concesión das axudas de subsidiación de xuros á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que segundo dereito proceda.

6. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS non implicará en ningún caso a obrigatoriedade para a entidade financeira de conceder o préstamo cualificado. No suposto de que a entidade financeira, segundo os seus criterios de solvencia, denegue a concesión do préstamo, perderase o dereito a percibir a axuda á subsidiación de xuros, sen que esta perda implique dereito a percibir indemnización ningunha.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución de acceso ao préstamo cualificado e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación dos xuros será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen se ditar e notificar a resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda. O prazo para a interposición deste recurso será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 13. Causas de denegación

1. Será causa de denegación do acceso ao financiamento e da axuda de subsidiación dos xuros o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nestas bases.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes de subsidiación dos xuros que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para tales efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro da Área Provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente convocatoria.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda de subsidiación dos xuros e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar a que a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS dite unha resolución en que se acorde a modificación da concesión da axuda de subsidiación ou, de ser o caso, a súa revogación.

Artigo 15. Xustificación e pagamento da axuda de subsidiación dos xuros

1. A xustificación da concesión da axuda de subsidiación dos xuros realizarase coa correspondente formalización do contrato de préstamo.

2. O pagamento da axuda de subsidiación dos xuros satisfaránllelo ás persoas beneficiarias directamente as entidades financeiras, que posteriormente liquidarán os correspondentes importes ao IGVS.

3. A xustificación dos préstamos formalizados, os aboamentos das subsidiacións dos xuros, así como as liquidacións e os reintegros ás entidades financeiras das subsidiacións realizadas, terá lugar de conformidade coas estipulacións contidas no modelo de convenio que se xunta a esta orde como anexo I.

4. A xustificación final da subvención realizarase mediante a achega do certificado final de obra, que deberá presentar no IGVS no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de finalización das obras.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Destinar o importe íntegro do préstamo ao pagamento das correspondentes actuacións.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da concesión do préstamo ou da axuda de subsidiación que poida determinar a perda sobrevida do dereito ás ditas axudas.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Destinar a vivenda en que se realicen as obras de rehabilitación a residencia habitual e permanente da persoa promotora ou, de ser o caso, da/das persoa/s a quen lla arrende. Non obstante, esta obriga só será exixible para quen obteña a axuda de subsidiación e durante o período de duración desta.

Artigo 17. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases ou as condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, anularanse os beneficios concedidos, coa obriga do reintegro da subvención, nos termos legal e regulamentariamente establecidos.

2. Así mesmo, procederá o reintegro da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Compatibilidade

As subvencións concedidas ao abeiro deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación.

Artigo 19. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: sx.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional segunda. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados por vía electrónica accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

ANEXO I
Modelo de convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e..., de financiamento de actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas

Santiago de Compostela, ... de... de 20...

REUNIDOS:

Dunha parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), con NIF Q6550004C e domicilio en Santiago de Compostela (A Coruña), Polígono das Fontiñas, Área Central, s/n, representado por Ethel María Vázquez Mourelle, conselleira de Infraestruturas e Vivenda, nomeada polo Decreto 123/2015, do 4 de outubro (DOG núm. 190, do 5 de outubro), en virtude das atribucións que lle confire a súa calidade de presidenta do IGVS, segundo o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS (DOG núm. 147, do 5 de agosto).

Doutra parte, D./Dona ................................................................................................., en calidade de ..........................................................................................................................., en virtude de ....................................., e actuando ao abeiro de ...........................................

As partes recoñécense con capacidade legal necesaria para o outorgamento deste convenio de colaboración e, para o efecto,

EXPOÑEN:

Primeiro. A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, no seu artigo 91 establece que o IGVS desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético e mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. O propio artigo 94 da citada lei establece que os programas de rehabilitación poderán dispoñer para a súa execución de medidas específicas de fomento, de axudas ao financiamento, de préstamos subsidiados, de anticipos, de incentivos fiscais e de calquera outro instrumento nos termos que se establezan nas correspondentes normas de desenvolvemento.

Segundo. O artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia establece que o IGVS poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para as actuacións de rehabilitación. No seu artigo 11 indícase que, mediante orde da persoa titular da consellería, poderán aprobarse programas de financiamento consistentes en subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

Terceiro. O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta aprobou o Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 2 á rehabilitación de vivendas e á renovación urbana, establecendo diferentes programas e accións orientados á recuperación do patrimonio construído, entre as cales se inclúen os convenios de financiamento con entidades financeiras.

Cuarto. Pola súa parte, a Orde do 19 de setembro de 2016, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación en edificios e vivendas e establece as bases reguladoras das axudas deste programa.

O artigo 2.2 da devandita orde establece que poderán participar neste programa todas as entidades de crédito que soliciten a sinatura do convenio que se incorpora como anexo I e garantan unha oferta suficiente de préstamos cualificados e a xestión do pagamento da subsidiación que, de ser o caso, lles poida corresponder.

Quinto. A entidade de crédito solicitou, con data ..., a sinatura do convenio.

Atendendo a canto quedou exposto, as partes subscriben o presente convenio de colaboración, que se rexerá de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto

O presente convenio ten por obxecto regular as pautas de colaboración e os compromisos mutuos das partes, para garantir a execución do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e da Orde do 19 de setembro de 2016, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación en edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras das axudas deste programa.

Segunda. Actuacións que se desenvolverán

Para os efectos de garantir o cumprimento do obxecto do presente convenio de colaboración, realizaranse as actuacións seguintes:

a) O acceso ao financiamento, logo de resolución por parte do IGVS.

b) A formalización pola entidade financeira dos préstamos convidos, nas condicións que se especifican nas cláusulas deste convenio.

c) A comunicación ao IGVS dos préstamos formalizados.

d) O desconto da contía subsidiada das cotas dos préstamos.

e) O aboamento por parte do IGVS das contías subsidiadas ás persoas beneficiarias pola entidade financeira.

Estas actuacións rexeranse polo disposto na Orde do 19 de setembro de 2016, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Terceira. Obrigas do IGVS

Para o cumprimento do obxecto do presente convenio de colaboración, o IGVS asume as seguintes obrigas:

a) Emitir as correspondentes resolucións de acceso ao financiamento e de concesión das axudas de subsidiación destes préstamos.

b) Reintegrar á entidade de crédito as contías das axudas de subsidiacións de xuros de préstamos cualificados descontadas por ela ás persoas beneficiarias das ditas axudas.

Este pagamento dos importes subsidiados efectuarase de conformidade co establecido na cláusula sexta.

Cuarta. Obrigas da entidade de crédito

Para os efectos de garantir o cumprimento do obxecto do presente convenio de colaboración, a entidade financeira asume as seguintes obrigas:

a) Conceder e formalizar os préstamos convidos ao tipo de xuro establecido neste convenio, logo de resolución do acceso ao financiamento ditado polo IGVS, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos que habilitan o acceso aos devanditos préstamos.

b) Descontar das cotas de amortización de capital e xuros as subsidiacións que, de ser o caso, correspondan ás persoas prestameiras que veñan determinadas nas resolucións correspondentes do IGVS.

4.1. Subsidiación dos xuros.

A porcentaxe da subsidiación dos xuros devindicados dos préstamos virá determinada na resolución de concesión da axuda emitida polo IGVS e dependerá do nivel de ingresos familiares da persoa prestameira, de acordo co establecido no seguinte cadro:

IPREM

Subsidiación máxima

Duración máxima

Menor ou igual a 4

100 % dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5

80 % dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5

Sen subsidiación

Duración do préstamo

O importe máximo do préstamo que poderá ser obxecto subsidiación será de trinta mil euros (30.000 €) para os préstamos con garantía persoal e de sesenta mil euros (60.000 €) para os de garantía hipotecaria. No suposto de actuacións promovidas polas comunidades de propietarios/as, as subsidiacións dos préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras e dos ingresos de cada unidade de convivencia, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos na devandita Orde do 19 de setembro de 2016. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subsidiación total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as porcentaxes máximas establecidas no cadro anterior.

A subsidiación do préstamo cualificado será efectiva a partir da data da súa escritura de formalización e non poderá exceder dos corenta e oito meses.

4.2. Características dos préstamos.

Os préstamos convidos terán as seguintes características mínimas:

• Contía do crédito: o menor dos seguintes importes:

– Custo total da obra, co límite do orzamento protexible.

– 30.000 € (préstamo persoal) ou 60.000 € (préstamo hipotecario).

• Prazo de amortización: entre 6 meses e 15 anos.

• Garantías: garantía hipotecaria ou garantía persoal.

• Período de carencia: poderá establecerse un período de carencia inicial do capital ata dous anos.

• No suposto de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, os préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.

• Sen comisións.

O importe máximo que se solicitará incluirá, ademais do custo da obra de rehabilitación que se vaian realizar, os seguintes custos, sempre que estean debidamente xustificados:

• Honorarios dos profesionais que interveñan no proxecto da obra e/ou na súa execución.

• Informes técnicos necesarios.

En consecuencia, no momento da solicitude será necesario entregar á entidade un orzamento total da obra de rehabilitación.

No momento da formalización do préstamo, poderase dispoñer de ata un máximo do 50 % da súa contía. O resto disporase ao ritmo de execución das obras e realizarase mediante a presentación ante a entidade de crédito das correspondentes certificacións de obras.

A concesión dos préstamos estará suxeita á avaliación de riscos correspondentes por parte da entidade.

1. Préstamos con garantía persoal:

• Importe máximo: o menor dos seguintes importes:

– Custo total da obra, co límite do orzamento protexible.

– 30.000 €.

• Tipo de xuro fixo: 5,25 %.

• Tipo de xuro variable:

– Inicial (12 meses): 5,25 %.

– Resto: euribor a 1 ano + 4 %.

• Sen comisións.

• Prazo: de 6 a 96 meses.

• Prazo de carencia de capital: dous anos. Durante este período non se pagaría capital.

• Prazo base: 4 anos. Neste suposto subsidiaríanse todos os xuros para persoas con ingresos inferiores a 4 veces o IPREM.

• Prazo máximo 8 anos. Neste suposto subsidiaríanse 4 anos como máximo para persoas con ingresos inferiores a 4 veces o IPREM.

2. Préstamo con garantía hipotecaria:

• Importe máximo: o menor dos seguintes importes:

– Custo total da obra, co límite do orzamento protexible.

– 60.000 €.

• Tipo de xuro fixo: 1,90 %.

• Tipo de xuro variable:

– Inicial (24 meses): 1,75 %.

– Resto: euribor a 1 ano + 1,25 %.

• Sen comisións (agás por subrogación externa, que será do 0,50 %; mínimo 300 €).

• Prazo máximo: 15 anos. Neste suposto subsidiaríanse 4 anos como máximo para persoas con ingresos inferiores a 4 veces o IPREM.

• Prazo de carencia de capital: dous anos. Durante este período non se pagaría capital.

Quinta. Condicións operativas nas concesións e formalizacións de préstamos e nos aboamentos de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado

5.1. Notificacións ao IGVS.

Con carácter previo á formalización do préstamo e do aboamento desta axuda, será necesario que a persoa solicitante obteña a correspondente resolución do IGVS de recoñecemento do dereito á formalización do préstamo e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

A entidade de crédito notificará por vía telemática ao IGVS, dentro dos vinte días hábiles seguintes á súa formalización, os préstamos concedidos con ou sen subsidiación.

A notificación da formalización do préstamo expresará o seu importe, se o tipo de xuro efectivo aplicado é fixo ou variable e a contía do devandito tipo efectivo.

Así mesmo, a entidade de crédito notificará ao IGVS, en igual forma e prazo, os restantes movementos dos préstamos convidos.

A entidade de crédito comprométese a remitir ao IGVS, no prazo máximo dun mes desde a data en que lle sexan solicitadas, copia auténtica das escrituras de préstamo, así como calquera outra documentación e datos referentes aos devanditos préstamos.

5.2. Aboamento da axuda de subsidiación de xuros.

A contía da subsidiación dos xuros satisfarállela ás persoas destinatarias a entidade de crédito concedente do préstamo convido na emisión de cada un dos recibos de pagamento das obrigas derivadas do préstamo. Esta axuda materializarase mediante a redución do importe das sucesivas cotas do préstamo na contía e duración recoñecidas polo IGVS.

A entidade de crédito comprométese a diferenciar expresamente nos recibos xustificativos do pagamento das cotas, de amortización e xuros, ou só de xuros, segundo corresponda:

– As cantidades que se deducen do pagamento das cotas en concepto da subsidiación a cargo do IGVS, e que a entidade de crédito lle adianta á persoa prestameira, como parte da colaboración co IGVS, que será expresamente mencionado como concedente da axuda.

– Aqueloutras cantidades que, en consecuencia, deba aboar a persoa prestameira.

5.3. Resolución do préstamo.

Nos casos de resolución do contrato de préstamo, a entidade de crédito interromperá a liquidación da subsidiación, sen prexuízo de renovala se se producira, de ser o caso, a rehabilitación do préstamo.

A entidade de crédito comprométese a notificar ao IGVS a resolución do contrato de préstamo, a súa causa e, de ser o caso, a rehabilitación do préstamo, no prazo máximo dun mes a partir da data de resolución ou, de ser o caso, da rehabilitación.

Sexta. Condicións operativas na liquidación e reintegro á entidade de crédito de subsidiacións dos xuros do préstamo cualificado

6.1. Información documental das liquidacións.

O IGVS aboará á entidade de crédito, con periodicidade trimestral, a contía correspondente ás liquidacións das axudas de subsidiación dos préstamos convidos descontada ás persoas beneficiarias.

A entidade de crédito remitirá trimestralmente ao IGVS a liquidación das axudas de subsidiación referida a períodos vencidos, achegando a certificación de importes facturados.

6.2. Comprobación e aboamento das liquidacións.

Comprobadas as liquidacións das axudas de subsidiación e sempre que a remisión de datos por parte da entidade de crédito se axuste ao disposto neste convenio, o IGVS expedirá os mandamentos de pagamento correspondentes ao importe das citadas liquidacións, conforme as normas xerais vixentes en materia de pagamentos.

6.3. Revisión das liquidacións.

Sen prexuízo do establecido na cláusula anterior, o IGVS poderá levar a cabo unha revisión ulterior das liquidacións e exixir, de ser o caso, as rectificacións pertinentes, e o prazo legal de pagamento delas quedará condicionado á súa corrección.

A entidade de crédito estará obrigada a devolver ao IGVS as cantidades liquidadas indebidamente.

Sétima. Subministración de información

A entidade de crédito comprométese a facilitar ao IGVS a información que lle sexa requirida, para os efectos de control e seguimento do desenvolvemento dos programas de financiamento.

Así mesmo, a entidade de crédito comprométese a facilitar a información certificada necesaria para o reintegro das axudas aboadas.

A entidade de crédito comprométese a informar con urxencia toda a súa rede de oficinas acerca da sinatura do presente convenio, así como do seu contido e termos.

Oitava. Comisión de seguimento do convenio

Para o seguimento e control do cumprimento do presente convenio, así como para a resolución das dúbidas sobre a súa interpretación e o seu funcionamento, constituirase unha comisión de seguimento integrada por un representante de cada unha das partes asinantes.

Novena. Modificación e resolución

O presente convenio poderá ser modificado de mutuo acordo entre as partes.

Serán causas de resolución do convenio as seguintes:

a) O mutuo acordo das partes.

b) O incumprimento grave ou reiterado dalgunha das súas cláusulas.

No suposto de resolución do convenio, os préstamos manterán o seu carácter de convidos nas condicións establecidas neste convenio.

Décima. Duración

O presente convenio de colaboración producirá efectos desde o día da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2021 e poderase prorrogar mediante acordo expreso de ambas as partes, sempre que a súa prórroga se adopte cun mes de antelación á finalización do seu prazo de duración.

Décimo primeira. Protección de datos

De conformidade co establecido no artigo 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información e bo goberno, e no artigo 29 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os asinantes manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan no presente convenio e as demais especificacións contidas nel poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.

As partes comprométense a tratar os datos persoais que se poñan no seu coñecemento unicamente coa finalidade e alcance de executar o establecido no presente convenio, respectando os requisitos establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na súa normativa de desenvolvemento.

Décimo segunda. Réxime xurídico aplicable

Ao presente convenio non lle será de aplicación a lexislación de contratos do sector público, conforme o disposto no artigo 4.1.d) do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, sen prexuízo da aplicación supletoria dos principios da citada lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar.

Dada a natureza xurídico-pública do presente convenio, as controversias que poidan xurdir na aplicación do convenio serán resoltas pola xurisdición contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade e para a debida constancia de canto queda convido, as partes asinan por duplicado o presente documento no lugar e na data indicados ao principio.

ANEXO II
Actuacións protexibles

Tipo de obra

Obras en elementos comúns dos edificios (tamén aplicable a vivendas unifamiliares)

Obras en vivendas

Obras de adecuación estrutural e construtiva, de adecuación das condicións de habitabilidade do edificio ou da vivenda e de mellora de eficiencia enerxética.

Actuacións de reforzo, consolidación, reparación ou substitución dos elementos estruturais do edificio ou vivenda para garantir a súa estabilidade e seguridade.

Rehabilitación de fachadas.

Remate de fachadas.

Substitución ou reparación de carpintarías exteriores e colocación de dobre carpintaría.

Cubertas con todos os seus elementos.

Reforma e instalación de ascensores que se adapte ás posibilidades do edificio e que non cree un itinerario practicable global desde a vía pública.

Instalación de fontanaría, gas, electricidade, protección contra incendios, ventilación, instalacións térmicas do edificio, instalacións comúns de telecomunicacións e alarmas (adaptación á normativa).

Redes de saneamento e evacuación de augas.

Illamento térmico e acústico para adaptar o elemento rehabilitado aos parámetros que exixe a normativa.

Novas instalacións de calefacción ou reformas que supoñan unha mellora da eficiencia enerxética.

Novas instalacións de calefacción ou reformas e colocación de dobre ventá, que supoñan unha mellora da eficiencia enerxética.

Instalacións de electricidade para a adaptación á normativa.

Conversión de locais en vivendas.

Illamento térmico e acústico para adaptar o elemento rehabilitado aos parámetros que exixe a normativa.

Obras de adecuación dos edificios ou das vivendas e os seus accesos á normativa vixente sobre accesibilidade.

Relacionadas coa supresión de barreiras arquitectónicas.

Instalación de ascensores que supriman todas as barreiras arquitectónicas, creando un itinerario practicable global desde a vía pública.

Reformas dos accesos desde a vía pública para suprimir barreiras arquitectónicas.

Reformas interiores para suprimir barreiras arquitectónicas para persoas con problemas de mobilidade.

Reformas de baños para suprimir barreiras (substitución de bañeiras, incorporación de maquinaria, etc).

Obras de adecuación do acabamento xeral do edificio e das vivendas aos principios da boa construción.

Arranxos de portal, escaleiras e resto das zonas comúns do edificio.

Reformas de instalacións de electricidade, calefacción, fontanaría, instalacións térmicas do edificio, de saneamento e evacuación de augas, de gas e instalacións comúns de telecomunicacións.

Reformas interiores de vivendas de albanelaría, escaiola, carpintaría interior, fontanaría, saneamento, reformas de instalacións de electricidade e calefacción, instalacións de gas, instalacións audiovisuais e actuacións de reparación ou substitución dos revestimentos de acabamento dos paramentos verticais e horizontais da vivenda, incluída a pintura.

Substitución ou colocación dos aparellos sanitarios da vivenda, sempre e cando vaian acompañados da reforma de fontanaría e/ou electricidade.

Remodelación da distribución interior da vivenda para adecuala ás necesidades dos seus usuarios.

Substitución ou reparación das carpintarías.