Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Luns, 17 de outubro de 2016 Páx. 46900

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 134/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade e se constitúe o municipio de Cerdedo-Cotobade.

A Constitución española de 1978 (CE), nos seus artigos 137, 140 e 141, garante a autonomía local e a existencia como entidades locais en todo o territorio nacional dos municipios e das provincias, e recoñece igualmente o carácter de entidades locais ás illas nos arquipélagos balear e canario.

A configuración territorial do noso Estado é a que deu en chamalo o «Estado das autonomías», e nel rexe o principio de competencia entre as distintas normativas do Estado e das comunidades autónomas. Esta distribución competencial, aínda que presente ao longo de todo o articulado do texto constitucional de 1978, concrétase fundamentalmente en dous preceptos, o 148 e o 149, e para a nosa comunidade no Estatuto de autonomía de Galicia (EA Galicia), no seu artigo 27.

A Carta Magna, no seu artigo 148.1.2, establece que «As comunidades autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias: as alteracións dos termos municipais comprendidos no seu territorio e, en xeral, as funcións que correspondan á Administración do Estado sobre as corporacións locais e cuxa transferencia autorice a lexislación sobre réxime local» e, pola súa banda, o artigo 149.1.18, no cal se regulan as competencias exclusivas do Estado, prevé no punto 18 como competencia exclusiva para o Estado a relativa á determinación das «bases do réxime xurídico das administracións públicas e do réxime estatutario dos seus funcionarios que, en todo caso, garantirán aos administrados un tratamento común ante elas; o procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades derivadas da organización propia das comunidades autónomas; lexislación sobre expropiación forzosa; lexislación básica sobre contratos e concesións administrativas e o sistema de responsabilidade de todas as administracións públicas».

Ao abeiro do previsto no artigo 148.1.2 da CE, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu no seu Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de alteración de termos municipais, en concreto a través do seu artigo 27.2, que regula a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia nunha serie de materias, entre as cales se encontra a relativa á «Organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia, alteracións de termos municipais comprendidos dentro do seu territorio e, en xeral, as funcións que sobre o réxime local correspondan á Comunidade Autónoma ao abeiro do artigo 149.1.18 da Constitución e o seu desenvolvemento», e promulgou a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que dedica a súa sección primeira do capítulo I do seu título I (artigos 12 a 39) ás alteracións dos termos municipais.

Con base no exposto, a competencia en materia de alteración de termos municipais e autonómica recóllese nos preceptos sinalados (148.1.2 da CE e 27.2 do EA Galicia) pero, en virtude do xogo dos artigos 137, 140 e 149.1.18 da Constitución, esta competencia vese limitada por unha serie de mínimos ou principios básicos que son de aplicación a todos os municipios do Estado, independentemente da comunidade autónoma en que estean. En conclusión, o Estado preserva uns mínimos que protexe en todo o ámbito estatal, derivados da autonomía local constitucionalmente protexida, e faino coa lexislación básica pero, máis alá disto, a competencia de alteración de termos é exclusiva e plena das comunidades autónomas.

O exposto lévanos a acudir a diferentes normativas na tramitación do expediente de fusión de municipios, concretamente, a nivel estatal, á Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e ao Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación das entidades locais, e a nivel autonómico á Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Desde a perspectiva do máximo respecto á actual estrutura territorial da nosa comunidade e á diversidade municipal, non podemos obviar o recoñecemento de que a planta municipal actual, froito dun deseño cuxas raíces están no século XIX, está suxeita a revisión e reordenación pola evolución social, económica e demográfica que se ten experimentado na nosa comunidade.

A dita reordenación non se pode establecer con carácter xenérico e idénticos criterios para todos os municipios, como acontecería no caso de forzar fusións contrarias á vontade municipal, senón que a mellor opción pasaría polo fomento, de ser o caso, de fusións voluntarias de municipios, cando desde o máis absoluto respecto á autonomía local se adopten as decisións libremente.

Considérase que a fusión voluntaria entre os municipios de Cerdedo e Cotobade se basea e se xustifica en consideracións de orde xeográfica e económica e na estimación por ambos os dous municipios de que da alteración derivarán importantes vantaxes en canto á prestación de servizos.

Considérase que concorren razóns de conveniencia e de oportunidade que aconsellan a fusión iniciada polos concellos de Cerdedo e Cotobade, xa que, segundo consideran os concellos interesados, o novo municipio, xurdido da fusión, estará en disposición de garantir unha prestación de servizos máis eficaz e eficiente sen mingua da calidade da democracia local.

Para dar cumprimento ao disposto no artigo 38.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o texto do decreto recolle o nome do novo municipio; o núcleo en que se situará a capitalidade; os novos límites dos termos municipais afectados; a poboación e parroquias dos termos municipais afectados; e a aprobación das estipulacións xurídicas e económicas acordadas.

En canto ás estipulacións xurídicas e económicas, o texto do decreto aproba as acordadas para levar a cabo a alteración dos termos municipais e coherentes coa natureza da operación como fusión, caracterizada fundamentalmente pola subrogación do novo concello en todos os dereitos, bens e obrigas dos antigos concellos de Cerdedo e Cotobade. Deben diferenciarse, así, estas estipulacións que regulan a fusión ou son efectos xurídicos dela, das declaracións de intencións ou previsións para o futuro dos concellos fusionados, e que teñen un contido, polo tanto, que non rexe, condiciona ou determina o proceso de fusión. Estas declaracións ou previsións non se recollen como parte do presente decreto por non seren contido propio del. A nova corporación municipal nace deste modo con plena autonomía administrativa e potestade de autoorganización de acordo co sistema xeral da Lei 5/1997. Polo demais, a disposición adicional do decreto prevé o nomeamento da comisión xestora, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais, de acordo co disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Consta no expediente a observancia dos requisitos procedementais exixidos para a fusión pola Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, e pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. O expediente iniciárono, con carácter voluntario, os concellos de Cerdedo e Cotobade con base en consideracións de orde xeográfica e económica e na estimación de que da alteración derivarán importantes vantaxes económicas e na prestación de servizos. Constan os acordos dos plenos das dúas corporacións do 3 de marzo de 2016 coa maioría simple exixida pola lexislación e que foron obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia números 52 e 58 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra números 52 e 54, respectivamente.

Finalizado o período de información pública por 30 días, os concellos adoptaron, con data do 7 de xullo de 2016, un novo acordo, ao abeiro do artigo 34 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, coas maiorías simples requiridas pola normativa aplicable.

A fusión voluntaria cumpre cos requisitos establecidos na lexislación básica do Estado e na lexislación autonómica. O municipio resultante suma máis de 5.000 habitantes, segundo consta nos certificados do padrón municipal de ambos os concellos. Tamén consta a súa sustentabilidade financeira no informe de data 31 de maio de 2016 da Consellería de Facenda, incorporado ao expediente. Asemade, está xustificada no dito informe a suficiencia dos recursos para o cumprimento das competencias municipais, sen que supoña diminución na calidade dos servizos que viñan prestando ata o de agora.

A fusión voluntaria entre os municipios de Cerdedo e Cotobade está fundamentada en consideracións de orde xeográfica e económica e na estimación por ambos os dous municipios de que da alteración derivarán importantes vantaxes en canto á prestación de servizos, así como á adquisición de novos e máis cuantiosos ingresos por parte doutras administracións públicas que dos que poidan adquirir por separado.

Como consecuencia da fusión procederase á integración dos territorios, poboacións e organizacións dos municipios, incluíndo os medios persoais, materiais e económicos do municipio fusionado. Para estes efectos, está prevista a adecuación das estruturas organizativas, de persoal e de recursos resultantes para a súa nova situación. Da execución das citadas medidas non poderá derivar incremento ningún da masa salarial. O novo municipio subrógase en todos os dereitos e obrigas dos anteriores municipios.

Os concellos de Cerdedo e Cotobade aprobaron, tamén o 7 de xullo de 2016 e co cumprimento da maioría simple exixida, o texto do convenio de fusión regulado polo artigo 13 da Lei reguladora das bases de réxime local, que recolle as estipulacións necesarias para acollerse aos beneficios outorgados pola normativa estatal.

Logo de remitido o expediente á Deputación Provincial de Pontevedra para a emisión do preceptivo informe, consta certificación do acordo da Xunta de Goberno da Deputación no cal se presta conformidade aos informes do secretario da Deputación e do interventor que constatan o cumprimento dos requisitos legais e o aumento notable de ingresos para o novo municipio resultante da fusión.

Por último, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, consellería competente en materia de réxime local, elevou o expediente á Comisión Galega de Delimitación Territorial, a cal emitiu o seu informe favorable o 31 de agosto de 2016. Na súa virtude, tramitado o expediente de fusión nos ditos termos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase a fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade, que se unen para dar lugar a un novo municipio, polo que desaparecen os dous municipios fusionados.

Artigo 2

O novo municipio resultante da fusión recibirá a denominación de Cerdedo-Cotobade.

Artigo 3

A capitalidade do novo municipio radicará no núcleo da Chan, da parroquia de Carballedo, do actual termo municipal de Cotobade.

Artigo 4

O novo municipio terá como límites territoriais os correspondentes na actualidade aos municipios fusionados en relación con outros limítrofes, polo que desaparece a liña divisoria entre Cerdedo e Cotobade.

Os límites territoriais serán os recollidos no anexo I deste decreto.

Artigo 5

A poboación e parroquias do novo municipio serán as correspondentes ás dos municipios fusionados.

Artigo 6

Apróbanse as seguintes estipulacións xurídicas e económicas para levar a cabo a alteración dos termos municipais:

1. As fórmulas de administración dos bens e xestión de servizos serán as que acorde o concello que se constitúa no novo municipio, conforme o establecido na normativa xurídica vixente. No entanto, os contratos e convenios asignados polas corporacións de Cerdedo e Cotobade conservarán a súa vixencia ata a súa extinción en legal forma.

2. Ata que se produza a correspondente unificación normativa, as ordenanzas e demais normas aprobadas polos concellos de Cerdedo e Cotobade seguirán vixentes nos seus respectivos ámbitos territoriais. As oficinas xerais do novo municipio estarán radicadas nas dúas sedes da casa do Concello, onde calquera cidadán poderá indistintamente presentar as súas instancias ou peticións para ser atendido.

3. O novo municipio subrogarase en todos os dereitos e obrigas dos antigos municipios de Cerdedo e Cotobade. Neste sentido, as hipotecas, débedas ou créditos contraídos polos antigos municipios serán liquidados polo novo de acordo coa normativa vixente.

Artigo 7

1. De acordo coas previsións contidas no artigo 59 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os postos reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional no novo Concello de Cerdedo-Cotobade clasifícanse nas categorías que se indican no anexo II e adxudícanse en propiedade aos funcionarios que nel se especifican. Así mesmo, quedan suprimidos os postos que se indican no dito anexo, que serán dados de baixa no correspondente rexistro estatal e autonómico de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 59, letra g), da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional que desempeñaba en propiedade o posto de secretario-interventor do Concello de Cerdedo, que agora se suprime, queda transferido á Comunidade Autónoma e integrado como persoal desta na categoría de técnico da Administración xeral, agás que opte por quedar na situación de expectativa de nomeamento.

Disposición adicional

Conforme o disposto na Lei de bases de réxime local, procederase ao nomeamento dunha comisión xestora da cal formarán parte todos os concelleiros e concelleiras dos municipios de Cerdedo e Cotobade.

A dita comisión xestora ocuparase de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións locais.

Disposición transitoria

Mentres non se constitúa a comisión xestora a que se refire a disposición adicional, ao abeiro do disposto no artigo 194.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, os membros dos concellos fusionados continuarán nas súas funcións só para a administración ordinaria. En ningún caso poderán adoptar acordos para os que legalmente se requira unha maioría cualificada.

Disposición derradeira

Esta resolución de aprobación producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

missing image file

ANEXO II

Relación de postos de habilitados que se suprimen:

Concello de Cerdedo

Secretaría-intervención

Concello de Cotobade

Secretaría de entrada

Concello de Cotobade

Intervención de entrada

Relación de postos de habilitados de nova creación no Concello de Cerdedo-Cotobade e funcionarios aos cales se adxudican:

Secretaría de entrada

Miguel Rodríguez de Vicente Tutor

Intervención de entrada

Sonia David Cortegoso

Tesouraría

Vacante