Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 2 de decembro de 2016 Páx. 53499

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2016 pola que se determina o inicio dos procedementos de nomeamento de persoal emérito.

A Orde do 27 de outubro de 2010, pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e a prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario, establece no seu artigo 2 que, mediante resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, se habilitará un prazo para a presentación das solicitudes de nomeamento de persoal emérito por parte das corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario, se sinalará o momento en que as xerencias de xestión integrada deberán iniciar os procedementos para o nomeamento de persoal emérito e, por último, se especificará o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito.

En desenvolvemento da devandita previsión,

RESOLVO:

Primeiro. As xerencias de xestión integrada deberán iniciar, se é o caso, os procedementos para o nomeamento de persoal emérito na data de entrada en vigor desta resolución.

Segundo. As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar solicitudes de nomeamento de persoal emérito no prazo de 10 días, contados desde a entrada en vigor desta resolución, ante a Xerencia de Xestión Integrada que corresponda ao posto de traballo que desempeñaba antes da súa xubilación a persoa cuxo nomeamento se solicita.

Terceiro. Determinar que o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución será de dúas.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2016

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde