Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2017 Páx. 747

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2016 pola que se lles oferta ás empresas editoras que participen na Orde do 19 de decembro de 2016, pola que se informan as empresas editoriais con publicacións en galego da apertura do Catálogo en liña de novidades editoriais, para que poidan incorporar as súas publicacións co obxecto de que os titulares de bibliotecas públicas poidan solicitalas para a actualización das súas coleccións bibliográficas para o ano 2017.

Antecedentes.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, os produtos editoriais galegos, segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Pola súa parte, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e as restantes normas vixentes en materia de procedementos administrativos, fan ver a necesidade de poñer en marcha un novo sistema de adquisición de novidades editoriais en lingua galega, acorde á nova realidade dos servizos públicos.

Esta é a razón deste sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, que facilitará a visibilidade e a celeridade da subministración do material bibliográfico aos servizos bibliotecarios dependentes da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ao tempo que se inicia a súa comercialización. Con este sistema garántese a actualización continua dos fondos bibliográficos en galego nas bibliotecas públicas á vez que serve de escaparate único e dinámico de todas as publicacións en galego que realizan as empresas editoriais.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Condicións para a inscrición na plataforma das novas entidades

As empresas editoras que desexen participar por primeira vez nesta convocatoria deben acceder á plataforma cumprindo os seguintes requisitos:

– Inscribirse, a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 15 de setembro de 2017, na plataforma dixital de novidades editoriais da Xunta de Galicia, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, co obxecto de presentar as súas ofertas editoriais, e que estas se poidan adquirir desde os concellos de Galicia, titulares de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura, beneficiarios da subvención para a adquisición de novidades editoriais en galego, establecida na correspondente orde de convocatoria para o exercicio 2017.

– Poderá inscribirse toda persoa física ou xurídica que teña a condición de editora. No imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra en que quede claro o seu carácter fundamentalmente editorial.

Segundo. Condicións de participación para as entidades xa inscritas en convocatorias anteriores

As empresas editoras xa inscritas na plataforma e que desexen volver participar na nova convocatoria deben comunicalo expresamente por correo electrónico ao seguinte enderezo:

servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal

Terceiro. Condicións xerais para as editoriais participantes

– Se a empresa editora, ao longo do período de inscrición das súas publicacións, non cumpre cos requisitos mencionados, a Secretaría Xeral de Cultura anulará o seu dereito de permanecer na plataforma dixital ata que regularice a súa situación.

Cuarto. Requisitos das novidades editoriais

As novidades editoriais ofertadas polas empresas editoras presentadas na plataforma dixital deberán cumprir todos os seguintes requisitos:

– Publicacións en lingua galega en formato impreso.

– Novidades editoriais, cunha primeira edición editada entre o 1 de setembro de 2016 e o 29 de setembro de 2017.

– Publicacións que non superen os 70 € (IVE incluído) do prezo de venda ao público.

– Que non sexan libros de texto ou outro material curricular.

Quinto. Obrigas das empresas editoras

1. As novidades editoriais que se inscriban estarán dispoñibles na plataforma dixital, ou ben como publicacións xa editadas ou como futuras, neste último suposto, a entidade editora deberá cambiala de estado na plataforma dixital no momento en que inicie a súa comercialización; en ambos os dous casos deben estar publicadas dentro do período establecido (1.9.2016-15.9.2017).

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servizo do Libro e Publicacións, excluirá as publicacións que non cumpran os requisitos antes mencionados. O incumprimento relativo ao ano de edición do libro suporá ademais a exclusión da entidade editora da plataforma para as dúas seguintes convocatorias.

2. A plataforma dixital xestionará os pedidos recibidos desde os titulares de bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia e serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, asumindo os custos da distribución. O pedido deberá ser enviado e recibido coa maior brevidade posible, sen que poida superar un prazo máximo de 15 días naturais desde a data de recepción de cada un.

Sexto. Pagamento

O titular das bibliotecas ou axencias de lectura pública que realizase pedidos de libros a través da plataforma será o encargado de realizar o pagamento ás editoriais que entregaron os libros.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria