Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 1 de marzo de 2017 Páx. 10464

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 22 de decembro de 2016, acordou por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende), facultando o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2017, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e polas que se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende) e convocar para 2017 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020 e, en particular:

Prioridade 6.A: facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

Medida 06: desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.

Submedida 6.2.: axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais.

O restante 25 % correspóndese con cofinanciamento nacional, asumindo o 7,5 % a Administración xeral do Estado e o 17,5 % a Xunta de Galicia.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo sexa hábil no municipio ou Comunidade Autónoma en que resida o solicitante e inhábil en Santiago de Compostela, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2017

Ano 2018

09.A1.741A.7704

2.171.332 €

328.668 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 15 de xuño de 2017, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de novembro de 2018.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de setembro de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como moi tarde o 29 de setembro de 2017.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de novembro de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como moi tarde o 10 de decembro 2018.

Para aqueles proxectos que prevexan anticipo do 60 % do importe da axuda, o beneficiario deberá presentar a solicitude de anticipo como moi tarde o 31 de agosto de 2017 para o exercicio 2017 e como moi tarde o 31 de marzo de 2018 para o exercicio 2018.

Quinto.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto.

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas
en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR)
para Galicia 2014-2020

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

A necesidade de que as administracións públicas implanten medidas concretas para fomentar o emprendemento e apoiar o emprendedor como axente dinamizador da economía en Galicia vén dada polo alto grao de representatividade das microempresas e pequenas empresas, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego.

O actual contexto de escaseza de recursos require unha xestión máis eficaz e eficiente dos apoios públicos que cree contornas favorables que promovan e consoliden a actividade emprendedora. Un dos retos máis salientables do goberno galego é o crecemento empresarial, para o cal se debe facilitar unha contorna laboral máis estable, que permita o desenvolvemento dunha economía máis equilibrada. O apoio aos emprendedores é fundamental para que poidan actuar como catalizadores do repunte da nosa economía.

O Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea do 18 de novembro de 2015 (Decisión C(2015) 8144 final do 18.11.2015), prevé como prioridade 6.A facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego e establece na súa medida 06 (desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais) a necesidade de establecer axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais (submedida 6.2.).

Co obxectivo de contribuír á diversificación económica, crecemento do emprego, sustentabilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais, o Igape desenvolve un sistema de incentivos de apoio á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables.

Considerando o carácter básico do Igape como instrumento de promoción eminentemente horizontal e aberto á colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, ademais do previsto nestas e demais bases, poderá xestionar e canalizar cara ao tecido empresarial outras medidas de acordo cos departamentos competentes por razón de materia.

A convocatoria desta axuda será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

Zonas rurais: establécese tendo en conta a clasificación proposta pola Comisión, denominada «grao de urbanización», que toma como unidade de referencia LAU2 (municipios) e na cal se definen tres categorías:

a) Zonas densamente poboadas (código 1): aquelas cunha densidade de poboación igual ou superior a 1.500 habitantes por km2 e unha poboación mínima de 50.000 persoas.

b) Zonas de densidade intermedia (código 2): aquelas en que menos do 50 % da poboación vive nas cuadrículas rurais (onde as cuadrículas nas zonas rurais son as que están fóra das agrupacións urbanas) e menos do 50 % vive en altos grupos de densidade.

c) Zonas de baixa densidade (código 3): aquelas en que máis do 50 % da poboación vive nas cuadrículas rurais. Os LAU2 cunha poboación inferior a 5.000 habitantes e co 90 % ou máis da súa área nas cuadrículas rurais foron reclasificados como rurais.

A definición das zonas rurais realízase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) nun territorio. No caso de Galicia, só teñen esa consideración os 7 concellos dos núcleos de poboación máis grandes da comunidade autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela).

A autoridade de xestión, xunto co Instituto Galego de Estatística, perfila as cuadrículas de estudo (1 km2) dentro de cada unha das zonas urbanas a nivel de parroquia. Neste sentido, as parroquias definidas como rurais ou intermedias de todos os concellos de Galicia poden ser admisibles para os efectos do financiamento de proxectos a través do PDR 2014-2020 e cofinanciados co fondo Feader. Porén, considéranse tamén non admisibles aquelas parroquias que están en concellos non urbanos pero si teñen parroquias que teñen esta característica (ZDP).

No anexo VIII inclúese a relación de parroquias non admisibles para os efectos das presentes bases.

2. Actividades. Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.

Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

c) Prestación de servizos en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos...).

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, servizos técnicos, contabilidade, veterinaria.

i) Comercio ao retallo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

j) No sector da restauración turística, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.

3. Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.

b) Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

4. O plan de negocio que amose a viabilidade da iniciativa axustarase aos contidos definidos no formulario electrónico de solicitude de axuda. O plan de negocio describirá, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Antecedentes da entidade e/ou promotores.

1º. Capacidade técnica e tecnolóxica: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, patentes I+D+i, certificacións de calidade e ambientais.

2º. Capacidade comercial: canles de comercialización, mercados, grao de internacionalización, exportacións.

3º. Capacidade económica: principais activos e aspectos máis significativos dos estados financeiros.

b) Proxecto.

1º. Orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto á entidade).

2º. Descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.).

3º. Necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).

4º. Necesidades de medios materiais (descrición dos materiais adquiridos e utilizados).

5º. Necesidades de persoal asociadas ao proxecto.

6º. Fases (calendario de execución) para a realización e para o logro dos obxectivos.

c) Produto e mercado.

1º. Tamaño do mercado, características e competencia.

2º. Análise comercial do produto (cota de mercado e comparación fronte á competencia).

d) Análise económica do proxecto.

1º. Previsións económicas.

2º. Estrutura do financiamento.

3º. Rendibilidade e previsións de tesouraría.

e) Obxectivos que se perseguen: realización dos investimentos e gastos necesarios para a execución do proxecto e contratación e/ou mantemento de postos de traballo.

f) Dependendo da natureza e da magnitude da actuación proxectada, e con maior extensión e concreción en función destes principios, deberá incluírse un capítulo específico sobre problemas relacionados co cambio climático, centrado nas medidas de mitigación e adaptación que se adoptarán.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nestas bases están amparadas no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

4. A subvención aos proxectos estará cofinanciada ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do PDR de Galicia 2014-2020, prioridade 6.A (facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego), medida 06 (desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais), submedida 6.2. (axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais), e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular, as establecidas no anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo (DOUE L 227/18, do 31 de xullo), polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O restante 25 % correspóndese con cofinanciamento nacional, asumindo o 7,5 % a Administración Xeral do Estado e o 17,5 % a Xunta de Galicia.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e da súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...).

Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

2. As empresas beneficiarias deberán presentar unha declaración responsable en que manifesten que se comprometen a axustarse ao limiar máximo de 200.000 € de importe máximo de axuda de minimis que poden recibir nun período de tres anos. Estes tres anos deben avaliarse con carácter permanente de tal modo que para cada subvención de axuda de minimis que se conceda a unha empresa en cuestión (como a presente) debe tomarse en consideración o exercicio fiscal en que se conceda a axuda (2017) e os dous exercicios fiscais anteriores.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

4. Para aqueles beneficiarios que reciban axudas e realicen previa ou simultaneamente actividades non incluídas no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (actividades de carácter agrícola ou de transporte por estrada...), deberá atenderse á necesaria distinción entre as axudas de minimis outorgadas para cada tipo de actividade e os seus correspondentes limiares (15.000 e 100.000 euros respectivamente).

5. O órgano xestor deberá atender a necesaria garantía da distinción das actividades obxecto de financiamento ou separación de sectores de actividade a nivel de custo.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios:

a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

b) As microempresas e pequenas empresas de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.

Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) As persoas físicas que residan nunha zona rural, ben para crearen unha nova empresa ben para seguiren traballando na preexistente como traballadores por conta propia.

Para estes efectos considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 1.2. destas bases reguladoras.

2. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude da axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.

Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.

Artigo 5. Condicións de admisibilidade

1. Segundo o establecido no PDR de Galicia 2014-2020 a axuda terá carácter de pagamento a tanto global e concederase pola execución dun plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 18 meses.

2. Os solicitantes deberán presentar un plan de negocio ou plan empresarial que mostre a viabilidade da iniciativa. O plan comezará a aplicarse dentro dos nove meses seguintes á data en que se adopte a decisión pola que se concede a axuda. Deben ser proxectos viables financeiramente e axustarse á normativa sectorial correspondente (comunitaria, estatal e autonómica) e o promotor non debe estar suxeito a situación ou procedemento xurídico e/ou administrativo que o inhabilite para poder optar á subvención.

3. Dependendo da natureza e da magnitude da actuación proxectada, e con maior extensión e concreción en función destes principios, deberá incluírse un capítulo específico sobre problemas relacionados co cambio climático, centrado nas medidas de mitigación e adaptación que se adoptarán.

4. As operacións non deben estar iniciadas na data de presentación da solicitude e deben desenvolverse no ámbito xeográfico das zonas definidas como rurais de Galicia. Ademais, deben ser finalistas e cumprir os obxectivos para que foron aprobados no momento da certificación final, sen que se admitan fases de proxectos.

Artigo 6. Intensidade da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. A axuda consistirá nunha prima cuxa contía básica se establece en 20.000 euros e que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000 € nas seguintes situacións:

a) De acordo co seguinte rango de gasto e investimento admisible:

1º. De 20.000 a 30.000 €: incremento sobre a prima básica de 12.500 €.

2º. De 30.001 a 40.000 €: incremento sobre a prima básica de 17.500 €.

3º. De 40.001 a 60.000 €: incremento sobre a prima básica de 25.000 €.

4º. De 60.001 a 80.000 €: incremento sobre a prima básica de 31.500 €.

5º. De 80.001 a 100.000 €: incremento sobre a prima básica de 40.500 €.

6º. Maior de 100.000 €: incremento sobre a prima básica de 45.000 €.

b) Creación de emprego adicional, ademais da man de obra correspondente aos socios do proxecto: 20.000 €.

c) Localización nunha zona con limitacións naturais ou outras limitacións específicas incluídas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013 e relacionadas no anexo VII das bases reguladoras: 5.000 €.

2. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido, consideraranse integrados na base subvencionable todos os gastos e/ou investimentos precisos para a posta en marcha do proxecto nos cales se incorra dentro do período de execución, coas seguintes consideracións respecto das seguintes partidas:

a) Compra de terreos. Máximo un 10 % do total de custos subvencionables.

b) Construción, adquisición e mellora de inmobles, que só poderán ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, o importe subvencionable non superará o 50 % dos gastos subvencionables.

c) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan como anexo V.

d) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior e equipamentos de protección do ambiente.

e) Activos inmateriais, tales como adquisición de dereitos de patentes, licenzas, Know how e coñecementos técnicos non patentados, aplicacións informáticas (excluídas as licenzas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática).

No caso dos activos inmateriais, para seren considerados subvencionables deberán cumprir estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador 4) deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

f) Custos de funcionamento: estes custos deberán atender ao disposto no artigo 61 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se terán en consideración as seguintes tipoloxías de custo: custos de explotación, custos de persoal, custos de formación, custos de relacións públicas, custos financeiros, custos de rede.

g) As contribucións en especie en forma de provisións de bens, servizos, terreos, bens inmobles polos cales non se tivese efectuado ningún pagamento en efectivo documentado con facturas ou documentos de valor probatorio equivalente poderán ser subvencionables sempre que cumpran o disposto no artigo 69 do Regulamento (UE) 1303/2013.

h) Con respecto aos gastos xerais do proxecto (honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento, sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade, a que se refire o artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) 1305/2013 considérase subvencionable un máximo do 10 % do total de custos subvencionables.

i) Considéranse subvencionables os custos notariais derivados da certificación do non inicio da actividade, no caso de proxectos que inclúan investimentos (obra civil).

3. Poderán ser beneficiarios da axuda os proxectos que acaden un mínimo de 30 puntos de acordo co seguinte baremo xeral:

a) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (máx. 20 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselles 20 puntos; ao resto de actividades 0.

b) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo IV destas bases (máx. 20 puntos).

A puntuación vén dada por aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector × 20) / 98,34 %, sendo 98,34 o valor máis alto do valor engadido bruto medio por sectores de actividade.

c) Compromiso de creación de emprego (máx. 25 puntos). Outorgaranse 5 puntos pola creación de cada novo emprego –en termos UTA– por conta propia ou indefinido por conta allea.

d) Achega económica prevista por parte dos promotores ao proxecto en relación coas necesidades financeiras globais (máx. 25 puntos).

A puntuación será a resultante de aplicar a seguinte fórmula:

Puntos= X/70 * 25 puntos, onde X é a porcentaxe de fondos propios en relación co custo total do proxecto.

e) Potenciación da exportación que poida supor a actividade (máx. 10 puntos). Os proxectos que inclúan no plan de negocio inicio de exportación de produtos/servizos ou incrementos deles obterán 10 puntos.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso debe presentar a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. O plan de negocio estará integrado no formulario de solicitude de axuda.

2. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia e medios para cubrir o formulario electrónico, ou a través do número de teléfono 900 81 51 51. Deste xeito obterase o formulario de solicitude. Unha vez cuberto o formulario, obterase o formulario normalizado de solicitude que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.

3. Xunto co formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Para todas as solicitudes:

1º. Se é o caso, proxecto técnico visado elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.) Exceptúanse da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

2º. Para poder atender a axuda Feader, as operacións de investimento irán precedidas dunha avaliación do impacto ambiental previsto de conformidade coa normativa específica aplicable a este tipo de investimentos cando poida ter efectos nocivos para o ambiente.

b) Para sociedades xa constituídas:

1º. DNI da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2º. Declaración responsable da persoa representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.

3º. NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

4º. Imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta. Acreditarase, por medio da declaración de alta censual, xustificación do pagamento do recibo do último exercicio, ou ben a xustificación da exención.

5º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente.

6º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

7º. Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

8º. Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

9º. Últimas contas depositadas no rexistro correspondente, relativas ao exercicio 2015 ou, de ser o caso, ao exercicio 2014, e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, en que figure o número de empregados do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance xeral.

c) Para sociedades en constitución:

1º. Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.

2º. Proxecto de estatutos da sociedade, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. Para tal fin, a documentación establecida no artigo 8.4.b) anterior terá que ser presentada no Igape no prazo máximo dun mes despois da presentación da solicitude de axuda. Transcorrido o dito prazo sen tela presentado ou se a documentación presentada for incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

d) Para membros de unidades familiares dunha explotación agrícola:

1º. Acreditación da inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia.

2º. Acreditación da cualificación de explotación agraria prioritaria.

3º. Acreditación do grao de parentesco co titular da explotación e certificado de empadroamento do solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

e) Para persoas físicas que residan nunha zona rural:

1º. Certificado de empadroamento, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

4. No caso de ser o solicitante unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica, a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, de conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.3. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal. Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude a da presentación da emenda.

5. Os solicitantes por esta vía electrónica deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante.

Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital do presentador e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da alínea b) anterior tamén empregarán a vía electrónica para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático).

g) Todos os trámites administrativos que as persoas xurídicas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

6. No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, alternativamente, tamén a poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.3. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

No caso de que o solicitante persoa física opte pola vía electrónica para relacionarse co Igape na tramitación do seu expediente, seralle de aplicación o que corresponda dos números 4 e 5 deste artigo.

Poderán presentar presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, os modelos normalizados dos trámites máis comunmente empregados na tramitación administrativa, que a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas.

As notificacións practicaranse por medios electrónicos se indicaron no formulario de solicitude a súa preferencia polo emprego da notificación electrónica neste procedemento de axudas, ou presencialmente noutro caso. Poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante a publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a mellor puntuación segundo ordinal dos criterios establecidos no artigo 6.3.

4. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditarse a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e a porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

6. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). En todo caso, na dita resolución individual de concesión deberán establecerse as condicións da axuda, na cal deben figurar como mínimo os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada con Fondos Feader de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR), o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, do Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento. En particular, indicarase que se encadra no PDR segundo segue:

• Prioridade 6.A: facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

• Medida 06: desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.

• Submedida 6.2.: axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución.

d) Indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

f) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberá cumprir nos termos previstos no anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo.

g) Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

h) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo dese prazo.

i) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas á localización, compromiso de creación de emprego e variacións entre partidas de gasto.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, e será denegada calquera solicitude presentada fóra deste prazo.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 8. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

4. Nos casos en que o beneficiario non execute na súa totalidade o plan de negocio para o cal ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o gasto e/ou o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento o gasto e/ou investimento polos cales a solicita e a axuda recalcularase segundo corresponda.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento do establecido no plan de negocio.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poida realizar a autoridade de xestión, os avaliadores designados ou outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas, facilitando toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, segundo o previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, durante, polo menos, un período de cinco anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

c) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes establecidas no artigo 6.1 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feader, de acordo co artigo 66 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

e) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feader segundo o establecido no anexo VI a estas bases.

f) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) Debe establecerse de forma expresa o limiar de axudas concedidas con cargo a este réxime de minimis, que será un total de 200.000 euros en tres anos.

Debe atenderse a regras de cómputo deste limiar previstas no propio Regulamento (UE) 1407/2013 e establecer de forma expresa que os tres anos se computarán e avaliarán de forma permanente de tal modo que, para cada nova concesión dunha axuda minimis, deba tomarse en consideración o importe total das axudas de minimis concedidas no exercicio fiscal en cuestión e durante os dous exercicios fiscais anteriores.

O período dos tres anos que se debe ter en consideración para os efectos do presente regulamento debe avaliarse con carácter permanente de tal modo que, para cada nova subvención coa axuda de minimis debe tomarse en consideración o importe total da axuda de minimis concedida no exercicio fiscal en cuestión e durante os dous exercicios fiscais anteriores.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. O prazo para presentar a solicitude de cobramento será o establecido na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia ou medios para cubrir o formulario electrónico, ou a través do número de teléfono 900 81 51 51. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios. Este formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

3. Se o beneficiario é unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado que, a título informativo, figura como anexo II a estas bases, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúanse do anterior os documentos que, de conformidade co artigo 14.6, deban ser orixinais (orixinal en formato electrónico ou copia auténtica). No caso de que o documento orixinal estea en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo á súa presentación electrónica.

4. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física, unha vez xerada a solicitude poderá elixir presentala electrónica ou presencialmente, en soporte papel, no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo II), acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 14.6, agás as facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade, que se deberán presentar en orixinal ou copia cotexada. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Orixinal das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable. No caso de construción, mellora ou rehabilitación de bens inmobles en propiedade, requirirase escritura pública que terá que facer constancia de que o ben se destinará ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida, datos estes que deben ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de reforma de inmobles arrendados deberá achegarse o contrato de arrendamento por un período mínimo de 5 anos desde a data de finalización do proxecto.

b) Copia da documentación acreditativa do pagamento por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, e estarán debidamente selados pola entidade financeira e asinados polo beneficiario.

2º Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

3º Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos investimentos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas no artigo 6.2.e) destas bases mediante copia do informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que verifique o cumprimento das condicións 2º, 3º e 4º do citado artigo.

d) No caso de que o proxecto subvencionado inclúa obra civil, deberá constar a copia da licenza municipal que sexa requirida ou, no caso de obras menores, da comunicación previa prevista no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

e) Copia da comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento prevista no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no caso de proxectos de creación dun novo establecemento.

f) A copia –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.g) destas bases.

g) No caso de creación de emprego indefinido por conta allea, copia dos contratos de traballo formalizados e rexistrados no SEPE e certificados de vida laboral da empresa ata o día de solicitude de axuda e ata a data límite de execución do proxecto aprobado.

h) As 3 ofertas de diferentes provedores para todos os elementos de gasto.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación achegada.

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.f): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que poidan dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 12 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. A axuda aboarase en dúas cotas: unha primeira, correspondente a un anticipo do 60 % do importe da axuda, cando se acredite o inicio das actuacións incluídas no plan empresarial no prazo máximo de 9 meses contados desde a notificación da concesión da axuda, para o cal se presentará, xunto cunha solicitude de pagamento, a súa correspondente acreditación do inicio de actividades. O importe restante aboarase cando se comprobe a correcta execución do plan de negocio, logo de solicitude dentro do prazo límite establecido na resolución de concesión.

2. O inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable do representante legal sobre o dito feito, acompañado, segundo proceda, de:

a) Factura acreditativa da realización de investimento ou gasto.

b) Documento acreditativo de alta no réxime de Seguridade Social que corresponda, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Documento acreditativo de alta na epígrafe do imposto sobre actividades económicas que corresponda, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Acta notarial de presenza ou control sobre o terreo, no caso de proxecto que inclúa investimentos.

3. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

4. No caso de que non se acredite o inicio de actuacións no prazo establecido no artigo 5.2 ou a acreditación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da acreditación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total.

5. Exímese os/as beneficiarios/as da obriga de constituíren garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia de xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da Lei de subvencións de Galicia. Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, conforme o establecido no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tería a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase considerando o rango de gasto e investimento establecido no artigo 6.1.a), e deberanse reintegrar, se é o caso, as cantidades percibidas indebidamente. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % do rango de gasto e investimento inicialmente previsto, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

1º. Conforme o artigo 63 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, cando o importe que derive da solicitude de pagamento supere en máis dun 10 % o importe que se vai pagar ao beneficiario, logo do exame da admisibilidade do gasto que figura na solicitude de pagamento, suporá o reintegro da diferenza entre eses dous importes.

2º. Se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben, da actividade subvencionada ou ao compromiso de mantemento de emprego, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento ata acadar os tres anos, transcorridos os cales deberán reintegrar a totalidade das cantidades percibidas.

3º. Se o incumprimento atinxe ao compromiso de creación de emprego, rebaremarase o proxecto. No caso de que a puntuación final quede por baixo da nota de corte ou da mínima establecida no artigo 6.3.3, significará a perda total da subvención concedida.

4º. Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

5º. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:

i) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto subvencionable, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

ii) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

iii) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 13.g) destas bases.

6º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feader.

3. Causas de incumprimento total:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

Artigo 18. Réxime sancionador

Os beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da Lei de subvencións de Galicia, e VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento, en cumprimento do artigo 48 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas, poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape (www.igape.es) e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto en:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión, ao Feader e ao Femp, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión e ao Femp.

f) Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, de axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

g) Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da Política Agrícola Común.

h) Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014 (DOUE L 227/18, do 31 de xullo de 2014), polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader),

i) Regulamento (UE) de execución 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema de seguridade e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

j) Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

k) En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file