Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2017 Páx. 14447

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2017 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, foi modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, e dispón no seu artigo 39.1 que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia».

Ademais, o punto 2 do mesmo artigo 39 establece que «a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) Violencia física, b) Violencia psicolóxica, e f) Trata de mulleres e nenas, do artigo 3».

Así, a Resolución do 17 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 59, do 24 de marzo), aproba as bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, e establece no seu artigo 3.4 que, dado o carácter permanente desas bases reguladoras, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha resolución pola que se convoque a prestación periódica establecida nesas bases reguladoras.

Segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución; no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade; na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, e na demais lexislación aplicable na materia.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2017 as axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero reguladas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Artigo 2. Orzamento

Para a concesión destas axudas destinaranse 4.042.950 euros, imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

– Ano 2017: 1.942.950 euros.

– Ano 2018: 2.100.000 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 3. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes.

O prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes será o establecido nas bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica, aprobadas pola Resolución do 17 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 59, do 24 de marzo).

Artigo 4. Réxime xurídico

As solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria rexeranse en todos os aspectos polo disposto na Resolución do 17 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (DOG núm. 59, do 24 de marzo).

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade