Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2017 Páx. 17214

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de cen bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de máster que se inicien no ano 2017 nunha universidade galega.

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, así como as políticas de emigración e retorno en Galicia, segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do dito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a vivir e traballar na súa propia terra.

Coa posta en marcha desta liña de bolsas, a Secretaría Xeral da Emigración ofértalles aos galegos universitarios residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización académica de máster nunha universidade galega, coa finalidade de que amplíen a súa formación e adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías de éxito.

Os másteres ofertados intégranse nas áreas de Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura; seleccionáronse en función das posibilidades dunha maior empregabilidade e son de interese para o desenvolvemento do sector produtivo industrial, de servizos, así como o da información e coñecemento de Galicia.

A través desta iniciativa preténdese tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e experiencias profesionais internacionais que acheguen estes galegos con formación universitaria, que residiron ou naceron no estranxeiro, e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación coa Comunidade Autónoma.

Estas bolsas constitúen unha axuda económica para a realización destes estudos de máster en Galicia cunha duración dun curso académico (60 créditos) ou dun curso e medio (90 créditos). Os importes fixáronse en función dos gastos que deberán afrontar os bolseiros para poder acadar os obxectivos das bolsas, tendo en conta os gastos de desprazamento desde o seu pais de residencia, as taxas administrativas e académicas de matrícula, así como o custo do aloxamento e manutención.

Para o desenvolvemento deste programa é primordial contar coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como das tres universidades galegas mediante a súa participación na selección dos beneficiarios a través da súa presenza na comisión de valoración dos expedientes.

Por outra banda, dado que as posibles persoas adxudicatarias das bolsas residen no exterior e teñen que organizar o seu traslado a Galicia con antelación suficiente, así como matricularse no máster nos prazos que establezan as universidades, co fin de que coñezan canto antes a súa concesión, prevese a tramitación do procedemento de concesión das bolsas pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda e aceptar as bolsas. Así mesmo, dada a súa condición de estudantes universitarios e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cen bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de máster que se inicien no ano 2017 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento.

A listaxe dos másteres oficiais para os cales se conceden as bolsas son os sinalados no anexo I desta resolución.

2. A concesión da bolsa está condicionada á acreditación previa de estar matriculado nun máster dun mínimo de 60 créditos modalidade presencial.

3. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR911A.

Artigo 2. Financiamento

Esta convocatoria terá carácter plurianual e para a concesión destas subvencións destinarase un total de 860.625 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.3 –Bolsas de excelencia para a mocidade do exterior– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2017 e 2018, por importe de 500.000 € para a anualidade 2017 e 360.625 € para a anualidade 2018; a concesión destas subvencións queda condicionada aos ditos límites orzamentarios.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas axudas os cidadáns galegos residentes no exterior cunha titulación universitaria de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

Artigo 4. Requisitos

4.1. Requisitos que deberán cumprirse e acreditarse no momento da presentación de solicitudes:

a) Residir no estranxeiro.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Ser emigrante nacido en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar, así como os descendentes por consanguinidade dunha destas persoas e que nacesen no estranxeiro.

d) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculada a un concello galego.

e) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior inmediatamente anteriores a data da presentación da solicitude.

f) Estar en posesión dalgún título universitario de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico ou outro expresamente declarado equivalente.

g) Ter obtido a titulación universitaria nos últimos 10 anos.

4.2. Requisito que deberá cumprirse e acreditarse con carácter previo á concesión da bolsa:

a) Estar matriculado/a no curso 2017/18 nun máster universitario oficial dos relacionados no anexo I do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos na modalidade presencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos, a matrícula dos 30 créditos restantes, correspondentes ao curso 2018/19 realizarase e acreditarase no ano 2018.

Os solicitantes antes de matricularse deben realizar o proceso de solicitude de admisión nun ou en varios másteres nas universidades galegas que prefiran coa antelación necesaria para poder presentar o xustificante de matrícula. Cada universidade establece o seu propio prazo de admisión e deben estar en contacto directo con elas para informarse dos programas de máster da súa área de interese, así como dos requisitos e da documentación que deben presentar.

Para estes efectos, para ser admitido nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espacio Europeo de Educación Superior (EEES), deberase tramitar a solicitude de equivalencia na universidade galega onde se pretenda cursar o máster. Non será necesario no caso de que o título estea xa homologado a un titulo universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado membro do EEES e que faculten para o acceso a estudos de máster.

Esta admisión polas universidades non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro do que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que non sexan os de cursar os estudos de máster.

Artigo 5. Período de desfrute

As bolsas terán a duración correspondente aos cursos académicos necesarios para a realización da totalidade dos créditos de que conste o master:

– Os másteres de 60 ou 72 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico, o período de desfrute será de setembro de 2017 a xullo de 2018.

– Os másteres de 90 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico e medio, o período de desfrute será, ademais do sinalado no parágrafo anterior, un cuadrimestre de setembro de 2018 a febreiro de 2019.

O desfrute da bolsa estará condicionado a que se imparta o título oficial de máster para o que se realizou a matrícula.

Artigo 6. Dotación e compatibilidade

1. A dotación total da bolsa para a realización do master nunha universidade galega será a seguinte, segundo a súa duración e o país de procedencia:

Dotación total da bolsa

Nº créditos ECTS

Nº cursos

Europa

Resto países

60-72

1

7.000 €

7.650 €

90

1,5

10.500 €

11.475 €

2. Coa contía asignada, o beneficiario deberá afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar o master e, en concreto:

a) Gastos de preinscrición, administrativos e de matrícula na universidade.

b) Viaxe desde o seu país de procedencia.

c) Aloxamento e manutención en Galicia.

d) Subscrición dun seguro médico, se é o caso.

3. Esta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institución ou ente público para cursar os estudos de máster oficial.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo II desta resolución, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Os solicitantes deberán cubrir todos os formularios que figuren na aplicación informática e achegar os documentos requiridos no artigo 9 desta resolución. Unha vez completada, o solicitante deberá confirmala. A confirmación da solicitude comporta a súa presentación e rexistro para todos os efectos. Unha vez confirmada a solicitude, non poderá ser modificado ningún dos datos cubertos nos formularios.

Dentro destes formularios, deberán cubrir a memoria de motivación para realizar un curso de máster en Galicia, importancia para á súa propia especialización académica e interese de desenvolver a súa carreira profesional na Comunidade Autónoma.

2. As persoas solicitantes residentes en Cuba e que así o desexen poderán dirixirse á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica, incluída no modelo de solicitude (anexo II).

3. A presentación da solicitude da bolsa implicará a aceptación do disposto na presente resolución e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, da veracidade dos documentos presentados, sendo unha infracción grave de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada.

4. Para calquera información adicional, os interesados poderán dirixirse ao correo electrónico: retorno.emigracion@xunta.gal.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 31 de maio de 2017 ás 24.00 horas (horario de España).

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude do anexo II a seguinte documentación:

a) Pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular do solicitante correspondente á demarcación na cal teña o seu domicilio ou calquera outra documentación que acredite a veracidade da súa residencia no exterior no momento da presentación da solicitude, por exemplo: informe policial, acta notarial, certificado do concello de residencia, vida laboral...

c) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia ou da residencia na Comunidade Autónoma de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar e, se é o caso, de ser descendente dunha destas persoas.

d) Para os solicitantes nacidos no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

e) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

f) Título universitario ou certificado que acredite que o título está en trámite.

g) Expediente académico dos estudos universitarios realizados. Aparecerán relacionadas as materias cursadas e as cualificacións obtidas nelas, con mención expresa da nota media alcanzada na titulación así como a escala utilizada para o seu cálculo.

h) Documento acreditativo de estar preinscrito nun master ou, na súa falta, unha declaración responsable na cal sinale o máster ou másteres en que vai a solicitar a súa admisión, incluída no anexo II.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

As copias de documentos terán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

6. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio realizarase de forma electrónica a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas e correspóndelle ao secretario xeral da Emigración ditar a correspondente resolución.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada, a Secretaría Xeral da Emigración exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e das excluídas, sinalando os motivos de exclusión, a través da súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://www.emigracion.xunta.gal) por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As persoas excluídas disporán dun prazo de cinco días hábiles para que emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se presente a documentación preceptiva, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno ou persoa que designe.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa que designe.

– Os/as vicerreitores/as das tres universidades galegas competentes na materia ou persoa que designe.

– Un/unha funcionario/a ou persoal laboral da Secretaría Xeral da Emigración.

c) Secretaría: un/unha funcionaria/o ou persoal laboral da Secretaría Xeral da Emigración.

3. A comisión de valoración constituirase na sede da Secretaría Xeral da Emigración. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª, do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

4. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 14. Criterios de avaliación e procedemento de selección

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente. A puntuación máxima será de 22 puntos conforme o seguinte baremo:

a) Nota media no expediente académico do título universitario que dá acceso ao máster: ata 20 puntos.

b) Vinculación con Galicia: ata 2 puntos.

b.1) Nacido en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante 10 anos antes de emigrar: 2 puntos.

b.2) Fillos/as dos sinalados na alínea anterior nacidos no estranxeiro: 1,5 puntos.

b.3) Outras persoas descendentes dos sinalados na alínea b.1): 1 punto.

3. Unha vez avaliados os méritos acreditados documentalmente, a comisión de valoración emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada e unha prelación das solicitudes. Para o caso de empate na puntuación obtida, darase prioridade a quen tivese unha nota media máis alta no expediente académico, en segundo lugar á maior antigüidade na data de obtención do título e en terceiro lugar á maior idade da persoa solicitante.

4. A lista de candidatos ordenada polas puntuacións outorgadas publicarase na paxina web da Secretaría Xeral da Emigración, co fin de que antes do día 12 de agosto de 2017 os potenciais beneficiarios acrediten estar matriculados nun máster dos recollidos no anexo I.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión avaliadora e unha vez recibidos dos candidatos os xustificantes da matrícula nos másteres, formulará a correspondente proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará resolución mediante a cal se adxudicarán as bolsas. O número máximo de adxudicatarios será de 100 e corresponderase con aqueles que tendo xustificada a súa matrícula no máster obtivesen as maiores puntuacións. Na dita resolución indicarase o máster en que estivesen matriculados, as universidades correspondentes e os importes concedidos. Tamén constará de maneira expresa a lista de suplentes que acreditasen a súa matrícula, ordenada pola puntuación outorgada, se os houber, para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, así como a listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

Sempre e cando queden bolsas sen adxudicar ou a lista de suplentes non sexa suficiente para cubrir as posibles renuncias, poderase establecer unha lista de reserva pendente de achegar o xustificante da dita matrícula, para o caso de que sexan admitidos polas universidades correspondentes no seguinte prazo de matrícula. Neste caso, deberá presentarse o xustificante de matrícula antes do 22 de setembro de 2017.

Non obstante o anterior, a resolución de concesión virá condicionada á existencia de crédito suficiente para os distintos exercicios orzamentarios.

3. A resolución das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://www.emigracion.xunta.gal) pola que se entenderán notificados, para todos os efectos, os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o secretario xeral da Emigración no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Aceptación ou renuncia

Unha vez publicada a resolución de concesión da bolsa, as/os bolseiras/os deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días hábiles, segundo o modelo do anexo III.

Transcorrido o dito prazo, se as/os beneficiarias/os non se declaran en ningún sentido, entenderase que aceptan a bolsa.

No caso de que as/os adxudicatarias/os non acepten a bolsa ou non se poidan incorporar por calquera outro motivo, poderán ser substituídas/os polas persoas que figuren na listaxe de suplentes en función da súa puntuación.

Artigo 17. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de seis meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 19. Xustificación e pagamento da bolsa

1. O pagamento da bolsa farase unha vez publicada a resolución de concesión das bolsas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración http://www.emigracion.xunta.gal e logo da incorporación ás actividades do máster.

2. O aboamento realizarase en dous ou tres pagamentos en función do número de créditos de que conste o máster.

a) O aboamento da bolsa dos másteres de 60 créditos (un curso académico) realizarase en dous pagamentos:

a.1) No primeiro prazo aboarase un importe de cinco mil euros (5.000 €), e deberán presentar antes do 30 de outubro de 2017 a seguinte documentación:

– Xustificante que acredite a realización da viaxe.

– Xustificante que acredite a realización da matrícula no máster.

– Certificación da conta bancaria aberta en España na cal figure como titular.

a.2) No segundo prazo aboarase o importe restante da bolsa concedida (2.000 € para persoas procedentes de Europa e 2.650 € para o resto de países), e deberán presentar antes do 30 de abril de 2018 a seguinte documentación:

– O resultado das cualificacións académicas obtidas no primeiro cuadrimestre en que debe acreditar que se superaron o 60 % dos créditos.

– Declaración responsable de non ter débedas pendentes coa Administración tributaria estatal e autonómica, así como coa Seguridade Social e declaración de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos (anexo IV).

b) O aboamento da bolsa dos másteres de 90 créditos (un curso e medio académico) realizarase en tres pagamentos:

b.1) Os dous pagamentos correspondentes ao curso 2017/18 farase da mesma forma recollida para os másteres de 60 créditos (un curso académico).

b.2) O terceiro pagamento correspondente ao curso 2018/19, 30 créditos (medio curso académico), será dun importe de 3.500 € para persoas procedentes de Europa e 3.825 € para o resto de países). Para este terceiro pagamento deberán presentar antes do 30 de outubro de 2018 a seguinte documentación:

– Xustificante que acredite a realización da matrícula no máster para os créditos do curso 2018/19.

– O resultado das cualificacións académicas obtidas no curso anterior no cal debe acreditar que se superaron o 80 % dos créditos.

– Declaración responsable de non ter débedas pendentes coa Administración tributaria estatal e autonómica, así como coa Seguridade Social e declaración de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos (anexo IV).

1º pagamento

2º pagamento

3º pagamento

Total

Data límite de achega documentación xustificativa

30.10.2017

30.4.2018

30.10.2018

Nº créditos

Europa

Resto
países

Europa

Resto
países

Europa

Resto
países

Europa

Resto
países

60

5.000 €

2.000 €

2.650 €

7.000 €

7.650 €

90

5.000 €

2.000 €

2.650 €

3.500 €

3.825 €

10.500 €

11.475 €

3. A non presentación da documentación nos prazos establecidos comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da bolsa, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na lei de subvencións.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

As persoas beneficiarias das bolsas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

a) Incorporarse ao máster na universidade correspondente e residir durante o curso académico completo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede, asistir ás actividades lectivas e superar a totalidade dos créditos.

c) Informar sobre as súas actividades académicas, para o cal presentará dous informes co visto e prace do seu titor ao rematar cada semestre (febreiro e xuño) e copias das cualificacións obtidas.

d) Comunicar o enderezo para os efectos de notificacións, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

e) Comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración a renuncia á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

f) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como o seu titular.

g) Responsabilizarse da busca de aloxamento en Galicia e da xestión da viaxe.

h) Aqueles que non posúan algún tipo de cobertura sanitaria durante o tempo que dure a súa estadía en Galicia, deberán subscribir unha póliza de seguro de asistencia sanitaria privada.

i) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan na Comunidade Autónoma.

j) Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

k) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

l) Subministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de renuncia da bolsa ou do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Devolución voluntaria da bolsa

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, así como doutros programas da Administración pública. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, praza de Mazarelos, 15, CP 15703 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a retorno.emigracion@xunta.gal

Así mesmo, o solicitante autoriza a Secretaría Xeral da Emigración a cesión de datos a aqueles organismos do sector público ou privado co fin de colaborar no desenvolvemento dos obxectivos deste programa.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial as persoas beneficiarias, e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Así mesmo, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Listaxe de másteres ofertados «Bolsas de excelencia
para a mocidade do exterior 2017»

Denominación do máster

Universidade onde se imparte

Número de créditos ECTS

Universidade da Coruña UDC

Universidade de Santiago de Compostela
USC

Universidade de Vigo
UVIGO

Campus

Campus

Campus

Artes e Humanidades

Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións

A Coruña

Santiago de Compostela

Vigo

60

Tradución Multimedia

Vigo

60

Tradución para a Comunicación Internacional

Vigo

60

Ciencias

Acuicultura

A Coruña

Santiago de Compostela

Vigo

90

Biotecnoloxía Avanzada

A Coruña

Vigo

90

Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental

Ourense

60

Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental

A Coruña

60

Innovación en Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias

Santiago de Compostela

60

Ciencias da Saúde

Atención Sanitaria, Xestión e Coidados

Santiago de Compostela

60

Discapacidade e dependencia

A Coruña

60

Investigación Biomédica

Santiago de Compostela

60

Nutrición

Ourense

60

Xerontoloxía

A Coruña

90

Ciencias Sociais e Xurídicas

Asesoramento Xurídico Empresarial

A Coruña

90

Banca e Finanzas

A Coruña

60

Comercio Internacional

Vigo

60

Contabilidade Superior e Auditoría de Contas

A Coruña

60

Creación, Dirección e Innovación na Empresa

Ourense

90

Desenvolvemento Económico e Innovación

Santiago de Compostela

60

Dirección de Empresas

Santiago de Compostela

60

Dirección de Empresas

Lugo

60

Dirección e Administración de Empresas

A Coruña

60

Dirección de Pequenas e Medianas Empresas (pemes)

Vigo

60

Dirección e Xestión Contable e Financeira

Santiago de Compostela

60

Economía. Organización Industrial e Mercados Financeiros

Santiago de Compostela

60

Finanzas

Vigo

60

Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos

A Coruña

90

Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns

Ferrol

60

Enxeñaría e Arquitectura

Bioinformática para Ciencias da Saúde

A Coruña

90

Eficiencia e Aproveitamento Enerxético

Ferrol

72

Enerxía e Sustentabilidade

Vigo

60

Enxeñaría Ambiental

Santiago de Compostela

90

Enxeñaría da Automoción

Vigo

60

Enxeñaría Informática

A Coruña

90

Mecatrónica

Vigo

60

Prevención de Riscos Laborais

Vigo

60

Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data

Santiago de Compostela

60

Xeoinformática

A Coruña

Vigo

60

Xestión Sustentable da Terra e o Territorio

Lugo

60

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file