Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2017 Páx. 18140

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa, para os anos 2017-2018, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e a eficiencia enerxética ou as enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destaca a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións, co obxectivo de fomentar o aforro enerxético a través da utilización de fontes de enerxía renovables como é o caso da biomasa.

O Inega establece este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, preténdese fomentar a utilización da biomasa forestal con fins enerxéticos, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a biomasa é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4 (favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores), na prioridade de investimento 1 (fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables) e no obxectivo específico 2 (aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular a biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte), en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020, referido a medidas de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020 Feder nun 80 % e co financiamento privado nun 20 %.

O uso térmico da biomasa pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade, e por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista cara ao futuro materializándoa a través da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva. Por outra banda, o uso da biomasa en redes de distribución de enerxía térmica ofrecen vantaxes adicionais aos usos tradicionais, polo que é importante promovelas de forma específica.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nelas.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible cun esquema de funcionamento baseado nunha xeración térmica centralizada e unha distribución desta enerxía aos puntos de consumo mediante redes (código de procedemento (IN421K).

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases, sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas recollidas nesta bases reguladoras, a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño.

As entidades xurídicas sen ánimo de lucro, cando realicen actividades económicas de forma regular, estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

A presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III como axudas ao investimento para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.6.a) do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 24 destas bases. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no art. 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Axudas a proxectos de redes de distribución de calor con biomasa.

Beneficiarios

Aplicación orzamentaria

Orzamento

Anualidade 2017

Anualidade 2018

Total

Administración pública autonómica

09.A2.733A.714.2

1.333.173,89

165.310,31

1.498.484,20

Administración pública local

09.A2.733A.760.5

897.912,81

111.338,99

1.009.251,80

Empresas

09.A2.733A.770.5

1.772.480,72

219.783,28

1.992.264,00

Total

4.003.567,42

496.432,58

4.500.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 16 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia (incluíndo as agrupacións e asociacións de concellos, consorcios e mancomunidades) e entidades delas dependentes.

b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.

c) Empresas legalmente constituídas.

Poderá existir unha diferenciación entre o titular da instalación solicitada e a titularidade dos centros consumidores de enerxía. Nestes casos, se o solicitante forma parte do sector público deberá xustificarse o desenvolvemento do proxecto con convenios ou acordos asinados cos titulares dos centros consumidores de enerxía que acaden o 50 % do consumo enerxético previsto na súa solicitude. Por outra banda, o solicitante tamén poderá ser unha empresa de servizos enerxéticos que subministre enerxía térmica a distintos consumidores (sector público, empresas, residencial, entidades sen ánimo de lucro…) sempre que se documente o servizo que se vai realizar, para o cal se terá en conta a documentación que se establece no artigo 9.3 das bases reguladoras, e se xustifiquen acordos cos centros consumidores con que se acade un 50 % do consumo enerxético previsto na solicitude.

Nos casos en que as empresas de servizos enerxéticos sexan as beneficiarias, deberán facer constar a solicitude e/ou concesión da axuda ao abeiro destas bases reguladoras nos acordos que subscriban cos centros consumidores de enerxía, así como os compromisos derivados da axuda, en particular, o relativo á durabilidade dos investimentos nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios destas axudas os empresarios autónomos, e dicir, as persoas físicas que exerzan una actividade económica a título individual.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, no seu artigo 1.2, entre as cales figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro.

b) As empresas que operan na produción primaria de produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

1. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela repercuta nos produtos primarios.

4. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

5. Se as empresas non tiveren o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma.

6. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

7. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

8. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise.

9. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

10. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos que se subvencionan

1. Serán subvencionables:

a) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes e extracción de cinzas).

b) Resto dos accesorios da instalación de xeración para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes.

f) Obra civil necesaria para a instalación das caldeiras.

g) O custo de montaxe e conexión.

h) O custo do proxecto de execución.

2. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido) excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

En todo caso aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

d) As obras de mantemento.

e) As conducións de distribución interior do calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

f) Os gastos de legalización.

g) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

i) Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 6. Normas específicas

Para os efectos desta convocatoria, consideraranse redes de distribución de enerxía térmica cando desde unha mesma sala de caldeiras, con potencia total das caldeiras de biomasa de máis de 200 kW, se distribúa enerxía térmica a máis de dous (2) edificios ou, no caso de que sexan dous (2) edificios, que a distancia entre ambos os dous supere os 80 metros.

Tamén se consideran conceptos subvencionables as ampliacións de redes existentes ou en fase de execución sempre que as infraestruturas que se desenvolvan nestas ampliacións cumpran os criterios establecidos no parágrafo anterior. En relación con estes proxectos de ampliacións de redes de distribución de calor, non se considerarán subvencionables as infraestruturas que distribúan enerxía térmica a edificios que xa foron integrados en solicitudes de axudas presentadas en convocatorias anteriores do Inega e que foron beneficiarios de subvención.

Exixirase que o rendemento dos equipamentos xeradores sexa superior ao 80 %, para o cal o solicitante presentará unha xustificación técnica asinada por un técnico competente en que se especifique que o rendemento dos equipamentos xeradores que se presentan é superior a ese valor.

Para os conceptos subvencionables o importe de cada unha das epígrafes poderá ser corrixido unha vez valorado o orzamento presentado.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais de Galicia e as entidades delas dependentes

80 %

Sector público autonómico

80 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e, no caso de medianas empresas, en 10 puntos porcentuais

50 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto ou por solicitante será de 1.000.000 de €.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polos interesados ou por unha persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes , contado desde o seguinte a aquel en que publiquen as presentes bases no DOG.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

5. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas, ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal.

Artigo 9. Documentación complementaria da solicitude

Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria que se describe a seguir:

1. Documentación técnica.

a) Memoria técnica da instalación proxectada, asinada por técnico competente, en que se describirán, de forma detallada, os sistemas da caldeira, os compoñentes principais da instalación de xeración térmica e do sistema de alimentación de combustible. Describiranse as principais características técnicas da rede de distribución de calor incluíndo os catálogos en que se indique a condutividade térmica do illante das tubaxes que forman parte da rede de distribución dos sistemas de conexión ás salas de caldeiras existentes, incluíndo os esquemas hidráulicos dos distintos sistemas. Presentarase un orzamento detallado, desagregando as principias partidas, especialmente a rede de distribución de calor, na cal se incluirán as súas medicións e os seus custos unitarios (tamén desagregados por lonxitude de rede).

No caso de que existan diverxencias entre o orzamento estimado polo técnico (incluído nesta memoria ou, se for o caso, no proxecto) e a oferta do provedor xustificarase neste documento a orixe destas diverxencias.

b) Xustificación do calor útil demandado. Incluirase unha análise da demanda parcial de cada edificio que se integre na rede, diferenciando a demanda dos edificios cos que o solicitante teña acordos asinados (incluíndo nestes os de titularidade propia, xustificando a citada titularidade), así como a demanda dos edificios con previsión de acordo durante 2017. No caso de que sexan edificios para calefactar, nesta xustificación do calor útil demandado achegaranse as principais referencias utilizadas para o seu cálculo (por exemplo, superficies ou volumes a calefactar, rateos utilizados de consumos/superficie, rateo de consumo de enerxía primaria para usos térmicos/superficie habitable se o edificio dispón de certificado de cualificación enerxética, coeficientes de transmisión kWh/m2, referencias de consumos históricos dos edificios,…). No caso de redes abertas, xustificaranse as previsións de extensión de rede a outros edificios nun prazo de 5 anos, incluíndo as demandas destes edificios e a súa distancia á rede proxectada.

c) Planos de situación onde se indique a localización dos equipamentos e a rede. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

d) Folla de características da caldeira utilizada e declaración de conformidade da caldeira segundo a normativa vixente. Tamén se presentarán os ensaios de rendemento do equipo xerador realizados por un laboratorio acreditado e unha xustificación técnica de que o rendemento da caldeira é superior ao 80 %. Nos proxectos solicitados polas administracións públicas nos cales non se poida especificar a marca e o modelo das caldeiras que se instalarán, achegarase o rendemento mínimo das caldeiras que se especificarán nos pregos de licitación.

e) Memorias do grao de concreción, viabilidade, avance das licenzas e acordos cos consumidores. Adicionalmente á memoria técnica presentada o solicitante poderá presentar documentación técnica adicional que permita determinar o grao de concreción do proxecto (anteproxecto, proxecto de execución, estudos, planimetría específica…) aspectos que sintetizarán nun documento específico. Por outra banda, tamén se presentará unha memoria do grao de avance actual do proxecto cunha previsión de obtención das licenzas necesarias para a súa execución e a porcentaxe de acordos cos centros consumidores de enerxía. Por outra banda, tamén se presentará unha análise da viabilidade do proxecto.

f) Oferta técnica dun provedor no caso de que o solicitante sexa unha empresa ou unha agrupación ou asociación de empresas.

2. As administracións públicas, ademais da documentación sinalada no número 1 deste artigo, deberán achegar:

I. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

II. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases.

a) No caso das administracións locais, ademais da documentación recollida nos puntos I e II debe achegar unha certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, establece como requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumpran o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

b) No caso de agrupación de concellos, ademais da documentación recollida no número 2 letra a) deste artigo, deberán achegar:

I. Certificación emitida pola Secretaría do concello representante en que se faga constar, sobre a base dos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos, os seguintes aspectos:

• Que se acorda solicitar unha subvención para as obras e equipamentos que se pretenden executar ao abeiro desta resolución, mediante a fórmula de contratación centralizada.

• Que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nas presentes bases reguladoras.

• Que se nomea o/a alcalde/sa dun dos concellos agrupados ou asociados como persoa representante e interlocutora válida ante o Inega, con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria poidan corresponder á agrupación ou asociación.

• Que se comprometen de xeito solidario á execución das instalacións e á aplicación dos fondos que puideran percibir para os fins propios da subvención.

O incumprimento de calquera dos puntos anteriores nos acordos que se adopten, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, suporá a inadmisión a trámite da solicitude.

As certificacións emitidas polas secretarías dos concellos integrantes da agrupación ou asociación sobre os respectivos acordos municipais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega ao procedemento de subvencións, de ser requirido en tal sentido polo órgano que tramita as axudas.

II. Convenio de colaboración que regule a agrupación ou asociación de concellos, que deberá recoller o seguinte contido obrigatorio:

• Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación ou asociación.

• O importe da subvención que debe aplicar cada un dos concellos agrupados ou asociados.

• O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

• O compromiso de non disolver a agrupación ou asociación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As mancomunidades de concellos ou consorcios locais, ademais da documentación recollida no número 2, letra a), deste artigo, deberán achegar:

Certificación da secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio que participan no proxecto para o cal se solicita subvención, ao abeiro da presente convocatoria.

3. As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista no número 1 deste artigo e, ademais:

a) Cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

b) Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións xeradoras e as redes de distribución de enerxía e que o obxecto destes contratos sexa a subministración de enerxía, os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia.

Cando o servizo enerxético a varios puntos de consumo fose desenvolvido por unha empresa de servizos enerxéticos, deberá achegar, ademais:

• Unha copia dos acordos de servizos enerxéticos e unha relación de acordos asinados e pendentes tendo en conta a relación de edificios previstos.

O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase, fundamentalmente, na venda de enerxía térmica e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociada una venda de enerxía verificable, medible ou estimable.

4. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación da documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o numero de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación da solicitude de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e a Facenda autonómica.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Inega publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a presentación da solicitude de axuda leva consigo o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no punto oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 12. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feder e, por tanto, serán incompatibles no nivel de partida de gasto con calquera outra axuda que leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e da súa tipoloxía nos termos indicados no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Coa puntualización anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 13. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 14. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A notificación do requirimento de emenda realizarase mediante a plataforma Notifica.gal (https://notifica.xunta.gal).

O sistema Notifica foi concibido pola Xunta de Galicia para converterse no sistema de notificación electrónica de Galicia, é dicir, un punto único en que recibir as comunicacións das diferentes administracións públicas galegas.

Calquera persoa física ou xurídica poderá dispoñer deste sistema de enderezo electrónico habilitado asociado ao seu NIF, no cal recibirá a notificación dos procedementos a que se subscriba. É un procedemento gratuíto que só require dispoñer de calquera dos certificados dixitais habilitados na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Unha vez recibida a acta cos resultados de valoración das solicitudes presentadas emitida pola comisión de valoración, elevará a correspondente proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 15. Comisión de valoración

1. Será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director do departamento de Enerxías e Planificación Enerxética.

b) O xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan dabondo para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. Características técnicas dos principais equipamentos e tipoloxía da rede (ata 37 puntos).

a) Características técnicas do equipamento xerador (ata 10 puntos).

Neste punto valorarase o rendemento enerxético do equipo xerador: no caso de que se presenten na mesma solicitude equipamentos xeradores con distintos rendementos, para a valoración do expediente utilizarase o rendemento medio ponderado (considerando a relación entre a potencia de cada equipamento respecto á total)

1. Puntuación máxima = equipamento térmico cun rendemento igual ou superior ao 95 %.

2. Puntuación mínima = equipamento térmico cun rendemento do 80 %.

Tendo en conta os rendementos que determinan as puntuacións máximas e mínimas, o resto dos expedientes puntuaranse proporcionalmente en función do seu rendemento tendo en conta a seguinte fórmula.

1. Rendemento entre 80 e 85 % puntuación= 5* (rendemento equipamento xerador - 80 %)/5.

2. Rendemento superior ao 85 % ata o 95 % = 5 + 5* (rendemento equipamento xerador - 85 %)/10.

b) Características técnicas da rede de distribución de calor (ata 7 puntos).

Neste punto valorarase o coeficiente de condutividade térmica (W/mºC) a 50º do illante que forma parte das tubaxes da rede. No caso que se presentasen na mesma solicitude redes con distintas condutividades térmicas, para a valoración do expediente utilizarase unha conductividade media ponderada (considerando lonxitudes e demandas do edificio) do conxunto da rede.

1. Puntuación máxima = A da solicitude cun menor coeficiente de conductividade térmica do illante.

2. Puntuación mínima= Conductividade térmica a 50º maior ou igual a 0,03 W/mºC.

Tendo en conta os coeficientes de condutividade térmica do illante que determinan as puntuacións máximas e mínimas, o resto dos expedientes puntuaranse proporcionalmente en función destes coeficientes.

c) Tipoloxía da rede (ata 20 puntos).

Neste apartado valorarase a tipoloxía da rede de distribución das solicitudes presentadas, para o cal se terá en conta se as redes deseñadas son pechadas ou abertas e o número de edificios que se conectarán na rede.

1. Características da rede (ata 10 puntos).

Consideraranse redes abertas aquelas en que sexa viable a súa extensión a medio prazo subministrando enerxía térmica a edificios cun consumo enerxético significativo.

Neste subapartado as redes abertas terán unha puntuación de 10 puntos, salvo que o proxecto sexa unha extensión dunha rede cunha axuda concedida en convocatorias de axuda de anos anteriores. No caso de que o proxecto fose presentado por unha empresa, só se considerarán redes abertas no caso de que sexan desenvolvidas por empresas de servizos enerxéticos. As redes que non sexan consideradas como abertas ou as extensións de redes serán puntuadas con 0 puntos.

2. Número de edificios conectados á rede (ata 10 puntos).

Valorarase o número de edificios conectados á rede de distribución de calor coa seguinte puntuación.

i. Dous ou tres edificios conectados á rede: 0 puntos.

ii. Máis de tres edificios conectados á rede: un punto adicional por edificio (a partir do terceiro edificio conectado á rede) ata a puntuación máxima da epígrafe (10 puntos).

2. Grao de utilización da instalación (ata 10 puntos).

Tendo en conta a demanda térmica da instalación, avaliarase o seu grao de utilización considerando a relación entre a enerxía térmica demandada e a potencia da instalación. Por incerteza no consumo enerxético final e para os efectos dos cálculos para a puntuación desta epígrafe, para os puntos de consumo asociados á rede en que non se xustifique axeitadamente a existencia de preacordos para a subministración da enerxía, minorarase nun 50 % a demanda xustificada nestes puntos de consumo.

3. Rateo investimento/potencia da instalación (ata 15 puntos).

Avaliaranse os rateos entre o investimento total do proxecto e a potencia total das caldeiras. Outórganse 0 puntos aos proxectos cuxo rateo investimento/potencia sexa igual ou superior aos 700 €/kW e unha máxima puntuación aos que ese rateo sexa igual ou inferior 300 €/kW. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

4. Grao de concreción, avance das licenzas e dos acordos cos consumidores (ata 18 puntos).

a) Grao de concreción do proxecto (ata 7 puntos).

i. Documentación técnica (ata 4 puntos):

Adicionalmente á documentación técnica especificada no artigo 9.a), requirida para a presentación da solicitude, avaliarase a presentación de documentos técnicos adicionais que permitan dispoñer dun maior grao de concreción, como son os anteproxectos ou proxectos técnicos, que serán valorados da seguinte forma:

Anteproxecto asinado por técnico competente: 2 puntos.

Proxecto técnico asinado por técnico competente: 4 puntos.

ii. Deseño da rede e cálculos da demanda enerxética (ata 3 puntos).

Neste subapartado valorarase a planimetría e os cálculos presentados relativos a rede de distribución. Tamén se valorarán as hipóteses e a metodoloxía utilizadas para a estimación da demanda dos distintos edificios.

Calidade media: 1 punto.

Calidade boa: 2 puntos.

Calidade moi boa: 3 puntos.

b) Licenza para o desenvolvemento da rede (ata 5 puntos).

– Solicitude de licenza de obra ao concello: 2,5 puntos.

– Licenza de obra concedida: 5 puntos.

– Proxectos nos cales a rede se desenvolve en terreos de titularidade do solicitante ou doutros edificios con acordos asinados para a conexión a rede: 5 puntos.

c) Porcentaxes de acordos cos centros consumidores (ata 6 puntos).

– Acordos para a subministración do 100 % do consumo enerxético previsto na solicitude: 6 puntos.

– Acordos para a subministración do 50 % do consumo enerxético previsto na solicitude: 0 puntos.

O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente en función da porcentaxe de consumo enerxético que se xustifique coa existencia de acordos

5. Localización xeográfica do proxecto (ata 20 puntos).

En liña co reto de loitar contra a pobreza enerxética, valorarase que os proxectos se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas, tendo en conta a renda bruta por habitante dos municipios galegos, utilizando os datos mais recentes dispoñibles polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Outórgase 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante da Comunidade Autónoma de Galicia, e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

6. Concellos que coordinasen as súas solicitudes e compartisen ou mancomunasen obras ou servizos (ata 10 puntos adicionais).

No caso de que a solicitude fose realizada por concellos que coordinasen as súas solicitudes e compartisen ou mancomunasen obras ou servizos estes proxectos terán unha puntuación adicional de 10 puntos

Os empates que, se for o caso, se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orde que a seguir se expón:

1. Maior puntuación obtida no punto «rateo investimento/potencia da instalación».

2. Maior puntuación obtida no punto «características técnicas dos principais equipamentos».

3. Maior puntuación obtida no punto «localización xeográfica do proxecto».

4. Maior puntuación obtida no punto «Grao de utilización da instalación».

5. Maior puntuación obtida no punto «Grao de concreción, avance das licenzas e acordos cos consumidores».

Artigo 17. Instrución

1. Elaborada a relación prevista no artigo 15.3 destas bases, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, e concederase un prazo de dez días para presentar alegacións. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia. Neste caso a proposta de resolución terá o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas, se for o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou a relación de solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención, e a súa contía, especificando a súa avaliación e, se for o caso, os criterios de valoración seguidos para efectuala.

2. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da proposta de resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 14.2 destas bases reguladoras.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde o día seguinte ao da data de publicación da convocatoria destas axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Se transcorrer o prazo sen que dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Nas notificacións indicarase de modo expreso a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, e incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, o seu título e data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

4. En todo caso, deberá notificarse ao beneficiario un documento en que se establecen as condicións da axuda para a operación, no cal deben figurar como mínimo os seguintes aspectos:

– Identificación do beneficiario.

– Contía da subvención.

– Obrigas dos beneficiarios.

– Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

– Plan financeiro e calendario de execución.

– Os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de Notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que conste na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante o director da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, cumprindo os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O beneficiario deberá solicitar por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, a modificación das características do proxecto ou actividade subvencionada, como mínimo un (1) mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento, en particular cando o orzamento definitivo sexa inferior a un 80 % do orzamento máximo elixible da instalación subvencionada. Xunto coa solicitude a entidade deberá presentar:

a) Memoria xustificativa, na cal, ademais, se faga constar que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non suporá unha actuación deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución de concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 22. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da proposta de resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito por medios electrónicos, accedendo a carpeta do cidadán da persoa interesada, e comunicar este feito a fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos, a través da plataforma Notifica.gal, de conformidade co procedemento establecido no artigo 14.2 destas bases reguladoras.

3. Aqueles beneficiarios destas axudas que na data máxima de remate e xustificación das actuacións prevista no artigo 24 non renunciaron expresamente a ela e non executaron nin xustificaron o proxecto sen causa debidamente xustificada e comunicada ao Inega, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, a Intervención xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, e posto que a convocatoria está dotada con fondos comunitarios, todo beneficiario se someterá ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) nº 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013) así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeos.

4. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza, e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) nº 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, mantendo o investimento sen modificacións substanciais.

No contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.

6. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, ou 2 anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 de €.

7. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e a Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo, que dá apoio á operación, o lema do Fondo «Unha maneira de facer europa».

b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, en caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión; b) colocando polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada dun edificio excepto cando o importe da axuda supere os 500.000 €.

Durante a execución de toda operación de financiamento de obras de infraestrutura ou construción que se beneficie dunha axuda do Feder superior a 500.000 €, o beneficiario colocará un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público.

O beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes:

i. A contribución pública total á operación supera os 500.000 euros.

ii. A operación consiste na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Os beneficiarios estarán obrigados a manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro deste convenio, de acordo co disposto no artigo 140 do Regulamento (CE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

10. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións á que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Artigo 24. Prazo para a execución da instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2018. En todo caso, e como mínimo, deberá presentar o proxecto técnico de execución asinado por un técnico competente antes do 1 de decembro de 2017.

2. A documentación xustificativa do investimento realizado presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 14.2 destas bases reguladoras.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

3. A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 26. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Sempre que o custo elixible da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € (cando se subministran bens ou se prestan servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario acreditar as 3 ofertas no suposto de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e o beneficiario debe neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

b) Conta xustificativa composta do seguinte:

1. Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán de incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

No caso das administracións públicas, presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Permítese a subcontratación. Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias, previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

• Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

• Que se obteña a pertinente autorización por parte da Dirección do Inega.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario da solicitude.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

En canto á Administración local, o artigo 12.2 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, dispón que as bases reguladoras das subvencións recollidas no ámbito de aplicación deste decreto incorporarán a previsión de que as entidades locais poidan concertar con terceiros a execución parcial ou total da actuación que constitúa o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante o beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

i. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria) en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

ii. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

iii. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 24.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

c) No caso da Administración autonómica e as entidades dela dependentes, caso de seren beneficiarias, presentarán:

1. Unha certificación expedida polo órgano competente en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública.

2. Unha copia completa –preferiblemente escaneada ou ben en soporte papel– da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuarse sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos oportunos.

d) No caso da Administración local, caso de seren beneficiarias, presentarán

1. Certificación expedida pola intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Facendo constar, como mínimo:

i. O cumprimento da finalidade da subvención.

ii. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No suposto de agrupación de concellos, tal certificación será emitida pola secretaría do concello que levase a cabo a licitación pública.

2. Unha copia completa, preferiblemente escaneada, ou ben en soporte papel, da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuarse sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos de ulteriores controis.

3. Os concellos, para os proxectos de investimentos promovidos por eles, deberán achegar o acordo do órgano municipal competente de aprobación do proxecto nos termos previstos no artigo 147.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, é dicir, acreditando que se deu cumprimento á lexislación urbanística e sectorial, así como do planeamento en vigor.

e) Achegaranse fotografías dos principais equipamentos instalados.

f) Xustificación de ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 23.7 en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII número 2, do Regulamento (CE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

g) Achegarase o correspondente certificado de dirección de obra e o proxecto técnico da instalación executada, ambos os dous asinados por un técnico competente. A data de finalización da obra incluída expresamente neste certificado de dirección de obra estará comprendida dentro do período de execución dos investimentos.

Artigo 27. Pagamento das axudas

1. O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 1 de decembro de 2017.

2. Os solicitantes das axudas poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta (que deberán xustificarse incluíndo un certificado do director de obra) e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai a aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

5. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos e pagamentos á conta, quedan exonerados de constituíren garantía os beneficiarios previstos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, entre os cales figuran:

a) A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos autónomos.

b) As administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal.

c) As entidades non lucrativas, así como as federacións, confederacións ou agrupacións destas que desenvolvan proxectos ou programas de acción social ou cooperación internacional.

d) As entidades que por lei estean exentas de presentación de caución, finanzas ou depósitos ante as administracións públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

e) Os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 €. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta, o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

6. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

7. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

8. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 28. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «concesión de subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.gal.

A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención xeral da Administración do Estado, que é o órgano responsable da administración e custodia da base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do afectado.

Así mesmo, os datos serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», creado pola Orde do 31 de marzo de 2016 (DOG núm. 68, do 11 de abril) cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.gal.

Artigo 29. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 23.7 destas bases.

Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

O Inega deberá recuperar os importes pagados no caso de que o beneficiario non manteña o investimento durante o período de 5 anos, de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos.

Nas operacións que comprendan investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, deberá reembolsarse a contribución dos fondos EIE se, nos 10 anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva se somete a unha localización fóra da Unión, excepto cando o beneficiario sexa unha peme ou o prazo que determine a normativa de axudas de Estado.

Artigo 30. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) nº 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro), que xa foron mencionadas no artigo 23.3 das bases.

Artigo 32. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) nº 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro).

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

Artigo 33. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 34. Remisión normativa

1. Na medida en que as subvencións concedidas ao amparo destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file