Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2017 Páx. 18742

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017.

O Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), fixa os obxectivos a que debe contribuír a política de desenvolvemento rural e as correspondentes prioridades da Unión en materia de desenvolvemento rural.

No marco xeral da PAC, a axuda ao desenvolvemento rural contribuirá, entre outros obxectivos, a lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Este obxectivo enmárcase dentro da prioridade relativa ao fomento da inclusión social, a redución da pobreza e o desenvolvemento económico nas zonas rurais, facendo especial fincapé en facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

Neste contexto, o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011), prevé na ficha correspondente á submedida 6.4 subvencións a investimentos en actividades non agrícolas co fin de fomentar a diversificación económica, o equilibrio territorial e a sustentabilidade do medio rural, tanto en termos sociais como económicos, incidindo directamente na área focal 6A.

No exercicio orzamentario 2016, e ao abeiro da citada submedida, convocáronse axudas para a creación, ampliación e modernización de empresas, co fin de promover investimentos produtivos en actividades non agrarias. A experiencia na xestión dese procedemento administrativo puxo de manifesto que, nunha porcentaxe elevada, as persoas beneficiarias promovían investimentos destinados a mellorar, ampliar ou modernizar as unidades produtivas xa existentes.

Tendo en conta o anterior, enténdese necesario continuar esta liña de fomento encamiñada á ampliación e modernización daquelas empresas que veñen desenvolvendo a súa actividade empresarial no medio rural, dado que conforman un elemento substancial do medio rural; esta actuación de fomento debe canalizarse mediante o apoio á adquisición de maquinaria e equipamento necesarios para diversificar a produción, aumentar a competitividade e/ou modernizar os equipamentos produtivos, como unha oportunidade para asentar a poboación (promovendo o mantemento e, de ser o caso, a creación de novos postos de traballo) e mellorar a competitividade das zonas rurais.

No marco do PDR de Galicia 2014-2020, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) configúrase como unha entidade xestora da submedida 6.4. Esta atribución competencial é coherente coas funcións que resultan da súa lei de creación (disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e do réxime orzamentario e administrativo) e modificacións posteriores, que configuran este ente instrumental da Administración autonómica como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar o seu despoboamento, e ao cal se lle encomenda, entre outras funcións, a xestión de medidas e actuacións no marco da programación dos fondos agrarios de desenvolvemento rural.

Nos orzamentos da Agader para o ano 2017 está consignado crédito suficiente na aplicación orzamentaria 2017-13-A1-712A-770.0, para atender as axudas da presente convocatoria.

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nunha porcentaxe do 75%.

Desde o punto de vista da normativa de Estado de axudas públicas, a presente convocatoria está amparada no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro).

Tendo en conta o anterior, o director xeral da Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG nº 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co seguinte código de procedemento administrativo MR708B.

2. Convocar para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas.

3. Aprobar os anexos que se xuntan con esta resolución para a xestión da convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 2.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 2017-13-A1-712A-770.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2017 (código de proxecto 2016-00004).

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Feader (no marco da medida 6, submedida 4 «Investimentos en actividades non agrícolas», do PDR de Galicia 2014-2020), nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 17,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

As contías indicadas poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e deberase publicar no DOG o aludido incremento de contía.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes de axuda

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 4. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

No caso de persoas físicas incluídas no réxime especial de traballadores autónomos, a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración fundaméntase no artigo 14.3 da Lei 39/2015, en relación co artigo 31.dous da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras das correspondentes axudas.

Artigo 5. Prazo para xustificar os investimentos

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 15 de setembro de 2017.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader: http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

c) Nos teléfonos 981 54 73 82/981 54 26 90 (Agader).

d) De xeito presencial, na Agader (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 82.

Disposición adicional terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Agader mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.xeral.agader@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

O director xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017

A conselleira do Medio Rural
P.D. (Resolución do 24.7.2013; DOG nº 148, do 5 de agosto)
Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións a proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, cofinanciadas con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020

CAPÍTULO I

Regras xerais

Artigo 1. Obxecto

Estas bases reguladoras teñen por obxecto regular a concesión das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, para a ampliación e/ou modernización de empresas mediante a adquisición de equipamentos produtivos destinados a actividades non agrícolas, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos e á consolidación dos existentes e, en última instancia, para consolidar e impulsar a dinamización económica dos territorios rurais.

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR708B.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:

a) As pequenas empresas situadas en zonas rurais.

Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Non poderán ser beneficiarios as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos.

Para estes efectos, considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

2. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas Directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). As empresas presentarán, xunto coa solicitude da axuda, unha declaración de non encontrarse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura, nin as que están dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

Non se concederán axudas a solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da LSG e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito exixido polas disposicións aplicables.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 30.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola...).

e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

2. Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia. Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). O anexo X relaciona as parroquias que teñen a consideración de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nestas bases.

f) O investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para estes efectos, deberá acadar algún dos seguintes obxectivos:

– Aumentar a competitividade da empresa.

– Reducir os custos.

– Aumentar o valor engadido.

– Reducir o impacto ambiental.

– Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

– Diversificar as producións e/ou os mercados.

– Mellorar a calidade das producións.

– Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

– Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria resumo do proxecto (anexo III) deberase xustificar expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

g) As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

h) Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 10.000 € e/ou superior a 300.000 €.

No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 € e 100.000 €, respectivamente.

Artigo 4. Investimentos subvencionables

1. Con carácter xeral, serán subvencionables:

a) Compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para o seu desenvolvemento.

b) Adquisición de patentes e licenzas relacionadas coa maquinaria e equipamento subvencionado, ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.

2. Non serán subvencionables:

a) Material funxible en xeral.

b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.

c) A reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria resumo do proxecto (anexo III).

d) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

e) Equipamentos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática.

f) Deseño e/ou actualización de páxinas web.

g) A compra de vehículos de transporte exterior.

h) Mobiliario de oficina.

i) Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai desenvolver a empresa a curto prazo, ou ben dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade.

j) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante.

k) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

l) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

m) As taxas por licenzas administrativas.

n) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.

ñ) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

o) Os xuros debedores.

p) Os conceptos do orzamento sen desagregar, tales como «outros».

q) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Artigo 5. Intensidade da axuda

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

As axudas concedidas ao abeiro desta resolución están amparadas no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro (DO L 352, do 24 de decembro), referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

De acordo co artigo 3 desa norma, o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 6. Compatibilidade e acumulación de axudas

1. Unha operación poderá recibir axuda dun ou de varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. Á marxe do anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II) e na solicitude de pagamento (anexo IX).

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en adiante, Lei 39/2015).

2. A notificación practicarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude de axuda un aviso no cal se lle indica a posta á súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, desde a páxina web da Agader http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Agader practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II

Presentación das solicitudes e documentación complementaria

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. A presentación da solicitude de axuda realizarase unicamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido na convocatoria as persoas interesadas deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Agader http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que a persoa solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

2. Para poder presentar a solicitude, será necesario seguir os seguintes pasos:

– Darse de alta na aplicación informática para a xestión das axudas. O nome de usuario será o NIF da persoa solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

– Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 9 destas bases reguladoras, en función do tipo de solicitante e tipoloxía do proxecto de que se trate.

– Unha vez cuberto o formulario, a persoa solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación, e xerará de forma automática os anexos II (solicitude de axuda), III (memoria resumo do proxecto), IV (cadro do orzamento) e V (relación de ofertas). A publicación no DOG dos citados anexos ten carácter puramente informativo.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Agader pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 981 54 73 82/981 54 26 90 e do enderezo de correo electrónico infoagader@xunta.gal.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Os anexos III, IV e V debidamente cubertos e xerados a través da aplicación informática.

b) Documentos acreditativos da personalidade e, de ser o caso, da representación do solicitante:

No caso de persoas xurídicas, certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, onde se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

No caso de que as persoas físicas actúen a través de representante, deberán xuntar, debidamente cuberto, o anexo VI (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola designada como representante.

c) Documentación acreditativa dos compromisos de creación e/ou mantemento de emprego:

– Certificación expedida pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, acreditativa de todos os códigos conta de cotización da empresa, correspondentes aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

– Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

– Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda, expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

d) Tres orzamentos ou facturas pro forma, correspondentes a distintos provedores, para cada un dos gastos propostos, nos termos previstos no artigo 11 destas bases reguladoras.

e) Últimas contas depositadas no rexistro correspondente, relativas ao exercicio 2016 ou, de ser o caso, ao exercicio 2015, e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, na cal figure o número de empregados do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance xeral.

f) No caso dos membros dunha unidade familiar agraria, referidos no artigo 2.1.c) destas bases reguladoras, acreditación do grao de parentesco co titular.

g) Licenza de actividade do concello ou, de ser o caso, acreditación da comunicación previa de actividade establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

h) De ser o caso, documentación acreditativa do grao de discapacidade da persoa solicitante, no caso de que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 16.II.c) destas bases reguladoras).

i) De ser o caso, a declaración censual da alta -modelo 036 ou 037- (artigo 16.IV.b) destas bases reguladoras).

j) De ser o caso, documentación acreditativa da contratación de persoas con discapacidade (artigo 16.V.c) destas bases reguladoras).

k) De ser o caso, os informes do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondentes ao ano natural 2014 -do 1 de xaneiro de 2014 ao 31 de decembro de 2014- e 2016 -do 1 de xaneiro de 2016 ao 31 de decembro de 2016- (artigo 16.VI.b) destas bases reguladoras).

l) De ser o caso, documentación acreditativa da formación específica do promotor vinculada ao proxecto (artigo 16.VII destas bases reguladoras).

m) De ser o caso, as certificacións expedidas por unha entidade de certificación acreditada na ENAC e/ou acreditación de que dispón da Marca Galega de Excelencia en Igualdade (artigo 16.IX destas bases reguladoras).

n) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015.

3. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Agader poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Cada arquivo individual non poderá superar os 5 MB. No caso de que un documento ocupe máis do dito tamaño, deberase xerar con menor tamaño.

4. Non será necesario que as persoas solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderanse acoller ao establecido nos artigos 28.3 da Lei 39/2015 e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade a que se formule a proposta de resolución.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa física solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Verificación da residencia da persoa física solicitante.

– Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade, no caso de que fose recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 16.II.c) das bases reguladoras.

3. No caso de que a persoa interesada se opoña a estas consultas, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Moderación de custos

1. Os custos deberán corresponder a prezos de mercado. Débese respectar a moderación de custos, tal como establece o artigo 48 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

2. Para todos os gastos incluídos na solicitude da axuda deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a adquisición do ben de que se trate, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada expresamente no anexo V, con indicación:

– De cales son as características dos gastos que fixeron imposible a localización dun mínimo de tres ofertas.

– Dunha explicación de como se realizou a busca dos provedores.

Non se admitirán certificados, informes, invitacións realizadas ou documentos similares en que se indique que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance.

3. As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables, con características técnicas similares, e cumprir cos requisitos formais e materiais establecidos a seguir:

– Elementos materiais: as ofertas presentadas deberán estar suficientemente detalladas e desagregadas en canto ao seu contido, con indicación, de ser o caso, do prezo dos distintos elementos que as integran.

– Elementos formais: deberán indicar a data de expedición e identificar tanto a razón social do provedor (incluíndo, de ser o caso, o selo ou logo da empresa) como o destinatario, que deberá coincidir coa persoa ou entidade solicitante da axuda.

Non se admitirán ofertas de compracencia ou ficticias.

As ofertas solicitadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas coa persoa ou entidade solicitante, ou entre elas, nos termos previstos na lexislación de contratos. Non se admitirán supostos de autofacturación.

4. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e débese xustificar expresamente cando esta non recaia na oferta máis económica. A xustificación deberá ser, en todo caso, motivada. No caso de que non se xustifique debidamente, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta máis económica.

5. As ofertas presentadas son unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables os gastos incluídos na solicitude da axuda que non veñan avalados polas ofertas presentadas nos termos expostos.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da LSG, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

CAPÍTULO III

Instrución do procedemento

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos cales se deba ditar a resolución de concesión competerán á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

2. En relación coa solicitude da axuda, o órgano instrutor comprobará que a operación cumpre as obrigas establecidas pola normativa da Unión Europea, a lexislación nacional e o programa de desenvolvemento rural, entre elas as relativas ás axudas estatais e demais normas e requisitos obrigatorios. En particular, verificarase:

a) A admisibilidade da persoa beneficiaria.

b) Os criterios de admisibilidade, os compromisos e outras obrigas que debe cumprir a operación para a cal se solicita a axuda.

c) O cumprimento dos criterios de selección.

d) A verificación da moderación dos custos propostos.

3. Logo da presentación da solicitude da axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o incremento do seu importe, nin a inclusión de novos elementos ou gastos.

4. Durante a instrución do procedemento, a Agader poderá realizar unha visita previa ao lugar da operación, para os efectos de verificar a admisibilidade do proxecto.

Artigo 14. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle ao/á interesado/a que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.

Efectuarase igual requirimento no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 7 destas bases reguladoras.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web da Agader (http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda), utilizando a aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.

4. Co fin de completar a instrución do procedemento, a Agader poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos tras seren presentadas as solicitudes de axuda. Estes modelos presentaranse, igualmente, por medios electrónicos.

Artigo 15. Baremación das solicitudes

Unha vez revisadas as solicitudes de axuda e practicadas as emendas, as áreas dependentes do órgano instrutor valorarán aquelas que reúnan todos os requisitos e conten coa documentación necesaria. A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola persoa solicitante e segundo os criterios de baremación previstos no artigo seguinte.

Excluiranse os proxectos que, logo da súa baremación de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos das presentes bases.

Artigo 16. Criterios de baremación

Para a selección dos proxectos, deberán aplicarse os seguintes criterios:

I. En función da localización do proxecto, ata un máximo de 20 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

a) Taxa de evolución interanual de poboación do concello, segundo datos do IGE para o período 1999-2016, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha caída de poboación igual ou superior ao 30 %: 5 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 20 % e menor do 30 %: 4 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 10 % e menor do 20 %: 3 puntos.

Concellos con caída de poboación menor do 10 %: 2 puntos.

Concellos con incremento de poboación igual ou menor ao 25 %: 1 punto.

Concellos con incremento de poboación superior ao 25 %: 0 puntos.

b) Renda familiar dispoñible por concello, segundo datos do IGE para o ano 2009, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos (calculados en base 100):

Concellos cunha RFDH inferior ou igual a 70: 5 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 70 e menor ou igual a 80: 4 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 80 e menor ou igual a 90: 3 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 90 e menor ou igual a 100: 2 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 100: 0 puntos.

c) Proxectos que se desenvolvan en zonas de montaña, segundo a definición que resulta do PDR de Galicia 2014-2020: 5 puntos.

Pódese consultar a relación de concellos coa consideración de zonas de montaña na páxina web da Agader.

d) Taxa de envellecemento do concello (porcentaxe de poboación > 64 anos), segundo datos do IGE para o ano 2016, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha taxa de envellecemento igual ou superior ao 45 %: 5 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 45 % e igual ou superior ao 35 %: 3 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 35 % e igual ou superior ao 25 %: 2 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 25 % e igual ou superior ao 15 %: 1 punto.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 15 %: 0 puntos.

II. En función da tipoloxía do promotor: máximo 10 puntos.

a) Proxectos promovidos por mulleres ou persoas xurídicas en que os titulares sexan mulleres nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do capital social: 5 puntos.

b) Proxectos promovidos por menores de 35 anos ou persoas xurídicas en que os titulares sexan menores de 35 anos, nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do capital social: 5 puntos.

c) Proxectos promovidos por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, ou persoas xurídicas en que os titulares sexan persoas con discapacidade (co mesmo grao referido), nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do seu capital social: 5 puntos.

III. Proxectos que se desenvolvan nalgún dos seguintes ámbitos: 10 puntos.

Diversificación económica orientada a actividades non agrarias en explotacións agrarias.

Artesanía.

Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do TFUE.

Turismo activo.

Servizos sociais e atención á infancia.

Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

Téxtil (agás o que se refira ao sector de fibras sintéticas, segundo a definición establecida no anexo IV das Directrices de axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2014-2020 (2013/C 209/01).

IV. Empresas en que concorran algunha das seguintes circunstancias: máximo 10 puntos.

a) Empresas que dispoñen de páxina web: 4 puntos.

Se a través da páxina web ten establecidas canles de comercialización, sumarase 1 punto máis.

b) Empresas de recente creación: 5 puntos.

Para estes efectos, enténdense de recente de creación aquelas empresas constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2016, segundo a declaración censual de alta.

V. En función do número/calidade de empregos creados: máximo 20 puntos.

a) Por cada emprego creado, equivalente a unha UTA: 5 puntos, ata un máximo de 10 puntos. As fraccións de UTA computaranse de xeito proporcional.

b) Ratio investimento elixible/emprego creado (equivalente a unha UTA): ata un máximo de 5 puntos:

Ratio inferior a 1 emprego/60.000 € de investimento: 5 puntos.

Ratio entre 1/ 60.000 € e 100.000 € de investimento: 4 puntos.

Ratio entre 1/100.001 € e 140.000 € de investimento: 3 puntos.

Ratio superior a 1/140.000 € de investimento: 2 puntos.

c) Sumaranse 2,5 puntos adicionais, ata un máximo de 5 puntos, se a creación de emprego, en termos de UTA, beneficia algún dos seguintes colectivos: mulleres, menores de 35 anos, persoas desempregadas maiores de 55 anos ou persoas con discapacidade (en grao igual ou superior ao referido na epígrafe II deste artigo). As fraccións das UTA computaranse de xeito proporcional.

Para os efectos do disposto neste epígrafe, só se terá en conta o emprego creado no momento da xustificación final do expediente.

Enténdese por xeración de emprego a creación de novos postos de traballo fixos, eventuais, a tempo parcial ou a tempo completo, independentemente do réxime laboral que os regule.

Non se considerará como creación de emprego o cambio de modalidade contractual dun/dunha traballador/a.

VI. En función dos empregos existentes na empresa: máximo 15 puntos.

a) Que no cadro de persoal da empresa figuren contratadas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, cunha antigüidade mínima de 6 meses: 5 puntos.

b) Que se producise un incremento neto de emprego, equivalente como mínimo ao 20 % do cadro de persoal, entre os anos 2014 e 2016: 5 puntos.

Para estes efectos, tomaranse en consideración os datos resultantes dos informes do cadro de persoal medio correspondentes aos anos naturais 2014 e 2016.

c) Ratio investimento elixible/emprego mantido: ata un máximo de 5 puntos.

Ratio inferior a 1 emprego/15.000 € de investimento: 5 puntos.

Ratio entre 1/15.000 € e 30.000 € de investimento: 4 puntos.

Ratio entre 1/30.001 € e 50.000 € de investimento: 3 puntos.

Ratio entre 1/50.001 € e 70.000 € de investimento: 2 puntos.

Ratio entre 1/70.001 € e 100.000 € de investimento: 1 punto.

Ratio superior a 1/100.000 € de investimento: 0 puntos.

VII. Formación específica do promotor vinculada ao proxecto que se vai desenvolver: 5 puntos.

Para estes efectos, enténdese por formación específica aquela que teña relación directa co obxecto empresarial da persoa ou entidade promotora, sexa tanto formación regrada (formación profesional ou universitaria) ou formación non regrada cunha duración igual ou superior a 20 horas, e impartida por centros de formación, escolas de negocios, formación sindical...

VIII. Outras axudas recibidas polo promotor nos últimos 5 anos, xestionadas pola Agader: 5 puntos.

Axudas acumuladas por importe superior a 150.000 €: 0 puntos.

Axudas acumuladas entre 100.001 € e 150.000 €: 1 punto.

Axudas acumuladas entre 50.001 € e 100.000 €: 2 puntos.

Axudas acumuladas entre 25.001 € e 50.000 €: 3 puntos.

Axudas acumuladas ata 25.000 €: 4 puntos.

Non recibiu axudas: 5 puntos.

IX. Dispor dalgunha das seguintes certificacións expedidas por unha entidade de certificación acreditada na ENAC e/ou dispor da Marca Galega de Excelencia en Igualdade (artigo 28 do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro (DOG nº 35, do 19 de febreiro), 5 puntos:

– Certificación en sistemas de xestión de calidade.

– Certificación en sistemas de xestión ambiental.

– Certificación en xestión da responsabilidade social.

No caso de empate, terá prioridade o proxecto que obtivese máis puntuación no criterio V do baremo (número/calidade de empregos creados) e, de persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio I (localización xeográfica). Se aínda así persiste o empate, primará o momento de presentación da solicitude.

Artigo 17. Proposta de resolución

Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que os aducidas polos interesados.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral da Agader.

A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación con cada proxecto, da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e fontes de financiamento.

De ser o caso, contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Expresará tamén, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

CAPÍTULO IV

Resolución do procedemento

Artigo 18. Órgano competente

O director xeral da Agader resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección da Agader, a selección dos proxectos. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de catro meses, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. O/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 19. Notificación

Todas as resolucións serán notificadas nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 7 destas bases reguladoras.

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención se concede ao abeiro da submedida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020 e que esa actuación se enmarca na prioridade 6 do desenvolvemento rural da Unión Europea. Así mesmo, indicarase que está amparada no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos quince días naturais desde a notificación a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo VII), entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

2. A persoa beneficiaria está obrigada a manter o emprego existente na empresa, en termos das UTA, durante un período mínimo de tres anos contados desde a data da resolución de pagamento final da axuda.

Para estes efectos, o compromiso de mantemento do emprego será o que resulte do informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa que deben presentar xunto coa solicitude de axuda.

Nos termos previstos no anexo I do Regulamento 651/2014, unha UTA equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA.

3. Os empregos creados deberanse manter, en termos das UTA, durante un período mínimo de tres anos contados desde a data da resolución do pagamento final. Para estes efectos, consideraranse empregos creados os comprometidos pola persoa beneficiaria da axuda e reflectidos na resolución de concesión da axuda.

4. Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para determinados proxectos, caso en que se aplicarán estes.

5. As persoas beneficiarias deben publicitar a concesión da axuda do seguinte xeito, segundo establece o anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013:

– Para o caso de operacións de investimento que reciban unha axuda pública superior a 50.000 €, deberán colocar nun lugar visible ao público unha placa con información sobre o proxecto, na cal se destacará a axuda financeira da Unión. As placas serán de material resistente, e non será admisible a simple impresión en papel.

– Deberán colocar un adhesivo sobre cada unha das máquinas ou equipamento subvencionados.

– No caso de que a persoa beneficiaria teña sitio web de uso profesional, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

Na páxina web da Agader estarán dispoñibles os modelos de placas e adhesivos.

Todos os elementos publicitarios deberanse manterse durante un período mínimo de cinco anos contados desde a data de pagamento final do expediente.

6. A persoa beneficiaria deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e estará obrigado a facilitar a información que lle requira a Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións, en especial, aos controis sobre o terreo e controis a posteriori que poida realizar o órgano xestor de acordo cos artigos 49 e seguintes do Regulamento (UE) nº 809/2014.

Así mesmo, en aplicación do disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, as persoas beneficiarias deberanlle facilitar á autoridade de xestión do PDR de Galicia 2014-2020, aos avaliadores designados ou a outros organismos nos cales a dita autoridade delegase a realización das tarefas toda a información necesaria para realizar o seguimento e a avaliación do programa.

7. As persoas beneficiarias estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado, segundo recolle o artigo 66 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

8. Cando unha persoa beneficiaria non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia efectuarase mediante o anexo VII.

CAPÍTULO V

Xustificación e pagamento

Artigo 21. Xustificación dos investimentos

1. A presentación da solicitude de pagamento (anexo IX) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Agader http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, dentro do prazo de execución e xustificación referido no artigo 5 da resolución pola que se convocan as correspondentes axudas. O anexo IX publícase no DOG para efectos puramente informativos.

A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvención de Galicia (en diante, RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, poraas no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado esta, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 44.2 do RLSG.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 7 destas bases reguladoras.

2. Xunto coa solicitude de pagamento, as persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Facturas ou documentos probatorios de valor equivalente, debidamente desagregados por conceptos, que deberán identificar, cando menos, a marca e modelo dos equipamentos subvencionados.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación

b) Documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil xunto coa documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

Os xustificantes de pagamento obtidos a través da banca electrónica deberán estar validados co selo da entidade bancaria correspondente.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, xunto cun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados ou orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período de execución dos investimentos, é dicir, desde o día da presentación da solicitude da axuda e ata a data límite de execución e xustificación dos investimentos determinada no artigo 5 da resolución pola que se convocan as correspondentes axudas.

Se a persoa beneficiaria xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Na fase de xustificación do gasto, a Agader poderá contrastar os prezos achegados pola beneficiaria por calquera dos medios previstos no artigo 30, número 5, da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

c) Informe fotográfico dos investimentos executados, que necesariamente deberá incluír:

– No suposto de investimentos que incorporen un número de serie, fotografía da correspondente placa identificativa.

– Fotografía dos adhesivos e/ou da placa colocados para dar cumprimento ás obrigas de publicidade referidas no artigo 20.5 destas bases reguladoras.

d) Documentación xustificativa dos empregos creados e mantidos, nos seguintes termos:

– Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento.

– Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta durante os doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Copia dos contratos de traballo correspondentes aos empregos creados, debidamente comunicados ao Servizo Público de Emprego.

– Da documentación que se presente debe resultar acreditada a calidade do emprego creado, nos termos previstos no artigo 16.V.c) destas bases reguladoras.

e) De ser o caso, as inscricións ou autorizacións que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación para cada tipo de investimento.

A Agader poderá solicitarlle á persoa beneficiaria as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que o órgano xestor considere convenientes.

Aquelas persoas beneficiarias que, na data máxima de execución e xustificación da operación prevista no artigo 5 da resolución pola que se convocan estas axudas, non renunciasen expresamente á subvención concedida ou non executasen nin xustificasen o proxecto sen causa debidamente xustificada e comunicada á Agader, quedarán excluídas das dúas seguintes convocatorias de axudas que, dentro da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, xestione a Agader para a adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas.

No suposto de subcontratación polas persoas beneficiarias das actividades subvencionadas, observarase disposto no artigo 27 da LSG en relación co artigo 43 do RLSG.

Artigo 22. Control administrativo da solicitude de pagamento

1. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:

– A operación finalizada en comparación coa operación para a cal se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.

– Os custos contraídos e os gastos realizados.

2. Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento, en cumprimento do artigo 48 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

3. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

Conforme o artigo 63 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, cando o importe que derive da solicitude de pagamento supere en máis dun 10 % o importe pagadoiro á persoa beneficiaria logo do exame da admisibilidade do gasto que figura na solicitude de pagamento, aplicarase unha sanción administrativa a este último importe. A contía da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

4. Dado o carácter anual da convocatoria, non se tramitarán pagamentos á conta nin pagamentos anticipados.

CAPÍTULO VI

Modificación da resolución de concesión

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

En particular, a variación do orzamento aceptado pola Agader e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que remate o prazo para a realización do proxecto, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo VIII).

3. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o que poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.

4. Para modificar a resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela. As persoas beneficiarias terán a obriga de comunicarlle á Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. A modificación poderase autorizar sempre que:

– Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

– Non exista prexuízo a terceiros.

– Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

5. A conformidade expresa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ás mencionadas modificacións só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

CAPÍTULO VII

Reintegro e réxime sancionador

Artigo 24. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG. Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo).

2. Segundo o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben, da actividade subvencionada, ao compromiso de mantemento de emprego ou ao compromiso de creación de emprego, cando este último compromiso determinou a concesión da subvención, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento.

3. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do RLSG.

4. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Falecemento da persoa beneficiaria.

b) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

c) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 25. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da LSG e VI do RLSG, e ao disposto no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 e no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014.

CAPÍTULO VIII

Réxime normativo e de recursos

Artigo 26. Normativa de aplicación

Normativa autonómica:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (RLSG).

Normativa estatal:

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Normativa comunitaria:

Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia (España) para os efectos da concesión da axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2014ES06RDRP011).

Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión, ao Feader e ao FEMP, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión e ao FEMP.

Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común.

Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013.

Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

Artigo 27. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

Recurso potestativo de reposición perante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Se, transcorrido o prazo para resolver non lle é notificada a resolución ao/á interesado/a, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO X

Relación de parroquias clasificadas como ZDP

Concello

Parroquia

Cambre

O Temple (Santa María)

Coruña, A

A Coruña

Coruña, A

Oza (Santa María)

Coruña, A

San Cristovo das Viñas (San Cristovo)

Coruña, A

Visma (San Pedro)

Culleredo

Almeiras (San Xián)

Culleredo

O Burgo (Santiago)

Culleredo

Rutis (Santa María)

Ferrol

Ferrol

Ferrol

Santa Cecilia de Trasancos (Santa Cecilia)

Narón

Narón

Oleiros

Perillo (Santa Locaia)

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela

San Caetano (Santiago)

Santiago de Compostela

San Lázaro (Santiago)

Santiago de Compostela

Vista Alegre (San Xoán)

Lugo

Lugo

Barbadás

A Valenzá (San Bernabeu)

Ourense

Ourense

Ourense

Montealegre (A Milagrosa)

Ourense

Vista Fermosa (San Xosé)

Pontevedra

Pontevedra

Pontevedra

Lérez (San Salvador)

Pontevedra

Mourente (Santa María)

Pontevedra

Salcedo (San Martiño)

Pontevedra

A Virxe do Camiño (Virxe do Camiño)

Poio

Poio (San Salvador)

Vigo

Vigo

Vigo

Alcabre (Santa Baia)

Vigo

Candeán (San Cristovo)

Vigo

Castrelos (Santa María)

Vigo

Santo André de Comesaña (Santo André)

Vigo

Freixeiro (San Tomé)

Vigo

Lavadores (Santa Cristina)

Vigo

Navia (San Paio)

Vigo

Sárdoma (San Pedro)

Vigo

Teis (San Salvador)