Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2017 Páx. 31645

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 21 de xuño de 2017 pola que se procede á convocatoria pública, para a anualidade 2017, das axudas financieiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual.

O artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para actuacións de rehabilitación. No artigo 11 deste decreto indícase que mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de vivenda poderán aprobarse programas de financiamento consistentes na subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas, con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 2 á rehabilitación de vivendas e á renovación urbana, establecendo diferentes programas e accións orientadas á recuperación do patrimonio construído, entre os cales se inclúen os convenios de financiamento con entidades financeiras.

A Orde do 19 de setembro de 2016 aprobou o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e estableceu as bases reguladoras para a concesión das axudas. En virtude do citado programa, establécese unha liña de préstamos para financiar a execución de obras de rehabilitación de edificios e vivendas situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa concesión poderá ir acompañada dunha axuda económica directa consistente na subsidiación dos xuros dos préstamos cualificados.

Esta orde ten por obxecto convocar as axudas financeiras do referido programa para a anualidade 2017 e axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade coas competencias atribuídas polo artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, e no artigo 4 do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar, para a anualidade 2017, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

Artigo 2. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 19 de setembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 182, do 23 de setembro).

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas para a subsidiación dos xuros do préstamo cualificado previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.480.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 500.000 € para a anualidade 2017; por importe de 350.000 € para a anualidade 2018; por importe de 300.000 € para a anualidade 2019; por importe de 250.000€ para a anualidade 2020; por importe de 250.000 € para a anualidade de 2021 e por importe de 150.000 € para 2022.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 4. Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II das bases reguladoras.

No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizadas, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cuberta da edificación.

b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten a elementos decorativos, ornamentais ou instalacións ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria subscrita polo/a técnico/a competente e deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

4. No caso de realizarse actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva, será requisito necesario contar co correspondente informe de avaliación de edificios, cuxo contido debe axustarse ao modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, así como co acordo validamente adoptado da comunidade de propietarios/as.

5. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude das axudas.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. Non obstante, no caso de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias só poderán ser beneficiarias as persoas que sexan membros da dita comunidade e en función da súa porcentaxe de participación nas obras.

No suposto de que unha vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas, e as actuacións sexan promovidas por estas, só poderá ter a condición de beneficiaria destas axudas unha soa delas.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

3. Para acceder aos préstamos cualificados, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non poderán ser superiores a 6,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (en diante, IPREM).

4. Para acceder ás axudas económicas directas, os ingresos da unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

5. Para os efectos previstos nos apartados 3 e 4, o cómputo de ingresos da unidade de convivencia efectuarase na forma prevista no artigo 9 da Orde do 19 de setembro de 2016.

6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Contía e características das axudas

1. Os préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas terán as características indicadas no artigo 4 da Orde do 19 de setembro de 2016.

2. As axudas económicas directas para a subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira, de acordo co artigo 5 da Orde do 19 de setembro de 2016, terán as seguintes características:

a) A porcentaxe da subsidiación dos xuros do préstamo e a súa duración dependerán do nivel de ingresos da unidade de convivencia da persoa prestameira, de acordo co seguinte cadro:

IPREM

Subsidiación máxima

Duración máxima

Menor ou igual a 4

100 % dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5

80 % dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5

Sen subsidiación

Duración do préstamo

b) O importe máximo do préstamo que poderá ser obxecto de subsidiación será de trinta mil euros (30.000 €) para os préstamos con garantía persoal e de sesenta mil euros (60.000 €) para os de garantía hipotecaria.

c) No suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, as subsidiacións dos préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras e dos ingresos da unidade de convivencia, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos nas bases reguladoras e nesta orde. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subsidiación total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as porcentaxes máximas establecidas na letra a) deste apartado.

d) A contía anual da subsidiación será descontada previamente pola entidade financeira das cotas que corresponderían en concepto de amortización de capital e, de ser o caso, de xuros, na parte rateada que corresponda a cada vencemento.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 8. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se queiran realizar as obras de rehabilitación.

2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a persoa ou entidade solicitante non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades de persoas propietarias.

b) Acta de constitución da comunidade de persoas propietarias, no suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

c) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a no que se recolla o acordo de solicitar as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados, a relación de vivendas partícipes nas actuacións de rehabilitación, así como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente á comunidade de persoas propietarias, conforme co modelo que se xunta a esta orde como anexo II, no caso de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

d) Autorización das restantes persoas propietarias para a realización da actuación obxecto de rehabilitación, no suposto de que a vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e as actuacións sexan promovidas por estas.

e) Anexo III de comprobación de datos das persoas partícipes no orzamento protexible das obras e das persoas membros das súas unidades de convivencia e declaracións responsables, no suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

f) Anexo IV de comprobación de datos de persoas membros das unidades de convivencia da persoa solicitante e declaracións responsables, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades de persoas propietarias.

g) Proxecto de execución das obras que se pretenden realizar, elaborado por técnico competente ou, de ser o caso, a memoria correspondente.

h) Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, segundo proceda e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas.

i) Informe de avaliación de edificios, cuxo contido debe axustarse ao modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no caso de realizarse actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

j) Documento que acredite a propiedade ou a posesión da vivenda, no suposto de que as actuacións de rehabilitación se vaian realizar nunha vivenda.

k) Autorización da persoa propietaria da vivenda para realizar as actuacións de rehabilitación, no suposto de solicitudes presentadas por persoas posuidoras.

l) Licenza de primeira ocupación, certificado de fin de obra ou calquera outro documento que acredite que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizadas.

m) Certificado municipal no que conste que a edificación ou a vivenda foi habitada durante un mínimo de cinco anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizadas.

n) Certificación médica que acredite o embarazo da propietaria ou posuidora da vivenda e/ou dalgunha muller membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, de ser o caso.

ñ) Certificado acreditativo da existencia dalgún proceso de adopción en trámite por parte da persoa propietaria ou posuidora da vivenda e/ou dalgunha persoa membro da unidade de convivencia, de ser o caso.

o) Certificado de discapacidade da persoa propietaria ou posuidora da vivenda e/ou das persoas membros da unidade de convivencia nas que concorra a dita circunstancia, de ser o caso, e para o suposto de non ter sido expedido pola Xunta de Galicia.

p) Declaración responsable das persoas propietarias ou posuidoras da vivenda e/ou das persoas membros das súas unidades de convivencia dos ingresos obtidos, á cal deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario, para o suposto de que algunha desas persoas non estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa solicitante deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirir a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos contidos aos que se refire o documento.

Artigo 10. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presentasen a documentación complementaria presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada

5. No caso de que os documentos a presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, se seguirán para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou, de ser o caso, número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.

b) DNI ou NIE das persoas partícipes no orzamento protexible das obras, no suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

c) DNI ou NIE das persoas membros das unidades de convivencia das persoas propietarias ou posuidoras das vivendas ou, de ser o caso, das persoas partícipes no orzamento protexible das obras.

d) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) correspondente ao último período impositivo co prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

e) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

f) Certificados acreditativos de non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

g) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

h) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas membros da unidade de convivencia nas que concorra a dita circunstancia.

i) DNI ou NIE da persoa arrendataria da vivenda, no suposto de que a vivenda obxecto das actuacións de rehabilitación, unha vez rematadas as obras, se destine a arrendamento.

j) Certificado de empadroamento da persoa arrendataria da vivenda obxecto de rehabilitación, no suposto de que a referida vivenda se destina a arrendamento, logo de rematar as actuacións de rehabilitación.

2. No suposto de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. No caso de que as persoas indicadas se opoñan á consulta prevista no apartado 1, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos anexos I, III e IV, e achegar os devanditos documentos.

Artigo 12. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se queiran realizar as obras de rehabilitación.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre o recoñecemento de concesión do préstamo cualificado e, de ser o caso, o outorgamento da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

Artigo 13. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas directas de subsidiación de xuros iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente orde de convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos no artigo 8 e/ou non fose acompañada da documentación relacionada no artigo 9, requirirase á persoa ou á entidade solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende a falta e/ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Examinada a documentación, a persoa titular da correspondente área provincial do IGVS remitirá unha proposta de recoñecemento do acceso ao financiamento e, de ser o caso, de concesión das axudas económicas directas de subsidiación de xuros á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que segundo en dereito proceda.

4. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral de IGVS non implicará en ningún caso a obrigatoriedade para a entidade financeira de conceder o préstamo cualificado. No suposto de que as entidades financeiras, segundo os seus criterios de solvencia, deneguen a concesión do préstamo, perderase o dereito a percibir a axuda á subsidiación de xuros, sen que esta perda implique dereito a percibir indemnización ningunha.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten ao dispor das persoas ou das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa ou da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da solicitude de acceso ao préstamo cualificado e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación dos xuros será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen se ditar e notificar a resolución expresa, a persoa ou entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 16. Causas de denegación

1. Será causa de denegación do acceso ao financiamento e, de ser o caso, da axuda de subsidiación dos xuros o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras e nesta orde.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes de axudas de subsidiación dos xuros que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro da área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

Artigo 17. Xustificación e pagamento da axuda de subsidiación dos xuros

1. A xustificación da concesión da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado realizarase coa formalización do contrato de préstamo coa entidade financeira, de conformidade coas estipulacións contidas no convenio de financiamento subscrito para estes efectos entre o IGVS e a dita entidade.

2. O pagamento da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado satisfaránllelo ás persoas beneficiarias directamente as entidades financeiras, que posteriormente liquidarán os correspondentes importes ao IGVS, de acordo coas cláusulas contidas no correspondente convenio de financiamento.

3. A xustificación final da subvención realizarase pola persoa beneficiaria mediante a presentación do modelo que figura como anexo V desta orde, dirixido á área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou vivenda, no prazo de un (1) mes, contado desde o día seguinte ao da data de finalización das obras acompañado dos seguintes documentos:

a) Certificado final de obra.

b) Contrato de arrendamento da vivenda na que se realizaron as actuacións de rehabilitación, no caso de non destinarse aquela a uso propio da persoa propietaria.

c) Anexo VI de comprobación de datos da persoa arrendataria da vivenda na que se realizaron as actuacións de rehabilitación, no caso de non destinarse aquela a uso propio da persoa propietaria.

Esta documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das obrigas recollidas no artigo 16 da Orde do 19 de setembro de 2016, deberán subministrar ao IGVS, previo requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Notificacións

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos só por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante deberán manifestar expresamente, no anexo I, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán ao dispor da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a dispor da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar ás persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a rehabilitacion.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Orde do 19 de setembro de 2016, pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
VI406BG.pdf
VI406BG.pdf
VI406BG.pdf
VI406BG.pdf
VI406BG.pdf
VI406BG.pdf
VI406BG.pdf
VI406BG.pdf