Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2017 Páx. 31690

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2017 pola que se convoca a provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de xefe/a do Servizo de Docencia.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto),

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as ou estatutarios que reúnan os requisitos que se exixen para o desempeño do posto e que se especifican no anexo I.

Terceiro. As funcións do posto convocado, reflectidas no artigo 17.3 dos estatutos da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, son as que se sinalan no anexo III.

Cuarto. As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse por escrito ao presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, segundo o modelo que se inclúe como anexo II a esta resolución. As ditas solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro Xeral da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, sito na avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º (Edificio CNL), 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), ou ben utilizando os medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Os/as aspirantes deberán xuntar á súa petición un curriculum vitae e xustificar documentalmente, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen

Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non serán tidos en conta.

Sexto. No caso de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se relaciona no anexo I desta resolución un/unha funcionario/a con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa Administración de orixe, que se considerará favorable no caso de non emitirse no prazo de quince (15) días, tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez autorizado o seu traslado a esta Administración, procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a.

Sétimo. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Oitavo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, de conformidade co establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Noveno. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

ANEXO I

Código do posto: SGS020000415770010.

Denominación do posto: xefatura do Servizo de Docencia.

Dependencia: Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Localidade: Santiago de Compostela.

Subgrupo: A1.

Nivel: 28.

Complemento específico: 13.835,76 €.

Corpo ou escala: 1.2/ESG/7/A1.

1.2. Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria.

ESG. Estatutario Servizo Galego de Saúde.

7. Persoal pertencente a outros corpos e escalas de carácter sanitario de calquera Administración pública.

A1. Escala xeral.

missing image file

ANEXO III

Posto de xefe de servizo de docencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

O posto convocado está adscrito á Área de Xestión do Coñecemento e Talento da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e, segundo establecen os estatutos da Axencia, as súas funcións son as seguintes:

a) O fomento, defensa e promoción da importancia estratéxica da formación e a docencia de calidade no Sistema público de saúde de Galicia.

b) A coordinación e autorización da formación práctica dos alumnos de titulacións universitarias, tanto sanitarios coma non sanitarios, nos centros dependentes da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

c) A coordinación, o desenvolvemento e o exercicio das funcións relacionadas coa formación sanitaria especializada, velando pola súa excelencia, así como a elaboración da oferta anual de prazas de formación sanitaria especializada, en colaboración con outras unidades, sobre a base dos estudos de necesidades formativas no ámbito sanitario estatal e autonómico.

d) A organización, avaliación e informe dos períodos de exercicio profesional en prácticas ou de formación complementaria establecidos no Real decreto 459/2010, do 16 de abril, para o recoñecemento para efectos profesionais de títulos de especialista obtidos en países extracomunitarios.

e) Emisión de resolucións e informes de recoñecemento para efectos profesionais dos títulos de formación profesional expedidos noutros Estados da Unión Europea e a certificación dos títulos de formación profesional expedidos en España para exercer noutros países comunitarios.

f) A planificación, promoción e avaliación das accións de formación continuada sustentadas nas necesidades do Sistema público de saúde de Galicia, así como a materialización da proposta do Plan anual de formación continuada do persoal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

g) O apoio técnico e administrativo á Comisión Autonómica de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, asumindo a Secretaría Técnica do Sistema Acreditador da Formación Continuada das Profesións Sanitarias, así como do Comité de Acreditación.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Xerencia da Axencia en razón do seu ámbito de actuación.