Dereitos das persoas interesadas respecto dos seus datos persoais

A Xunta de Galicia garantirá e facilitará en todo momento á cidadanía o exercicio dos seus dereitos en materia de protección de datos persoais. Estes dereitos son:

  • Dereito de acceso: dereito a obter confirmación sobre se se están tratando os datos e información, no seu caso, sobre o devandito tratamento.
  • Dereito de rectificación: dereito a solicitar a rectificación dos datos cando sexan inexactos.
  • Dereito de supresión ou esquecemento: dereito a obter a supresión dos datos nos termos previstos na normativa vixente.
  • Dereito de oposición: dereito a opoñerse, en calquera momento, a que os datos persoais sexan obxecto de tratamento.
  • Dereito á limitación do tratamento: dereito a que o responsable limite o tratamento dos datos da persoa interesada nos supostos recollidos na normativa vixente.
  • Dereito á portabilidade dos datos: dereito a recibir os datos que proporcionou nun formato estruturado, de uso común e lectura mecánica, ou a que sexan transmitidos directamente a un terceiro nos supostos establecidos na normativa vixente.
  • Dereito a non ser obxecto de decisións individuais automatizadas: dereito a non ser obxecto dunha decisión baseada unicamente no tratamento automatizado, incluída a elaboración de perfís, que produza efectos xurídicos no/a interesado/a ou lle afecte significativamente de modo similar.
  • Dereito a retirar o consentimento: cando o tratamento dos datos estea baseado no consentimento das persoas interesadas, estas poderán retirar o consentimento outorgado en calquera momento, sen que iso afecte á licitude do tratamento previo á súa retirada.

Quen pode exercitar estes dereitos?

As persoas interesadas poden exercitar calquera destes dereitos actuando no seu propio nome ou a través de representante legal (por exemplo, cando os/as titulares da patria potestade ou tutela actúan en nome da persoa menor de 14 anos ou cando se actúe como representante legal dunha persoa con diversidade funcional) ou voluntario (en caso de que se outorguen pola persoa titular do dereito, libre e voluntariamente, poderes de representación a estes efectos).

Canles de solicitude de exercicio dos dereitos

  • En liña: na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do procedemento denominado PR004A. (Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).
  • Presencial: presentando a súa solicitude asinada e por escrito en calquera das Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro propias da Xunta de Galicia  ou en calquera outra oficina ou rexistro dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común para a presentación de documentos que as persoas interesadas dirixan ás Administracións públicas.

En todo caso, a solicitude deberá conter, como mínimo:

  • nome e apelidos da persoa interesada e, no seu caso, da persoa que o represente, e dirección e datos a efectos de notificación; data e sinatura da persoa solicitante.
  • copia do seu documento nacional de identidade; número de identidade de estranxeiro ou pasaporte, segundo o caso, ou sinatura electrónica que o identifique.
  • petición na que se concreta a solicitude;
  • documentos acreditativos da petición que se formula, no seu caso;
  • documentos acreditativos da representación, no seu caso.

Retirada do consentimento

No caso de que a persoa interesada desexe retirar un consentimento outorgado previamente, poderá facelo a través dos medios complementarios que se lle ofreceran na cláusula informativa relativa ao tratamento dos seus datos persoais que se lle facilitase no seu momento.

Tramitación dos dereitos e información complementaria

A solicitude do exercicio do dereito deberá dirixirse ao responsable do tratamento que corresponda. Unha vez recibida a solicitude, comprobarase que reúne todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se se carecera dalgún deles, requirirase á persoa interesada para que emende a súa solicitude. Se a solicitude reúne todos os requisitos, o responsable do tratamento analizará se a petición se axusta ou non a dereito e comunicará ao/á peticionario/a a decisión adoptada.

Dereito a presentar unha reclamación ante a autoridade de control

En todo caso, se as persoas interesadas consideran vulnerado o dereito á protección dos seus datos persoais, poderán interpoñer unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.

Con carácter previo á presentación dunha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos, poderán dirixirse ao Delegado ou Delegada de Protección de Datos (DPD) que corresponda. Para contactar cos diferentes Delegados/as de Protección de Datos da Xunta de Galicia pódese empregar este formulario.