Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 1995 Páx. 2.438

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 1995, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente para a delimitación da contorna do mosteiro de Santa María de Meira, concello de Meira, Lugo.

Por Decreto do 3 de xuño de 1931, gaceta do 4 de xuño de 1931, foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico artístico o mosteiro de Santa María de Meira, concello de Meira, Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación da súa contorna.

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos e órganos consultivos favorables á incoación do expediente para a delimitación da contorna do mosteiro de Santa María de Meira, concello de Meira, Lugo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Ter por incoado expediente para a delimitación da contorna do mosteiro de Santa María de Meira, concello de Meira, Lugo.

Protexer este monumento e a zona afectada pola incoación, sendo a súa delimitación a seguinte:

«Comeza a liña no punto 1 situado entre os números 45 e 47 da Avda. do Xeneralísimo (coincidente coas parcelas 7 e 8 do catastro de urbana), ata o punto 2 situado no linde posterior desta parcela. Desde aquí a liña coincide cos lindes posteriores das parcelas que dan fronte á Praza Maior e da Avda. de José Antonio ata o punto 3 situado na parcela 37 da rúa Nova, cruza a rúa ata a parcela 38 desta mesma rúa onde se sitúa o 4.

Desde aquí a liña coincide cos lindes oeste das parcelas 38, 39, 40 e 41 ata o punto 5 situado na travesía de José Antonio, cruza esta rúa ata o 6 situado na parcela 42. Desde aquí a 1iña coincide cos lindes oeste das parcelas 42, 43 e 44 e co sur da parcela 44 ata o punto 7 situado na Avda. de José Antonio.

Desde este punto 7 a liña coincide co eixe do C.M. do Cercado ata o punto 8.

Desde este punto 8 a liña discorre pola ribeira leste do río Miño ata o punto 9 situado no eixe da C.L. Julio Cachafeiro. Desde este punto a liña coincide co eixe desta estrada ata o punto 10, onde se desvía pola división entre as parcelas 23 e 24 coa 25 ata o punto 11 situado no eixe do Camiño do Adro. Polo eixe deste camiño, desde o punto 11 a liña continúa ata o punto 12, onde se desvía coincidindo cos lindeiros NE das parcelas números 46, 48, 93 e 49, o lindeiro SO da parcela número 52, e os lindeiros NE das parcelas 55 e 56 ata o punto 13 situado no eixe do camiño de Balsa.

Desde este punto 13 a liña coincide co eixe deste camiño ata o punto 14, no que o camiño se atopa coa Avda. do Xeneralísimo. Desde aquí a liña coincide co eixe desta avenida en dirección a Vegadeo ata o punto 15 onde se desvía para continuar polos lindeiros NE das parcelas 3, 4, 5, 6, 7 e 8 ata o punto 16.

Desde aquí a liña coincide cos lindeiros SO parcelas números 8 e 9 ata o punto 17 situado entre os números 36 e 38 da Avda. do Xeneralísimo (coincidentes coas parcelas 9 e 10 do catastro de urbana). Desde o punto 17 a liña cruza a dita avenida para chegar ó punto 1 onde se pecha o ámbito da delimitación.»

Segundo.-Segui-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Terceiro.-Darlle traslado da resolución ó alcalde do concello de Meira, Lugo, e notificarlle que o outorgamento das novas licencias de obras e a execución das xa concedidas antes de incoarse o expediente, precisarán resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.

Cuarto.-Notificarlle a presente resolución ó bispo de Lugo, o Rexistro de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Cultura, e o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Quinto.-Que a presente resolución sexa publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1995.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral do Patrimonio Histórico e

Documental