Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 1995 Páx. 2.471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 1995, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, pola que se fai pública a relación orientativa de obras para a proba de acceso ó primeiro curso do grao medio das ensinanzas musicais.

O Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), polo que se establece o currículo de grao elemental e o de grao medio e o acceso ós ditos graos das ensinanzas musicais, establece no seu artigo 20º que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria debe facer pública unha relación de obras, co fin de orientar sobre o grao de dificultade que terán que te-las obras interpretadas na proba de acceso que será preciso superar para inicia-los estudios de primeiro curso de grao medio dos estudios de música. En desenvolvemento do mencionado artigo 20º esta dirección xeral resolve:

Primeiro.-Facer pública a relación de obras que, con carácter orientativo, deberán ter en canto os centros para as probas de acceso ó primeiro curso de grao medio.

A devandita relación de obras recóllese no anexo da presente resolución.

Segundo.-a) A proba de acceso ó grao medio das ensinanzas de música poderá realizarse nos conservatorios de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Os centros de carácter privado que estean clasificados como centros recoñecidos para a impartición do grao medio de acordo co Decreto 1.987/1964, do 18 de xuño, para poderen celebrar probas de acceso a este ciclo deberán solicitar e obter, previamente, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a clasificación de centro autorizado para imparti-lo grao medio, segundo establece a disposición transitoria terceira do Real decreto 389/1992.

c) Os centros públicos de titularidade distinta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, existentes no momento de entrada en vigor do real decreto antes citado, deberán subscribir, previamente, un convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para efectos de obte-lo recoñecemento da validez académica oficial, segundo dispón a disposición transitoria sétima dous do Real decreto 389/1992.

Terceiro.-As probas de acceso, que se celebrarán nos centros autorizados para facetas, deben axustarse ó establecido no artigo 20º do Real decreto 253/1993, do 29 de xullo.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1995.

Gerardo Muñoz Sánchez-Brunete

Director xeral de Ordenación Educativa e Centros