Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 02 de xaneiro de 1996 Páx. 54

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 330/1995, do 15 de decembro, polo que se acorda a cesión do uso, a título gratuíto, dunha parte do edificio onde se sitúa o Centro de Formación Ocupacional Santa María de Europa, rúa Carballeira, s/n, de Ourense, á Universidade de Vigo.

A Universidade de Vigo solicitou da Consellería de Economía e Facenda a cesión do uso do inmoble que estivo dedicado a residencia coa denominación de Santa María de Europa, sito no barrio da Carballeira, de Ourense, para destinalo a residencia universitaria.

Mediante Decreto 255/1995, do 29 de setembro (DOG nº 196, do 11 de outubro), desafectouse do dominio público parte do inmoble onde se sitúa o centro de formación ocupacional Santa María de Europa, rúa Carballeira, s/n, de Ourense.

Por orde da Consellería de Economía e Facenda, do 22 de novembro de 1995 (DOG nº 235 do 11 de decembro), declarouse a alleabilidade do inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita Consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión a título gratuíto a favor da Universidade de Vigo, do uso dunha superficie aproximada de 2.189,42 m, situada na ala esquerda do edificio onde se sitúa o centro de formación ocupacional Santa María de Europa, rúa Carballeira, s/n, de Ourense, distribuída e concretada nos planos incorporados ó expediente, nos que se delimitan os accesos e as superficies adicadas a aulas que quedan reservadas para a utilización pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 2º

A cesión do uso queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a residencia universitaria.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda,

logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.

c) Se ó dereito cedido non se aplicase o fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta da Universidade de Vigo:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-A parte proporcional á superficie ocupada dos gastos de conservación e mantemento que non sexan susceptibles de individualización, así como das cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser rembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) A Universidade de Vigo susbcribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos da parte do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º

A cesión do uso formalizarase mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente Decreto.

Santiago de Compostela, quince de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-8334