O Concello de Cedeira (A Coruña), en sesión celebrada o día 20 de setembro de 1993, acordou aproba-lo proxecto de paseo marítimo de Cedeira e, na sesión do 30 de agosto de 1995, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21-11-1995 de baixo o número 10962.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Cualidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de novembro de 1995 co nº de rexistro de entrada 11160.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o paseo marítimo de Cedeira, obra aprobada polo pleno desta corporación na sesión plenaria do día 20-9-1993, por proxecto técnico redactado segundo instancia do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente -Dirección Xeral de Costas- polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Xavier López Pita, e incluída nos plans de obras da Administración do Estado e no Plan Municipal de Obras de 1995, ó non se poderen executar nos prazos previstos de contratación; o anuncio de licitación desta, cun orzamento de 359.173.292 ptas., foi efectuado polo Ministerio de Obras Públicas no Boletín Oficial del Estado nº 93, do 19 de abril, cun prazo de execución de 18 meses, incluíndose nun expediente expropiatorio, a pesar de que estaba inicialmente prevista a adquisición de tódolos terreos afectados polo paseo marítimo de forma amigable
-adquisición amigable que se produciu con máis do 90% dos afectados e dos terreos, e sobre os cales se iniciou e se executou, por conseguinte, a maior parte do paseo marítimo-, xurdindo unha serie de problemas cos propietarios obxecto de expropiación, esgotando tódalas vías de negociación e, polo tanto, inviable un acordo amigable cos afectados.
Sendo necesario non dilatar máis a execución da obra, polos motivos que a continuación se refíren,
é preciso proceder á expropiación das parcelas afectadas polo trámite de urxencia.
A vila de Cedeira é unha poboación aberta ó mar, sendo este o elemento natural que marca e define o seu carácter mariñeiro. Nos derradeiros anos encóntrase nun proceso de expansión e renovación, debido principalmente ó aumento da súa poboación e á demanda turística.
A consecuencia do anteriormente exposto, é necesaria a ampliación e renovación do equipamento existente, así como a creación doutros novos, tanto na área de servicios, coma na expansión, ocio e benestar.
A Dirección Xeral de Costas do MOPU, conxuntamente co Concello de Cedeira, promoven a construcción do paseo marítimo sobre unha franxa litoral, co fin de integra-la e harmoniza-la co seu contorno, tanto desde o punto de vista urbanístico, como estético ou de recreo.
O paseo marítimo, actuación prevista urbanísticamente na revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana, revisión aprobada con carácter definitivo pola Comisión Provincial de Urbanismo na sesión do día 25-1-1995, acordo publicado no BOP nº 44, do 22-2-1995, tomando coñecemento do texto refundido na sesión do día 23-3-1995, acordo igualmente publicado no BOP nº 86, do 15-4-1995 e o texto na normativa no BOP nº 135, do 14 de xuño de 1995; afecta a unha superficie de 34.308 m dos que 10.390 m están incluídos no dominio público marítimo-terrestre e os restantes 23.918 m en terreos particulares ocupados, nunha grande parte, por edificacións na súa práctica totalidade en estado de abandono ou ruína, e urbanisticamente sin ningún aproveitamento.
A dita obra vén materializa-las previsións do PXOU vixente, o cal, ante a situación de total abandono e deterioración de esta franxa de terreo adxacente coa praia da Madanela, vén a ordenar esta dunha forma racional, respondendo ós principios inspiradores recollidos na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, a cal no seu título preliminar establece:
1º.-A presente lei ten por obxecto a determinación, protección, utilización e policía do dominio público marítimo-terrestre e especialmente da ribeira do mar.
2º.-A actuación administrativa sobre o dominio público marítimo-terrestre perseguirá os seguintes fins:
a) Determina-lo dominio público marítimo-terrestre e asegura-la súa integridade e adecuada conservación, adoptando, no seu caso, as medidas de protección e restauración necesarias.
b) Garanti-lo uso público do mar, da súa ribeira e do resto do dominio público marítimo-terrestre, sen máis excepcións cás derivadas de razóns de interese público debidamente xustificadas.
c) Regula-la utilización racional destes bens en termos acordes coa súa naturaleza, os seus fins e co respecto á paisaxe, ó medio ambiente e ó patrimonio histórico.
d) Acadar e mater un adecuado nivel de cualidade das augas e da ribeira do mar.
Respondendo os ditos principios inspiradores, procédese a ordena-la dita zona, o cal implica unha elevación da calidade de vida dos cedeirenses, recuperando a dita zona e preservando a súa deterioración tanto urbanístico como medio ambiental.
O Concello de Cedeira colabora na dita obra mediante a aportación dos terreos, para o cal procedeu, logo da preceptiva autorización da Xunta de Galicia, a formalizar co Banco de Crédito Local unha operación de crédito por importe de 181.000.000 de ptas., sendo de destacar que ós afectados cos que se conseguiu un acordo amigable, aboáronselles unhas cantidades superiores ós valores reais das parcelas, pois, como xa se dixo, estas urbanisticamente carecen de aproveitamento.
Coa presente obra vénse a recuperar e ordena-la zona máis importante do casco urbano de Cedeira, cun tratamento acorde coas políticas medioambientais que hoxe en día inspiran as actuacións das administracións públicas, sensibilizadas coa deterioración do medio ambiente, mediante a súa recuperación e ordenación, acción que, de non levarse a cabo, implicaría unha progresiva deterioración dunha das zonas naturais máis importantes deste termo municipal, redundando a dita ordenación en beneficio de tódolos veciños, así como dos numerosos visitantes que acoden a esta vila ó poderen desfrutar duns espacios naturais estremeiros coa praia da Madanela, así como establecer unha ordenación ubanística racional co que iso implica, por exemplo, con amplas vías, co conseguinte aumento da seguridade vial e peonil de toda a zona e a previsión de aparcamentos, auténtico mal endémico de Cedeira e que, debido ó elevado incremento do parque automobilístico, tanto pola poboación de dereito como de feito,
provocaba auténticos caos circulatorios.
Así mesmo, os terreos sitos fóra do ámbito do dominio público marítimo-terrestre, e incluídos na zona de afección prevista na Lei de costas, carecen de aproveitamento urbanístico, respectando o PXOU os principios da Lei de costas, evitando pantallas arquitectónicas que causaran un grande impacto visual na dita zona.
É evidente que a xustificación da execución do dito paseo marítimo está fóra de toda dúbida, pois, como se dixo, está enmarcada na política que a nivel de Estado e incluso da Comunidade Europea se vén realizando para recuperar e ordenar espacios naturais, á vez que incrementan a calidade de vida que supón a súa recuperación e ordenación.
A urxencia así mesmo vén motivada pola perentoriedade dos prazos na execución das obras, coa finalidade de cumprilos, finalidade que non se podería cumprir acudindo ó trámite de expropiación ordinario, ó dilatárense os prazos, ademais dos prexuízos que se causarían ó deixa-la obra parcialmente feita, así como motivos de orde orzamentaria.
Todo iso determina que a obra sexa culminada nos prazos previstos e por conseguinte no que resta de ano.
A compentencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de decembro de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cedeira (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de paseo marítimo de Cedeira.
Santiago de Compostela, quince de decembro de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
7146