Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 18 de xullo de 1996 Páx. 6.977

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 287/1996, do 12 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

Por Lei 9/1995, do 10 de novembro, foi creado o Consello Consultivo de Galicia como órgano superior consultivo da Xunta de Galicia.

A disposición adicional terceira da devandita lei establece que: «consonte os principios desta lei, o Consello Consultivo elaborará o seu Regulamento de organización e funcionamento e a Xunta de Galicia procederá á súa aprobación no prazo de seis meses seguintes ó da constitución do Consello Consultivo de Galicia».

Constituído o Consello Consultivo o 23 de febreiro de 1996, e remitido por este o proxecto de Regulamento de organización e funcionamento mediante acordo do Pleno do día 21 de maio de 1996 é polo que,

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, que se xunta como anexo a este decreto, en execución e desenvolvemento da Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia

A disposición adicional terceira da Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia, dispón que o dito órgano, de acordo cos principios daquela, elaborará o seu Regulamento de organización e funcionamento, que a Xunta de Galicia prodecerá a aprobar dentro dos seis meses seguintes ó da súa constitución.

O Consello Consultivo de Galicia acordou remitirlle á Xunta de Galicia un proxecto de texto regulamentario que, sen prexuízo da eventual publicación dun Regulamento de réxime interior, ó que se refire a disposición derradeira primeira, pecha o marco normativo preciso para a súa actuación, iniciado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, evitando esgota-lo prazo máximo autorizado por esta, ó ser consciente de que as expectativas de garantía de legalidade e axilización da actuación administrativa que se mencionan na súa exposición de motivos, non poden demorarse no tempo, e se-lo Regulamento de organización e funcionamento un elemento imprescindible para a plena efectividade das funcións que legalmente se lle atribúen ó Consello Consultivo de Galicia.

O regulamento consta de seis títulos, cuatro disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O título I, das disposicións xerais, regula a natureza e fins do Consello, con especial referencia á súa autonomía, nas súas vertentes orgánica e funcional, a incidencia dos dictames do Consello nos actos e disposicións sometidos á súa consideración e, en

xeral, o marco xeral da actuación do dito órgano, tanto en canto á obriga xeral de segredo que afecta ós seus integrantes, como ós honores e precedencias que lle corresponden e medios materiais precisos para o axeitado desempeño da súa función.

O título II refírese ás competencias e obrigas do Consello, dentro das primeiras remítese ás atribuídas pola súa lei de creación e as que lle correspondan por normas de igual rango e, nas segundas, impón como obriga a confección dunha memoria anual que haberá de elevarse á Xunta de Galicia, como elemento que non só resuma a actividade desenvolvida no período a que se refira senón que, igualmente, incorpore as suxestións que se consideren adecuadas á mellora da actuación administrativa na Comunidade Autónoma.

O título III alude ós órganos do Consello, atribúelles tal carácter ó Pleno, ás seccións, ó presidente, ós conselleiros e ó secretario xeral, con especial incidencia nas competencias, dereitos e obrigas de cada un deles. Destacan as funcións en coordinación e unificación de criterios que selle atribúen ó presidente; a configuración das seccións, que terán un número mínimo de dous, como órganos que posibiliten a axilización das actividades do Consello, sen prexuízo de someter ó presidente a necesidade de elevar ó Pleno determinados asuntos pola súa relevancia ou características; e o estatuto persoal do secretario xeral; o seu nomeamento descansa na confianza do Pleno que o elixe, e do presidente que o nomea, con igual límite temporal cós conselleiros dos que a súa elección procede, sen prexuízo de ulteriores renovacións e da remoción que do seu cargo pode acordarse en calquera momento polo presidente, logo de acordo do Pleno.

O título IV regula o funcionamento e procedemento do Consello. Posibilítase a actuación do Pleno en sesións ordinarias e extraordinarias, precisando que as sesións das seccións serán sempre ordinarias. Con carácter excepcional, facúltase o presidente para acorda-la celebración pública das sesións do Pleno. Regúlase a convocatoria ordinaria e urxente e establécese un desenvolvemento das sesións que permita cohonestar, como garantía, a activa intervención de tódolos conselleiros nas deliberacións, coa necesaria operatividade na adopción dos acordos, mediante as facultades de que o presidente dispón. En calquera caso, e como complemento daquela garantía, regúlase a posibilidade de emisión de votos particulares polos conselleiros discrepantes. Remata este título regulando, como elementos inescindibles ó funcionamento do Consello, a posibilidade de formular suxestións á Xunta de Galicia, a organización de actividades no marco das súas funcións e o acceso ós seus dictames.

En materia de procedemento, dentro do seu espírito antiformalista, coidáronse, sen embargo, como elementos imprescindibles da actuación do Consello dentro das funcións que lle son propias, os requisitos que deben atende-las solicitudes presentadas e as posibilidades de que se complete a documentación remitida e se declare a falta de competencia

do Consello na cuestión a el sometida, logo de audiencia do órgano interesado en tal caso. Igualmente, regúlase a posibilidade de audiencia dos directamente interesados nos asuntos motivo de dictame ou consulta ou de que se realicen informes por organismos ou persoas con notoria competencia técnica en relación coas materias obxecto de consulta; todo isto dentro dun trámite procedemental sinxelo, que tende a homoxeneiza-lo repartimento de asuntos entre as seccións e os seus compoñentes. En materia de prazos precísase que o silencio positivo a que alude o artigo 18.1º da lei só é posible no prazo xeral dun mes a partir da recepción da solicitude, establecido no dito artigo, sendo inviable tal posibilidade cando os prazos deban de reducirse atendendo ás circunstancias de urxencia invocadas. Finalmente, dentro deste título, interesa destaca-la posibilidade de solicitar do Consello a ampliación ou aclaración dos seus informes, ou formular este as rectificacións de erros de feito que

procedan, así como a de proceder á publicación dos dictames, sempre con omisión dos datos concretos sobre a procedencia e identificación das consultas.

O título V, dedicado ó persoal do Consello, regula no primeiro dos seus capítulos os letrados do Consello, que pertencerán ó corpo creado pola lei no seu artigo 21. O segundo dos capítulos dedícase ó restante persoal do Consello, distinguindo entre o administrativo e o laboral, sometendo o estatuto persoal de cada un deles á normativa que lles é propia.

O título VI, do orzamento, regula os particulares atinxentes á súa elaboración e execución, como elementos inherentes á autonomía orgánica e funcional que, en relación ós restantes órganos da Xunta de Galicia, o Consello posúe.

Nas disposicións adicionais regúlase o réxime de recursos contra os actos dos órganos do Consello, subliñando que esgotan a vía administrativa; e o dos procedementos disciplinarios, así como se precisan as referencias que, inevitablemente, o regulamento debe facer de maneira reiterada á Lei de creación do Consello; así como os requisitos necesarios para proceder ó primeiro nomeamento de secretario xeral do Consello.

A disposición transitoria refírese á composición e competencias das seccións no ano 1996.

Finalmente, as disposicións derradeiras regulan a posibilidade da futura aprobación dun Regulamento de réxime interior do Consello, a autorización ó presidente para o dictado das resolucións precisas ó desenvolvemento e aplicación do presente regulamento.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza e sede.

1. O Consello Consultivo de Galicia é o órgano superior consultivo da Xunta de Galicia.

2. A súa sede radica en Santiago de Compostela.

Artigo 2º.-Fins.

No exercicio das súas funcións vela pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía e do resto do ordenamento xurídico.

Artigo 3º.-Autonomía.

O Consello Consultivo de Galicia goza de plena autonomía orgánica e funcional, exercendo as súas funcións con independencia e obxectividade para o cumprimento e desenvolvemento dos seus fins. Non está integrado en ningún outro órgano da Xunta de Galicia.

En atención á súa autonomía funcional, o Consello adopta as súas decisións con total independencia respecto dos órganos e entes que soliciten o seu dictame, proponlle ó Consello da Xunta de Galicia a aprobación do seu regulamento orgánico e de funcionamento, así como as súas ulteriores modificacións, administra os créditos que lle asigne o orzamento da Comunidade Autónoma e xestiona a súa política de persoal de conformidade coa normativa autonómica, ó presente regulamento e ás súas normas de desenvolvemento.

Artigo 4º.-Imposibilidade de dictames simultáneos ou posteriores.

Como órgano superior consultivo, os asuntos sometidos ó seu dictame non poden ser, simultaneamente ou con posterioridade, obxecto de informes ou dictames xurídicos doutro corpo ou organismo da Comunidade Autónoma ou das entidades locais, respecto do asunto consultado ou aspectos del.

Artigo 5º.-Dictames preceptivos e facultativos.

1. As solicitudes de dictames do Consello Consultivo poderán ser preceptivas ou facultativas. Son preceptivas cando así o estableza a Lei 9/1995, do 10 de outubro, da súa creación ou outra norma de igual rango. Son facultativas no resto dos casos.

2. Agás que por lei se dispoña expresamente o contrario, o seu dictame será non vinculante e de carácter estrictamente xurídico sen entrar en valoracións de oportunidade ou conveniencia, a non ser que así lle sexa solicitado expresamente polo órgano consultante; neste caso tal aspecto abordarase conxuntamente co dictame xurídico.

Artigo 6º.-Fórmula de incorporación dos dictames.

As disposicións e resolucións sobre asuntos dictaminados polo Consello Consultivo de Galicia, cando sexa preceptiva a súa intervención nelas, se se tomaren de acordo co seu dictame expresaranse coa fórmula «...de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia», e se non se tomaren de acordo co dictame daquel, coa de «..oído o Consello Consultivo de Galicia».

Igual fórmula recollerase naqueles asuntos en que o dictame do Consello Consultivo sexa facultativo.

Artigo 7º.-Honores e precedencia.

O Consello terá dereito ós honores e precedencia que lle correspondan, de conformidade coas normas aplicables.

Nos actos públicos e solemnes nos que interveñan, os conselleiros usarán a medalla da institución que constará dos seguintes elementos: por unha cara, o escudo de Galicia e pola outra, o emblema propio que estará integrado pola bandeira de Galicia, o Libro da Lei presidido por un sol e a lenda «Ius semper primun», constando na parte inferior «Consello Consultivo de Galicia».

Os conselleiros disporán dunha credencial expresiva da súa condición.

Os conselleiros vestirán toga naqueles actos en que o presidente o dispoña por razóns de relevancia ou solemnidade. Será de cor negra con sobrepuños de encaixe sobre fondo azul celeste.

Artigo 8º.-Obriga de segredo.

En tanto os asuntos sometidos a dictame ou consulta non fosen resoltos polo órgano competente, os membros do Consello Consultivo, o seu secretario xeral, así como os letrados e o resto do persoal, teñen a obriga de gardar segredo sobre as propostas e acordos adoptados.

Esta obriga é permanente respecto das deliberacións habidas, pareceres e votos emitidos.

Artigo 9º.-Medios materiais.

O Consello disporá dos medios materiais e dos recursos necesarios para o cumprimento da súa función.

Para ese fin, cada ano formulará o seu anteproxecto de orzamento que se incorporará como sección propia no da Comunidade Autónoma.

O Consello Consultivo, de acordo con este regulamento e de conformidade co disposto na Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, exercerá as competencias de xestión, execución e liquidación ozamentarias e de contratación administrativa.

TÍTULO II

Competencias e obrigas

Artigo 10º.-Competencias.

1. Correspóndenlle ó Consello Consultivo de Galicia as competencias sinaladas nos artigos 11, 12 e 13 da súa lei, así como as que establezan outras normas de igual rango.

Artigo 11º.-Memoria.

O Consello Consultivo de Galicia elevaralle anualmente unha memoria de actividades ó Consello da Xunta de Galicia na que se expresará a actividade desenvolvida no período anterior, así como as suxes

tións que se consideren oportunas tendentes a mellora-la actuación administrativa da Comunidade Autónoma.

Artigo 12º.-Interpretación do regulamento.

Correspóndelle, así mesmo, ó Consello Consultivo interpretar e suplir este regulamento no caso de dúbida ou omisión, con respeto ós principios que inspiran a súa lei.

TÍTULO III

Organización

Capítulo I

Artigo 13º.-Órganos do Consello.

Son órganos do Consello Consultivo de Galicia:

-O pleno.

-As seccións.

-O presidente.

-Os conselleiros.

-O secretario xeral.

Capítulo II

O Pleno

Artigo 14º.-Composición.

O Pleno do Consello Consultivo de Galicia está integrado por cinco conselleiros nomeados por decreto do presidente da Xunta de Galicia, oído o Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 4 da súa lei.

Artigo 15º.-Competencias.

1. Correspóndelle ó Pleno do Consello Consultivo elaborar, debater e aproba-los dictames a que se refire o artigo 11 da lei nos seus parágrafos a), b), c), d), e), k) e l).

2. Tamén será competencia do Pleno:

a) Aproba-lo anteproxecto de orzamento do Consello Consultivo de Galicia.

b) Propoñe-la relación de postos de traballo para a súa aprobación pola Xunta de Galicia.

c) Adopta-lo acordo correspondente dos parágrafos d) e g) do artigo 6 da lei, en relación coa perda da condición de conselleiro.

d) Dictar acordo sobre suspensión da condición de conselleiro conforme a súa lei.

e) Crea-las seccións necesarias para o bo funcionamento do Consello, conforme con este regulamento, designa-los conselleiros que as integren e a quen as presidirá.

f) Propoñe-las modificacións do presente regulamento.

g) Aproba-la memoria anual a que se refire o artigo 14 da súa lei.

h) Resolver sobre a abstención e recusación do presidente do Consello.

i) Aproba-las bases e convoca-las oposicións e concursos de acceso ó corpo de letrados do Consello.

j) Declara-la compatibilidade para o exercicio da actividade docente ou investigadora continuada por parte do presidente.

i) Dictaminar sobre consultas de carácter facultativo cursadas polo presidente ou o Consello da Xunta de Galicia.

j) En xeral, a adopción de acordos que afecten ás funcións do Consello e que non lles estean atribuídas a outros órganos.

Capítulo III

Seccións

Artigo 16º.-Composición.

1. As seccións, en número mínimo de dúas, estarán constituídas por tres conselleiros e presididas por un deles nomeado polo Pleno.

2. Cada sección contará coa asistencia dun letrado do Consello que exercerá as funcións de secretario.

Artigo 17º.-Competencias.

1. As seccións terán competencia para a emisión de dictames nos seguintes asuntos:

a) Recursos administrativos de revisión.

b) Revisión de oficio ou a petición do interesado dos actos administrativos na forma establecida na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Nulidade, interpretación e resolución dos contratos administrativos na forma establecida na lexislación de contratos das administracións públicas e de réxime local.

d) Nulidade, interpretación, modificación e extinción de concesións administrativas calquera que sexa o seu obxecto, nos casos en que así o esixan as normas aplicables.

e) Reclamacións en concepto de indemnización de danos e perdas que se formulen contra a Comunidade Autónoma.

f) En todos aqueles supostos nos que así o estableza unha lexislación específica e que non se atribúa directamente ó Pleno.

2. Igualmente terana para evacua-los dictames sobre consultas dirixidas ó Consello Consultivo e que o Pleno lles asigne.

3. Cando unha sección considere que o asunto pola súa relevancia ou características deba ser sometido a coñecemento do Pleno comunicarallo ó presidente do Consello para que adopte a resolución que corresponda.

Artigo 18º.-Distribución de asuntos.

Dentro dos primeiros quince días de cada ano natural o Pleno do Consello adoptará acordo sobre o número de seccións, a distribución de asuntos entre

elas, sobre a súa composición e designación de quen deba presidilas.

O dito acordo será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo IV

Presidente

Artigo 19º.-Elección e toma de posesión.

1. O presidente do Consello Consultivo de Galicia será un dos conselleiros elixido entre eles, en votación secreta e por maioría absoluta, conforme o disposto nos artigos 5 e 10 da súa lei.

2. Será nomeado por decreto do presidente da Xunta de Galicia.

3. Toma posesión ante o presidente da Xunta de Galicia, con asistencia do resto dos membros do Consello, e presta xuramento ou promesa de acordo coa seguinte fórmula:

«Xuro (ou prometo) ser fiel ó meu mandato como presidente do Consello Consultivo de Galicia, observar e facer cumpri-la Constitución e o Estatuto de autonomía e as demais leis de Galicia e do Estado e exerce-las miñas funcións no interese supremo e exclusivo de Galicia e de España».

Artigo 20º.-Substitución.

A vacante ou substitución temporal do presidente regularase polas seguintes regras:

a) Vacante a presidencia pola perda da condición de conselleiro, procederase a nova elección, de acordo co disposto no artigo 19º deste regulamento, e no prazo de quince días contados desde o seguinte a aquel en que se completase o número de conselleiros.

b) Se a vacante se producise por renuncia ó cargo, pero sen perde-la condición de conselleiro, procederase á elección de presidente na forma indicada no artigo 19º e no prazo dos quince días seguintes á publicación do decreto de cesamento no cargo.

c) Nos casos de suspensión, vacante, ausencia ou enfermidade, as funcións de presidente exerceraas o conselleiro máis antigo e se todos tivesen a mesma, o de máis idade. Nesta situación farase consta-lo carácter accidental da presidencia en cantas accións se realicen.

Artigo 21º.-Delegación.

O presidente poderá delega-la representación do Consello nun dos conselleiros, en casos concretos ou misións específicas.

Artigo 22º.-Competencias.

Correspóndelle ó presidente:

1. En relación co órgano:

a) Ostenta-la representación do Consello para tódolos efectos.

b) Impulsar e coordina-la actuación do Consello.

c) Informar publicamente, cando proceda, das actividades do Consello.

d) Solicitar, a proposta do Pleno ou das seccións, os antecedentes e informes, probas ou outros elementos ós que se refire o artigo 20.2º da lei.

e) Darlle conta ó presidente da Xunta de Galicia das vacantes que se produzan no seo do Consello.

f) Concederlles licencias temporais ós conselleiros.

g) Concede-la compatibilidade para a actividade docente e investigadora dos conselleiros e dos letrados.

h) Resolver sobre as abstencións dos conselleiros e dos letrados; e as recusacións formuladas sobre as actuacións destes últimos.

i) Asignar, se é o caso, ponencias especiais para asuntos concretos.

j) Aprecia-la urxencia a que se refire o artigo 51.2º.

2. Na celebración das sesións do Pleno do Consello correspóndelle:

a) Acorda-la convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno e a fixación da orde do día.

b) Presidi-las sesións do Pleno, modera-lo desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

c) Dirimir co seu voto os empates, para efectos de adoptar acordos no Pleno.

d) Resolver, se é o caso, sobre a proposta das seccións de eleva-lo coñecemento dun asunto, pola súa relevancia e características, ó Pleno.

e) Coordina-la actuación das seccións e propoñerlle ó Pleno que resolva o procedente cando corresponda a unificación de criterio ou doutrina.

f) Visa-las actas e certificacións dos acordos do Pleno.

g) Efectua-las comunicacións dos acordos do Consello.

3. Autorizar gastos e ordenar pagamentos con suxeición á normativa aplicable, podendo delegar, en todo ou en parte, tal función no secretario xeral.

4. A superior dirección do persoal e o exercicio das potestades disciplinarias, agás a separación do servicio, conforme as disposicións vixentes.

5. As mesmas facultades sinaladas no punto segundo correspóndenlles ós presidentes das respectivas seccións en relación coas sesións destas.

Capítulo V

Conselleiros

Artigo 23º.-Nomeamento e toma de posesión.

1. Os conselleiros, en número de cinco, integran o Consello Consultivo de Galicia. Son nomeados

polo presidente da Xunta de Galicia, oído o Consello da Xunta de Galicia, por un período de seis anos, entre as persoas que cumpran os requisitos mencionados no artigo 4.1º da lei. Poden ser reelixidos unha soa vez e durante o seu mandato son inamovibles.

2. Teñen dereito ós honores e precedencia que lles correspondan como membros do Consello Consultivo de Galicia; o seu tratamento é de Excelentísimo Señor. Igualmente teñen dereito ás remuneracións que para tal fin se fixen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. Dentro dos dez días seguintes á publicación do decreto do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia tomarán posesión do seu cargo ante o presidente da Xunta de Galicia, e prestarán xuramento ou promesa de acordo coa seguinte fórmula: «Xuro (ou prometo) cumpri-las obrigas do meu cargo de conselleiro do Consello Consultivo de Galicia e gardar e facer garda-la Constitución e o Estatuto de autonomía».

Artigo 24º.-Incompatibilidades.

1. Os conselleiros están sometidos ó rexime de incompatibilidades establecido no artigo 9 da lei.

2. O cargo de conselleiro é compatible co exercicio da actividade docente ou investigadora, trala expresa declaración previa de compatibilidade efectuada polo presidente, cando aquela vaia ser continuada.

3. Dentro dos dez días seguintes á súa toma de posesión presentarán unha declaración xurada de non estaren incursos en incompatibilidade ningunha das establecidas na lei.

Artigo 25º.-Dereitos e obrigas.

Corresponde a cada conselleiro:

a) Recibir cunha antelación mínima de tres días a convocatoria das sesións contendo a orde do día.

b) Participar nos debates.

c) Exerce-lo seu dereito ó voto e formular voto particular.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obte-la información precisa para cumpri-las súas funcións.

f) Propoñerlle ó presidente para a súa inclusión na orde do día do Pleno, asuntos relacionados coas funcións do Consello, presentándoos polo menos cinco días antes da súa celebración.

g) Asistir ás sesións dos órganos de que formen parte; no caso de imposibilidade deberá escusar debidamente a súa asistencia.

h) Votar nas sesións dos órganos en que estean integrados, sen que poidan absterse de facelo.

Artigo 26º.-Incompatibilidade sobrevida.

Se algún conselleiro considera que, vixente o seu nomeamento, pode incorrer nalgunha causa de

incompatibilidade, deberá manifestarllo ó presidente do Consello, co obxecto de que resolva o procedente, e, se fose o caso, para os efectos do disposto no artigo 9 da lei.

Artigo 27º.-Cesamento.

1. Cunha antelación mínima de tres meses o presidente informará ó Consello e comunicaralle ó presidente da Xunta de Galicia a inminencia dos cesamentos que deben producirse, para os efectos do disposto no artigo 4 da lei.

2. En tanto os novos conselleiros non tomen posesión dos seus cargos, continuarán no exercicio deles os membros do Consello saínte, mesmo se o período do seu nomeamento xa transcorreu.

3. O período de seis anos a que se refiren os artigos 4 da lei e 23 deste regulamento contarase a partir da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 28º.-Perda da condición.

Nos supostos da perda da condición de conselleiro establecida nas causas d) e g) do artigo 6 da lei, será preciso acordo favorable e motivado do Consello tomado por maioría absoluta dos seus membros, trala audiencia previa do interesado, o que se porá en coñecemento do presidente da Xunta de Galicia a quen lle corresponde dicta-lo cesamento.

Artigo 29º.-Suspensión do exercicio das súas funcións.

Os conselleiros poderán ser suspendidos no exercicio das súas funcións por acordo motivado da maioría absoluta do Pleno do Consello en caso de inculpación formal ou procesamento por delicto doloso, tramitación dun expediente de incapacidade ou iniciación de expediente conforme o artigo anterior; sempre atendendo á gravidade dos feitos e trala audiencia previa do interesado.

Artigo 30º.-Abstención.

1. Os conselleiros deberán absterse de coñecer cando concorra algún dos motivos seguintes:

a) Ter interese persoal no asunto de que se trate ou noutro cando a súa resolución puidese influír na daquel.

b) Ter parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo, con calquera dos titulares das administracións ou órganos dos que proceda a consulta ou petición de dictame, así como cos particulares directamente interesados no expediente ou manter cuestión litixiosa pendente con estes últimos.

c) Ter amizade íntima ou inimizade manifesta con algunha das persoas mencionadas no apartado anterior.

d) Terlles prestado nos dous últimos anos servicios profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar.

2. No caso de que un conselleiro considere que concorre algunha das causas sinaladas no número anterior, porao, ó día seguinte, en coñecemento do presidente, quen dictará a resolución que proceda, no prazo de tres días.

Artigo 31º.-Recusación.

Nos casos establecidos no artigo anterior, os conselleiros poderán ser recusados polos interesados en calquera momento do procedemento.

No día seguinte á comunicación da súa recusación, o recusado participaralle ó presidente do Consello se concorre efectivamente a causa alegada, quen convocará Pleno extraordinario no prazo de tres días para que adopte a resolución que proceda.

Capítulo VI

Secretario xeral

Artigo 32º.-Estatuto persoal.

1. O secretario xeral é elixido polo Consello e nomeado polo presidente entre os letrados en servicio activo pertencentes ó corpo creado polo artigo 21 da lei. Terá dereito ás remuneracións que para tal fin se fixen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e o seu tratamento será o de Ilustrísimo Señor.

2. O seu nomeamento efectuarase no prazo dun mes desde a toma de posesión do presidente.

Tomará posesión do seu cargo dentro dos dez días seguintes á publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, ante o Pleno do Consello, e prestará xuramento ou promesa, de acordo coa seguinte fórmula: «Xuro (ou prometo) cumpri-las obrigas do meu cargo de secretario xeral do Consello Consultivo de Galicia e gardar e facer garda-la Constitución e o Estatuto de autonomía».

3. Estará sometido ó réxime de incompatibilidades establecido para os integrantes do corpo de letrados do Consello.

4. No caso de ausencia ou enfermidade, suspensión, vacacións ou calquera imposibilidade temporal será substituído por outro letrado designado polo presidente.

5. Cesará no cargo cando proceda, pola causa disposta no artigo 4 da lei, o cesamento do Consello que o elixe, permanecendo a partir dese momento en funcións. Sen prexuízo diso poderá ser reelixido sucesivamente polo novo Consello, sen a limitación temporal que no apartado 2 do devandito artigo afecta ós conselleiros. Tamén poderá ser cesado polo presidente do Consello, tralo acordo previo do Pleno.

Artigo 33º.-Funcións.

1. En relación co funcionamento do Consello Consultivo correspóndelle ó secretario xeral:

a) Asistir ás sesións do Consello con voz e sen voto.

b) Desempeña-la secretaría do Pleno e estende-las actas das sesións do Pleno visadas polo presidente.

c) Custodia-la documentación do Consello.

d) Elabora-la orde do día de acordo coas instruccións do presidente.

e) Convocar, de orde do presidente do órgano correspondente, ós conselleiros para as sesións, remitíndolles a orde do día, con tempo suficiente para que eles as reciban cando menos con tres días de antelación á súa celebración.

f) Executa-los acordos do Consello.

g) Dirixi-los actos de comunicación do Consello, agás cando sexan realizados polo presidente.

h) Expedir certificacións das actas, acordos, dictames, votos particulares e demais documentos confiados á súa custodia, visadas polo presidente do órgano competente.

i) Levar un rexistro de disposicións lexislativas e regulamentarias que afecten ó Consello e relacionadas con el, e outro referente ós dictames, resolucións e mocións acordadas e calquera outro pertinente.

j) Prepara-los expedientes que deban ser obxecto de deliberación segundo a orde do día das sesións.

k) Entregarlles copia dos expedientes ós conselleiros ós que corresponda o seu estudio.

l) Preparar para a súa posterior aprobación polo Consello, no mes de setembro de cada ano, o proxecto da memoria de actividades anuais.

2. Corresponderalle ó letrado que actúe como secretario en cada sección, respecto das sesións delas, as obrigas sinaladas no número anterior, salvo os apartados b), c), e), f), g), h) e l).

3. En relación cos servicios e persoal do Consello, correspóndelle ó secretario xeral:

a) A coordinación de tódolos servicios do Consello.

b) Elaboración do anteproxecto de orzamentos.

c) Xestión dos créditos orzamentarios.

d) Tramitación e xestión da contratación administrativa.

e) Xefatura e xestión do persoal.

f) Administración do patrimonio.

g) Asistencia ó presidente en tódolos asuntos.

h) Réxime interior do Consello.

i) Aqueloutras que lle sexan delegadas polo presidente.

TÍTULO IV

Funcionamento e procedemento do Consello Consultivo de Galicia

Capítulo I

Funcionamento

Artigo 34º.-Réxime xeral.

1. O Consello Consultivo de Galicia actúa en Pleno ou en seccións e a porta pechada.

2. As sesións do Pleno poderán ser ordinarias ou extraordinarias; as das seccións serán sempre ordinarias.

3. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo primeiro, excepcionalmente, o presidente poderá acordar que algunha sesión do Pleno sexa pública.

Artigo 35º.-Sesións ordinairas e extraordinarias.

O Pleno e as seccións reuniranse en sesión ordinaria de conformidade co calendario que para o efecto se aprobe; e en sesión extraordinaria o Pleno, sempre que sexa convocado polo seu presidente, por iniciativa propia ou a petición de calquera conselleiro, ou ben cando corresponda de acordo co presente regulamento.

Artigo 36º.-Convocatoria.

1. A convocatoria das sesións será efectuada polo secretario por orde do presidente, remitíndolles ós conselleiros, alomenos con tres días de anticipación á súa celebración, a orde do día, que conterá a relación de asuntos que se van tratar e a documentación necesaria para a deliberación e adopción de acordos.

2. En casos de urxencia, poderase convocar sesión cunha antelación non inferior a vintecatro horas e non será preceptiva a remisión da documentación.

Artigo 37º.-Constitución do Pleno e seccións.

1. A constitución do Pleno do Consello require, para a validez das deliberacións e acordos, a presencia do presidente, ou de quen legalmente o substitúa, dun número de membros que co presidente constitúan a maioría absoluta e a do secretario xeral ou de quen faga as veces deste.

2. A constitución de cada sección require a presencia do seu presidente ou de quen o substitúa e a metade alomenos dos seus membros, así como a do letrado que desempeñe as funcións de secretario.

Artigo 38º.-Desenvolvemento das sesións.

1. Aberta a sesión polo presidente do Pleno do Consello ou da sección, segundo corresponda, o secretario tomará nota dos asistentes, e se fose o caso das escusas de asistencia, para os efectos de determinar se a sesión pode levarse a cabo, suposto no que procederá a le-la orde do día. Nos casos de urxencia, debaterase en primeiro lugar este feito e, se o acordo é negativo, levantarase a sesión; noutro caso, continuarase de acordo coas normas xerais.

2. En primeiro lugar o secretario terá a acta da anterior sesión, por se procede a súa aprobación, no caso de que non fose aprobada inmediatamente despois dela. Calquera conselleiro poderá pedi-la rectificación da acta, en relación coas opinións ou manifestacións por el formuladas.

3. A orde das deliberacións seguirá a proposta da orde do día, pero a súa preferencia pode ser modificada por acordo do Consello.

4. O presidente concederalle-la palabra ós conselleiros que o pidan, pola orde en que o soliciten, tantas veces como se estime necesario ou conveniente.

5. Naqueles asuntos da orde do día que teñan por obxecto un proxecto de dictame, intervirá en primeiro lugar o ponente, quen exporá de forma razoada o proxecto, a continuación seguirase coa deliberación, de acordo co disposto no parágrafo anterior.

6. As emendas, adicións, supresións ou calquera modificación do proxecto de dictame ou acordo do Consello, serán defendidas polo conselleiro que as propuxese.

7. Cando a xuízo do presidente o asunto principal, as súas emendas, adicións ou modificacións fosen obxecto de discusión suficiente, declarará a procedencia da súa votación, comezando por estas últimas. Os acordos tomaranse por maioría absoluta dos membros que constitúan o Consello ó inicio da sesión; votará en primeiro lugar o ponente, e despois os demais conselleiros por orde inversa á súa antigüidade ou idade; o presidente votará en derradeiro lugar, e decidirá con voto de calidade, en caso de empate.

8. Calquera conselleiro poderá pedir que un dictame quede sobre a mesa, para novo estudio, ata a próxima sesión; pero se se tratase dun asunto urxente ou que permanecese sobre a mesa durante dúas sesións, poderá o presidente denega-la petición e ordenar que sexa discutido ou despachado.

Artigo 39º.-Votos particulares.

En calquera asunto sometido a coñecemento do Pleno do Consello ou das súas seccións, o conselleiro ou conselleiros discrepantes poderán formular por escrito voto particular razoado. Se a discrepancia partise do conselleiro designado ponente no asunto, o presidente trasladará a ponencia a outro dos que conformasen o sentido maioritario do acordo, asignando no seu lugar outra ponencia ó discrepante, co fin de regulariza-las quendas asignadas.

Artigo 40º.-Prazos dos votos particulares.

Os votos particulares deberán anunciarse unha vez finalizada a votación do asunto que os determine, e deberán confeccionarse no prazo de tres días a partir da dita data, agás en casos de urxencia en que o prazo será dun día, entregaránselle ó secretario co fin de xuntalos ó dictame. Así mesmo, os conselleiros que discrepasen do acordo maioritario poderán adherirse ó voto particular confeccionado por un deles, sempre que, finalizada a votación, manifestasen a súa vontade de redactar voto particular en relación co acordo adoptado pola maioría.

Artigo 41º.-Sinatura de acordos e dictames.

1. Os acordos e dictames do Pleno ou das seccións serán asinados pola totalidade dos conselleiros intervenientes, aínda que disentisen do acordo maioritario ou formulasen voto particular.

2. Se, efectuada unha votación, algún dos conselleiros, por imposibilidade, non puidese asina-lo dictame a que aquela se refire, o secretario estenderá dilixencia de tal circunstancia e do sentido do seu voto, a continuación o presidente asinará no lugar do conselleiro imposibilitado. Igual procedemento se seguirá se a imposibilidade recaese no presidente; neste caso asinará no seu lugar o conselleiro a quen correspondese a súa substitución.

Artigo 42º.-Actas.

De cada sesión do Pleno ou das seccións o secretario xeral, ou letrado que faga as veces de secretario, segundo corresponda, redactará unha acta que poderá ser aprobada a continuación ou na primeira reunión que seguidamente se celebre. Nela faranse constar necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, o carácter desta, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrase, os puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos adoptados. Poderá facerse constar, a solicitude dos conselleiros interesados, o sentido negativo do seu voto en relación co acordo adoptado, cando non desexen formular voto particular.

Artigo 43º.-Suxestións.

Para o seu mellor funcionamento, o Consello poderalle formular á Xunta de Galicia as suxestións que considere pertinentes.

Artigo 44º.-Outras actividades.

O Consello, para o mellor cumprimento da súa función, poderá organiza-las actividades que considere convenientes.

Artigo 45º.-Acceso ós dictames.

O acceso ós dictames do Consello Consultivo, antes da súa publicación, corresponderalles unicamente ós directamente interesados en cada un dos asuntos.

Capítulo II

Procedemento

Artigo 46º.-Solicitude.

1. Os dictames preceptivos a que se refire o artigo 11 da súa lei e os establecidos na lexislación específica, en asuntos competencia da Xunta de Galicia, serán solicitados, por instancias do órgano interesado, polo presidente da Xunta de Galicia.

Cando o dictame preceptivo sexa solicitado polas entidades locais, a petición será efectuado polo presidente destas.

2. Cando a especial transcendencia do asunto así o requira, poderán solicitar dictame facultativo ou consulta ó Consello Consultivo, o presidente da Xunta de Galicia, o Consello, os conselleiros e os

presidentes dos organismos e entes públicos autonómicos.

Artigo 47º.-Forma.

1. A solicitude de dictame preceptivo e de dictame facultativo ou da consulta, deberá vir acompañada de canta documentación sexa necesaria para dictaminar sobre a cuestión ou cuestións suscitadas e precisa-los extremos a que se refiren.

2. No caso de dictames preceptivos, a solicitude, acompañada do expediente completo, deberá incorporar proxecto de resolución do órgano consultante.

Artigo 48º.-Apertura e acumulación de expedientes.

1. Cada solicitude determinará a apertura dun expediente, ó que se incorporarán sucesivamente todos cantos documentos posteriores teñan relación con el.

2. Aberto o expediente, o secretario xeral daralle conta ó presidente sobre se o asunto é competencia do Pleno ou das seccións do Consello así como, en ámbolos casos, do conselleiro a quen lle corresponde a quenda de ponencia. O presidente do órgano competente asignaralle a este a confección do proxecto de dictame correspondente, con indicación do prazo concedido e data da sesión na que haberá de procederse á súa deliberación e votación, dándolle traslado de copia da documentación presentada; comunicaráselles, ó mesmo tempo ó resto dos compoñentes do órgano, a asignación de ponencia, con referencia ó asunto de que se trata e a data de presentación da ponencia e a da celebración da sesión.

3. A elaboración das ponencias asignarase por orde de entrada a cada un dos conselleiros, por unha quenda sucesiva; sen prexuízo das facultades que ó presidente do Consello lle atribúe o artigo 22.1º i) deste regulamento.

4. Cando se apreciase identidade nos suxeitos interesados e obxecto, no dictame ou da consulta, o órgano competente poderá acorda-la acumulación dos expedientes.

Artigo 49º.-Completo de expedientes e resolución sobre a competencia do Consello.

1. Se o ponente estimase incompleta a documentación recibida ou entendese que a cuestión suscitada non é da competencia do Consello, porao en coñecemento do presidente quen, no prazo previsto no artigo 36 deste regulamento, salvo que non fose preciso observalo por concorreren razóns de urxencia, convocará o Pleno ou a sección competente, segundo corresponda.

2. No primeiro caso, tralo acordo previo do Pleno ou da sección, o presidente poderá solicitar do órgano ou institución consultante que se complete a documentación con cantos antecedentes, informes ou probas se estimen necesarios, mesmo co criterio dos organismos ou persoas que tivesen competencia

nas cuestións relacionadas co asunto obxecto de dictame.

A dita documentación deberá ser remitida no prazo que se conceda, transcorrido o cal sen efectuarse, o Consello emitirá o dictame que estime procedente, en función da documentación que figure no expediente.

3. No segundo, se o Pleno ou a sección manifestasen a súa opinión conforme a estimación do ponente, daráselle traslado mediante comunicación razoada á institución ou organismo consultante, para que no prazo de dez días poida alega-lo que estime oportuno. Estudiadas estas, ou transcorrido o prazo, adoptarase o acordo motivado no que se resolverá asumi-la cuestión ou rexeita-la competencia do Consello sobre ela; neste caso ordenará o arquivo do expediente. Calquera que fose o acordo, notificaráselle ó solicitante.

Artigo 50º.-Audiencias e informes.

1. Admitida a trámite a solicitude, antes de somete-lo ponente o proxecto de dictame á aprobación do Pleno ou da sección, poderá propoñer ó órgano competente que, de oficio, acorde que sexan oídos ante el os directamente interesados nos asuntos motivo de dictame ou consulta. Igual acordo poderá toma-lo órgano a petición destes.

2. Así mesmo, poderá propoñer que, a través do órgano consultante, ou directamente, se solicite informe oral ou escrito daqueles organismos ou persoas que tivesen notoria competencia técnica nas cuestións formuladas en relación coas materias obxecto de consulta.

Artigo 51º.-Prazos de emisión de dictames.

1. O Consello Consultivo deberá emiti-los seus dictames, con carácter xeral, no prazo dun mes a partir da recepción da solicitude. Transcorrido este prazo, e só nese caso, entenderase que non existe ningunha obxección á cuestión suscitada.

2. O prazo será de quince días cando na orde de remisión do expediente, polo organismo ou institución consultante, se fixese constar motivadamente a urxencia do dictame, que será apreciada polo presidente do Consello, oídos os conselleiros, no prazo de tres días. De non resultaren acreditadas as circunstancias que xustifiquen a urxencia invocada, o prazo será o mencionado no parágrafo anterior e así se lle comunicará a quen formulase a consulta ou solicitase o dictame.

3. O presidente da Xunta de Galicia, atendida a materia e urxencia do asunto, poderá requiri-la emisión de dictame nun prazo non inferior a dez días.

4. O termo dos prazos entenderase referido á data de rexistro de saída do acordo ou dictame.

5. Para a eficacia da producción do silencio, deberá incorporarse ó expediente certificación do secretario xeral referida á data de entrada da solicitude de dictame e do transcurso do prazo para emitilo.

Artigo 52º.-Interrupción.

Os prazos mencionados nos apartados 1 e 2 do artigo anterior interromperanse cando o Consello demande que se complete a documentación aludida no artigo 49º, ou acorde a audiencia ou solicite os informes a que se refire o artigo 50º. Nestes casos, o cómputo dos prazos proseguirase cando sexa atendida a solicitude, producida a audiencia ou tramitado o informe, segundo corresponda, a partir da súa entrada no rexistro xeral do Consello.

Artigo 53º.-Ampliación.

Así mesmo, salvo disposición legal en contrario, o órgano competente, mediante resolución motivada e notificada ó organismo ou institución consultante, poderá acorda-la ampliación dos prazos por un período que non excederá da metade do inicialmente establecido. Excepcionalmente, cando o número de solicitudes formuladas impidan razoablemente o cumprimento do prazo, o órgano competente para dictaminar poderá amplialo por un tempo igual ó orixinario.

Artigo 54º.-Cómputo dos prazos por meses.

O prazo a que se refire o artigo 51º computarase de data a data. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Cando o último día do prazo resulte inhábil, entenderase prorrogado ó primeiro día hábil seguinte.

Artigo 55º.-Cómputo dos prazos por días.

Os prazos expresados en días entenderanse sempre referidos a días hábiles. Contaranse a partir do día seguinte a aquel en que tivese lugar a recepción da solicitude de dictame ou consulta, ou desde o termo do prazo ordinario se se acordase a ampliación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderanse prorrogados ó primeiro día hábil seguinte.

Artigo 56º.-Forma dos dictames.

Os dictames conterán un encabezamento no que se consignará o lugar e a data da súa emisión, se é o Pleno ou unha das súas seccións quen os emite, os conselleiros intervenientes con expresión en primeiro termo do que fose presidente, o secretario xeral ou letrado que realice tal función e en apartados separados consignarán os antecedentes de feito nos que expresamente se referirá o órgano ou institución que deu orixe coa súa actuación ó dictame, as consideracións xurídicas e a conclusión con indicación de se se adoptou por maioría ou por unanimidade.

Artigo 57º.-Certificacións e arquivo dos dictames.

1. O secretario xeral estenderá certificación do dictame, en unión do voto ou votos particulares, se os houbese, para a súa ulterior remisión ó órgano ou institución consultantes.

2. Outra certificación unirase á acta da sesión en que aquel se deliberase e votase para a súa incorporación ó arquivo do Consello.

3. O orixinal do dictame incorporarase ó libro de dictames correspondente.

Artigo 58º.-Ampliación, aclaración e rectificación dos dictames.

1. Dentro do prazo dos cinco días seguintes á recepción do dictame, o órgano ou institución que producise a consulta ou solicitase aquel, poderá pedir ampliación do seu contido, con suxeición ó disposto nos artigos precedentes.

2. Así mesmo poderá solicitar, no mesmo prazo, aclaración dos elementos concretos do dictame contidos nas consideracións xurídicas ou das dúbidas que, razoablemente, poida suscitarlle a conclusión adoptada. Tal aclaración será resolta polo Consello no prazo de dez días.

3. O Consello Consultivo poderá rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros de feito, materiais ou aritméticos dos seus dictames ou actos.

Artigo 59º.-Comunicación do acto ou disposición.

1. O órgano ou institución consultante, no prazo de quince días, comunicaralle ó secretario xeral do Consello Consultivo a adopción ou publicación da resolución ou disposición xeral consultada, co fin de que se practique a anotación pertinente no rexistro que se levará de acordo co disposto no artigo 33º.1 i) deste regulamento.

2. Cando a resolución ou disposición se apartase do criterio manifestado polo Consello no seu dictame, o secretario xeral encomendaralle ó letrado que asistise ó ponente a elaboración dun informe no que se plasmen as diferencias apreciadas. O dito informe arquivarase no expediente correspondente.

Artigo 60º.-Publicación dos dictames.

O Consello poderá publica-los dictames emitidos, ou un extracto deles, con omisión dos datos concretos sobre a procedencia e identificación das consultas.

TÍTULO V

Persoal do Consello

Capítulo I

Letrados

Artigo 61º.-Corpo de letrados.

O Consello Consultivo de Galicia estará asistido polos letrados pertencentes ó corpo creado pola súa lei no artigo 21.

Artigo 62º.-Selección e situacións administrativas.

1. A súa selección efectuarase conforme os grupos e na forma disposta no artigo 22 da lei, e determinará o ingreso no corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia e a orde na escala respectiva.

2. Polo grupo de oposición libre poderán acceder licenciados en dereito, conforme as bases e programa que aprobe o Consello no acordo de convocatoria.

Artigo 63º.-Incompatibilidades.

1. Os letrados terán as incompatibilidades establecidas con carácter xeral para os funcionarios das administracións públicas, sen que poidan exercer función ou misión ningunha diferente á que lles é propia.

2. Exceptúase de tal réxime a docencia e a investigación que se consideren compatibles con aquela. Tales actividades, cando sexan continuadas, deberán ser autorizadas polo presidente do Consello nos termos do artigo 21.4º da lei.

Artigo 64º.-Funcións.

Os letrados terán como misión o estudio, a preparación e a redacción dos proxectos de dictame sobre os asuntos sometidos a consulta do Consello. Igualmente desempeñarán as funcións que lles asigna o presente regulamento e as de asistencia técnica e apoio técnico-xurídico que, no marco da organización xeral do Consello, lles sexan encomendadas polo presidente, o secretario xeral e os conselleiros.

Artigo 65º.-Réxime estatutario.

O seu réxime estatutario será o establecido para os funcionarios na lexislación da función pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 66º.-Abstención e recusación.

1. Os letrados deberán absterse de intervir nun asunto cando, con relación a el, concorran neles os motivos consignados no artigo 30º deste regulamento.

2. Nos casos dispostos no apartado anterior, poderán ser recusados en calquera momento do procedemento.

3. No día seguinte ó coñecemento da causa de abstención ou da formulación da recusación, o letrado comunicaralle ó presidente do Consello o que considere sobre a concorrencia da causa, resolvendo este o procedente, no prazo de tres días.

Capítulo II

Outro persoal do Consello

Artigo 67º.-Persoal administrativo.

O Consello Consultivo disporá, ademais dos seus letrados, doutro persoal da condición, categoría ou número que considere adecuados para o seu normal funcionamento, sobre a base da relación de postos de traballo que propoña para a súa aprobación pola Xunta de Galicia.

Artigo 68º.-Selección.

A provisión efectuarase de acordo coas normas xerais da función pública da Comunidade Autóno

ma. As ditas normas serán igualmente aplicables ó seu réxime de incompatibilidades e estatutario.

Artigo 69º.-Persoal laboral.

Malia o disposto no artigo anterior, o persoal de carácter laboral rexerase pola normativa que lle é propia.

TÍTULO VI

Orzamento

Artigo 70º.-Elaboración.

O Consello Consultivo de Galicia elaborará o seu anteproxecto de orzamento que se incorporará como sección propia ó da Comunidade Autónoma.

Artigo 71º.-Execución.

1. O réxime económico do Consello Consultivo rexerase pola Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, as respectivas leis de orzamentos, a lexislación de contratación das administracións públicas e a súa normativa de desenvolvemento.

2. Correspóndenlle á presidencia do Consello as competencias que as citadas normas lles atribúen ós titulares das distintas seccións orzamentarias.

3. A función interventora dos gastos do Consello será exercida conforme a normativa aplicable ó réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Recursos.

As resolucións do Consello Consultivo de Galicia que dicten distintos órganos con competencia para iso esgotan a vía administrativa.

Segunda.-Procedementos disciplinarios.

Os procedementos para o exercicio da potestade disciplinaria respecto do persoal ó servicio do Consello Consultivo rexeranse pola normativa específica aplicable ó da Xunta de Galicia.

Terceira.-Lei reguladora do Consello.

Sempre que neste regulamento se faga referencia á lei, agás que do contexto se infira outra cousa, entenderase a Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia.

Cuarta.-Primeiro nomeamento de secretario xeral.

O primeiro nomeamento de secretario xeral, a que se refire o artigo 32º deste regulamento, efectuarase dentro dos quince días seguintes a aquel en que o Consello Consultivo conte alomenos con dous letrados do seu propio corpo. Entre tanto procederase a un nomeamento provisional en quen reúna os requisitos do artigo 22 da lei.

Disposición transitoria

Seccións no ano 1996.

No prazo de quince días a partir da entrada en vigor do presente regulamento, publicarase no Dia

rio Oficial de Galicia o número e composición das seccións do Consello vixentes para 1996.

Entre tanto será de aplicación para o efecto o disposto no acordo do Pleno do Consello de data catro de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Regulamento de réxime interior.

O Pleno do Consello Consultivo poderá aproba-lo seu propio Regulamento de réxime interior.

Segunda.-Facultades do presidente no desenvolvemento e aplicación do presente regulamento.

Autorízase o presidente do Consello Consultivo para dicta-las resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación deste regulamento.

5311