Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 01 de agosto de 1996 Páx. 7.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 17 de xullo de 1996 pola que se regula a concesión de axudas a autoconstructores no medio rural.

O Decreto 269/1996, do 14 de xuño, regula a concesión de axudas á autoconstrucción de vivendas no medio rural, no marco do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo para o período 1996-1999.

A disposición derradeira primeira faculta o conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda para dictar, no ámbito das súas competencias, tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita norma.

En virtude do anterior, e facendo uso das facultades outorgadas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-lo procedemento para o acceso ás medidas de financiamento cualificado da autoconstrucción no medio rural á que se refire o Decreto 269/1996, do 14 de xuño.

Artigo 2º.-Financiamento.

As axudas establecidas polo Decreto 269/1996, do 14 de xuño, financiaranse:

1. Con cargo ó Ministerio de Fomento.

a) O subsidio do tipo de xuro dos préstamos cualificados, nas súas diversas modalidades.

A contía dos préstamos previstos para a autoconstrucción de vivendas que excedan de 90 m de superficie útil, á que se refire o artigo 6 do Decreto 269/1996, será a correspondente ós promotores para uso propio de vivendas en réxime xeral establecido polo artigo 11 do Real decreto 2190/1995.

b) As subvencións e demais axudas correspondentes ós autoconstructores en réxime especial, ou aqueloutros en réxime xeral, nos supostos de primeiro acceso á propiedade.

2. Con cargo ó Instituto Galego da Vivenda e Solo.

a) As subvencións adicionais que se van outorgar ós autoconstructores en réxime xeral, a que se refire o artigo 5.2º c) do Decreto 269/1996, e as que o mesmo decreto establece no seu artigo 6.1º b) para outras vivendas con financiamento protexido.

Estas subvencións imputaranse ós créditos consignados, para o presente exercicio, na partida 06.331A.783.0.

b) As transferencias de capital destinadas á reducción de honorarios prevista no artigo 5º da presente orde, segundo o convido co COAG.

A consignación crediticia para estas axudas no exercicio de 1996 figura na partida 06.331A.782.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. A tramitación e concesión das axudas á autoconstrucción no medio rural correspóndelle ó Instituto Galego da Vivenda e Solo, e réxense polas normas do Decreto 269/1996, polo contido desta orde e polo disposto para efectos de subvencións no artigo 36 da Lei 11/1995, de presupostos da Comunidade Autónoma para 1996.

Para a súa concesión será requisito inescusable a existencia de crédito na partida orzamentaria correspondente.

2. As solicitudes para o acceso ás referidas axudas presentaranse na delegación provincial do Instituto que corresponda por razón de localización da vivenda proxectada, e deberanse presentar por separado as de préstamo e as de subvención, nos modelos establecidos para o efecto que figuran no anexo II da presente disposición.

3. Ás referidas solicitudes xuntarase, en todo caso, a documentación que figura así mesmo no anexo II, a saber:

3.1. A que acredite a concorrencia das circunstancias económicas esixibles para o acceso ó financiamento cualificado, na modalidade que corresponda, de acordo co establecido no Real decreto 2190/1995 e no Decreto 269/1996.

3.2. A esixida pola normativa vixente para a obtención da cualificación provisional da vivenda dentro do réxime que lle sexa de aplicación, o que requirirá da previa tramitación regulada no artigo seguinte.

4. O modelo de solicitude da cualificación definitiva así como a documentación que debe acompañala figuran no anexo III da presente disposición.

Artigo 4º.-Proxectos tipo.

A utilización dos proxectos-tipo prevista no artigo 3 do Decreto 269/1996, suxeitarase ó seguinte procedemento:

1. O autoconstructor, tralo exame dos proxectos incluídos no catálogo, e seleccionado o do seu interese, dirixiralle ó delegado provincial do IGVS escrito en modelo oficial (anexo I), expresivo do modelo elixido.

Ó referido escrito xuntaráselle certificado municipal acreditativo de que os terreos onde se pretende construí-la vivenda se atopan situados nalgún dos ámbitos considerados no Decreto 269/1996.

2. O interesado poderá seleccionar calquera dos proxectos do catálogo, con independencia da súa tipoloxía, aínda que coa limitación seguinte: non poderán utilizarse proxectos de tipoloxía alta montaña en zonas de litoral ou viceversa.

3. O mero cumprimento dos referidos trámites permitirá a utilización do proxecto seleccionado, mediante encargo ó arquitecto libremente designado polo autoconstructor, para efectos da tramitación prevista no artigo anterior.

Artigo 5º.-Reducción de honorarios.

A utilización dos proxectos incluídos no catálogo beneficiarase cunha reducción dun 30% do importe dos honorarios profesionais. A dita reducción aplicarase ó primeiro pagamento, que se efectuará no momento da retirada do proxecto básico e de execución, momento no que se aboará o 40% do total de honorarios, en lugar do 70% que correspondería segundo as tarifas do COAG. O resto dos honorarios correspondentes á intervención do arquitecto aboaranse segundo as tarifas, non gozando de reducción.

Artigo 6º.-Obrigas do promotor.

A utilización dos proxectos incluídos no catálogo implica, ademais do cumprimento da normativa xeral aplicable ó réxime de promoción que corresponda, o compromiso por parte do promotor de realiza-la obra de acordo co proxecto visado e aprobado, sen introducir modificacións tanto en aspectos formais como nos de dimensións.

Artigo 7º.-Control da execución e sancións.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, nos termos do convenio asinado para o efecto, poderá verificar tódalas inspeccións que se consideren precisas no transcurso da execución das obras.

2. Executadas as obras, o arquitecto-director destas expedirá a correspondente certificación de final de obra e de adecuación desta ó proxecto. A dita certificación deberá estar visada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Posteriormente o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará a correspondente visita de inspección.

3. A discordancia entre o proxecto e as obras executadas implicará a perda da bonificación de honorarios á que se refire o artigo 5º, polo que en tal suposto o promotor deberá facer efectiva a totalidade dos devengados. Iso sen prexuízo das consecuencias que se deriven respecto á obtención da cualificación definitiva e, por conseguinte, o dereito ó financiamento cualificado.

Disposicións adicionais

Primeira.-Poderán acollerse ós beneficios establecidos na presente orde en materia de reducción de honorarios profesionais os autoconstructores que

opten pola adopción dalgún dos modelos arquitectónicos incluídos no catálogo, con independencia de cal sexa o seu nivel de ingresos. Para a selección do proxecto tipo haberá que aterse ó establecido no artigo 4º desta disposición, que igualmente será aplicable no que atinxe ás obrigas derivadas da utilización destes proxectos, controis e réxime sancionador.

Segunda.-Facúltase o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo para dicta-las resolucións

que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

5382