Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 09 de agosto de 1996 Páx. 7.622

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 326/1996, do 26 de xullo, de regulamentación do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Ó amparo competencial do artigo 27.19º do Estatuto de autonomía para Galicia e mediante o Decreto 308/1989 creouse o Centro Galego de Arte Contemporánea co fin de fomenta-la cultura en Galicia mediante a exhibición, desfrute e coñecemento das tendencias e correntes de creación artística contemporánea.

A posta en funcionamento do centro requiriu dunha estructura orgánica e dunha regulamentación que se definiu no Decreto 286/1994, do 30 de setembro. Sen embargo, a evolución das tendencias na promoción da creación e na difusión para o desenvolvemento da cultura, así como a experiencia alcanzada nestes últimos anos de actividade, fan aconsellable acometer unha reestructuración orgánica que lle posibilite ó centro acadar con maior eficacia os fins para os que foi creado.

Así mesmo, a configuración do Centro Galego de Arte Contemporánea como unha institución de carácter permanente, aberta ó público, orientada á promoción e desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, fai conveniente a súa integración do mesmo na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural co fín de conseguir unha maior eficiencia na súa xestión.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social, co informe previo das consellería da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, de 22 de febreiro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza, réxime xurídico e sede.

1. O Centro Galego de Arte Contemporánea, institución integrada na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación

Social, configúrase como un centro de promoción da creación e difusión para o desenvolvemento da cultura no eido das distintas manifestacións artísticas.

2. Rexerase por este decreto e, supletoriamente, polas normas aplicables ós museos da Xunta de Galicia.

3. A súa sede queda establecida na cidade de Santiago de Compostela, no actual edificio do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Artigo 2º.-Obxectivos e funcións.

Correspóndenlle ó Centro Galego de Arte Contemporánea os seguintes obxectivos e funcións:

1. Promove-lo coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorece-la comunicación social das artes plásticas.

2. Garanti-la protección, conservación e restauración, e promove-lo enriquecemento e mellora dos bens mobles e inmobles de valor histórico que o integran.

3. Exhibir ordenadamente as coleccións en condicións axeitadas para a súa contemplación e estudio.

4. Desenvolver programas de exposicións temporais de arte contemporánea.

5. Fomenta-lo acceso ás coleccións de visitantes españois e estranxeiros, e facilita-lo seu estudio ós investigadores, sen prexuízo das restriccións que, por razóns da conservación dos bens custodiados, poidan establecerse.

6. Configurar un fondo bibliográfico e documental vinculable ó seu ámbito de acción.

7. Impulsa-lo coñecemento, difusión e comunicación das obras e identade cultural do patrimonio artístico do centro e desenvolve-las actividades didácticas respecto ós seus contidos.

8. Presta-los servicios de asesoramento, información, estudio ou dictame de carácter científico ou técnico que lle sexan requeridos polos órganos competentes da Administración autonómica, ou que se deriven dos contratos outorgados con entidades públicas ou privadas, ou con persoas físicas, nas condicións e requisitos que regulamentariamente se determinen.

9. Contribuír á formación e perfeccionamento do persoal especializado en arte contemporánea, museoloxía e museografía, tanto para atende-las propias necesidades e servicios do centro como para satisface-las demandas doutros sectores.

10. Desenvolve-los programas de investigación e elaborar e publicar catálogos e monografías.

11. Establece-las relacións de cooperación e colaboración con museos, universidades, centros de investigación ou institucións culturais nacionais ou

estranxeiras para favorece-lo intercambio de experiencias e coñecementos.

12. Desenvolver accións conxuntas coas entidades citadas no parágafo anterior que poidan contribuír á mellor realización dos seus respectivos fins e redundar nunha sólida implantación social do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Artigo 3º.-Colección.

A colección do centro, sen prexuízo da súa concreta situación, integrarase:

1. Polos fondos actuais da Xunta de Galicia.

2. Polos que no futuro adquira a propia Xunta de Galicia, a proposta do Centro Galego de Arte Contemporánea.

3. Polos procedentes de depósitos e doazóns que no seu favor se produzan.

4. A colección terá unha estructura dual na que a colección de arte galega permanecerá en diálogo constante cos fondos de arte nacional e internacional.

Artigo 4º.-Órganos rectores.

Son órganos rectores do Centro Galego de Arte Contemporánea:

1. O padroado.

2. A Dirección do centro.

3. A xerencia.

Artigo 5º.-O Padroado.

1. O Padroado é o órgano rector colexiado do Centro Galego de Arte Contemporánea.

2. O Padroado, constituído baixo a presidencia de honra do presidente da Xunta de Galicia, está integrado polos seguintes membros:

a) Vocais natos:

1. Secretario xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

2. Presidente do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais.

3. Director xeral de Promoción Cultural.

4. Director xeral de Patrimonio Cultural.

5. Director do Centro Galego de Arte Contemporánea.

6. Xerente do Centro Galego de Arte Contemporánea.

7. O presidente da Asociación de Amigos do Centro Galego de Arte Contemporánea.

b) Vocais por designación:

Un mínimo de oito e un máximo de catorce vocais designados e apartados polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social entre persoas de recoñecido prestixio ou competencia en asuntos relacionados coa cultura e as artes plásticas ou que se distin

guiran polos seus servicios ou axudas ó Centro Galego de Arte Contemporánea.

c) O cargo de membro do padroado non estará remunerado.

3. O padroado ten un presidente e un vicepresidente, correspondéndolle o seu nomeamento e cese ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social.

a) Correspóndelle ó presidente a representación do Padroado e a convocatoria e presidencia das súas reunións, agás cando asista o conselleiro de Cultura e Comunicación Social, e presidi-la Comisión Permanente do Padroado.

b) O presidente será substituído no exercicio das súas funcións polo vicepresidente e, na ausencia deste, polo membro do Padroado de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

c) Exercerá como secretario o xerente do Centro Galego de Arte Contemporánea.

4. O Padroado actúa en pleno e en comisión permanente.

a) Integran o pleno a totalidade dos vocais natos e designados.

b) A comisión permanente está composta polo presidente e vicepresidente do Padroado, o secretario xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social, o director xeral de Patrimonio Cultural, o director do centro, o xerente do centro, que actuará como secretario da citada comisión, e entre dous e catro vocais do Padroado, elixidos polo pleno.

c) As sesións do pleno e da comisión permanente son ordinarias e extraordinarias. As sesións ordinarias do pleno celebraranse, polo menos, cada tres meses e as da comisión permanente cada trinta días.

As sesións extraordinarias celebraranse, logo de convocatoria do presidente do Padroado, por propia iniciativa, ou por solicitude motivada da terceira parte dos seus vocais.

Artigo 6º.-Competencias do Padroado.

1. Correspóndelle ó pleno:

1. Defini-las directrices xerais de actuación do centro e promove-lo cumprimento das funcións que lle estean asignadas.

2. Elabora-lo plan de obxectivos e elevalo ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social para a súa aprobación e aprobar, en desenvolvemento ó anterior, o plan xeral de actuación así coma a memoria de actividades.

3. Aproba-las estimacións orzamentarias correspondentes ó Centro Galego de Arte Contemporánea, previamente elaboradas pola dirección e xerencia do centro, para os efectos do previsto no artigo 51 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

4. Aprobar, por proposta conxunta da dirección e da xerencia do centro, os proxectos de normas sobre o réxime de funcionamento interno do centro ou, se é o caso, elevalas a Consellería de Cultura e Comunicación Social para a súa aprobación, así como emitir informe sobre as disposicións de carácter xeral que propoñan dicta-los órganos competentes da Xunta de Galicia que afecten ó centro.

5. Fomentar e impulsa-la participación da sociedade no enriquecemento das coleccións do centro e o mantemento del.

6. Elevarlle ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social as propostas de adquisicións a título oneroso de obras de arte para o centro, nos termos establecidos pola Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

7. Solicitar da Consellería de Cultura e Comunicación Social a súa autorización para o outorgamento en depósito das obras de arte pertencentes ó centro por período superior a cinco anos e para aceptar depósitos de obras no centro polo mesmo período, nos termos establecidos pola Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

8. Aprobar, se é o caso, as modificacións na agrupación e ordenación das coleccións existentes no centro.

9. Autoriza-los tratamentos de carácter extraordinario ou de especial importancia para a conservación ou restauración das obras de arte do centro.

10. Solicita-la adscrición de bens inmobles para o centro e emitir informe, previamente á súa aprobación, sobre os proxectos de obras ou actuación sobre eles.

11. Aproba-lo programa anual de exposicións e as súas modificacións se as houbera.

12. Emitir informe sobre os requsitos esixibles na convocatoria para a cobertura dos postos de traballo de carácter científico e técnico do centro.

13. Designar individualmente a membros do pleno para o desempeño de actuacións ou cometidos especiais.

14. Requirir, a través da dirección e da xerencia do centro, a remisión de cantos datos, antecedentes, informes e estudios considere de utilidade para o cumprimento das funcións.

2. Correspóndelle á comisión permanente:

1. Estudiar, deliberar, e emitir informes sobre as propostas da dirección e xerencia do centro que deban someterse á aprobación do Pleno do Padroado.

2. Coidar do cumprimento, desenvolvemento e execución dos acordos adoptados polo Padroado.

3. Aprobar, por proposta da dirección do centro, as modificacións do programa anual de exposicións

e actividades, se as houbera, que non supoñan aumento orzamentario.

4. Propoñe-la contratación das obras, das subministracións, das asistencias e consultorías e dos servicios relativos ó centro.

5. Aproba-los programas de desenvolvemento e perfeccionamento profesional.

6. O control e seguimento do plan anual de exposicións así como do orzamento do centro.

7. Delegar no director ou no xerente do centro, conforme os seus respectivos ámbitos de competencias, a sinatura dos actos e resolucións que aquela realice no exercicio das súas facultades.

8. Asumir cantas outras funcións lle sexan encomendadas polo Pleno do Padroado.

9. Darlle conta ó Pleno do Padroado dos acordos adoptados no exercicio das súas facultades.

Artigo7º.-A dirección do centro.

A dirección do centro dependerá, organicamente, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e, funcionalmente, do Padroado do centro.

Á dirección, que se poderá prover por persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal, e sen prexuízo da súa renovación, do conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de novembro, correspóndenlle as seguintes funcións:

1. A dirección do centro e do seu persoal no ámbito das súas funcións.

2. A representación ordinaria do centro.

3. A dirección, coordinación e planificación da actividade dos departamentos e servicios ó seu cargo.

4. A proposta ó Padroado dos plans xerais de actuación do centro.

5. A proposta ó Padroado da memoria anual das actividades do centro.

6. Adopta-las medidas necesarias para que a protección dos fondos artísticos do centro quede garantida e aproba-los tratamentos para a conservación ou restauración de obras de arte.

7. Someter á aprobación do Padroado a ordenación das coleccións, propoñer adquisicións de obras de arte e dispoñer as que deban ser exhibidas con carácter permanente.

8. Elevarlle ó Padroado para a súa apbrobación o programa anual de exposicións do centro, así como a proposta de designación de comisarios que, baixo a súa supervisión, xestionen a súa realización e instalación e propoñan as obras que deban ser exhibidas.

9. Elevarlle ó Padroado para a súa aprobación o plan anual de publicacións do centro, así como o de adquisicións para a biblioteca.

10. Impulsa-los acordos de cooperación e colaboración con outros centros e institución afins, e a organización de actividades educativas e científicas tanto nacionais coma internacionais.

11. Presentarlle á comisión permanente do Padroado as necesidades do centro en relación á contratación administrativa.

12. Propoñerlle á Comisión Permanente os programas de desenvolvemento e perfeccionamento profesional.

13. Articular e impulsa-la elaboración de programas de investigación e preve-las medidas axeitadas para o aproveitamento e difusión dos resultados.

14. Asumir, de conformidade coa comisión permanente, cantas outras funcións non, estean expresamente encomendadas neste artigo á dirección do centro.

Artigo 8º.-O xerente do centro.

O xerente do centro dependerá, organicamente, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e, funcionalmente, do Padroado do centro.

Á xerencia, que se proverá por persoal funcionario con rango de xefe de servicio, correspóndenlle as seguintes funcions:

1. Impulsar, articular e coordina-la execución do orzamento e a xestión económico-administrativa e de persoal do centro, en aplicación da lexislación vixente e conforme ós plans xerais do centro e as instruccións e directrices emanadas da Comisión Permanente do Padroado.

2. Xestionar, supervisar e controla-la execución da contratación que afecte o centro, informando á Comisión Permanente do Padroado.

3. Informar dos plans xerais de actuación do centro que elabore o director con anterioridade ó seu sometemento ó Pleno do Padroado.

4. Asistir e asesora-lo Padroado e a dirección do centro en asuntos de carácter económico e financeiro e en materia de persoal, manténdoos permanentemente informados acerca da xestión económico-administrativa e de persoal do centro.

Artigo 9º.-Outros medios personais.

O centro contará co persoal necesario para o desempeño das funcións enumeradas no artigos precedentes, dentro das posibilidades orzamentarios vixentes en cada momento.

Disposición adicional

Única.-Modifícase o Decreto 256/1996, do 20 de xuño, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura e Comunicación Social, en todo o que resulte afectado polo presente decreto.

Disposicións finais

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Cultura e Comunicación Social para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento, execución e cumprimento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 286/1994, do 30 de setembro, polo que se regula o Centro Galego de Arte Contemporánea.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

9606060