Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Xoves, 31 de outubro de 1996 Páx. 9.735

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do transporte público de mercadorías por estrada.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do transporte público de mercadorías pro estrada, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-8-1996, subscrito en representación da parte económica polas asociacións de transportes discrecionais de mercadorías, transporte frigorífico e axencias de transporte, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO e UGT o 7-8-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de agosto de 1996.

Ramón Hermo Rey

Delegado provincial en funcións de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o transporte público de mercadorías por estrada da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas comprendidas no ámbito de aplicación da ordenanza laboral para as empresas de transportes por estrada nas actividades de: transporte regular e discrecional de mercadorías e axencias de transporte, que estean na provincia de Pontevedra e que, aínda estando fóra dela, teñan establecemento dentro desta no que respecta ó seu persoal.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de dous anos, contados desde o 1 de abril de 1996 ata o 31 de marzo de 1998. Entrará en vigor ós dez días da sinatura, aínda que os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano de vixencia do convenio se retrotraerán ó 1 de abril de 1996.

Entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes, con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. A dita denuncia deberá facerse por escrito, dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica coma manual, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Compensación de melloras.

As condicións pactadas son compatibles na súa totalidade coas que xa viñesen rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentariamente poidan establecerse no futuro, serán absorbibles polos aumentos acordados no presente convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 6º.-Situacións persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito establecidas por costume xeral ou do lugar, implantadas polas empresas que significasen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, terá que rexerse para o primeiro ano de vixencia,

1 de abril de 1996 ó 31 de marzo de 1997, pola táboa salarial anexa.

Para o segundo ano de vixencia, 1 de abril de 1997 ó 31 de marzo de 1998, a dita táboa incrementarase nunha porcentaxe igual ó IPC previsto polo Goberno para o ano 1997 máis un punto, agás para o persoal de taller, para o que se incrementará a dita táboa salarial no IPC previsto polo Goberno para 1997 máis un punto e medio.

Artigo 8º.-Conductor de guindastre.

O conductor de vehículos con guindastre que realice ó propio tempo funcións de operador de guindastre, terá dereito a un complemento salarial consistente no importe de 3.000 ptas. mensuais, agás aqueles conductores operadores de guindastre que veñan percibindo cantidades superiores á establecida nesta cláusula.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios, e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais, que se desfrutarán nun ou dous períodos.

En caso de fraccionamento, un dos períodos nunca será inferior a catorce días, e os traballadores terán dereito a desfrutar un día máis nun deles.

Un deles desfrutarase preferentemente nos meses de verán.

As datas de desfrute acordaranse entre empresario e traballadores, e non poderán iniciarse nin en domingo nin en festivo.

Artigo 11º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período abranguido entre as dez da noite e as seis da mañá, terán unha retribución específica incrementada nun 25% sobre o salario base.

Exclúense do cobro do expresado complemento os traballadores que, coa categoría de serenos, gardas e vixilantes así como a de lavacoches e mecánico de taller (co límite nos dous últimos casos de un cada dez vehículos por empresa) fosen contratados especificamente para traballar no período nocturno.

Tamén se exclúen do cobro deste complemento os demais traballadores que realicen traballos nocturnos cos que pactasen condicións salariais máis favorables e/ou de reducción de xornada laboral, na proporción antes indicada.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio, terá dereito á percepción dunha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axudas de custo.

No caso de que non se traslade en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe do billete en segunda clase, con dereito a liteira se a viaxe fose nocturna.

O importe das axudas de custo para o primeiro ano de vixencia de convenio será o que a seguir se reflicte:

1º. Galicia: 4.168 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 1.136 pesetas a comida, 1.136 pesetas a cea e 1.896 pesetas a noite.

2º. Territorio nacional e Portugal: 4.997 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 1.363 pesetas a comida, 1.363 pesetas a cea, e 2.271 pesetas a noite.

3º. Restantes países europeos: 9.165 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 2.498 pesetas a comida, 2.498 pesetas a cea e 4.169 pesetas a noite.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e a comida do traballador en substitución de axudas de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas no presente artigo sufrirán unha reducción do 33%, sen prexuízo da facultade do precedente parágrafo que recoñece a empresa.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das doce horas e regresen despois das cero horas.

Percibirase a parte da axuda de custo correspondente á comida do mediodía sempre que o traballador saia da súa residencia antes das doce horas e regrese despois das catorce horas.

Cobraranse axudas de custo para a cea cando a saída se efectúe antes das vinte horas e a chegada despois das vintedúas horas.

A de pasa-la noite correspóndelle ós que cheguen á residencia despois das cero horas.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores.

A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas de traballo efectivo.

Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase bimestralmente en termos de media.

Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, e respectarase, en todo caso, o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1995, do 8 de novembro, e demais disposicións específicas para o sector de transportes.

Artigo 14º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos se, por excepcional necesidade da empresa, o traballador non puidese desfrutar do seu descanso neses días, farao dentro da semana seguinte, sinalándose o día con anterioridade ou cobrarao co incremento establecido na lexislación vixente.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para os efectos do previsto no Real decreto 92/1983 e a Orde do 1 de marzo de 1983 do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e apremantes

que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propia natureza da actividade de transportes.

Artigo 16º.-Cadernos de control.

Todo o persoal, traballe ou non horas extraordinarias, será provisto dunha libreta individual ou de ficha de control, na cal se irán anotando aquelas, así como as sucesivas liquidacións que se fagan.

Artigo 17º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 18º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para iso, o persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento cunha antelación mínima de 15 días, agás para o persoal non cualificado para o cal o aviso será de oito días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato, deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorresen os prazos sinalados, será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de aviso, lle correspondese o cesamento.

Artigo 19º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo

público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 20º.-Uniformes.

Cumprirán a empresa e o traballador canto se refire á uniformidade, consonte o que se determine na vixente ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

As empresas que dispoñan de taller facilitaranlle ó seu persoal calzado axeitado, tendo en conta para iso o traballo específico que o dito persoal efectúe no taller.

Artigo 22º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente pola súa conta, un seguro colectivo a favor dos seus traballadores de 2.600.000 pesetas por cada un, de xeito que en caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a cantidade citada sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento desta.

Artigo 23º.-Accidente de traballo e enfermidade.

Durante a situación de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo, as empresas completarán ata o importe íntegro o salario do convenio e por un máximo de tres meses, contados desde a data da baixa, a prestación económica aboada pola Seguridade Social.

Se, ocorrido o accidente de traballo, se hospitalizase o traballador, as empresas deberán completar, durante a hospitalización e por un máximo de seis meses, incluído o período de tres meses citado no parágrafo anterior, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Por outra parte nas situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de efermidade común que motive hospitalización, as empresas completarán durante a hospitalización e ata un máximo de seis meses, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 24º.-Retirada do carné de conducir.

En caso de que por resolución administrativa se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a seis meses, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprométese a facilitarlle ó conductor afectado o posto de traballo máis idóneo, de acordo coa súa categoría profesional.

Se a retirada do carné de conducir é por resolución xudicial firme, o período non será superior a 90 días.

Artigo 25º.-Pagamento de multas.

As multas por infraccións de tráfico imputables a culpa ou imprudencia do traballador, serán aboadas

por este. En caso de que a infracción non se deba a culpa ou imprudencia do traballador, as multas serán aboadas pola empresa.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral, para entender en cantas cuestións se deriven da aplicación deste, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais signatarias do convenio, a razón dun membro por cada central sindical.

A citada comisión elixirá o presidente desta, que non poderá ser membro do citado órgano.

Artigo 27º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade.

Artigo 28º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ó disposto na ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada e demais disposicións legais vixentes, así como regulamentos da CEE e convenio número 153 da OIT, mentres sexan de aplicación en España.

Disposicións adicionais

Primeira.- Recoñecemento médico.

Dadas as características da actividade de transportes por estrada, recoméndaselles ás empresas que, voluntariamente e logo de acordo cos traballadores, leven a cabo anualmente recoñecementos médicos a través dos servicios correspondentes das mutuas patronais de accidentes de traballo, ou na forma que consideren máis idónea.

Segunda.-Atrasos salariais.

As diferencias salariais debidas polas empresas como consecuencia da entrada en vigor deste convenio con posterioridade ós seus efectos económicos do 1 de abril, serán aboadas no prazo máximo de 60 días, contados desde a súa entrada en vigor.

Terceira.-Partes asinantes.

As partes que asinan o presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores, as centrais sindicais UGT e CC.OO.

En representación dos empresarios, as asociacións de transportes discrecionais de mercadorías, transporte frigorífico, e axencias de transporte.

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-1996 ó 31-3-1997)

Pesetas

Grupo I. Persoal superior e técnicos:

-Subgrupo A)
I. Xefe de servicio134.949 mes
II. Inspector principal118.079 mes

-Subgrupo B)
I. Enxeñeiros e licenciados123.881 mes
II. Enxeñeiros técnicos e aux. titulados94.887 mes
III. Axudantes técnicos sanitarios86.457 mes

Grupo III. Persoal administrativo:
I. Xefe de sección98.400 mes
II. Xefe de negociado91.373 mes
III. Oficial de primeira85.129 mes
IV. Oficial de segunda78.029 mes

Pesetas

V. Auxiliar administrativo74.012 mes
VI. Aspirantes de 16 e 17 anosSalario mínimo

segundo a súa

idade

Sección 2ª. Persoal de axencias de transporte
I. Encargado xeral101.920 mes
II. Encargado de almacén97.228 mes
III. Capataz92.545 mes
IV. Auxiliar de almacén e basculeiro78.209 mes
V. Mozo especializado2.716 día
VI. Mozo carga, descarga e reparto2.631 día

Subgrupo B) Transporte de marcadorías:
I. Xefe de tráfico de primeira101.920 mes
II. Xefe de tráfico de segunda97.228 mes
III. Xefe de tráfico de terceira92.545 mes
IV. Conductor-mecánico2.978 día
V. Conductor2.876 día
VI. Conductor de motos e furgonetas2.801 día
VII. Axudante2.726 día
VIII. Mozo especializado2.716 día
IX. Mozo de carga, descarga e reparto2.631 día

Grupo H) Transporte de mobles, mudanzas

e gardamobles

I. Xefe de tráfico101.920 mes
II. Inspector-visitador97.228 mes
III. Encargado almacén e gardamobles92.545 mes
IV. Capataz92.545 mes
V. Capitonista2.776 día
VI. Mozo especializado2.776 día
VII. Mozo2.631 día
VIII. Carpinteiro2.978 día
IX. Conductor-mecánico2.978 día
X. Conductor2.876 día
XI. Conductor furgonetas ou motocicletas2.801 día

Grupo IV. Persoal de talleres:
I. Xefe de taller106.483 mes
II. Encargado ou contramestre91.194 mes
III. Encargado xeral89.088 mes
IV. Encargado de almacén85.653 mes
V. Xefe de equipo3.047 día
VI. Oficial de primeira2.928 día
VII. Oficial de segunda2.801 día
VIII. Oficial de terceira2.693 día
IX. Mozo de taller2.403 día
X. Traballadores en formaciónSalario mínimo

segundo a súa

idade

Grupo V. Persoal subalterno:
I. Cobrador de facturas74.012 mes
II. Telefonista74.012 mes
III. Porteiro74.012 mes
IV. Vixilante74.012 mes
V. Limpadora (por horas)294
VI. Mozo de recados de 16 e 17 anosSalario mínimo

segundo a súa

idade

7786