Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 20 de novembro de 1996 Páx. 10.431

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de novembro de 1996 pola que se regula a autorización sanitaria dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, de 6 de abril) atribúe á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de sanidade interior.

Por Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, traspasábase á Comunidade Autónoma a competencia para o outorgamento da autorización oportuna para a creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión de centros, servicios e establecementos sanitarios, competencia que foi asignada á Consellería de Sanidade e Seguridade Social polo Decreto 28/1980, do 15 de outubro e desenvolvida polo

Decreto 99/1984, da Consellería de Sanidade e Consumo, de 7 de xuño, que inclúe, no seu artigo 2.c, os balnearios.

A Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 402/1996, do 31 de outubro que a desenvolve, considera os balnearios como establecementos sanitarios e, como tales, suxeitos ó disposto na lexislación sanitaria, correspondendo á consellería competente en materia de sanidade o establecemento dos «requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas de apertura de balnearios, así como o procedemento para outorga-la autorización sanitaria previa en canto á súa creación, modificación ou peche».

En consecuencia, cumprido o trámite de información pública previsto no artigo 130 da Lei de procedemento administrativo do 17 de xullo de 1958, e oído o Consello Consultivo de Galicia, co obxecto de garantir un emprego correcto das augas mineromedicinais e termais para usos terapéuticos que facilite a promoción e protección da saúde individual e colectiva da poboación galega.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán a consideración de establecementos balnearios aqueles que, estando dotados dos medios adecuados, utilizan as augas mineromedicinais ou termais declaradas de utilidade pública, con fins terapéuticos e preventivos para a saúde.

Artigo 2º

1. Os establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia están abrigados a reuni-los requisitos e condicións técnico-sanitarias mínimas que se determinan no anexo I da presente orde, e non poden posuír tal denominación no caso contrario.

Tódalas actividades sanitarias que se realicen nos balnearios efectuaranse baixo a coordinación e supervisión dun director médico.

2. A súa instalación e posta en funcionamento esixirá autorización administrativa previa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen prexuízo doutras que procedan.

Artigo 3º

A solicitude de autorización sanitaria previa para a instalación dun establecemento balneario, ou para as modificacións que respecto da súa estructura e réxime inicial poidan establecerse, será presentada no portelo único establecido para o efecto e adscrito á Consellería de Industria e Comercio, subscrita pola persoa física ou xurídica en favor da cal se outorgara a concesión ou autorización de aproveitamento das augas, ou ben por quen posúa o dereito ó seu aproveitamento. A dita solicitude axustarase ó modelo que se indica no anexo II da presente orde.

Artigo 4º

A solicitude de autorización sanitaria previa para a instalación do balneario deberá acompañarse da

seguinte documentación, debidamente cotexada se é o caso:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI) e, se é o caso, da súa representación con poder suficiente.

b) Escritura de constitución ou modificación, se procede, da sociedade, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

c) Documento que acredite posuí-los dereitos que comporta a concesión ou autorización do aproveitamento das augas mineromedicinais ou termais para usos terapéuticos e a designación do perímetro de protección con plano de situación.

d) Programa funcional e memoria descritiva que expoña as actividades sanitarias que vai levar a cabo.

e) Planos de conxunto e detalle que permitan a perfecta localización, identificación e descrición das dependencias sanitarias coas que contará o establecemento, situación das instalacións e certificación asinada por técnico cualificado onde se xustifique expresamente que se cumpren os requisitos e condicións estructurais que se recollen no anexo I desta orde.

f) Prazo previsto para levar a cabo a instalación.

g) Plano de equipamento e material con que contará o establecemento para o desenvolvemento das súas funcións sanitarias.

h) Previsión do cadro de persoal que prestará servicios sanitarios no establecemento, desagregada por grupos profesionais e dedicacións.

i) Xustificante de ter aboada a taxa correspondente.

Artigo 5º

No suposto de modificación substancial das instalacións sanitarias dun balneario xa autorizado esixirase o proxecto da modificación, no que consten os cambios estructurais ou funcionais que se pretendan levar a cabo en relación á situación existente, e xustificación de ter aboada a taxa correspondente.

Artigo 6º

1. O servicio técnico correspondente da Delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais examinará a solicitude e a documentación presentada, requirindo o interesado, se esta non reunise os requisitos esixidos, para que no prazo de 10 días repare a falta ou presente os documentos preceptivos.

2. Á vista do expediente, ó que se incorporará o informe vinculante da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que fai referencia o artigo 14.1º do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento das augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e tras obter aqueles informes que se consideren pertinentes, o delegado provincial elevará proposta de resolución ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que concederá ou denegará a autorización solicitada.

Artigo 7º

1. Rematada a instalación e o seu equipamento e, antes de inicia-la actividade, o interesado comunicarallo ó devandito portelo único, segundo modelo que se indica no anexo III, xuntando a seguinte documentación:

a) Cadro de persoal que prestará servicios sanitarios, desagregado por grupos profesionais e dedicacións.

b) Memoria descritiva e xustificativa de que o establecemento reúne os requisitos e condicións de carácter funcional sinalados no anexo I desta orde e referida como mínimo ós seguintes aspectos:

-Horario de prestación de asistencia sanitaria na que se contará coa presencia física don facultativo médico.

-Modelo de informe resumo do episodio asistencial.

-Potabilidade da auga corrente.

-Posto de control de presencia permanente.

c) Identificación do director médico con certificación acreditativa da súa titulación.

d) No caso de que o funcionamento do balneario sexa por tempadas, estas especificaranse.

e) Xustificante de ter aboada a taxa correspondente.

2. Unha vez que se procedera á comprobación do cumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta orde así como das condicións orixinais que serviron de base para o outorgamento da autorización sanitaria previa, o delegado provincial elevará proposta de resolución ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, quen concederá ou denegará a autorización de apertura e posta en funcionamento.

3. A autorización de apertura e posta en funcionamento comporta a inclusión do establecemento balneario no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 8º

1. As autorizacións sanitarias previas serán revogadas se no período de execución da instalación se incumprisen ou alterasen as condicións orixinarias que serviron de base para o seu outorgamento, e caducarán se, transcorrido un ano desde a data da súa concesión, non se iniciase a instalación ou modificación do establecemento balneario ou, iniciándose, lévase máis de seis meses consecutivos interrompida. Igual criterio se seguirá respecto á autorización de apertura e posta en funcionamento se no prazo de seis meses, computados desde a notificación da citada autorización, non se iniciase a actividade sanitaria, ou iniciándose, transcorra un ano sen actividade ningunha.

2. A extinción dun aproveitamento das augas destinadas a usos terapéuticos levará implícita a retirada da autorización de funcionamento como balneario

e a baixa no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 9

Coa periodicidade que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais estime pertinente, e en todo caso polo menos unha vez ó ano, a delegación provincial realizará unha inspección dos establecementos balnearios co obxecto de velar polo cumprimento do disposto na presente orde.

Artigo 10º

1. O peche dos establecementos balnearios deberá ser comunicado previamente ó portelo único achegando o calendario previsto para levar a cabo o proceso.

Igualmente se comunicará o cambio de titularidade do establecemento e do nomeamento do director médico, no prazo máximo dun mes, xuntando os documentos acreditativos ó respecto.

2. A delegación provincial dará conta á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no prazo máximo de quince días, das comunicacións de peche e dos cambios efectuados na titularidade dos establecementos ou no nomeamento do director médico, para efectos do seu coñecemento e inclusión ou baixa no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios, se procede.

Artigo 11º

1. O incumprimento das prescricións contidas nesta orde quedará sometido ó réxime de sancións que establece a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

2. Como consecuencia das actuacións de inspección e control, o delegado provincial correspondente poderá propor ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, nos casos de risco grave e inminente para a saúde pública, a clausura temporal ou definitiva dos establecementos balnearios ou actividades, sen prexuízo de que proceda a suspensión provisional con carácter de urxencia ou por incumprimento dos requisitos esixidos para o seu funcionamento, dando conta inmediata a el.

Artigo 12º

Contra as resolucións que conforme a presente orde dicte o secretario xeral poderase interpor recurso ordinario ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais na forma e prazas establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

Primeira.

1. As instalacións que viñesen funcionando como establecementos balnearios con anterioridade á presente orde disporán dun prazo de 18 meses, a contar desde a súa entrada en vigor, para adaptarse ó disposto nesta norma e solicita-la súa autorización.

Non obstante, a preferencia de médico especialista en hidroloxía que se establece no anexo I.1 desta orde, non se esixirá ós balnearios que conten á súa

entrada en vigor, cun licenciado en medicina e cirurxía, mentres non contraten novo director médico.

Transcorrido o prazo de adaptación, a autoridade sanitaria poderá adopta-las medidas que establece o capítulo V do título I da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e iniciar, se é o caso, un expediente sancionador.

2. Para tal efecto, a persoa ou persoas, físicas ou xurídicas, a favor dos que se outorgara a concesión ou autorización de aproveitamento das augas mineromedicinais ou termais para usos terapéuticos, ou ben posúan os dereitos que outorga a dita concesión ou autorización, formulará a correspondente solicitude que se axustará ó modelo que se indica no anexo III da presente orde xuntando á documentación que se especifica nos puntos a), b), c), d), e) e g) do artigo 4º e a), b), c), d) e e) do artigo 7º.

3. Estes establecementos quedan exceptuados da autorización administrativa previa de instalación, obténdose a autorización de apertura e posta en funcionamento unha vez que se proceda á comprobación, pola correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, do cumprimento das condicións e requisitos establecidos para ela.

Segunda.

Cando existan causas razoables que impidan a adaptación a esta orde no prazo recollido na disposición anterior, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais podará autoriza-la súa ampliación seis meses máis, logo de solicitude e presentación da documentación oportuna que o xustifique.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

REQUISITOS E CONDIC1ÓNS TÉCNICO SANITARIAS DOS ESTABLECEMENTOS BALNEARIOS

1. Persoal.

a) Un director médico, preferentemente especialista en hidroloxía, o cal será o responsable da vixilancia e control das actividades sanitarias que se leven a cabo nos balnearios e de que os tratamentos sanitarios teñan a correspondente prescrición facultativa.

A empresa deberá cumprir esta preferencia cando poida contar coa dispoñibilidade laboral dun médico que teña esta especialidade.

b) Un facultativo médico, que poderá se-lo director médico, con presencia física durante o tempo necesario para cubri-la demanda sanitario-asistencial do establecemento.

c) Persoal técnico e auxiliar en número suficiente que posibilite o desenvolvemento das prescricións terapéuticas.

2. Documentación clínica.

A todo usuario que reciba atención sanitaria no balneario ó finaliza-lo tratamento debéselle entregar por escrito un informe resumo do episodio asistencial, no que se fará consta-lo resultado das exploracións realizadas, o diagnóstico e o tratamento así como as recomendacións que se leven a cabo.

Unha copia do dito informe conservarase arquivada durante un período mínimo de 5 anos.

3. Equipamento sanitario.

a) Unha sala de consulta médica que como mínimo debe ter unha superficie adecuada para iso, unha mesa, tres cadeiras, unhas angarellas, un biombo ou cortina de separación, un lavabo, unha lámpada de exploración e un negatoscopio.

b) Medios complementarios necesarios que faciliten o diagnóstico e o tratamento.

c) Caixa de urxencias cos medios precisos para atende-los casos que con este carácter se presenten, custodia da que será responsable o director médico.

4. Instalacións.

a) O manancial, a captación da auga e o seu perímetro de protección comprendido na zona de restricción máxima manterase coas medidas preventivas adecuadas para evitar posibles contaminacións, sen prexuízo das limitacións que se establecen no artigo 12 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o regulamento das augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As augas conduciranse mediante tubos pechados que deberán discorrer de forma que se evite a súa posible contaminación ou alteración.

c) Disporase en todo momento da auga corrente potable a presión fría e quente, en cantidade suficiente para a atención dos servicios do establecemento.

5. Locais destinados á aplicación de tratamentos.

a) Estarán debidamente separados e diferenciados de calquera outro alleo ó seu contido específico.

b) Deberán ser idóneos para o uso a que se destinen e libres de barreiras arquitectónicas, tanto nos accesos como no seu interior.

c) Na súa construcción ou reparación empregaranse materiais idóneos e, en ningún caso, susceptibles de orixinar intoxicacións ou contaminacións.

d) Os pavimentos serán impermeables, esvarantes, lavables e ignífugos, dotados dos sistemas de desau

gamento precisos con peche hidráulico e protexidos con reixas ou placas metálicas perforadas.

e) As paredes e teitos construiranse con materiais que permitan a súa conservación en adecuadas condicións hixénicas.

f) A ventilación e iluminación, natural ou artificial, será a regulamentaria e, en todo caso, apropiada á capacidade e volume do local segundo a finalidade a que se destine.

g) Deberase manter en bo estado de hixiene e pulcritude, o que haberá de levarse a cabo polos métodos máis apropiados de desinfección e limpeza.

h) As varandas e asideiros serán obrigadas nas zonas de tratamento, onde haberá timbres de socorro ou alarmas de fácil acceso para os usuarios e conectados a un posto de control de presencia permanente.

6. Controis.

-Anualmente, e dentro do primeiro trimestre do ano natural, o establecemento balneario autorizado remitirá á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais un informe do director médico no que se fará consta-la permanencia das características microbiolóxicas e físico-químicas das diferentes augas utilizadas con fins medicinais e que orixinaron o seu recoñecemento como augas mineromedicinais ou termais para usos terapéuticos. Ó citado informe xuntaráselle copia das análises correspondentes, que serán realizadas por un laboratorio autorizado ou acreditado, se é o caso.

-Para os efectos de materializa-los controis microbiolóxicos mencionados, as augas destinadas á inxesta deberán cumpri-las características xerais recollidas nos apartados 1.1, 1.2.1., 1.2.2.1., 1.2.2.3., 1.2.2.4., 1.2.3.1. e 1.2.4. do anexo I do Real decreto 1164/1991, do 22 de xullo, polo que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria para a elaboración, circulación e comercio de augas de bebida envasada. Así mesmo, serán de aplicación os correspondentes métodos oficiais de análise e toma de mostra establecidos no artigo 14 do real decreto citado.

-Polo que respecta ás augas destinadas a duchas e baños medicinais ou a baños colectivos e piscinas de uso terapéutico, estarán exentas de microorganismos indicadores de contaminación fecal (Escherichia coli e estreptococos fecais) así como de microorganismos e parásitos patóxenos. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá fixar outros parámetros que estime oportunos.

Para tal fin e durante o período de funcionamento do balneario a empresa realizará dous controis da calidade das augas mencionadas no parágrafo anterior nos que se determinarán os parámetros indicados máis arriba; estes resultados remitiranse á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Os establecementos balnearios que utilicen as augas mineromedicinais ou termais para usos terapéuticos para baños colectivos deberán garanti-la renovación da totalidade da auga no tempo adecuado.