Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Xoves, 16 de xaneiro de 1997 Páx. 462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de decembro de 1996 pola que se convocan axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa Acción B do Programa Lingua (capítulo 3 do Programa Sócrates).

O Programa Sócrates foi adoptado o 14 de marzo de 1995 polo Consello de Ministros da Unión Europea como un programa de acción para a cooperación entre os estados no campo da educación.

No marco deste programa, e no seu capítulo 3, encóntrase o Programa Lingua, que ten como principais obxectivos promove-lo coñecemento das linguas dos diversos estados membros e contribuír á mellora cualitativa do ensino e aprendizaxe de linguas da Unión Europea.

Das cinco accións que comprende o Programa Lingua, a Acción B (anteriormente Acción Ia) recolle medidas destinadas a promove-la formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras.

Para a xestión e concesión de axudas e subvencións públicas financiadas en todo ou en parte con fondos da Unión Europea, esta convocatoria está regulada polos artigos 81 e 82 da Lei xeral presupuestaria, na súa nova redacción, dada pola Lei 31/1990, do 27 de decembro e o Real decreto 2225/1993, do 17 de decembro (BOE do 30). Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

1. Convócanse bolsas (denominadas de formación continua), de acordo coa Acción B do Programa Lingua, destinadas a mestres, profesores de secundaria e formadores de linguas estranxeiras, co fin de dárlle-la oportunidade de participar en actividades de formación continua noutros estados membros da Unión Europea durante o verán de 1997.

2. Para o desenvolvemento da citada acción B, destinaranse nesta Comunidade Autónoma fondos procedentes do Programa Sócrates

3. A actividade de formación terá como finalidade principal o perfeccionamento da actividade docente e formativa do solicitante.

4. Terán prioridade:

a) Os solicitantes dos que a súa actividade de formación cumpra unha das seguintes condicións:

-Contribúa á diversificación da oferta de linguas estranxeiras, así como ó ensino das linguas menos utilizadas e ensinadas do Programa Lingua. Para estes efectos consideraranse como tales tódalas linguas citadas no punto 6 deste apartado primeiro, excluíndo o inglés e o francés.

-Estea directamente relacionada co uso de novas tecnoloxías ou da educación a distancia.

-Vaia dirixida ó ensino de persoas desfavorecidas e que teñan necesidade dun apoio especial para a aprendizaxe das linguas estranxeiras.

b) Os solicitantes que participaran anteriormente nun Proxecto Educativo Europeo (Comenius 1) ou nun Proxecto Educativo Conxunto ( Lingua E).

c) Profesorado que estea impartindo docencia en ensinanza secundaria obrigatoria, modalidades de Bacharelato, LOXSE ou ciclos formativos.

d) O profesorado que non teña desfrutado dunha axuda do programa Lingua anteriormente.

5. As axudas, de ata un máximo de 1.500 ecus por beneficiario, asignaranse para contribuír ós gastos de ensino, viaxe e estadía ocasionados pola asistencia á actividade de formación. A contía das axudas será fixada individualmente, tendo en conta a actividade de formación, a duración, os gastos de inscrición e ensino, así como o seu lugar de celebración.

6.-As linguas que abrangue o programa para efectos de solicitude destas axudas son: alemán, danés, finlandés, francés, grego moderno, islandés, neerlandés, inglés, irlandés (gaélico), italiano, luxemburgués, noruego, portugués e sueco, ensinadas como linguas estranxeiras.

Requisitos:

Segundo.

1.-Poderán solicitar estas axudas:

1.1.-Os mestres, profesores de secundaria e de escolas oficiais de idiomas de centros docentes públicos

ou privados de acordo coa normativa vixente que teñan como actividade regular o ensino dunha ou máis linguas do Programa Lingua citadas no apartado primeiro 6. Enténdese por actividade regular o ensino de linguas estranxeiras cun mínimo de tres horas por semana. Este profesorado deberá ter, como mínimo, tres anos de experiencia docente en linguas estranxeiras.

1.2.-Os mestres, profesores de secundaria e profesores de escolas oficiais de idiomas que, estando en situación de excedencia, vaian incorporarse ó seu posto de traballo no curso 1997/1998 como profesores de linguas estranxeiras. Esta circunstancia deberá ser acreditada convenientemente.

1.3.-Os mestres e profesores de secundaria que estean impartindo un nivel, área ou asignatura na lingua estranxeira para a que solicita a actividade de formación, sempre que esta non sexa a súa lingua materna.

1.4.-Os inspectores técnicos de educación que teñan relación co ensino de linguas estranxeiras e os asesores técnico-pedagóxicos de linguas estranxeiras nos centros de formación continuada do profesorado.

2.-Os solicitantes deberán cumprir obrigatoriamente as seguintes condicións:

a) Non ter desfrutado dunha axuda da Acción Lingua B (antigua Acción I lingua I) nas dúas convocatorias anteriores.

b) Non ter desfrutado dun reintegro individual de gastos para asistencia a actividades de formación do profesorado durante o ano 1996 nin desfrutalo durante 1997.

3.-A actividade de formación deberá ter unha duración igual ou superior a dúas semanas e corenta horas lectivas.

4.-Dado que a participación nas axudas para a formación continua de profesores y formadores, de acordo coa Acción B do programa Lingua non dá lugar á substitución destes, a actividade deberá realizarse nos meses de período vacacional (xullo e agosto).

Terceiro.-Solicitudes.

1.-Os solicitantes que reúnan as ditas condicións formularán a súa solicitude por medio de instancia, segundo modelo que figura no anexo I desta orde, á que se xuntará a documentación que figura a continuación:

1.1.-Relación numerada, datada e asinada, da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no baremo establecido no anexo II desta orde.

1.2.-Para o profesorado destinado en centros docentes públicos:

a) Certificación de servicios específica para a Acción B do Programa Lingua, certificada polo secretario do centro co Vº e Pr. da dirección segundo o modelo que figura no anexo III.

b) Certificado expedido pola dirección do centro de destino no que se faga consta-lo idioma que impartíu o solicitante durante os dous últimos cursos (1994/1995 e 1995/1996), ou, no seu defecto, dos dous cursos nos que impartise o idioma, así como o idioma que imparte durante o curso 1996/1997,

especificando niveis e número de horas impartidas á semana. No caso de que durante os cursos anteriores os centros de destino fosen distintos ó actual, son necesarios os respectivos certificados da dirección dos ditos centros, facendo consta- lo especificado neste apartado.

1.3.-Para o profesorado de centros docentes privados, certificado dos servicios prestados, expedido pola dirección do actual centro de traballo e co visado da inspección técnica correspondente, no que se faga constar nivel educativo, área impartida e número de horas á semana. En caso de que en anos anteriores o concursante prestara servicios en centros distintos ó actual, deberá xunta-los certificados respectivos que acrediten o anteriormente expresado.

2.-Non serán tidos en conta nin, por conseguinte, valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se xustifiquen fóra do prazo ó que se refire o apartado quinto da presente convocatoria.

Cuarto.-Presentación de solicitudes.

1.-As solicitudes do profesorado destinado no ámbito territorial desta Comunidade Autónoma dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, San Lázaro, número 107, 15771 Santiago de Compostela, presentándose a través do rexistro xeral.

2.-Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que os solicitantes optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

Quinto.-Prazo de presentación.

As solicitudes individuais e documentos a que se fai referencia no apartado terceiro.1. desta orde deberán ser presentados ata o día 15 de febreiro de 1997, inclusive.

Sexto.-Selección.

1.-A selección do profesorado realizarase, logo da valoración dos méritos dos aspirantes de acordo cos criterios que figuran nos apartados primeiro, segundo e terceiro e o baremo que figura no anexo II desta convocatoria, por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, ou persoa na que delegue.

Vocais: un inspector; a xefa do Servicio de Formación do Profesorado; o xefe de Servicio de Ensinanzas Profesionais.

Secretario: unha persoa destinada na Subdirección Xeral.

2.-A comisión seleccionadora poderá dispoñe-la constitución de subcomisións técnicas especializadas só para o efecto de colaborar na valoración dos méritos dos candidatos.

Sétimo.-Resolución da convocatoria.

1. Dentro dos tres meses seguintes ó da finalización do prazo de recepción de solicitudes, a Consellería

de Educación e Ordenación Universitaria publicará na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, unha relación provisional, na que se fará constar:

a) Relación de solicitudes seleccionadas, puntuacións obtidas, e cantidades en ecus asignada a cada unha delas.

b) Relación de solicitudes suplentes por orde de puntuación e puntuacións obtidas en cada caso.

c) Relación de solicitudes excluídas, con especificación da causa.

2.-Os candidatos poderán presentar reclamacións ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional durante o prazo de dez días hábiles, contados a partir da data na que se fixeron públicas as indicadas relacións.

3.-Transcorrido o dito prazo, e unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva de concesión de axudas, realizada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional; na que se incluirá unha relación alfabética dos beneficiarios, expresando a contía da axuda concedida en cada caso, así como unha relación nominativa das solicitudes suplentes por orde de puntuación e solicitudes excluídas con especificación da causa.

Oitavo.-Aceptacións e renuncias.

1.-Nos vinte días naturais seguintes ó da publicación da relación provisional da que se fai mención no apartado sétimo.1 desta orde, as persoas seleccionadas deberán remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a súa aceptación ou renuncia, facendo constar calquera cambio, se o houbese, nos datos do participante ou na actividade solicitada.

2.-No caso de que non se reciba notificación por parte do interesado no prazo sinalado, entenderase que renuncia á axuda.

Noveno.-Retirada de documentos.

Unha vez publicadas as resolucións definitivas correspondentes e finalizados os prazos para a interposición de recursos, os documentos presentados polos concursantes poderán retirarse da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ata o día 30 de outubro de 1997, directamente polos interesados ou por persoa autorizada. Tamén poderán solicitar a súa devolución por correo, remitindo previamente á dita dirección xeral selos polo valor do custo da franquía. Transcorrido este prazo, perderase todo dereito sobre ela.

Décimo.-Xustificación e percepción da axuda.

1.-A Axencia Sócrates enviará a cada un dos seleccionados o modelo de contrato elaborado pola Comisión Europea. Unha vez recibidos os fondos da Comisión Europea, a Agencia Sócrates iniciará a trami

tación para efectua-lo libramento ós interesados das cantidades correspondentes.

2.-Non obstante e segundo a normativa vixente, os beneficiarios deste tipo de axudas quedan obrigados a remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a seguinte documentación, dentro dos vinte días naturais seguintes á finalización da actividade:

a) Informe crítico sobre a actividade realizada, segundo cuestionario que se publicará na resolución definitiva mencionada.

b) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia ó curso no que se especifiquen as datas de realización e o número de horas lectivas.

c) Fotocopia do programa da actividade para a que se solicita a axuda.

d) Fotocopia compulsada da factura ou documento que xustifique a inscrición no curso, no que se especifique o importe do gasto realizado.

e) Declaración do interesado manifestando se é ou non beneficiario doutra axuda ou bolsa procedente de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou internacionais, con especificación, se é o caso, da súa contía e finalidade.

3.-Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4.-Os beneficiarios da axuda estarán obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida polo organismo competente, quedando sometidos ás actuacións de control financeiro que corresponda e ás de comprobación que poidan efectúa-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia.

5.-A non xustificación da axuda percibida segundo o disposto nestas bases implicará o reintegro das cantidades non xustificadas e a esixencia dos xuros de demora, sen prexuízo das responsabilidades administrativas nas que poida incorrer de acordo co establecido nos artigos 81 e 82 da Lei xeral presupostaria, na súa nova redacción dada pola Lei 31/1990, do 27 de decembro, nos que se regula a xestión e concesión de axudas e subvencións públicas financiadas, en todo ou en parte, con fondos da Unión Europea.

Décimo primeiro.-Recursos.

Contra a presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e os actos que se deriven dela, os interesados poderán interpoñe-los recursos previstos na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional

8324