O Pleno Municipal, en sesión celebrada o día 28 de xaneiro de 1997, adoptou o seguinte acordo, en exercicio da competencia delegada polo artigo 2 da Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.
1. Aprobar, con carácter definitivo, unha modificación puntual do PXOU deste concello que afecta o ámbito das unidades de actuación 13 e 14 e que ten por obxecto:
a) Modificación do linde nordés da U.A. 14, reducindo o seu ámbito superficial co obxecto de producir un límite normal ó eixo do vial e que, en consecuencia, supón un incremento superficial de 340 m na U.A. 13.
b) Introduci-la posibilidade de modifica-las alinacións exteriores ou interiores na fachada sur para manter unha fachada uniforme na aliñación interior do patio de cuarteirón, a través de estudio de detalle.
(Introdúcese unha modificación no documento con relación ó aprobado con carácter inicial, co obxecto de evitar problemas de interpretación, que consiste en eliminar toda referencia ó sistema de actuación).
2. Publica-lo acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia e comunicalo, con traslado do expediente tramitado e dous exemplares dilixenciados do documento aprobado, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, quedando condicionada a súa eficacia e entrada en vigor ó cumprimento destes trámites.
3. Determinar, de acordo co establecido no artigo 6 da devandita Lei 7/1995, que o acordo adoptado esgota a vía administrativa, sendo directamente recorrible ante a xurisdicción contencioso-administrativa.
Culleredo, 31 de xaneiro de 1997.
Julio Sacristán de Diego
Alcalde
1267

