Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Venres, 27 de xuño de 1997 Páx. 6.252

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN de 30 de maio de 1997 da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Stolt Sea Farm, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Stolt Sea Farm, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-5-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo comité de empresa o día 26-2-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicacion no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 30 de maio de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Stolt Sea Farm, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo rexe, regula e actualiza as relacións laborais entre a empresa Stolt Sea Farm, S.A. e os seus traballadores en tódolos seus centros de traballo da provincia da Coruña, con excepción dos membros da dirección.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 1997, e producirá efectos desde esa data. A súa duración será ata o 31 de decembro de 1999.

Tódalas condicións pactadas no presente convenio terán a consideración de norma laboral, polo cal as posteriores negociacións se farán partindo delas.

Artigo 3º.-Revisión, rescisión e prórroga.

O aviso previo de denuncia do convenio deberase facer cunha antelación mínima dun mes, respecto á data do seu vencemento. De non ser denunciado entenderase prorrogado de forma automática ata a negociación dun novo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais que con carácter global excedan do acordado no presente convenio, manténdose as que no seu cómputo anual sexan máis beneficiosas para o traballador.

Artigo 5º.-Carácter das condicións pactadas.

As condicións pactadas forman, para efectos da súa aplicación práctica, un todo orgánico e indivisible.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado no presente convenio. As súas funcións serán:

a) Interpretación auténtica do convenio.

b) Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidos por ámbalas partes de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

c) Conciliación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponder ós organismos legais correspondentes.

d) Vixilancia do pactado e o seu cumprimento.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade pola comisión terán carácter vinculante.

En caso de dúbida ou discrepancia, a comisión pode acudir en consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporase dun presidente, que será o presidente do comité de empresa, quen actuará como mediador, con voz pero non con voto, e de vocais por cada parte, preferentemente dos que actuaron na deliberación do convenio.

Artigo 7º.-Clasificación segundo a función.

Enténdese que polas características da empresa e os distintos labores que se desenvolven existen seis grupos profesionais diferentes que son:

Administración, vendas, hathchery, engorda, empaque e mantemento

As categorías profesionais para hathchery, engorda, empaque e mantemento serán as seguintes:

Técnico superior.

Técnico.

Encargado de primeira.

Encargado de segunda.

Vixilante.

Oficial de primeira.

Oficial de segunda.

Oficial de terceira.

Subalterno.

En administración e vendas as categorías profesionais serán:

Técnico superior.

Oficial de primeira.

Oficial de segunda.

Oficial de terceira.

Auxiliar.

Para corrixi-las desigualdades que ata a data se viñan producindo entre os traballadores, con relación ó traballo que hai que desenvolver e a categoría profesional que tiñan recoñecida, as partes acordan:

A) Establecer un sistema de ascensos baseado na antigüidade do traballador, de forma que todo o persoal de categorías inferiores chegue á categoría de oficial de primeira, de conformidade coa seguinte escala:

Traballadores con menos dun ano de antigüidade: subalterno.

Traballadores con máis dun ano de antigüidade e menos de dous: oficial de terceira.

Traballadores con máis de dous anos de antigüidade e menos de cinco: oficial de segunda.

Traballadores con máis de cinco anos de antigüidade: oficial de primeira.

B) Esta fórmula aplicarase a tódolos traballadores da empresa, de maneira inmediata á sinatura do convenio.

Esta mesma escala aplicarase ós traballadores que posteriormente ingresen na empresa.

C) Debido ó acordo logrado no que tódolos traballadores acadan a categoría de oficial de primeira, estes realizarán tódalas funcións propias do seu grupo profesional desde a categoría de subalterno a oficial de primeira.

D) As categorías superiores a oficial de primeira, por tratarse de postos que teñen que ser desempeñados con gran iniciativa, autonomía, responsabilidade e mando, serán de libre designación por parte da empresa.

Artigo 8º.-Ingresos.

O ingreso dos traballadores axustarase ás normas legais sobre contratación.

As partes, para unha menor rotación e maior estabilidade no emprego, acordan:

Primeiro.-Que os tipos de contrato se axusten ás causas deles.

Segundo.-Que cando se trate de traballos de natureza continua o tipo de contrato que se empregará será o de carácter indefinido.

Terceiro.-A empresa contratará de forma directa a tódolos traballadores que presten os seus servicios para Stolt Sea Farm, S.A, coa excepción daqueles traballos que pola súa natureza e especialización, non poidan ser desenvolvidos polos traballadores dos grupos profesionais existentes na empresa.

Cuarto.-Terán dereito preferente para o ingreso na empresa aqueles traballadores que en igualdade de méritos prestasen ou presten os seus servicios na empresa, con carácter eventual, interino ou a tempo determinado.

Quinto.-A empresa comunicará ós representantes legais dos traballadores o posto ou postos que pensa cubrir, así como as condicións que deben reuni-los aspirantes e as características das probas de selección no suposto que fosen necesarias.

Artigo 9º.-Excedencia.

As partes acordan amplia-las causas de excedencia forzosa recollidas no artigo 46 do Estatuto dos traballadores nos seguintes casos e prazos:

a) Para preparación de oposicións.

b) Coidado de familiares enfermos.

c) Por cambio de profesión.

Terán dereito á utilización destas excedencias os traballadores cun mínimo de antigüidade de catro anos na empresa e con categoría profesional que non sexa de libre designación pola empresa.

A estas excedencias terase dereito unha soa vez no transcurso da súa relación laboral e por un período máximo dun ano.

Artigo 10º.-Sistema retributivo.

As retribucións do persoal estarán constituídas polo salario base e os seus complementos.

Artigo 11º.-Pagamento dos salarios.

O pagamento de salarios realizarase dentro da xornada laboral, por meses, en efectivo, ou ben mediante cheque, talón ou transferencia bancaria, debendo a empresa asegurarse que o aboamento en conta corrente ou cartilla do traballador se produza na data habitual de pagamento.

Artigo 12º.-Cláusula de revisión salarial.

A táboa salarial, será obxecto de revisión, no suposto de que o IPC previsto polo Goberno nos orzamentos xerais do Estado fose inferior ó IPC real resultante do ano en curso, revisándose a diferencia no exceso do IPC previsto máis o 50% del, sobre todo os conceptos salariais recollidos no presente convenio, incluíndo as gardas de domingos e festivos, a dita revisión terá carácter retroactivo o un de xaneiro do ano en cuestión e servirá de base para as táboas salariais do ano seguinte, aplicándose esta fórmula durante os tres anos de vixencia do presente convenio.

Artigo 13º.-Salario base.

Será o que figura nas táboas salariais anexas ó presente convenio e devengarase por día natural (anexo I).

Artigo 14º.-Antigüidade.

Aboarase un complemento persoal de antigüidade consistente en 2 bienios ó 3% seguidos de cuadrienios ó 6%, porcentaxes referidas ó salario base reflectido no anexo I. O importe de cada período comezará a devengarse desde o día 1 do mes seguinte ó seu cumprimento.

Artigo 15º.-Pagas extra.

Os traballadores cubertos polo presente convenio terán dereito a dúas (2) pagas extras completas anuais, que lles serán pagadas, unha na primeira quincena do mes de xullo e a outra, na primeira quincena do mes de decembro.

As ditas pagas consistirán no valor do salario base máis o do complemento de antigüidade exclusivamente.

Artigo 16º.-Incentivos.

A empresa pagará a tódolos seus traballadores un incentivo equivalente a unha paga completa do seu salario base máis o complemento de antigüidade; este incentivo aboarase rateado nas doce mensualidades.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán unha xornada laboral máxima de 40 horas semanais, distribuídas de luns a venres coa facultade para a empresa de a estender ó sábado en concepto de gardas única e exclusivamente. Dentro da citada xornada entenderanse comprendidos os descansos establecidos pola empresa.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias serán liquidadas e pagadas aplicando un incremento do 75% (setenta e cinco por cento) sobre o valor da hora ordinaria.

Artigo 19º.-Calendario laboral.

No prazo dun mes, a partir da publicación do calendario oficial no Diario Oficial de Galicia, a empresa sinalará con intervención dos membros do comité de empresa, o calendario para o ano vixente, en ningún caso a xornada excederá en cómputo anual de 1784 horas (anexo II).

Artigo 20º.-Gardas de domingos e festivos.

Para o ano 1997 ós traballadores que presten os seus servicios os citados días aboaráselles cinco mil pesetas, en concepto de prima por cada domingo ou festivo traballado, sen perda do correspondente descanso. Para os anos 1998 e 1999 este valor será revisado na mesma porcentaxe cás táboas salariais.

Artigo 21º.-Vacacións.

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal será de 30 días naturais, segundo o artigo 38 do Estatuto dos traballadores. As vacacións poderanse dividir en dous períodos de quince días.

O cadro de vacacións exporase coa antelación de 2 meses, como mínimo, no taboleiro de anuncios, para coñecemento do persoal. As vacacións serán retribuídas a razón dunha mensualidade completa. As vacacións non poderán ser compensadas en metálico.

Artigo 22º.-Asistencia a consultorio médico.

Cando por razón de enfermidade o traballador precise a asistencia a consultorio médico en horas coincidentes coas da súa xornada laboral, a empresa concederá sen perda de retribución o permiso necesario e polo tempo preciso para o efecto, debendo xustificarse o traballador co correspondente visado polo facultativo.

Artigo 23º.-Enfermidade e accidente de traballo.

Con independencia da prestación económica que, con cargo á Seguridade Social perciba o traballador en situación de baixa por enfermidade ou accidente, incluíndo a maternidade, a empresa aboará un complemento equivalente á contía necesaria para que, sumado a aquela, acade a totalidade do salario que percibía no momento de caer de baixa. Este complemento aboarase durante un período máximo de 6 (seis) meses, no caso de enfermidade e de 18 (dezaoito) meses en caso de accidente de traballo.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá con carácter obrigatorio e gratuíto ó persoal, segundo o necesite o seu traballo, as pezas de roupa:

1 funda.

1 par de botas.

1 par de botas-pantalón.

1 traxe de augas (pantalón e chaqueta impermeable).

1 mandilón.

1 par de protectores antebrazo.

1 par de guantes de goma.

O primeiro ano entregaranse dúas fundas para permitir ó traballador o lavado e coidado rutineiro deles.

Os períodos de reposición de funda, botas-pantalón e botas fíxase nun ano como norma xeral, obrigándose a empresa a repo-lo dito material se con antelación a este período fose necesario, por deterioración ou desgaste, debéndose entrega-lo material deteriorado para a recollida do novo.

Artigo 25º.-Póliza de seguros.

a) A empresa subscribira para os seus traballadores unha póliza, que cubra os riscos de morte ou invalidez total ou parcial por accidente, por unha cantidade de tres millóns de pesetas por traballador.

b) A empresa, ó asina-lo presente convenio, subscribirá ademais unha póliza para tódolos seus traballadores que cubra os riscos de morte por causas naturais, por un importe dun millón de pesetas por traballador.

Artigo 26º.-Mobilidade xeográfica.

Cando por necesidades da empresa, esta necesite trasladar un ou máis traballadores do centro no que presta servicios a outro lugar, este traslado será comunicado ós representantes dos traballadores, con indicación das causas que o motivan.

O transporte dos traballadores afectados será subministrado por Stolt Sea Farm, S.A. ou reembolsado segundo o valor determinado polas disposicións legais vixentes.

Artigo 27º.-Táboas salariais.

As táboas salariais para 1997 serán as resultantes de aplicar ás táboas de 1996 o IPC previsto polo Goberno 2,6% máis o 50% del, total 3,9% (tres coma nove por cento), e aplicarase con carácter retroactivo ó 1-1-1997. Serán as que figuran no anexo I.

Para os anos 1998 e 1999 serán revisadas o un de xaneiro de cada ano cun aumento igual ó IPC previsto polo Goberno máis o 50% del, e aplicaranse sobre tódolos conceptos salariais. Este valor será revisado o 31 de decembro de cada ano segundo o establecido no artigo 12º deste convenio.

Artigo 28º.-Función dos representantes sindicais.

Segundo a lexislación vixente.

Artigo 29º.-Permisos e licencias retribuídas.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito, avisando coa posible antelación e posterior xustificación, ós seguintes permisos retribuídos:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacementos de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando o traballador polo dito motivo teña que efectuar desprazamento o permiso amplíase a catro días.

c)Un día por traslado de domicilio habitaul.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

e) para realizar funcións sindicais ou de representación dos traballadores.

f) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións, a muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade, este permiso poderá ser exercido indistintamente pola nai ou o pai en caso de que ambos fosen traballadores.

g) Polo tempo indispensable para asistir a exames ou probas de capacitación.

Artigo 30º.-Réxime disciplinario.

1º Faltas.

As faltas laborais dos traballadores poderán ser leves, graves ou moi graves.

a) Serán faltas leves:

-A incorrección con compañeiros e subordinados.

-O atraso, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.

-Dúas faltas de puntualidade ó traballo nun mes.

-O descoido na conservación dos bens da empresa.

b) Serán faltas graves:

-A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós superiores, compañeiros ou subordinados.

-O incumprimento das ordes e instruccións dos superiores e das obrigas concretas do posto de traballo, así como as neglixencias das que puidese derivarse un prexuízo grave para a empresa.

-O incumprimento ou abandono das medidas de seguridade impostas polo comité de seguridade da empresa.

-O incumprimento das normas hixiénico-sanitarias impostas pola empresa.

-Dúas faltas de asistencia ó traballo sen causas xustificadas nun mes.

-Catro faltas de puntualidade en dous meses.

-O abandono do traballo sen causa xustificada.

-A utilización ou difusión de datos ou asuntos dos que teñan coñecemento por razón do seu traballo na empresa.

-A reincidencia en tres faltas leves nun trimestre.

c) Serán faltas moi graves:

-A fraude, deslealdade e abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

-A manifesta insubordinación.

O falseamento voluntario dos datos e informacións da empresa.

-A reincidencia en dúas faltas graves nun ano ou cando daquelas se deriven tales consecuencias que poidan ser consideradas moi graves.

-A simulación de enfermidade ou accidente.

-A diminución voluntaria e continuada no rendemento.

En materia de prescrición da faltas rexerá o disposto na lexislación xeral.

2º Sancións.

A potestade disciplinaria está atribuída á empresa, que poderá sanciona-los traballadores pola comisión

dos incumprimentos laborais citados no artigo anterior, conforme as seguintes graduacións das sancións:

Por faltas leves: amoestación por escrito ou suspensión de emprego e soldo ata dous días.

Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres días a trinta días.

Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo ata tres meses ou despido.

Para a tramitación destas sancións rexerá o disposto na lexislación laboral vixente.

Artigo 31º.-Bolsa de estudios.

A empresa aboará a tódolos traballadores con fillos en idade escolar logo de xustificación de matriculación unha axuda que será efectiva no mes de outubro conforme a seguinte escala:

Preescolar: cinco mil pesetas por fillo e ano.

EXB e 1º ciclo ESO: dez mil pesetas fillo e ano.

2º ciclo de ESO, BUP e FP: quince mil pesetas fillo e ano.

Artigo 32º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Se por necesidades do traballo tivese que desprazarse algún traballador, a empresa aboaralle as seguintes cantidades en concepto de locomoción e axudas de custo:

Por gastos de almorzo, comida, cea e aloxamento, o importe correspondente logo de xustificación del.

Por gastos de locomoción vintecatro pesetas quilómetro, sempre que se utilice o vehículo propio.

Artigo 33º.-Xubilación anticipada.

A empresa estudiará individualmente cada unha das solicitudes de xubilación anticipada e negociará co solicitante o complemento ou incentivo correspondente, informando posteriormente ó comité de empresa do seu resultado.

ANEXO I

Tabóa salarial 1997-Stolt Sea Farm, S.A.

Salario bruto

anual

Salario base

mensual 15

pagas

Valor hora

extra

Producción:
Subalterno1.309.29687.2861.284
Oficial de 3ª1.426.09095.0731.399
Oficial de 2ª1.526.597101.7731.498
Oficial de 1ª1.629.817108.6541.599
Encargado de 2ª1.670.571111.3711.639
Encargado de 1ª1.984.313132.2881.946
Vixilante1.985.342132.3561.948
Técnico2.509.793167.3202.462
Técnico superior4.187.269279.1514.107

Administración:
Auxiliares1.309.29687.2861.284
Oficial de 3ª1.493.99499.6001.466
Oficial de 2ª1.670.572111.3711.639
Oficial de 1ª1.901.463126.7641.865
Técnico superior3.341.923222.7953.278

Gardas de domingos e festivos5.000

ANEXO II

Calendario laboral 1997

MesFestivosVacaciónsDías totales

traballo ano

Horas totais

traballo ano

Horas traballo ano

según convenio

Diferencia horas

anuais horas convenio

Xaneiro1,6
Febreiro
Marzo27,28
Abril
Maio1,1730 días naturais228 días1.824 horas1.784 horas+40 horas
Xuño
Xullo25
Agosto15
Setembro
Outubro
Novembro1
Decembro6, 8, 25
+ 2 festivos locais

O resultado de restarlle ás horas totais de traballo ó ano (1.824) as horas de traballo ó ano, segundo convenio (1.784) é de: 40 horas máis.

Estas horas libraranse da seguinte forma:

-Todo o persoal librará tres días a elixir. Non poderá tomarse ningún deles en decembro nin ningún seguido doutro.

-O resto das horas (16) libraranse logo de acordo entre o persoal de cada planta ou sección e o seu respectivo encargado.

4706