Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Venres, 27 de xuño de 1997 Páx. 6.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Artabra, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Artabra, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-6-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo delegado de persoal o día 23-5-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 6 de xuño de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de ámbito da empresa

Artabra, S.A. A Coruña

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación á totalidade dos traballadores e traballadoras que presten os seus servicios na empresa Artabra, S.A., sita en Suevos, s/n, Arteixo (A Coruña), así como os que ingresen na empresa durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración de dous anos, entrando en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1998, e durante a súa vixencia non poderá ser afectado polo disposto en convenio de ámbito distinto, todo isto ó abeiro de canto prevé o artigo 84 da Lei 8/80, do 10 de marzo, que aprobou o Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Cláusula de revisión salarial e rescisión.

1. Se a evolución do índice de prezos de consumo (IPC) durante o ano 1997 fose superior ó 3,75%, efectuarase unha revisión salarial de tódolos conceptos retributivos establecidos neste convenio.

A revisión terá efectos desde o 1 de xaneiro de 1997 e a porcentaxe que se revisará será a diferencia entre o IPC establecido polo Instituto Nacional de Estatística e o 3,75%.

2. A cantidade resultante aboaráselle a cada traballador independentemente da modalidade do seu contrato, dunha soa vez, durante o primeiro trimestre de 1998.

Artigo 4º.-Prórroga.

Ó cumpri-la data do seu vencemento, este convenio colectivo prorrogarase de ano en ano, de non mediar denuncia por calquera das partes, cunha antelación mínima dun mes antes da data do seu vencemento.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais máis beneficiosas cás asinadas neste convenio, manténdose o dito respecto na forma estrictamente ad personam.

Artigo 6º.-Retribucións.

Os salarios establecidos no presente convenio para o ano 1997 serán para os traballadores de nova incorporación, os que figuran no anexo I. Para o segundo ano de vixencia (1998) o incremento salarial será pactado na 2ª quincena do mes de xaneiro de 1998.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade ó servicio da empresa quedan constituídos por dous bienios aboados ó 5% e catro quinquenios ó 10%, calculados en todo caso sobre o salario base.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores da empresa percibirán dúas gratificacións extraordinarias por ano, que se chamarán de verán e de Nadal. Estas gratificacións percibiranse os días 15 de xullo e decembro respectivamente, a contía será dunha mensualidade de salario base, incrementada coa antigüidade correspondente e o plus de convenio, así como o de mecanización.

Artigo 9º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores da empresa percibirán o 15 de marzo de cada ano en concepto de paga de beneficios a cantidade correspondente a 30 días de salario base incrementado coa antigüidade correspondente, así como o plus de convenio e o de mecanización.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias e pluriemprego.

Perante a grave situación de paro existente e co obxecto de favorece-la creación de emprego, as partes negociadoras do presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias de conformidade cos seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias habituais: reducción con tendencia á supresión.

2. Horas extraordinarias por causa de forza maior: as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas.

3. Horas extraordinarias estructurais: entenderanse por tales para os efectos establecidos no Real decreto 1858/1981, do 20 de agosto, as necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda, previsión de sinistros ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza do traballo de que se trate, ou mantemento. Todo isto sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

As horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e as estructurais serán notificadas mensualmente á autoridade laboral conxuntamente pola empresa e polo comité ou delegados de persoal, segundo se recolle no artigo 2º do Real decreto 1858/1981.

Non se terá en conta para os efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratase de horas extraordinarias.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior ó que autorice a lexislación vixente, salvo o previsto no parágrafo anterior.

A retribución monetaria das horas extraordinarias pode ser compensada por tempo de descanso en razón de dúas horas de descanso por hora traballada, sempre que haxa acordo entre as partes sobre as circunstancias do seu desfrute e, noutro caso, aboarase o seu importe.

Para evita-la situación de pluriemprego, terase en conta o seguinte:

1. Tódolos contratos vixentes ata o día da data deste convenio entenderanse realizados baixo o principio de «dedicación exclusiva» salvo que se pactase o contrario.

2. O exercicio do pluriemprego polo traballador da empresa será considerado coma unha transgresión da boa fe contractual que recolle o artigo 54 do Estatuto dos traballadores.

3. En tódolos contratos de novo ingreso será incluída necesariamente unha cláusula de prohibición expresa de exercicio do pluriemprego.

4. Para os efectos do disposto nos apartados anteriores, entenderase por pluriemprego todo traballo retribuído por conta allea calquera que sexa a súa natureza.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada ordinaria de traballo será de 1800 horas anuais de traballo efectivo, distribuídas entre os días laborables do ano.

Dentro do concepto de traballo efectivo entenderanse comprendidos os tempos horarios empregados nas xornadas continuadas, como descanso «o bocadillo 15 minutos» ou outras interrupcións, cando mediante normativa legal ou acordo entre partes ou pola propia organización do traballo se entendan integradas na xornada diaria de traballo, xa sexan continuadas ou non.

Artigo 12º.-Plus de nocturnidade.

Para as horas traballadas en xornada continua (das 22 horas ás 6 horas) establécese un plus consistente nun 25% do salario base, incrementado segundo os casos coa antigüidade correspondente.

Artigo 13º.-Percepcións en caso de I.T.

Os traballadores que sufran accidente laboral percibirán desde o primeiro día e durante un prazo máximo de 18 meses, o complemento necesario para que sumado ás prestacións da Seguridade Social, alcancen o 100% do seu salario. Este complemento procederá unicamente nos supostos de incapacidade laboral transitoria, se esta require hospitalización.

Artigo 14º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán dun período de 30 días naturais, o inicio das vacacións será en día laborable, retribuídas a salario real. A dirección da empresa elaborará de mutuo acordo cos representantes dos traballadores un calendario de vacacións, que se exporá no taboleiro de anuncios da empresa, para coñecemento do conxunto dos traballadores.

As vacacións desfrutaranse en proporción ó tempo efectivamente traballado, considerándose como tempo efectivamente traballado:

1. Menos de tres meses de I.L.T. anuais, ou aquel que sendo superior ó dito prazo sexa debido a internamento hospitalario ou convalecencia.

2. O de ausencias por todo tipo de licencias retribuídas.

3. O de baixa por accidente de traballo e por maternidade da muller.

En caso de enfermidade durante o período de vacacións, os días de I.L.T. non computarán como efectivamente desfrutados.

Artigo 15º.-Licencias retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licencias retrubuídas nos seguintes casos:

1. Matrimonio do traballador, 16 días naturais.

2. Parto de esposa, 3 días. No suposto de que este teña lugar fóra do domicilio ou residencia habitual do interesado, aumentarase un día máis.

3. Falecemento do cónxuxe, pais, fillos, avós, irmáns e netos (en pais, avós e irmáns inclúense os políticos) 3 días.

Se se precisa por tales causas realizar un desprazamento, o total do permiso será de 5 días naturais.

4. Nos demais casos e supostos observarase o estipulado no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

A empresa entegaralle ó persoal de producción, mantemento e laboratorio dous xogos completos de pezas de roupa de traballo adecuados ó labor que ten que realizar, tales como fundas, pantalón e chaqueta, batas, calzado, guantes, etc. Un deste xogos será entregado no mes de xaneiro e o outro xogo no mes de xullo.

Cando se realicen traballos á intemperie proporcionaranse as pezas de roupa adecuadas.

Así mesmo, nos postos de traballo en que pola súa natureza se produza un desgaste extraordinario das pezas de roupa, estas substituiranse a medida que se vaian deteriorando.

Artigo 17º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá un seguro colectivo de accidentes, laborais e non laborais, en favor dos seus traballadores, con cobertura de 3.000.000 de pesetas para os casos de morte e de 3.500.000 pesetas para os casos de invalidez.

Artigo 18º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Seguridade e hixiene:

1. O traballador, na prestación dos seus servicios, terá dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e hixiene.

2. O traballador está obrigado a observar no seu traballo as medidas legais e regulamentarias de seguridade e hixiene.

3. Na inspección e control das medidas que sexan de observancia obrigada para empresario, o traballador ten dereito a participar por medio dos seus representantes legais no centro de traballo se non conta con órganos ou centros especializados competentes na materia a teor da lexislación vixente.

4. O empresario está obrigado a facilitar unha información práctica e adecuada en materia de seguridade e hixiene ós traballadores que contrate ou cando cambien de posto de traballo ou teñan que aplicar unha nova técnica que poida ocasionar riscos graves para o propio traballador ou para os seus compañeiros ou terceiros, xa sexa con servicios propios, xa sexa coa intervención dos servicios oficiais correspondentes. O traballador está obrigado a segui-las ditas ensinanzas e a realiza-las prácticas cando se celebren dentro da xornada de traballo ou noutras horas pero co desconto naquela do tempo investido nelas.

5. Os órganos internos da empresa competentes en materia de seguridade e, no seu defecto, os representantes legais dos traballadores no centro de traballo, que aprecien probabilidade seria e grave de accidente por inobservancia da lexislación aplicable na materia, requirirán o empresario por escrito para que adopte as medidas oportunas que fagan desaparece-lo estado de risco; se a petición non fose atendida nun prazo de catro días, dirixiranse á autoridade competente; esta, se apreciase as circunstancias alegadas mediante resolución fundada, requirirá o empresario para que adopte as medidas de seguridade apropiadas ou suspenda as súas actividades na zona ou local de traballo ou co material en perigo. Tamén poderá ordenar, cos informes técnicos precisos, a paralización inmediata do traballo se se estima un risco grave de accidente. Se o risco de accidente fose inminente, a paralización das actividades poderá ser acordada por decisión dos órganos competentes da empresa en materia de

seguridade ou pola totalidade dos representantes dos traballadores; tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, a cal en vintecatro horas anulará ou ratificará a paralización acordada.

Recoñecementos médicos. Os traballadores afectados polo presente convenio terán o dereito e o deber dunha revisión médica xeral, completa e suficiente, polo menos unha vez ó ano. Cando manipulen ou empreguen substancias corrosivas, infecciosas, irritantes, pulvíxenas ou tóxicas que especialmente poñan en perigo a saúde ou a vida dos traballadores, efectuaranse os recoñecementos coa frecuencia que requira cada caso e, polo menos, dous ó ano.

A empresa facilitará os medios necesarios para que estas revisións poidan levarse a cabo procurando que se realicen dentro da xornada laboral.

Servicios de hixiene. O centro de traballo disporá de abastecemento suficiente de auga potable, así como de cuartos de vestiario e de aseos, duchas e servicios conforme o disposto nos artigos do 38 ó 41 da ordenanza xeral de seguridade e hixiene.

Limpeza de comedores e servicios de hixiene. Os traballos de limpeza de comedores, vestiarios, duchas e servicios serán realizadas polo persoal adscrito á sección de limpeza; se esta non existise, este cometido recaerá no traballador que habitualmente o veña efectuando.

Limitacións de peso. A carga máxima será de 50 kg por saco ou envase tanto en recepción coma en manexo ou expedición. Establécese un límite de amontoamento tanto en almacéns coma en carga de camións non superior a un metro corenta centímetros e, se supera esta altura e ata o máximo dun metro oitenta centímetros, farase con dous traballadores.

Esta norma rexerá semrpe e cando a empresa non dispoña dun sistema mecanizado en carga e almacenaxe.

Carga e descarga realizada por traballadores maiores de 60 anos: recoméndase no posible evita-la realización de tarefas de carga e descarga por traballadores maiores de 60 anos, se a instalación non está mecanizada. Enténdese que unha instalación está mecanizada se existe cando menos fita transportadora.

Traballos tóxicos ou penosos por embarazadas: durante o período de embarazo evitarase a realización de traballos tóxicos ou penosos por parte das traballadoras que se atopen en tal estado.

ANEXO I

TÁBOA DE SALARIOS 1997

Categoría

Salario

base

Plus

convenio

Plus

Mecaniza.

Salario

bruto

Salario

anual

Peón76.185 7.29216.691100.1681.502.520
Axudante76.490 8.30116.691101.4821.522.230
Ofic. 2ª76.79210.46016.691103.9431.559.145
Ofic. 1ª77.09712.52716.691106.3151.594.725
Encargado77.40014.08416.691108.1751.622.625
Aux. Admin.76.79210.46016.691103.9431.559.145
Ofic. Admin.77.09712.52716.691106.3151.594.725
Vixilante76.185 7.65616.691100.5321.507.980

Cálculo valor hora extraordinaria

As horas extraordinarias para cada categoría calcularanse de acordo co seguinte módulo e recarga:

Recargo= 75x100 do módulo.

Salario anual

Módulo=

1.800 horas

Valor hora extraordinaria= 1,75xmódulo.

4914