A Escola Galega de Administración Pública como centro oficial de docencia e investigación no campo da Administración pública ten entre os seus fins a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación en materias de dereito público e ciencia da Administración, con especial referencia ás peculiaridades galegas, podendo concerta-la realización de actividades con outros centros ou entidades de titularidade pública ou privada.
Así pois, en uso das funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de verán sobre o estado autonómico e autonomía local: o pacto local, que se desenvolverá segundo as seguintes bases:
Primeira.-Obxectivos.
Analizar e debater sobre a virtualidade do pacto local desde as súas distintas perspectivas constitucional, xurídico-administrativa, económico-financeira e funcional, suscitando a reflexión e intercambio de opinións ó respecto por parte das administracións central, autonómica e local, implicadas no dito pacto.
Segunda.-Destinatarios.
Estudiosos, profesionais e interesados en xeral, que desexen afondar na materia obxecto do curso.
Terceira.-Desenvolvemento.
3.1. Lugar: Cambados, auditorio da casa do concello.
3.2. Datas de celebración: día 5 de agosto, en horario de mañá e tarde e día 6 de agosto, en horario de mañá.
Cuarta.-Contido.
4.1. Relatorios:
-Estado autonómico e autonomía local: problemática xeral.
-Bases dun necesario pacto local, criterios de harmonización e posibles áreas de transferencias.
-Perspectiva constitucional e xurídico-administrativa do pacto local.
-Vertiente económico-financeira do pacto local.
4.2. Mesa redonda:
-O estado actual dos traballos para a materialización do pacto local e a súa perspectiva futura. Visión do pacto desde Galicia.
Quinta.-Inscrición.
Ata o 1 de agosto.
Sexta.-Tramitación de solicitudes.
As solicitudes dirixiranse ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentarase no rexistro xeral da EGAP, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Sétima.-Selección.
As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de entrada no rexistro. Só se admitirán inscricións fóra de prazo se quedasen prazas baleiras e sempre que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.
Oitava.-Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
Novena.-Certificado de asistencia.
Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nas actividades programadas.
Décima.-Información.
Para máis información, os interesados poderán dirixirse a:
-Pontevedra: Delegación Provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, rúa Benito Corbal, nº 47-1º. Telf.: (986) 80 54 91.
-Santiago de Compostela, Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas. Telf.: (981) 54 62 53/54 62 54.
-Cambados: oficinas municipais, praza do Concello, nº 1. Telf.: (986) 52 09 02/52 09 43.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 1997.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración
Pública
5371

