O Servicio Galego de Saúde, ata a data, tiña establecido un sistema de formalización dos vínculos temporais baseado en instruccións dictadas para o efecto pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do organismo, que mantiña, en xeral, no seu contido e modalidades o criterio establecido para o resto do Sistema Nacional de Saúde. En tales instruccións plasmábase a tradicional distinción entre o nomeamento estatutario de carácter temporal previsto para o persoal sanitario facultativo e non facultativo e o contrato laboral referido para o persoal non sanitario. A devandita distinción colexíase do disposto nos respectivos estatutos de aplicación que no con
cernente ó estatuto de persoal non sanitario explicitamente pretería, artigo 2, da súa aplicación ó persoal con vínculo temporal.
Así mesmo, recóllese nas citadas instruccións a posibilidade de formalizar contratacións suxeitas á normativa laboral, tanto co persoal sanitario como non sanitario, cando as circunstancias e contido prestacional non admitisen ou recomendasen o vínculo de carácter estatutario con engarzamento nalgunha das modalidades de vinculación previstas nos estatutos aplicables. Esta vinculación temporal resulta plenamente lexítima e con virtualidade segundo a doutrina da xurisprudencia consolidada que acepta a dobre natureza do vínculo (estatutario ou funcionarial e laboral) nos casos necesarios, coa esixencia do indefectible respecto das normas de carácter laboral nos supostos que afectan a esta clase de vínculo. Como exemplos máis notorios no marco sanitario de utilización da contratación laboral preséntase a vehiculada a través dos contratos de servicio determinado e lanzamento de nova actividade, (este último agora inexistente trala última reforma operada nesta materia) adaptados neses
casos ás
necesidades das institucións sanitarias que non poden ser satisfeitas coas modalidades de natureza estatutaria.
Así as cousas, vense evidenciando non só no ámbito do Sergas senón tamén da práctica totalidade do Sistema Nacional de Saúde, a aludida dobre natureza do vínculo. Se ben no caso de que se formalicen contratos laborais faise unha remisión explícita no seu clausulado á incidencia da normativa estatutaria para a regulamentación das condicións retributivas e de prestación do vinculado, aínda que a virtualidade intrínseca do vínculo deriva do disposto na normativa laboral.
Este último aspecto tradúcese na necesaria afectación da normativa laboral correspondente para a resolución dos litixios presentados polos profesionais, que, en moitos casos, pode derivar en sentencias condenatorias de gran trascendencia, incluso con declaración de fixeza laboral, pola forza do principio de estabilidade no emprego moi caro a esa lexislación.
A disposición adicional 4ª do Decreto 118/91, do 25 de xaneiro refire: «Cando sexa imprescindible a incorporación de persoal temporal, a súa selección efectuarase por procedementos que, respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade, garantan a necesaria axilidade e eficacia e conten coa participación das organizacións sindicais. O persoal así nomeado poderá manterse na praza ata a incorporación a ela de persoal estatutario fixo designado para o seu desempeño, ou ata que esta sexa amortizada».
Con fundamento no precepto transcrito no apartado anterior, a Sala do Social da Audiencia Nacional, en sentencia dictada o 14 de novembro de 1995, confirmada posteriormente polo Tribunal Supremo, considera derrogado o artigo 2º do Estatuto de persoal non sanitario de anterior referencia e, conseguintemente, eliminada a exclusión explícita nel da aplicación dese estatuto ó persoal con vínculo temporal.
Por iso, parece razoable acudir, con carácter xeral, á modalidade de nomeamento estatutario de carácter temporal para tódalas categorías de persoal incluídas nos tres estatutos de aplicación. Só se exceptuarán do uso do nomeamento aquelas coberturas para as que este non poida ser utilizado, por insuficiencia ou inadaptación, que serán formalizadas con vínculos laborais na modalidade de servicio determinado, a necesidade da cal resulta energable da experiencia das institucións sanitarias. As demais modalidades contractuais actualmente existentes non parecen de necesaria consideración, ó coincidir con similares vínculos estatutarios (nas súas características) ou resultar inadaptables ó marco das institucións sanitarias.
O sistema exposto de formalizacións do vínculo aplicarase con carácter xeral ás coberturas ordinarias, é dicir, cun desenvolvemento prestacional en xornada completa e retribución adaptada a ela. Agora ben, vense constatando nalgúns casos, polas circuns
tancias que concorren en determinadas áreas ou servicios dos centros sanitarios ou por mor dos sistemas de funcionamento ou cobertura asistencial ós usuarios, a innecesariedade de completa-la totalidade da xornada ordinaria. Nestes casos, debidamente evidenciados e xustificados, non é razoable nin admisible vincular profesionais a tempo completo, senón establece-las xornadas coa duración que se colixa das funcións que precisen desempeñar. Así, resulta oportuno e lexítimo a utilización de vínculos a tempo parcial co número de horas diarias, ou de xornadas semanais, inferiores á ordinaria, sempre que se dean as condicións que as xustifiquen.
Tamén convén sinala-la conveniencia e, aínda máis, a necesidade de establecer períodos de proba nos vínculos temporais de carácter estatutario que se formalicen e nos contratos temporais que, se é o caso, se subscriban. Isto na procura de garanti-la indefectible adaptación dos profesionais ó desempeño do seu cometido en institucións tan complexas coma as sanitarias e onde o interese do usuario debe primar sobre calquera outra consideración. Por iso, de evidenciarse no exercicio do cometido profesional unha falta de adaptación importante, ausencia de imprescindible pericia, neglixencia inescusable, ou calquera outra circunstancia que o diminúa, debe precindirse ineluctablemente do profesional vinculado para evita-la irrogación de prexuízos serios á estructura organizativa do traballo ou incluso ós usuarios dos servicios sanitarios. (Téñase en conta a este teor que existía ata hai pouco un período de proba establecido nos estatutos para o persoal con praza fixa).
A duración dos períodos de proba, que necesariamente se establecerán para cada unha das clases de vínculos temporais, aparece cohonestada co grao de cualificación esixido ós profesionais e preséntase coincidente coa fixada nos ámbitos en que se vén utilizando habitualmente en categorías análogas ou parangonables. Así mesmo os períodos de proba que se establecen xa se recollían como tales nas pretéritas modalidades de vínculo existentes no Servicio Galego de Saúde, tanto de carácter estatutario como laboral.
Finalmente, cómpre indicar que a regulamentación presente procura sistematiza-las modalidades xurídicas do vínculo, coa introducción dun común e idénticas modalidades para tódalas clases de persoal temporal ó servicio das institucións sanitarias. Asemade inténtase harmonizalos coa realidade prestacional dos centros e a esixencia da normativa que rexe en materia de control e autorizacións de persoal temporal no ámbito do Sergas.
As modalidades establecidas recollen as previstas nos estatutos de persoal facultativo e sanitario non facultativo, extensivas ó persoal non sanitario - o estatuto do cal non recollía ningunha clase de vínculo, como xa se sinalou anteriormente -, co engadido dunhas novas modalidades. As novas modalidades obedecen a necesidade, ou ben de engarzamento cos mecanismos de control e autorizacións de obrigado respecto para evita-lo uso de vínculos
espúreos e non idóneos para estes casos, ou de resposta a concretas e especiais necesidades dos servicios de imposible solución con outro tipo de vínculos. Por iso, a través da presente norma complétase o contido dos estatutos, sen menoscabo nin conculcación deles.
A materia da presente norma foi obxecto de consulta e debate coas organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial de Persoal Sanitario.
Xa que logo, esta consellería,
DISPÓN:
Artigo 1º
Os vínculos temporais co persoal que preste servicios nas institucións sanitarias dependentes do Sergas, en prazas de natureza estatutaria ou en condicións de tal carácter, referentes ó persoal facultativo, sanitario e non facultativo e non sanitario, formalizaranse a través da expedición de nomeamentos estatutarios, segundo as modalidades que, a continuación, se refiren.
A utilización deste vínculo universal non empece, non obstante, a posible formalización de contratacións laborais nos casos que, así mesmo se relacionan.
Artigo 2º
Os nomeamentos estatutarios que se aplicarán ó persoal vinculado temporalmente, serán os seguintes:
A) Nomeamento para a cobertura de praza vacante: será expedido a favor do profesional que desempeñe funcións inherentes a unha praza que estea ou quede vacante, unha vez autorizada a súa cobertura pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas con suxeición ás condicións e procedemento recollidos nas ordes que resultan aplicables.
O persoal vinculado permanecerá no desempeño das funcións ata a cobertura regulamentaria da praza por persoal propietario con destino definitivo ou en reingreso provisional nos termos previstos na actual normativa, ou a súa amortización a través do procedemento exposto na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas que o vehicula.
O profesional que se vincule para o desempeño de praza vacante designarase a través do sistema de vinculación temporal contido no pacto vixente do 28 de febreiro de 1997, ou norma que o substitúa, naquelas categorías afectadas por el.
B) Nomeamento para a substitución de persoal con dereito a reserva de praza: expedirase a favor do profesional que cubra as necesidades derivadas da substitución aludida, nos casos previstos no estatuto aplicable e normas complementarias.
O vinculado cesará na súa prestación ó reintegrarse á praza o profesional substituído.
Nos supostos de que tal reincorporación non se leve a efecto e a praza deveña vacante, produciranse
as seguintes actuacións, coa conseguinte afectación, segundo o caso, ó nomeado:
a) Amortización da praza. Para tal efecto iniciarase inmediatamente o procedemento de amortización da praza co obrigado cesamento do profesional vinculado inicialmente, ó que se lle comunicará necesariamente a actuación seguida.
b) Proposta de cobertura da praza como vacante do cadro de persoal. Manterase neste caso ó inicialmente nomeado coa expedición dun novo nomeamento de carácter provisional ata a autorización da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas para a súa cobertura como interinidade en praza vacante de conformidade coa normativa vixente.
De producirse tal autorización, expedirase nese intre un nomeamento para a cobertura de interinidade en praza vacante. De non autorizarse a cobertura polo órgano aludido, notificarase o cesamento con carácter inmediato ó nomeado provisionalmente, con traslado a este da resolución adoptada.
C) Nomeamento de carácter eventual ou provisional: expediranse para estes dous supostos:
a) Nomeamento de carácter eventual. Para a cobertura de situacións conxunturais, por mor do déficit circunstancial do cadro de persoal da institución de que se trate en determinados períodos. Este nomeamento terá unha duración máxima de seis meses e nel deberán sinalarse as circunstancias que o motivan.
b) Nomeamento provisional. Para a cobertura de situacións provisionais en espera da autorización pertinente a que se aludía no apartado B)-b) anterior. Este nomeamento durará ata que se resolva pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas sobre tal autorización.
Para a designación dos profesionais vinculados a que se refiren os dous últimos apartados, seguirase igualmente o sistema de nomeamentos temporais recollido no pacto mencionado ou norma que o substitúa, naquelas categorías afectadas por el.
D) Nomeamento temporal de reforzo para a cobertura de Atención Urxente Extrahospitalaria: con carácter excepcional, cando as circunstancias así o esixan, por mor de déficit de persoal, condicións transitorias da composición ou ámbito dos dispositivos da atención urxente extrahospitalaria, ou sobrecarga da demanda asistencial na Atención Urxente Extrahospitalaria, regula en virtude do Decreto 172/95, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá nomearse temporalmente persoal de reforzo coa finalidade de servir de apoio á devandita actividade asistencial.
No nomeamento expedido fixaranse necesariamente as circunstancias que o motivan e a súa regulamentación polo Estatuto de Persoal da Seguridade Social aplicable e demais normas complementarias e concordantes.
En ningún caso este nomeamento servirá para cubrir necesidades permanentes derivadas da actividade asistencial.
Tal nomeamento extinguirase cando desaparezan as circunstancias conxunturais que o motivan.
Artigo 3º
Poderase vincular temporalmente nas institucións sanitarias do Sergas en prazas de natureza estatutaria, profesionais sanitarios - facultativos e sanitarios non facultativos - e non sanitarios, a través da formalización de contratos de carácter laboral.
Esta contratación deberá xustificarse perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos de Sergas, coa elaboración dunha memoria suficientemente ilustrativa e documentada.
Caberá formalizar contratacións laborais na modalidade De servicio determinado: nestes casos deberá conterse, en cláusula independente no contrato subscrito, a causa que motiva a vinculación de carácter non permanente e duración calculada desta. Así mesmo, deberá facerse unha remisión á normativa estatutaria para a regulación das condicións prestacionais e retributivas do profesional vinculado.
Así mesmo, para a selección deste persoal contratado seguiranse as prescricións do pacto aludido ou norma que o substitúa, naquelas categorías afectadas por el.
Artigo 4º
Como excepción á xornada ordinaria que para as distintas clases de persoal se recollen nas súas normas expecíficas (estatutos de aplicación e disposicións complementarias ou integradoras), admitirase, sempre que sexa xustificado, a fixación de xornadas inferiores nas modalidades de vinculación referidas nos anteriores artigos.
A duración e características destas xornadas inferiores á ordinaria, que poderán consistir nunha minoración horaria diaria ou nun número inferior de xornadas semanais, virán determinadas polas condicións da prestación de servicios a que afecte.
Para o seu uso, requirirase un informe motivado dirixido pola institución sanitaria que a propugna á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, coa achega dos datos imprescindibles para avalia-la súa procedencia e oportunidade. De consideralo admisible, polas circunstancias concorrentes, ese centro directivo autorizará a súa fixación e, polo contrario, rexeitaraa nos casos de ausencia de razóns convincentes para a súa implantación.
No caso de desenvolvemento desa xornada inferior á ordinaria o profesional percibirá os seus emolumentos en contía proporcional a súa duración.
O resto das condicións dos profesionais vinculados a tempo parcial serán idénticas ás correspondentes á xornada ordinaria.
Artigo 5º
Necesariamente incluirase nos nomeamentos temporais formalizados ou contratos que se subscriban, en cláusula autónoma, o sometemento do profesional
vinculado á superación dun período de proba coa duración que se detalla para cada clase de persoal:
-Facultativos médicos e resto do persoal do grupo A: 6 meses.
-Grupo B de persoal sanitario non facultativo e non sanitario: 3 meses.
-Grupo C e D de persoal sanitario e non sanitario: 2 meses.
-Grupo E: 2 meses.
Durante a vixencia dos períodos de proba que se estipulen poderá ser cesado libremente o persoal vinculado. Tal cesamento non xerará dereito a ningunha clase de indemnización a prol do vinculado.
A proba que se fixe terá virtualidade sobre o nomeamento ou contrato que se formalice aínda que o profesional xa estivera vinculado anteriormente con algunha institución sanitaria da rede do Sergas. Excepcionaranse os supostos en que se trate da mesma institución e que o profesional xa superase a citada proba en servicio ou área similar e xa que logo parangonable co novo destino.
Disposición adicional
Primeira.-Os vínculos temporais establecidos na presente norma referentes ó persoal fixo que acceda pola quenda de promoción profesional de acordo coa norma xeral 8 do pacto de vinculacións temporais do persoal estatutario das institucións xestionadas polo Sergas (DOG. nº 47, luns 10 marzo de 1997), ou norma que o substitúa, formalizarase mediante a correspondente declaración de situación especial en activo, establecida na normativa vixente.
Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para adopta-las resolucións ou medidas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.
Disposición transitoria
Sen prexuízo da data de entrada en vigor da presente orde, esta será de aplicación ós nomeamentos temporais de carácter eventual e por substitución, expedidos ó abeiro das instruccións do 11 de xuño de 1997 da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde. Xa que logo, tales nomeamentos adaptaranse en todo o seu ámbito e contido á presente norma.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido na presente orde con vixencia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradaira
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 1997.
José María Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais
4942

