Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 07 de agosto de 1997 Páx. 7.660

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 202/1997, do 24 de xullo, polo que se crea o Observatorio Galego da Familia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, de conformidade co establecido no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1º.20 da Constitución española.

Facendo uso desa atribución competencial o Parlamento de Galicia aprobou a Lei galega da familia, a infancia e a adolescencia, Lei 3/1997, do 9 de xuño, que establece un marco normativo xeral no que se inscriben o conxunto de actuacións públicas en materia de protección e asistencia á familia, infancia e a adolescencia.

A lei prevé, como un instrumento de análise e coordinación das políticas autonómicas dirixidas á familia e unha medida de integración dirixida a promove-lo papel socio-económico, cultural e educativo da familia, a creación dun Observatorio Galego da Familia en conexión co Observatorio Europeo de Políticas Familiares.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura e competencias da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, atribúe a esta Consellería, a través da Dirección Xeral da Familia, a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia, infancia e menores.

Por todo o exposto, e en desenvolvemento do previsto no artigo 13.1.b da Lei galega da familia, a infancia e a adolescencia, Lei 3/1997, do 9 xuño, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Observatorio Galego da Familia.

Artigo 2º.-Dependencia.

O Observatorio Galego da Familia configúrase como un órgano colexiado de carácter consultivo e de apoio ó desenvolvemento das políticas socio-familiares, adscrito á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 3º.-Obxectivos.

O Observatorio terá como obxectivos:

a) Coñece-la situación da familia en Galicia, proporcionando unha visión global da situación socio-familiar na Comunidade Autónoma.

b) Formular propostas e recomendacións tendentes a promover unha mellor planificación das accións e medidas emprendidas pola Administración autonómica neste eido.

Artigo 4º.-Funcións.

As funcións do Observatorio Galego da Familia son, entre outras, as seguintes:

a) Realizar análises e estudios, desde unha perspectiva integral e interdisciplinaria, sobre a situación das familias na Comunidade Autónoma, concedendo especial atención a:

-Repercusión das políticas fiscais, laborais, e sociais desenvolvidas polos distintos departamentos das administracións na situación das familias galegas.

-As medidas que permitan garanti-la aplicación das políticas de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e, en particular, o acceso das mulleres en condicións de igualdade ó mercado do traballo.

-As accións e programas en favor de familias con especiais dificultades.

-A evolución demográfica na Comunidade Autónoma.

b) Propoñer criterios de actuación coordinada e harmónica en materia de familia entre os distintos Departamentos da Administración autonómica e local.

c) Facer propostas ós órganos competentes das administracións públicas relativas ós programas de actuación que se consideren máis adecuados ás necesidades reais.

d) Elaborar informes e dictames por petición dos órganos competentes da Comunidade Autónoma.

e) Elevar propostas e informes ó representante español no Observatorio Europeo de Políticas Familiares para a súa presentación ante este.

f) Manter contactos coas organizacións e asociacións familiares da Comunidade Autónoma e centros que teñan como finalidade a atención sociofamiliar.

g) Solicitar información sobre a situación demográfica e sobre as actividades e programas relacionados coa familia que leven a cabo as distintas comunidades autónomas.

Artigo 5º.-Composición.

O Observatorio Galego da Familia estará integrado por dezaoito membros, distribuídos da seguinte forma:

Presidente: A conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou persoa na que delegue.

Secretario: A directora xeral da Familia.

Vocais:

a) Representantes da Administración autonómica:

1.-Un representante de cada unha das seguintes consellerías con categoría de director xeral:

-Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Consellería de Economía e Facenda.

-Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Consellería de Industria e Comercio.

-Consellería de Cultura e Comunicación Social.

-Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-Consellería de Presidencia e Administración Pública.

2.-O director xeral do Instituto Galego de Estatística.

b) Representantes da Administración local:

-Dous representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, nomeados por esta.

c) Representante da Administración central:

-Un representante do delegado do Goberno en Galicia.

d) Representantes das asociacións familiares:

-Dous representantes das organizacións e asociacións familiares da Comunidade Autónoma.

Por cada membro titular deberase designar un suplente para o caso de aquel non puidese asistir.

Artigo 6º.-Funcionamento.

O Observatorio funcionará en pleno e mediante comisións de traballo.

O pleno celebrará 2 sesións ordinarias ó ano; a súa convocatoria será acordada polo seu presidente. Este poderá acordar, así mesmo, cando o estime xustificado ou cando o solicite a maioría dos seus membros, a convocatoria de sesións extraordinarias.

Tódolos membros do pleno terán dereito a voto, os seus acordos adoptaranse por maioría absoluta dos membros presentes, decidindo no caso de empate o voto do presidente.

O pleno poderá crear comisións de traballo para analizar aspectos concretos relacionados coa familia, ás que poderá convocar a expertos seleccionados por razón da materia.

Para o seu funcionamento o Observatorio disporá dos medios humanos e técnicos propios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 7º.-Funcións do presidente.

Correspóndelle ó presidente:

a) A representación do Observatorio.

b) A convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixa-la orde do día.

c) Presidi-las sesións do pleno.

d) Todas aqueloutras que sexan inherentes á súa condición de presidente.

Artigo 8º.-Funcións do secretario.

Correspóndelle ó secretario do Observatorio:

a) A elaboración e preparación das reunións do Observatorio.

b) Distribución da orde do día e de cantos informes precisen os vocais para o coñecemento dos asuntos sobre os que se vaia deliberar.

c) Levantar acta das sesións, e, en xeral, exerce-las funcións propias dos secretarios dos órganos colexiados.

d) Realiza-las funcións que lle encomende o presidente e cantas lle atribúan as disposicións vixentes.

Artigo 9º.-Lexislación supletoria.

O Observatorio poderá establece-las súas propias normas de funcionamento sen prexuízo do previsto no presente Decreto e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

No prazo de 3 meses desde a entrada en vigor do presente decreto deberá constituírse o Observatorio Galego da Familia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Familia, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente norma.

Segunda.-O presente decreto non suporá incremento de gasto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

6110