Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 29 de agosto de 1997 Páx. 8.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 19 de agosto de 1997 pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

En virtude da Orde do 27 de setembro de 1995 delegáronse nos delegados provinciais desta consellería determinadas atribucións en materia de urbanismo, coa finalidade de conseguir unha xestión máis áxil e eficaz, en beneficio tanto dos intereses xerais como dos administrados, acorde cos principios de economía, celeridade e eficacia que deben presidi-la actuación administrativa.

Unha parte das atribucións obxecto de delegación correspondían a competencias reguladas no texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1992, sendo boa parte destes preceptos recentemente declarados inconstitucionais por sentencia do Tribunal Constitucional do 20 de marzo pasado.

O novo marco legal vixente está consituído pola Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, que nos seus preceptos regula os órganos e competencias en materia de urbanismo. No seu artigo 189.3º, prevese que os órganos urbanísticos da Xunta de Galicia poidan delega-lo exercicio das súas competencias urbanísticas nos termos previstos nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983.

Na súa virtude, e no uso das facultades conferidas polo artigo 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda as seguintes competencias atribuídas na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia:

1. Emisión de informes sobre plans parciais e plans especiais, previstos nos artigos 41.3º e 42.5º da lei.

2. Actuación por subrogación nos procedementos de aprobación de instrumentos de xestión urbanística, nos supostos e cos requisitos que determinan os artigos 102 e concordantes da lei.

3. Aprobación definitiva de expropiacións forzosas polo procedemento de taxación conxunta, en virtude do disposto no artigo 145.6º da lei.

4. Outorgamento de autorizacións previas á licencia municipal, para as construccións e instalacións de interese xeral no solo rústico e para edificacións en núcleos rurais preexistentes, en virtude do dis

posto no artigo 77.4º e disposición adicional terceira da lei.

5. Inspección urbanística e adopción das medidas dirixidas á protección da legalidade urbanística nos supostos sinalados no artigo 180 da lei.

6. Rexistro de entidades urbanísticas colaboradoras.

Artigo 2º

Os actos dictados por delegación farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse como propios do órgano delegante que, en calquera momento, poderá revoga-la delegación outorgada.

Artigo 3º

O órgano delegante poderá, en calquera momento, avocar para si o coñecemento dun asunto determinado, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 27 de setembro de 1995 e cantas se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 1997.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

97-6324