Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 1997 Páx. 9.077

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 241/1997, do 10 de setembro, polo que se regula o procedemento para a renovación de licencias de caza e pesca fluvial.

A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aborda de maneira clara e contundente -como non podería ser doutra maneira- a incorporación das técnicas informáticas e telemáticas ás relacións cidadán- Administración, plasmando nun texto normativo de vital importancia o que xa era unha realidade social, admitindo con carácter xeral a validez e eficacia dos documentos administrativos existentes en soportes informáticos, telemáticos ou electrónicos.

Esta incorporación de medios informáticos na Administración ten especial relevancia para a tramitación dos denominados procedementos en masa, como pode se-la renovación de licencias de caza e pesca fluvial, procedementos nos que se produce un gran número de solicitudes, e que pola súa sinxela tramitación poden ser facilmente realizables a través dun tratamento automatizado.

Así, esta norma pretende cubrir un baleiro legal, existente no noso ordenamento, dando a cobertura normativa adecuada ás esixencias dos avances tecnolóxicos.

Por outro lado, e desde o desexo presente nesta Administración autonómica de facilitar ós cidadáns unha máis eficaz tramitación administrativa, prevese neste decreto a colaboración administrativa das entidades bancarias, nas que o interesado efectúe o pagamento da taxa correspondente, para a renovación da oportuna licencia, dotando así a este procedemento da necesaria celeridade, sen menoscabo das garantías e do respecto a dereitos fundamentais como a protección dos datos persoais.

En consecuencia, e por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Para o exercicio de caza e da pesca fluvial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, precísase estar en posesión da correspondente licencia nos termos establecidos na lexislación vixente.

Artigo 2º

As licencias de caza e pesca fluvial serán expedidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. O período de validez das licencias de caza

e pesca fluvial será dun ano, renovable por petición do interesado.

Artigo 3º

1º. Para a renovación das licencias de caza e pesca fluvial, a consellería poderá aplica-los medios informáticos e telemáticos, establecendo un programa que permita a súa tramitación con eficacia, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procecemento administrativo común.

2º. Para tal fin, poderá contar coa colaboración das entidades bancarias nas que o interesado efectúe a liquidación da taxa correspondente para a renovación da súa licencia, nos termos que se establezan nun convenio de colaboración.

3º. A entidade bancaria recibirá do interesado o documento da liquidación da taxa, e logo da consulta nos datos proporcionados pola consellería, e realiza-las actuacións precisas, procederá á impresión por medios informáticos da oportuna licencia renovada, na que constará a data de expedición, selo e sinatura do órgano expedidor competente, e demais extremos que garantan a autenticidade do documento.

Artigo 4º

Os documentos así emitidos terán a validez e a eficacia propias de documento orixinal, sempre que reúnan os requisitos e garantías mencionadas no artigo anterior, ou os esixidos por outras normas.

Artigo 5º

1º. Os programas e as aplicacións informáticas empregados impedirán realizar ningunha utilización fóra dos termos previstos neste decreto. A entidade bancaria non poderá realizar ningunha aplicación distinta dos datos manexados, nin procura-lo seu almacenamento nos seus propios sistemas.

2º. En ningún caso terá acceso ós datos obrantes no Rexistro de Infractores de Caza e Pesca. Os datos manexados por estas aplicacións informáticas gozan da protección prevista na Lei 5/1992, do 29 de outubro, que regula o tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.

Artigo 6º

A entidade bancaria remitirá telematicamente á Xunta de Galicia a información de tódolos trámites realizados no nome daquela para a expedición das licencias con indicación dos datos persoais de cada titular e demais datos do rexistro.

Artigo 7º

Un convenio de colaboración entre a Administración autonómica, a través da Consellería da Presidencia e Administración Pública, e da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e a entidade ban

caria establecerá os compromisos de actuación de ámbalas partes para a implantación dos procedementos previstos neste decreto, que se rexerá de conformidade coas disposicións vixentes.

Disposición adicional única

De conformidade co artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o programa informático aprobado reúne as seguintes características:

1. Xerais.

-A tramitación de licencias baséase nun diálogo entre os sistemas das entidades financeiras e da Xunta de Galicia, de forma que desde aquelas se poden realiza-las seguintes operacións:

1. Renovación de licencias obtidas en temporadas anteriores.

2. Imposición de recargos a licencias vixentes.

3. Reimpresión de licencias vixentes.

-O sistema informático divídese en dous módulos principais. Un módulo denominado cliente, desenvolvido polas entidades financeiras, que permite basicamente rexistra-los datos da solicitude/follas de autoliquidación de taxas e imprimi-la licencia correspondente se procede.

-Por outra banda existe un módulo denominado servidor, desenvolvido pola Xunta de Galicia, que responde ás peticións de información que realiza o módulo cliente, garda toda a información que se xera e manexa, valida as peticións e dá a orde favorable, se procede, para que se poida imprimi-la licencia na entidade financeira correspondente.

-O módulo cliente non almacena información senón que toda a información está almacenada nun ordenador central na Xunta de Galicia. Dende o módulo cliente non se pode acceder a ningunha información sobre o administrado salvo a consulta sobre o cumprimento dos requisitos necesarios para realiza-la xestión solicitada.

2. De funcionamento.

-A partir da identificación do solicitante e en función da xestión solicitada, a Xunta de Galicia subministra a información necesaria se non existe ningún impedimento administrativo.

-A continuación, desde a entidade financeira solicítase á Xunta de Galicia o rexistro da licencia como paso previo á súa impresión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase os conselleiros da Presidencia e Administración Pública e de Agricultura, Gandería e Montes á dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

6937