Visto o expediente de clasificación da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, con domicilio en Cee.
Supostos de feito.
1. Jesús Caramés Bouzán, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito de seis de outubro de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 4 de setembro de 1997, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número mil seiscentos vintecatro do seu protocolo por o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, José María Hernández Cochón quen comparece no exercicio do seu cargo.
3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos o obxecto da fundación é, entre outros, a realización de actividades de promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos e servicios sanitarios, a docencia e investigación de ciencias da saúde, e a promoción da saúde individual e colectiva da comunidade en calquera das súas vertentes, así como a realización doutras actividades que poden colaborar á consecución do obxectivo fundacional.
4. A composición do padroado será a sinalada no artigo 10 dos estatutos da fundación.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.
Fundamentos de dereito.
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de novembro de 1997.
Na súa virtude,
DISPOÑO:
Clasificar como de interese sanitario a Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, e adscribila
á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1997.
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública
8997

