Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 26 de novembro de 1997 Páx. 11.353

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de febreiro de 1997 pola que se lle outorga concesión administrativa a Enagás, S.A. para a prestación do servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industriais no termo municipal de Pontedeume.

Visto o escrito presentado pola empresa Enagás, S.A., con enderezo social en Avda. de América, 38, Madrid, e tendo en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 8 de xaneiro de 1996, a empresa Enagás, S.A. solicitou, ó abeiro da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de normas básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións no sector de combustibles e do Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, a concesión administrativa para a prestación do servicio público de conducción, distribución e subministración de gas gas natural para usos industriais no termo municipal de Pontedeume (A Coruña), para o efecto do cal presentou o preceptivo proxecto das instalacións obxecto da concesión á que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973.

As características principais das instalacións serán as seguintes:

-O ramal de subministración de gas a Ferrol, que discorre polo termo municipal de Pontedeume, ten

a súa orixe na posición I-014 do gasoducto de transporte Vilalba - Tui. O trazado discorre no citado termo municipal entre as posicións I-014.1 e I-014.2, cunha lonxitude de 3.300 m.

-A calidade do aceiro utilizado nas conduccións será do tipo API-5L-X42, con soldadura lonxitudinal e/ou helicoidal, por dobre arco somerxido, con diámetro de 8", dotada de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica, sendo a presión máxima do gas natural de 80 bar.

O orzamento total estimado ascende a cincuenta e oito millóns, seiscentas setenta e catro mil oitocentas trinta (58.674.830) ptas.

Segundo.-De conformidade co establecido no citado Decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria dictou resolución con data 22 de febreiro de 1996, pola que se someteu a información pública a concesión administrativa de referencia xunto ó correspondente proxecto de execución de instalacións, que se publicou no DOG do 21.3.1996, no BOP da Coruña do 3.4.1996, e no xornal La Voz de Galicia do 8.3.1996, non presentándose ningunha oposición ó proxecto de concesión.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa con base no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto

132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento dela.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta Consellería de Industria e Comercio, por proposta da Dirección Xeral de Industria

DISPÓN

-Outorgarlle á empresa Enagás, S.A. a concesión administrativa solicitada para a prestación do servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industriais no termo municipal de Pontedeume.

Conforme o artigo 10 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, o outorgamento desta concesión leva implícito a declaración concreta de utilidade pública e urxente ocupación para efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o establecemento das instalacións e da imposición e exercicio da servidume de paso e demais limitacións de dominio.

A presente concesión administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e a cantas outras disposicións se dictasen ou dicten sobre o servicio público de subministración de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Enagás, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o outorgamento desta concesión, unha fianza por valor de 1.173.496 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7º, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; fianza que será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-A posta en marcha das instalacións obxecto desta concesión deberá producirse nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados; os ditos prazos poderán ser prorrogados por causa xustificada, logo da

correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes, do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994. Estas instalacións deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8º apartado c) do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento deles. Así mesmo, queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado Regulamento xeral así como no modelo de póliza anexo a este, e a cantas disposicións fosen ou sexan dictadas polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de aplicación ás subministracións de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7º, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Enagás, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa desta consellería; o novo titular poderá subrogarse en tódalas obrigas e dereitos do transmisor derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde. Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor deben realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán serlle comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-Nos casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de

garantírlle-lo mantemento do servicio ós usuarios del, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Poderán ser causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7º da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b), do artigo 7º da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na presente resolución e na autorización para a montaxe delas.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose axeitado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde, Enagás, S.A. poderá solicitar desta Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Outorgamento da correspondente concesión, para as novas instalacións, se por autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión que as instalacións substituídas, ou ben

2. O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que estas supoñan, non puidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter sobre os elementos cambiados.

Décimo primeira.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros, deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación dela, logo da comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, coa nova redacción dada pola disposición

adicional décimo primera da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9303