Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 15 de decembro de 1997 Páx. 12.036

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Servimgal, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Servimgal, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14-8-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal 8-8-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta Delegación Provincial de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de agosto de 1997.

Ramón Hermo Rey

Delegado provincial en funcións de Pontevedra

Convenio colectivo para a empresa Servimgal, S.L.

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Partes contratantes.

O presente convenio colectivo foi negociado e subscrito pola empresa Servimgal, S.L. e os seus delegados de persoal, co ámbito territorial e persoal que máis abaixo se indica.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do convenio é o do centro de traballo da empresa Servimgal, S.L., existente na actualidade na provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal de lavandería pertencente ó cadro de persoal da empresa, coas excepcións que a normativa vixente prevé.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O convenio entrará en vigor o día do seu asinamento sen prexuízo do cal as condicións económicas serán aplicadas a partir do 1 de xaneiro de 1997.

Terá unha vixencia de dous anos e expirará o 31 de decembro de 1998.

Artigo 5º.-Prórroga e denuncia.

Este convenio quedará automaticamente denunciado dous meses antes do seu vencemento. Non obstante, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor do que o substitúa.

Artigo 6º.-Condicións e compensación de melloras.

As condicións contidas neste convenio colectivo establécense con carácter de mínimas.

Tódalas melloras que se implanten por normas legais ou outras, serán compensables e absorbibles ata onde alcancen, cos aumentos e melloras existentes ou que poidan establecerse no futuro, sempre que en cómputo anual a suma das condicións do convenio sexan máis beneficiosas.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

De acordo coa lexislación vixente, crearase unha comisión paritaria para a interpretación do convenio, composta por tres membros da representación dos traballadores/as e tres da empresa.

A propia comisión establecerá as normas de funcionamento.

Persoal

Artigo 8º.-Cadros de persoal.

A empresa dará a coñecer no transcurso do mes de febreiro de cada ano un rexistro do persoal ó seu servicio ordenado polo seu número e facendo consta-los seguintes datos: nome e número do traballador/a, categoría laboral e a súa antigüidade nela, profesión ou oficio e servicio no que traballa.

Estes datos referiranse á situación laboral e profesional dos traballadores/as o 1 de xaneiro de cada ano de publicación no rexistro.

Artigo 9º.-Categorías.

-Técnico/a grao medio electrónico.

-Encargado/a.

-Xefe/a de equipo.

-Oficial administrativo/a.

-Auxiliar administrativo/a.

-Oficial 1ª lavandería.

-Oficial 2ª lavandería ou oficial 2ª conductor/a.

-Especialista oficial 3ª ou axudante lavandería e sereno.

-Peón mozo/a reparto.

Artigo 10º.-Mobilidade funcional.

A empres, en caso de necesidade xustificada, pode encomendar tarefas correspondentes á categoría inferior a aquela pola que está contratado o traballador, limitándoa temporalmente, neste caso o traballador recibirá a retribución correspondente á categoría pola que está contratado. En todo caso, a empresa non poderá encomenda-la realización das tarefas descritas por un prazo superior ó necesario.

Se se lle encomendase ó traballador o desempeño de funcións correspondentes a categorías superiores, percibirá o salario correspondente á categoría na cal realice as súas funcións. Transcorridos seis meses desde que comezou o desempeño de tales funcións consolidarase o ascenso para tódolos efectos.

Artigo 11º.-Formación.

Constituirase unha comisión de formación composta por: un delegado do persoal e un membro da dirección.

Facer un estudio de necesidades. Os delegados/as deberán realizar un informe anual do estudio de necesidades da empresa, co fin de detectar que formación se necesita e que tipo de curso se debe realizar.

Unha vez detectadas as necesidades e definidos os cursos que se deberán impartir, elaborarase un informe no que se determine o nivel de prioridades deles e por grupo de necesidade.

Os delegados de persoal deberán elabora-los programas dos cursos, xunto coa empresa.

Artigo 12º.-Ascensos.

Tódalas vacantes que se produzan na empresa cubriranse en primeiro lugar mediante o sistema de ascensos, por consenso cos criterios que se marquen.

Os delegados de persoal deberán participar no concurso para cubri-las vacantes por ascensos, tanto no proceso de valoración dos méritos e probas como na súa cualificación.

Artigo 13º.-Persoal de novo ingreso (período de proba).

Ó persoal de novo ingreso faráselle un contrato de traballo por escrito, debendo quedar no seu poder unha copia del.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso, serán os seguintes:

-Persoal técnico: 2 meses.

-Persoal administrativo e de recibo e entrega: 15 días.

-Persoal subalterno: 15 días.

-Persoal restante: 15 días.

Artigo 14º.-Contratación de novo persoal e medidas de fomento de emprego.

A empresa comunicará ós representantes dos traballadores, con suficiente antelación, a súa intención de contratar novo persoal, sexa eventual ou fixo, para efectos de que, en igualidade de condicións, se lle poida dar preferencia ós familiares dos traballadores/as.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción será de 12 meses nun período de 15 meses.

Réxime de traballo

Artigo 15º.-Xornada.

Establécese que a xornada será a mesma en días laborables e horas efectivas de traballo para todo o persoal.

O número de horas será de 40 horas semanais, coas horas de descanso que establece a lei.

Sempre que se poida, realizarase a xornada continua. Esta non poderá exceder de 8 horas diarias.

En caso de xornada continua terase dereito a un descanso para bocadillo de 25 minutos que serán contabilizados como xornada efectiva.

A xornada de traballo etará abranguida entre luns e sábado e con tres quendas rotativas. O cadro horario confeccionarase nos primeiros días de xaneiro, coa conformidade dos delegados dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período abranguido entre as dez da noite e as seis da mañá, terá unha retribución específica incrementada nun 30 por 100 sobre o salario base de cada traballador/a e percibirase sobre as horas efectivas traballadas.

Para cubri-las necesidades da quenda de noite recorrerase preferentemente a persoal voluntario.

Artigo 17º.-Vacacións.

O período de vacacións será de 30 días naturais (no ano 1997 respectarase o calendario tal e como se asinou en xaneiro do ano 1997, é dicir, un mes natural).

O calendario onde consten as vacacións do persoal laboral fixarase antes do 31 de xaneiro, elaborándose de mutuo acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores e estas serán obrigatoriamente rotativas.

Se ó inicio das vacacións, un traballador/a estivese de baixa por accidente de traballo, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa terá dereito ó desfrute delas ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

Para o ano 1998 o inicio do período de vacacións non pode coincidir cun día de descanso ou festivo, por iso iniciaranse sempre en día laborable.

As vacacións desfrutaranse no período abranguido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.

Os traballadores que desfruten as súas vacacións por necesidade da empresa nun mes distinto ós abranguidos no período descrito terán dereito a unha bolsa de vacacións, cun importe mínimo que se fixa en 12.000 pesetas.

Artigo 18º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, incluída prima media mensual para o persoal horario, polo tempo e os motivos seguintes:

Casamento: 15 días naturais.

Nacemento de fillo ou adopción legal: 3 días laborables que se poderán desfrutar dentro dos sete días seguintes ó parto. En caso de necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km serán 4 días laborables.

Falecemento:

-De pais, fillos o cónxuxe do traballador: 4 días naturais.

-De avós, netos e irmáns do traballador: 3 días naturais.

-De pais, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

Se existe necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km corresponderán 2 días naturais máis.

Para efectos de cómputo dos días de permiso por falecemento, considerarase que:

-Computarase como de permiso o día do falecemento se este se producise antes de transcorrida a metade da xornada laborable do traballador.

-Se o falecemento se produce en día non laborable para o traballador, computarase como día de permiso no caso de que o falecemento tivese lugar antes das 12 horas.

Enfermidade grave:

-De pais, fillos e cónxuxe do traballador: 3 días naturais. En caso de necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km, corresponderá un día máis.

-De avós, netos e irmáns do traballador: 2 días naturais.

-De pais, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

-Operación cirúrxica: o tempo de duración dela sexa cal sexa a operación.

Nestes últimos casos, se existe necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km, corresponderán 2 días naturais máis.

A referencia a cónxuxe nos permisos antes citados, faise extensiva á persoa que conviva maritalmente co traballador, que acredite a súa situación de convivencia mediante certificado do concello, libro de familia ou documento substitutorio.

Casamento:

-De pais, fillos, irmáns e netos: 1 día natural.

Traslado de domicilio: 2 días naturais.

Cumprimento de deber público: polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, con posterior xustificación.

Exames:

-Os traballadores/as matriculados en centros oficiais ou recoñecidos polo MEC, que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional, a teor do disposto na Lei xeral de educación, terán dereito ós permisos necesarios para concorrer ós exames correspondentes.

Asuntos propios: 2 días naturais ó ano a partir do ano 1998.

Artigo 19º.-Excedencias.

1º O traballador/a, con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia coa conservación do posto de traballo por prazo non menor dun ano non maior de tres. Este dereito só poderá se exercido outra vez polo mesmo traballador/a se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

2º Para cursar estudios por tempo superior a 1 ano e inferior a 5 anos. Este período só poderá ser desfrutado outra vez polo traballador/a, se transcorreron 4 anos desde o final doutra excedencia, xa sexa voluntaria ou especial.

3º Cando concorran circunstancias de enfermidade grave de longa duración ou defunción do cónxuxe ou familiares abranguidos no 1º grao de consanguinidade e se acredite a necesidade de antender persoalmente as consecuencias derivadas daquelas situacións.

Esta excedencia non será inferior a 3 meses nin superior a 1 ano.

4º Cando o cónxuxe sexa trasladado por razóns laborais a un centro de traballo fóra da súa provincia onde o traballador/a preste os seus servicios. Esta excedencia non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 2 anos.

5º Cando opten por seguir un tratamento baixo vixilancia médica por razóns de alcoholemia ou toxicomanía. Esta excedencia non poderá ser superior a 1 ano e só poderá solicitarse unha vez. Para integrarse deberá acreditarse o rigoroso seguimento do tratamento.

As excedencias citadas non computarán ningunha antigüidade.

A comunicación para reintegrarse á empresa deberá formularse por escrito e cun mes de antelación á data do remate da excedencia.

Artigo 20º.-Excedencia para coidado dos fillos.

Os traballadores fixos con, polo menos, un ano de antigüidade, terán dereito a solicitar unha excedencia especial, con reserva do posto de traballo, para o coidado persoal e directo dos fillos menores de 4 anos, tanto cando o sexa por natureza como por adopción.

Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito. A dita situación de excedencia non poderá exceder, para efectos de antigüidade e de cotización á Seguridade Social, de tres anos.

Artigo 21º.-Servicio militar ou prestación social.

O traballador que pase a presta-lo servicio militar activo terá dereito á reserva do seu posto de traballo, comunicándolle este á empresa nos dous meses anteriores a súa intención de reincorporarse ó traballo.

Réxime de retribucións

Artigo 22º.-Retribucións.

As retribucións entenderanse sobre xornada completa, realizándose o aboamento por meses dentro dos 3 primeiros días do mes seguinte como máximo.

O traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do traballo realizado e ata o 90% da retribución devengada.

Dentro do salario, para efectos de definición, distinguiranse os seguintes conceptos remunerativos:

a) Soldo base: cantidade mínima diaria garantida ó traballador que efectúe o seu traballo co rendemento normal segundo queda definido no presente convenio.

b) Soldo: cantidade mínima mensual garantida ó traballador que preste o seu traballo polo rendemento normal, segundo queda definido no presente convenio.

c) Xornal: importe total das retribucións que por calquera concepto perciba o traballador.

d) Prima: entenderanse por tales as cantidades de diñeiro que estableza a empresa para fomentar e premia-la productividade acadada polo traballador, ou o aumento de producción no sistema de control, e haberá que aterse ó que marca este convenio.

Ver táboas anexas (subida ano 1997, 3% e ano 1998, 2,25%).

Artigo 23º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores/as percibirán dúas gratificacións extraordinarias, que se aboarán nos meses de xullo e decembro, con anterioridade ó día 15 de cada un deles. O importe de cada unha das pagas será dunha mensualidade de salario base convenio, aplicando o que corresponda a cada un dos niveis e mailo importe dunha mensualidae do plus de antigüidade. As ditas pagas percibiranse íntegras independentemente que o traballador/a estivera en situación de IT en calquera das súas modalidades durante o seu período de devengo.

Artigo 24º.-Complementos e pluses.

Antigüidade: todo o persoal afectado por este convenio percibirá un premio por antigüidade polo importe de 4% do seu salario base por cada trienio cumprido.

Transporte: fíxase un plus de transporte na contía de 6.200 pesetas, ano 1997, 6.325 pesetas, ano 1998, que será igual para tódalas categorías e aboarase nas doce mensualidades.

Artigo 25º.-Horas extraordinarias.

O pagamento da hora extraordinaria normal será de 600 ptas./hora, nocturnas 800 ptas./hora, festivos 1.100 ptas./hora.

Os representantes dos traballadores/as recibirán periodicamente información do número de horas realizadas por traballador/a e por departamento.

Artigo 26º.-Acoplamento do persoal con capacidade diminuída.

O persoal que por deficiencia das súas condicións físicas ou por outras circunstancias non estea en situación de dar rendemento normal na súa categoría, pasará a outro traballo e respectaráselle o salario que tivese acreditado antes de pasar á dita situación.

Artigo 27º.-Incapacidade transitoria.

Nos períodos de baixa por accidente de traballo, hospitalización e convalecencia ata 15 días, o traballador/a terá dereito a que a empresa complete ó seu cargo exclusivo as prestacións da Seguridade Social, de forma que o traballador/a perciba durante os días de baixa o 100% do salario máis antigüidade, plus transporte, plus de penosidade e a media da nocturnidade dos tres últimos meses, tanto se o traballador/a é substituído como se non o é.

Melloras sociais

Artigo 28º.-Seguros.

Contratarase un seguro colectivo de vida con cargo á empresa, e que abrangue todo o persoal dela. O capital asegurado será equivalente ó salario anual, tomando o nivel do 1 de xaneiro de cada ano.

As coberturas deste seguro serán:

a) Morte por accidente incluído in itinere.

b) Invalidez permanente absoluta: derivada de enfermidade profesional.

c) Gran invalidez: aboamento do capital asegurado derivado de enfermidade profesional.

Artigo 29º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle ó persoal a correspondente roupa de traballo. Serán entregados 2 equipos completos ó ano, con calzado incluído. Estes serán entregados no verán e no inverno.

Artigo 30º.-Recoñecementos médicos.

Todo o persoal someterase a unha revisión médica e xinecolóxica anual obrigatoria, que será por conta da empresa.

O resultado do dito recoñecemento será entregado a cada traballador.

Artigo 31º.-Saúde laboral.

Nomearase un comité de saúde laboral con tódalas demais normas contidas segundo a Lei 31/1995, de riscos laborais.

Artigo 32º.-Acción sindical.

Os delegados de persoal terán dereito a:

1. Seren informados pola dirección da empresa periodicamente, sobre a evolución xeral, situación da producción, programa de producción e evolución probable do emprego.

2. Anualmente coñece-lo balance, a conta de resultados e a memoria.

3. A empresa informará previamente sobre sancións por faltas graves e en especial en supostos de despedimento.

4. A empresa facilitaralles ós delegados de persoal o modelo ou modelos de contrato de traballo que habi

tualmente utilice; igualmente facilitaralles unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

5. Existirá un taboleiros de anuncios, que porá a empresa, para que os delegados/as de persoal poidan publicar, inserir, etc.

6. Os representantes dos traballadores/as deberán emitir informe previo e participar nas seguintes cuestións:

a) Os delegados/as de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causas ou en razón do desempeño da súa función.

b) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, e exercerá tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para o efecto.

Artigo 33º.-Asemblea de traballadores.

Os traballadores/as terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ó mes e por un tempo máximo dunha hora durante a xornada, debendo comunicar a súa celebración cunha antelación de 48 horas, salvo situación de excepción sempre de mutuo acordo coa empresa.

Artigo 34º.-Vestiarios.

A empresa está obrigada a facilitar unha zona de vestiarios independentemente para homes e mulleres con duchas e armarios e o que establece a Lei de saúde laboral.

TÁBOA SALARIAL PARA O ANO 1997

Categoría

Salario

base

Plus

penosidade

Encargado/a xeral100.528

Técnico/a grao medio100.528

Xefe/a de equipo84.460

Oficial administrativo/a83.430

Auxiliar administrativo/a72.100

Oficial 1ª lavandería83.4308.600

Oficial 2ª lavandería ou oficial 2ª

conductor/a

77.250

Especialista oficial 3ª ou axudante

lavandería e sereno

69.010

Peón-mozo reparto66.950

TÁBOA SALARIAL PARA O ANO 1998

Categoría

Salario

base

Plus

penosidade

Encargado/a xeral102.790

Técnico/a grao medio102.790

Xefe/a de equipo86.360

Oficial administrativo/a85.307

Auxiliar administrativo/a73.722

Categoría

Salario

base

Plus

penosidade

Oficial 1ª lavandería85.3078.794

Oficial 2ª lavandería ou oficial 2ª

conductor/a

78.988

Especialista oficial 3ª ou axudante

lavandería e sereno

70.563

Peón-mozo reparto68.456

7681