Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 800

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Como consecuencia do Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus distintos departamentos, procede á súa vez determina-la estructura orgánica e funcional da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, atendendo ós principios de eficacia e economía que sempre deben presidi-la actuación e organización administrativa.

En consecuencia, e por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, co previo informe das consellerías de Presidencia e Administración Pública e Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da consellería

Artigo 1º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, baixo a superior dirección do titular do departamento, é o órgano da Administración autonómica encargado de propoñer e executa-las directrices xerais do goberno sobre a política agrícola, gandeira e alimentaria, de acordo co establecido na Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

Artigo 2º

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, estructúrase nos seguintes órganos:

I. O Conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

IV. Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

V. Dirección Xeral de Industrias e Alimentación.

VI. Delegacións provinciais.

I. Conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que

lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. Secretaría xeral.

Artigo 4º

A secretaría xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, e todas aquelas que lle sexan singular e especificamente delegadas polo titular da consellería.

Artigo 5º

Baixo a dependencia orgánica e funcional do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación, que exercerá as funcións de coordinación da confección do anteproxecto de orzamento da consellería, de xestión do persoal funcionario e laboral e a dirección dos asuntos de réxime interior. Así mesmo, corresponderalle a coordinación dos traballos das seguintes unidades que, con nivel orgánico de servicio, están baixo a súa dependencia:

1.1. Servicio de Estudios e Publicacións: realizará o seguimento e a coordinación de todos aqueles estudios e cursos que sobre o sector agrario se leven a cabo coa participación da consellería. Así mesmo, coordinará as súas publicacións e medios audiovisuais.

1.2. Servicio de Contratación e Xestión Orzamentaria, que efectuará o seguimento, tramitación e control da contratación administrativa e da execución orzamentaria, así como a tramitación administrativa dos convenios de colaboración.

1.3. Servicio de Informática: encargarase da elaboración e xestión dos programas de informatización, control de equipos e aplicacións informáticas, sen prexuízo das competencias da Consellería de Presidencia e Administración Pública nesta materia.

1.4. Servicio de Persoal e Réxime Interno: realizará funcións de control, xestión e tramitación dos asuntos de persoal funcionario e laboral adscrito a esta consellería, a organización do rexistro, documentación e arquivos e demais asuntos de réxime de funcionamento interno. Corresponderalle igualmente a tramitación daqueles expedientes relativos ós bens e dereitos adscritos á consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos da Xunta de Galicia.

2. Servicio Técnico Xurídico: terá ó seu cargo a elaboración de informes e dictames e o estudio das propostas de disposicións que elaboren os distintos centros directivos da consellería e dos recursos que se produzan contra os actos administrativos emanados dela; así mesmo, ocuparase da preparación e tramitación dos expedientes que se eleven ó Consello da Xunta de Galicia e comisións delegadas e do traslado de acordos destas, así como da preparación e remisión para a súa publicación no Diario

Oficial de Galicia e de todos aqueles asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados.

Artigo 6º

Dependendo organicamente da secretaría xeral e funcionalmente do director do Instituto Galego de Estatística, e con nivel orgánico de servicio, existirá o Servicio de Estatística, que desenvolverá as funcións previstas no artigo 7.1º do Decreto 391/1994, do 14 de outubro, polo que se regula a estructura orgánico-funcional do Instituto Galego de Estatística.

Artigo 7º

Dependendo organicamente da secretaría xeral e con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

A) Asesoría Xurídica.

B) Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Artigo 8º

Da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural dependerán a elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de desenvolvemento rural, estructura das explotacións agrarias, mellora da infraestructura rural, e, así mesmo, tódolos programas relativos á investigación agraria, en coordinación coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, á capacitación dos agricultores e á extensión agraria. Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Desenvolvemento Rural: responsabilizarase de cantas accións teñan como obxectivo directo a mellora da calidade de vida das zonas rurais, propoñendo as dotacións de equipamentos públicos básicos e de infraestructura, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como de tódolos asuntos referentes á reforma das estructuras agrarias, e á preparación, execución e vixilancia dos seus correspondentes plans e programas de concentración parcelaria.

Para o desenvolvemento das devanditas funcións contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Concentración Parcelaria: desenvolverá as funcións referentes á concentración parcelaria e ás demais actuacións para estructura-la base territorial das explotacións agrarias.

1.2. Servicio de Infraestructura Rural: corresponderalle a planificación e seguimento de accións infraestructurais mediante plans integrados e actuacións de mellora rural. Tamén se ocupará do control e seguemento dos programas europeos nesta materia e exercerá as funcións correspondentes á supervisión de proxectos.

2. Subdirección de Extensión e Capacitación Agraria: ocuparáse da divulgación, promoción e xestión dos programas da consellería e das actividades de divulgación de tecnoloxía agraria, así como da información, promoción, capacitación e formación dos agricultores nos campos de actuación coas comunidades rurais, familias, explotacións e xuventude, tendentes todas elas a que empreguen mellor os seus recursos, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia nesta materia.

Para o desenvolvemento das devanditas funcións contará coas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Extensión Agraria: encoméndaselle a información, promoción e asesoramento dos agricultores para a modernización das súas explotacións e mellora das súas condicións de vida, así como a planificación, programación e xestión dos programas de atención ás familias, comunidades rurais e de integración da xuventude rural. Correspóndelle a programación, coordinación e xestión dos distintos programas e actividades de divulgación de tecnoloxía agraria da consellería, así como da súa promoción.

2.2. Servicio de Capacitación Agraria: desenvolverá as funcións referentes á promoción, capacitación e formación dos agricultores, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, e a coordinación do funcionamento dos centros de capacitación agraria. Neste servicio integrarase directamente o Centro de Capacitación Forestal de Lourizán (Pontevedra).

3. Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria: con categoría de subdirección xeral, correspóndelle a programación e coordinación da investigación agraria, e o fomento das accións que permitan a interacción entre os sectores públicos e privados para o desenvolvemento e aplicación da tecnoloxía agroalimentaria, en coordinación ca Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Contará cos seguintes centros de investigación, con categoría de servicio:

3.1. Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña).

3.2. Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense).

IV. Dirección Xeral de Producción Agropecuaria

Artigo 9º

Correspóndelle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria a elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices de política agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en materia de ordenación, fomento e mellora da producción agraria, de protección da sanidade animal e vexetal e de mellora das estructuras agrarias.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Animal. A ela corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, execución e seguimiento dos programas de saneamento gandeiro e loita contra epizootias e zoonoses e outras medidas sanitarias.

b) A planificación e desenvolvemento de actividades relacionadas coa ordenación básica da producción gandeira en xeral.

c) Ordenación, fomento e control dos medios de producción gandeiros.

Para o desenvolvemento das súas funcións, estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Sanidade Animal: levará a cabo a execución e seguimento dos programas de saneamento gandeiro, epizootias e zoonoses e outras medidas sanitarias semellantes.

1.2. Servicio de Producción Animal: correspóndelle o desenvolvemento das accións necesarias para a execución da ordenación da producción gandeira, rexistros e sistemas de control.

2. Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A programación e desenvolvemento de actividades de prevención e loita contra axentes nocivos para os vexetais.

b) A planificación e execución de actividades para o control da producción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral e a planificación e desenvolvemento de actividades relacionadas coa ordenación básica da producción agrícola.

c) A ordenación, fomento e control dos medios de producción agraria.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Sanidade Vexetal: corresponderalle a planificación, organización, dirección e execución das accións relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos para os vexetais.

2.2. Servicio de Producción Vexetal: compétenlle aquelas actividades necesarias para o control da producción e comercialización de sementes e plantas de viveiros selectas, rexistros e control dos medios de producción.

3. Dependendo directamente da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, existirá o Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Lugo e o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Mabegondo-A Coruña).

V. Dirección Xeral de Industrias e Alimentación

Artigo 10º

Á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación correspóndenlle as competencias de desenvolvemento e coordinación en materia de industrias agroalimentarias; de formación, promoción e fomento do asociacionismo agrario; e de promoción e defensa da calidade dos productos agroalimentarios galegos e recoñecemento e vixilancia das denominacións de calidade.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias: compételle a ordenación, fomento, coordinación, asesoramento e vixilancia das industrias agroalimentarias, o fomento do cooperativismo agrario e a promoción do asociacionismo agrario.

Estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Fomento da Industrialización Agroalimentaria: correspóndenlle as accións de ordenación, inspección, asistencia e fomento das industrias agroalimentarias.

1.2. Servicio de Fomento Asociativo: correspóndelle o fomento e o desenvolvemento do cooperativismo agrario, a tramitación e rexistro das sociedades agrarias de transformación, e a xestión dos programas de formación e promoción das asociacións e agrupacións agrarias.

2. Subdirección Xeral de Comercialización Agroalimentaria: corresponderalle a promoción e fomento da comercialización dos productos agroalimentarios, as propostas de recoñecemento das denominacións de orixe e de calidade, así como a vixilancia do prestixio das recoñecidas, a inspección e defensa contra as fraudes á calidade agroalimentaria.

Para o desenvolvemento das ditas funcións estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Promoción Agroalimentaria: compételle a xestión dos programas de promoción e fomento dos productos agroalimentarios galegos, as propostas de recoñecemento das denominacións de calidade.

2.2. Servicio de Defensa da Calidade Alimentaria: correspóndelle o desenvolvemento de tódalas actuacións de defensa contra as fraudes e calidade dos productos agroalimentarios galegos.

3. Servicio de Planificación Agroalimentaria: este servicio encóntrase baixo a dependencia directa do director xeral e correspóndelle a elaboración dos plans e programas de actuación en materia de industrias agroalimentarias e a elaboración dos plans e programas de actuación en materia de comercialización dos productos agroalimentarios galegos.

VI. Delegacións provinciais.

Artigo 11º

En cada provincia existirá unha delegación da consellería na que se integrarán tódalas unidades de carácter provincial ou territorial, situadas no seu ámbito.

Artigo 12º

Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado, do que dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que radiquen no ámbito da súa competencia. O delegado provincial depende orgánica e funcionalmente do conselleiro e exercerá as funcións establecidas polo Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan especial ou singularmente encomendadas.

Artigo 13º

Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con categoría de servicio:

1. Secretaría.

Baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de personal, parque móbil da consellería, información ó público, elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación e administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; elaboración de estatísticas dos demais servicios da delegación provincial e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

2. Servicio Técnico Xurídico.

3. Servicio de Contratación.

4. Servicio de Desenvolvemento Rural.

5. Servicio de Extensión e Capacitación Agraria.

6. Servicio de Sanidade e Producción Animal e Vexetal.

7. Servicio de Industrias Agroalimentarias.

8. Servicio de Comercialización Agroalimentaria.

Capítulo II

Do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia

Artigo 14º

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia , regulado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro e polo Decreto 128/1996, do 14 de marzo, modificado polo Decreto 388/1996, do 31 de outubro, é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Para o desenvolvemento das súas funcións, o citado organismo queda estructurado administrativamente do seguinte xeito:

1. Secretaría: dependendo directamente do director do instituto, e con nivel orgánico de subdirector xeral, existirá a secretaría, coas funcións de apoio técnico e administrativo da dirección do instituto, correspondéndolle, en xeral, o exercicio inmediato das funcións administrativas, organizativas, económico-financeiras, de asesoramento e inspectoras, a formación e mantemento do inventario do instituto, do estado do cal informará ó órgano competente para a formación e actualización do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma, así como a execución e contabilización dos pagamentos con cargo ó FEOGA-Garantía, sen prexuízo das competencias atribuídas polo ordenamento xurídico vixente a outros órganos ou entes da Administración autonómica, ademais das que singularmente lle puideran encomendar ou delega-los órganos de dirección do ILGGA.

Para o exercicio das súas funcións, a secretaría estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Xestión Económica e Contratación: corresponderalle a xestión do orzamento do instituto, da súa tesourería e da contabilidade, así como do rexistro das operacións con cargo ó FEOGA-Garantía. Así mesmo, compételle a xestión da contratación administrativa.

1.2. Servicio Xestión Administrativa: prestará apoio e asesoramento a tódolos órganos do instituto. Corresponderalle a instrucción de expedientes sancionadores e recursos administrativos; a xestión do inventario do ILGGA e do seu patrimonio, a elaboración de anteproxectos normativos e de plans e programas de actuación do ILGGA, así como a xestión do persoal, tanto funcionario como laboral adscrito ó instituto e do seu réxime interior e control interno.

2. Subdirección Xeral do ILGGA: correspóndelle, baixo a dependencia do director do instituto, a realización de tódalas funcións necesarias para a aplicación da PAC no campo agrícola e gandeiro, tanto no que corresponde ás axudas e subvencións con cargo a FEOGA como no referente ás medidas de intervención e regulación de mercados das distintas Organizacións Comúns de Mercados (OCM), así como levar a cabo as accións relativas á mellora das estructuras das explotacións agrarias.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Axudas PAC: compételle a xestión das diversas axudas directas a explotacións con cargo ó FEOGA-Garantía, derivadas da Política Agrícola Común.

2.2. Servicio de Axudas Estructurais: xestionará as distintas liñas de axudas para a mellora da eficacia do sector agrario, en xeral, e do lácteo e gandeiro en particular, así como as cantidades de referencia para a producción de leite.

2.3. Servicio de Intervención de Mercados: levará a cabo tódalas operacións de compra, venda e almacenamento de productos en réxime de intervención, así como a xestión doutras medidas derivadas da aplicación das distintas OCM e en particular as correspondentes ó sector do leite e dos productos lácteos.

3. Dependendo directamente do director do instituto, e con categoría de servicio, existirá o Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica (Lugo), ó que lle corresponderá a xestión dos seus propios programas de innovación e investigación no sector lácteo e gandeiro, en coordinación coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

4. En cada unha das provincias existirá unha Delegación Provincial do ILGGA. Os delegados provinciais da consellería serano tamén do ILGGA.

Cada provincia contará con un servicio provincial do ILGGA que dependera organicamente da delegación provincial e funcionalmente da dirección do ILGGA.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se proceda ó nomeamento de director, a dirección do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA) será asumida polo director xeral de Producción Agropecuaria.

Segunda.-Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilo con carácter temporal a postos de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regularmente establecida, sen que en ningún caso supoña a readscrición ou adscrición, cambio de residencia, todo esto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1997, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións

públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados o Decreto 205/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura

orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, o capítulo IV «Estructura Administrativa» do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, de desenvolvemento da Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do ILGGA e establece a súa estructura orgánica, e os decretos 311/1991, do 19 de setembro; 251/1994, do 29 de xullo; 391/1994, do 14 de outubro; 214/1995, do 20 de xullo; 388/1996, do 31 de outubro, e 158/1997, do 18 de xuño, de modificación dos anteriores, así como tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estructura orgánica que se fixa no presente decreto non supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a constitución de oficinas unificadas de servicios agrarios e para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

700