Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 804

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xaneiro de 1998 pola que se dispón o comezo da actividade administrativa, para os efectos de rexistro xeral para a documentación dirixida á Xunta de Galicia, nos concellos de Avión, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, San Amaro, Taboadela, Xove e Manzaneda.

Constitúe un obxectivo primordial do programa de reforma e modernización da Administración autonómica galega o achegamento da Administración ós

administrados como garantía de efectividade dos dereitos que o bloque constitucional lles recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas. O dito obxectivo debe comezar polo achegamento físico das oficinas administrativas ós cidadáns, o que redundará, sen dúbida, nunha mellora dos servicios que presta a Administración pública.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece no seu artigo 38.4º.b) que nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera administración das comunidades autónomas, ou a calquera das entidades que integran a Administración local, se, neste último caso, estivese subscrito o oportuno convenio, poderanse presenta-las solicitudes, escritos e comunicacións que os cidadáns lles dirixan ós órganos das distintas administracións públicas.

Con data do 15 de febreiro de 1996 subscribiuse un convenio de colaboración entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servicios informáticos e de telecomunicacións no que se prevé que nos concellos que se adhiran a el, se exercerán as funcións que se relacionan no artigo 1º da presente orde. No antedito convenio estableceuse, ademais, a formación do persoal que sexa adscrito polo concello ós servicios obxecto deste.

Mediante o antedito convenio intensifícase, pois, a cooperación coa Administración local e ponse ó seu servicio a rede privada de comunicacións da Xunta de Galicia para mellora-los servicios ó cidadán.

Por dispoñe-los concellos de Avión, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, San Amaro, Taboadela, Xove, e Manzaneda da infraestructura persoal e técnica prevista no convenio, é polo que se dispón a inmediata posta en funcionamento respecto deles, sen prexuízo de proceder de igual modo co resto dos municipios adheridos, na medida na que vaian conseguindo a dita infraestructura. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De conformidade co establecido no convenio de colaboración subscrito o 15 de febreiro de 1996, entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias, nos concellos de Avión, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, San Amaro, Taboadela, Xove, e Manzaneda, exerceranse, ademais das funcións que lles correspondan de acordo

coa lexislación de réxime local, as seguintes funcións:

a) Rexistro xeral de escritos, solicitudes ou comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia, cos efectos previstos no artigo 38.4º.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Rematado o trámite de rexistro, daráselles traslado dos escritos, solicitudes e comunicacións ós seus destinatarios sen dilación e directamente.

b) Información xeral da Administración autonómica de Galicia.

c) Información particular sobre aqueles expedientes administrativos tramitados por instancia de parte perante a Administración autonómica de Galicia, nos que o solicitante sexa interesado, nos termos establecidos na lei.

d) Acceso ó Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

2. As funcións ás que se refire o número anterior exerceranse nos concellos a partir do día 2 de febreiro de 1998.

Artigo 2º

As oficinas dos concellos ás que fai mención o artigo anterior desempeñarán as funcións que no antedito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para estas en cada caso e nos locais destinados ó rexistro xeral aberto ó publico en cada concello.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido na presente orde no supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase a Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, a Inspección Xeral de Servicios, e a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

680